luns, 30 de outubro de 2017

Vitoria balsámica

Dous de dous en casa. Na tarde de onte, o C.B. Ames recibía a un C.B. Noia que contaba todos os seus partidos por derrotas, o que ofrecía unha situación inmellorable para superar esta convulsa semana, con dimisión do adestrador incluída. Así as cousas, e a pesar das baixas sobre todo en posicións interiores, Dani (o gran capitán e segundo adestrador deste equipo) sacrificou as súas funcións como xogador e asumiu a dirección do equipo desde o banco co obxectivo de cambiar a nosa filosofía e mellorar en todos os aspectos do xogo. E vaia se o conseguiu...
 
Ao contrario que nos tres partidos precedentes, o C.B. Ames saíu enchufado e pronto se reflectiron as primeiras diferenzas no electrónico. A alegría co balón e a frescura nas pernas eran as notas características dos primeiros minutos de xogo, nos que os locais dominaron claramente e non se deixaron sorprender polo acerto puntual a media distancia dos xogadores da escuadra noiesa. O tanteo final ao termo dos primeiros 10 minutos (22 a 8) era unha proba clara de que os sistemas expostos por Dani contra a defensa individual local comezaban a dar os seus primeiros froitos.   

Dani, de costas, seguindo as evolucións do equipo en defensa

No segundo cuarto, o conxunto visitante expuxo un cambio defensivo (de individual a zona 2-3) que, por uns minutos, tranquilizou a súa sangría defensiva. A falta de acerto dos locais no tiro exterior motivou que as diferenzas se estabilizasen e que, grazas a unha gran canastra desde medio campo sobre a bucina do seu capitán, o equipo visitante saldase este parcial ao seu favor (15 a 17), feito que non facía perigar a máis que presumible vitoria dos locais. Aos vestiarios con 37 a 25 ao noso favor.
 
Tras o descanso, o C.B. Ames saíu disposto a non deixarse sorprender e puxo unha marcha máis, tanto en ataque como en defensa. Grazas a este aumento na intensidade, conseguimos abrir brecha na tupida zona visitante conseguindo canastras desde as posicións máis variadas e asegurar o rebote, apartado no que fomos claramente superiores ao longo dos corenta minutos, e en que destacaron os pivotes Linas e Alberto (que estivo imperial), pero tamén outros xogadores meos afeitos pelexarse baixo os aros, como Raúl ou Víctor, e que supliron a ausencia de centímetros na pintura co seu acostumado oficio e bo facer. 21 a 15 neste cuarto, o que deixaba o partido practicamente visto para sentenza.
 
 
Efectivamente, os últimos 10 minutos convertéronse nun aparente trámite. E dicimos "aparente" porque aínda que é o que un espectador normal podería deducir, en realidade non foi así, xa que o noso novo adestrador aproveitounos espectacularmente para seguir implementando os novos sistemas ofensivos e probar os novos elementos de presión que teremos que ir afinando adestramento a adestramento e, parafraseando ao gran Cholo Simeone, "partido a partido". Ao final, vinte puntos de diferenza (72 a 52) e a sensación de superar o exame con nota.
 
Agora máis que nunca, somos unha piña

Polo C.B. Ames actuaron:
 
Jota (5), Manu (22), Kike (5), Linas (12) y Alberto (17) - quinteto inicial - Víctor (2), Rober (3) y Raúl (6).
 
O mellor: sen dúbida, Dani. Un auténtico namorado do deporte da canastra que non dubidou nin por un segundo en sacrificar unha das cousas que máis lle gustan neste mundo, que é xogar, por poñerse aos mandos desta nave e dirixila con eficacia, nunha clara e impagable mostra de compañeirismo que nunca esqueceremos. Por cousas como esta somos algo máis que un equipo, un auténtico grupo. Dani, profundo coñecedor de todo o que compón e rodea a este club, púxose o mono de traballo e, escoitando aos seus xogadores, conseguiu que a alegría e as ganas por competir volvan a esta pequena gran familia. Este redactor (e creo falar en nome de todo o grupo) non pode senón máis que agradecer desde estas humildes liñas a implicación, sacrificio e calidade tanto deportiva como humana do que, sen dúbida, é o auténtico xefe do vestiario. GRAZAS!
 
O peor: non debemos caer en triunfalismos esaxerados porque é moito maior o camiño que queda por percorrer que o percorrido. Acabamos de comezar e debemos adaptarnos aos novos sistemas e pretensións, o que conseguiremos con traballo e implicación de todos e cada un de nos. Hai que ir limando erros, que aínda son clamorosos, en cada adestramento. 
 
E, coma sempre, ¡GRAZAS AFICIÓN!
 
 

martes, 24 de outubro de 2017

Próximo partido: C.B. Ames Vs. C.B. Noia

Chegamos á cuarta xornada de competición. O vindeiro domingo 29 de outubro, ás 19:00, o C.B. Ames recibe ao debutante C.B. Noia. Os locais deberán tentar esquecer o partido da anterior xornada e tentar gañar para remontar posicións na clasificación e non perder de vista os postos de honra. Pola súa banda, o C.B. Noia presentarase ao municipal de Bertamiráns contando os tres partidos disputados ata o momento por derrotas polo que, a bo seguro, viaxarán coa motivación necesaria para estrearse ante un C.B. Ames que non está en condicións de fiarse de ninguén. Partido trampa.

luns, 23 de outubro de 2017

Derbi para o XL Milladoiro

Tarde de derbi o pasado domingo no municipal do Milladoiro. O invicto XL Milladoiro recibía a un C.B. Ames que aspiraba a colocarse na zona nobre da clasificación tras a súa sufrida vitoria na xornada anterior.
 
E, para non perder o costume, empezamos coa "caraja" inicial acostumada o que, unido á experiencia e bo facer dos locais, motivou un parcial de 12 a 0 ao seu favor nos primeiros cinco minutos do encontro. Tan só a saída de Manu, autor de 7 puntos case consecutivos, freou a inicial acometida do Milladoiro para deixar o electrónico nun 15 a 11 que suxería que había moito partido por diante.

Mala porcentaxe desde o tiro libre durante toda a tarde

Pero nada máis lonxe da realidade. Nun segundo cuarto para esquecer, os locais inflixiron un duro correctivo ao C.B. Ames a base de maior orde e claridade no seu xogo, desarborando unha e outra vez a nosa débil defensa para establecer un parcial de 24 a 8, o que situaba o electrónico cunha vantaxe desfavorable de 20 puntos ao descanso.

Raúl tentando atopar un oco na defensa rival

A única opción tras a continuación pasaba, de novo, por recorrer á épica. Pero non sempre vai ser así e moito menos cando un desconcertado C.B. Ames estivo máis de cinco minutos sen anotar. De novo, o parcial resultou favorable para os de Milladoiro por 12 a 5, establecéndose a maior diferenza no marcador (27 puntos).
 
Rober tentando taponar un lanzamento de tres de Abalde

No último cuarto os locais, co partido no peto, relaxáronse e tentaron administrar a súa ampla renda no marcador. O C.B. Ames, á desesperada e guiados polo espírito competitivo de todo o seu plantel, e liderado polos irmáns Beiro, comezou a dar claras mostras de melloría, enxugando rapidamente a abultada diferenza na súa contra. Os locais, que contemporizaban en exceso os seus ataques chegando mesmo a terminar varias posesións sen lanzar a canastra, vían como os visitantes golpeaban unha e outra vez para ir limando as diferenzas. Pero remontar en dez minutos o que perdiches en trinta ante un equipo da traxectoria e pouso do XL Milladoiro é unha auténtica misión imposible. Con todo, a base de orgullo e corazón, o C.B. Ames neutralizou 21 dos 27 puntos de diferenza para conseguir un digno marcador final desfavorable de 53 a 47, chegando a infundir temor nun equipo local que, sen dúbida, foi xusto merecedor da vitoria nun derbi de luva branca.
 
Os xogadores do C.B. Ames felicitan aos do XL Milladoiro pola súa merecida vitoria

De novo toca repoñerse e analizar as causas da nosa manifesta irregularidade. A próxima xornada recibiremos ao C.B. Noia, un dos pechacancelas da clasificación, aínda que en ningún caso este club está en condicións de fiarse de ninguén, polo que teremos que dar o 100% dos nosos recursos para recuperar a senda da vitoria e escalar postos na clasificación.
 
Pese á derrota, este equipo é unha piña. Estamos orgullosos
 
 
A relación de xogadores/anotadores foi a seguinte:
 
Victor (1), Dani, Quique (11), Alberto (8) y Jota (1) - quinteto inicial - Jacobo, Eloy, Manu (15), Linas (5), Rober (3) y Raúl (3).
 
O peor: regalar 30 minutos de partido. Descolocados, sen intensidade nin identidade, este é o problema máis grave que presenta este equipo. En canto minimicémolo ao máximo, seremos realmente competitivos e perigosos.
 
O mellor: como sempre, a raza e o orgullo. O traballo realizado no último cuarto indícanos claramente cal é o camiño a seguir. 

xoves, 19 de outubro de 2017

O Derbi de Ames

Tras a vitoria da pasada xornada, toca confirmación. O vindeiro domingo 22 de outubro, á 19.00 h., o C.B. Ames visita o Municipal de Milladoiro para enfrontarse ao XL Milladoiro, no primeiro dos derbis que vivirá o concello de Ames ao longo desta campaña. O partido non será un camiño de rosas precisamente, xa que os locais sempre fan valer a súa experiencia e coñecemento da categoría, especialmente na súa casa, ao que hai que engadir que contan todos os seus encontros por vitorias. Sen dúbida, un oso duro de roer pero, como se puido comprobar no partido contra o C.B. Porto do Son, o C.B. Ames crécese ante a adversidade.
 
Imos!

luns, 16 de outubro de 2017

¡Primeira vitoria!

Segunda xornada e primeira vitoria. Na tarde de onte, o C.B. Ames fixo valer a súa condición de local ante o sempre correoso Tendas Pillados C.B. Porto do Son.

Quentando motores

E iso que os visitantes comezaron o partido amosando de inicio todas as súas armas ante a "caraja" inicial (e acostumada) en defensa dos locais. Os seus xogadores manexaban o balón ao seu antollo e os cortes e penetracións entraban na nosa defensa como coitelo en manteiga, o que provocou que desde os primeiros instantes do partido os visitantes contasen cunha vantaxe considerable que pronto alcanzaría os 10 puntos, tal e como se reflectiu ao termo do cuarto inicial (14 a 24).
 
Nos primeiros minutos do segundo cuarto o C.B. Ames continuou languidecendo polo municipal de Bertamiráns ante as acometidas dos sonenses, que chegaron a acadar unha vantaxe de 17 puntos o que facía prever unha humillante derrota para os locais polo visto no terreo de xogo. Pero, coma se fosen conscientes deste feito, no segundo tramo deste cuarto os de Pío rexurdiron cuan "Ave Fénix". A base de orgullo e raza, e liderados por un Manu que se colocou o disfrace do agora lesionado Sergio Llull para bombardear o aro rival e converter o partido do base visitante nun pesadelo, o C.B. Ames comezou a recuperarse no marcador, subindo liñas en defensa (por fin a presión daba os seus primeiros froitos da tempada) e un xogo entre pivotes que, ata ese momento, era unha dos sinais de identidade dos visitantes. Cun parcial de 23 a 17 neste cuarto, o electrónico reflectía un tenteo de 37 a 41 ao descanso e a sensación de que había moito partido por desputar.

A defensa, clave na remontada

E esta sensación plasmouse en feitos nos 20 minutos finais. A pesar de que os primeiros envites tras o descanso volvían favorecer aos visitantes, que chegaron de novo aos 10 puntos de vantaxe, os amienses, conscientes de que se podería ir definitivamente o partido, volveron rapidamente a entrar en escea da man dos seus dous bases, descomunais ao longo de todo o encontro: Manu na anotación e Rober na dirección, asistindo aos pivotes de maneira excelsa, o que permitiu de novo o achegamento no marcador, reducindo a vantaxe visitante a catro a falta de 10 minutos por xogar (51  a 55).

Lanzamento a canastra de Rober, un dos heroes do partido

Fartos de seguir facendo a goma, o C.B. Ames saíu a polo encontro desde o primeiro minuto. O Rober director transformouse en anotador, e con dous triplos (o segundo deles estratosférico) puxo a primeira vantaxe dos locais en todo o partido. Os de Porto do Son serían incapaces de darlle a volta ao encontro ante o aluvión ofensivo dos locais. Sen perder os estribos, as diferenzas aumentaban paulatinamente a favor dos locais, quen se mostrou especialmente acertados desde a liña de tiro libre, destacando o acerto do noso "home de xeo", o gran Linas Baltusis, xogador que pode converter unha clara cotenada no seu rostro dun xogador rival nunha suave masaxe post-afeitado de mañá. Así, sen baixar un mínimo a intensidade defensiva, a pesares das últimas arrancadas visitantes e a pesar de algunha decisión arbitral final que parecía querer darlle emoción ao encontro, o C.B. Ames levouse o gato á auga (75 a 69) ante a algarabía dos seus incondicionais e a lóxica decepción da nutrida representación que acompañou aos visitantes.
 
En resumo, un gran espectáculo o vivido na tarde de onte.
 
O cadro de anotadores quedou como segue:
 
Dani (12), Quique (1), Alberto (10), Rober (10), Raúl (3) - quinteto inicial - Víctor (1), Jacobo (3), Manu (19), Linas (16), Eloy y Jota (indisposto).
 
Lo peor: os primeiros 15 minutos, onde o C.B. Ames foi un monicreque en mans do seu rival. Non podemos permitirnos regalar tanto tempo, xa que nos pode custar moitos puntos na clasificación final.
 
Lo mejor: a garra e a actitude. Ante un partido potencialmente perdido, o C.B. Ames sacou toda a súa casta a relucir. Aos poucos, ver que os xogadores se van adaptando ás premisas impostas polo novo adestrador, Pío, quen moveu o banco cunha gran soltura e determinación, facendo que todos os xogadores cheguen a sentirse importantes neste equipo. Bo traballo. Tamén cabe destacar o debut de Jacobo, quen achegou experiencia, rebote e dominio das situacións de xogo ao longo da súa participación neste encontro. Un xogador que, estamos seguros, irá crecendo ao longo das seguintes xornadas e todo un luxo para este equipo.

mércores, 11 de outubro de 2017

Primeiro partido en casa

Tras a dura derrota sufrida a pasada fin de semana, toca repoñerse. O vindeiro domingo día 15 de outubro, á 17.00 h., o C.B. Ames recibe ao Tendas Pillados C.B. Porto do Son no municipal de Bertamiráns.
 
Un choque que, á vista dos resultados de campañas anteriores, presenta un prognóstico incerto e que o C.B. Ames debería aproveitar para engancharse á zona nobre da clasificación.

luns, 9 de outubro de 2017

Dura derrota, boas sensacións

Durante a xornada matutina de onte, o C.B. Ames abriu a competición ante o C.B. Riveira no coqueto polideportivo Torres Colomer que presentaba un bo ambiente de basket nas súas bancadas.

Todos preparados para o inicio dunha competición que se prevé moi igualada
 
Desde o principio os de Richi Santos presentaron as súas credenciais, plantexando un partido ordenado ante a presión inicial proposta por Pío, e non deixándose sorprender ante a maior experiencia dos visitantes e a súa maior profundidade de banco. O primeiro cuarto foi un duro intercambio de golpes onde as defensas superaron claramente aos ataques para terminar cun axustado 11 a 12.

A presión non deu os froitos agardados polos amienses
 
A igualdade mantívose ao longo do segundo cuarto, e só se rompeu nos dous últimos minutos nos que os locais, a base dun gran acerto desde a liña de tiro libre, conseguiron desequilibrar o encontro e situar o electrónico nun 32 a 25 ao seu favor.

Pío dando instrucións durante un tempo morto
 
Tras o descanso, os riveirenses saíron moito máis enchufados, desarborando unha e outra vez á defensa visitante e desactivando o seu sistema de ataque, o que unido á multitude de erros a canastra desde posicións bastante vantaxosas pola nosa banda, motivaron que un parcial de 17 a 11 situase o marcador nun practicamente insalvable 47 a 36, vista a incapacidade do C.B. Ames para ver aro con facilidade.

Os tiros libres resultaron clave no devir de todo o partido 
 
Así, o último cuarto non fixo senón confirmar o visto nos tres anteriores: rápidas transicións ofensivas dos locais, liderados por un gran Santamaría (autor de 21 puntos), acerto no tiro exterior e unha superioridade manifesta no rebote que cotorcircuitou todas as aspiracións dun C.B. Ames que, a pesar da diferenza no marcador, nunca lle perdeu a cara ao partido. Ao final 18 puntos de vantaxe para os locais, que se confirman como un dos favoritos na categoría e que, na nosa opinión, supón un excesivo castigo para o C.B. Ames á vista do feito por uns e outros ao longo de todo o encontro.
 
Tempo para reflexionar e continuar adestrando para poder ofrecer a nosa mellor versión na próxima xornada, que nos enfrontará ao Tendas Pillados C.B. Porto do Son nun partido que apunta a ser igualado. Todo un clásico nos últimos anos.
 
  • O mellor: a actitude.
  • O peor: o ataque, ningún xogador conseguiu dobres díxitos neste apartado.  
C:B. Riveira: Camino (13), Pego (7), Santamaría (21), Pereira (9), Paz (8) - quinteto inicial - Cadaval (3) y Pérez (3).
 
C.B. Ames: Jota (0), Raúl (5), Kike (9), Alberto (8), Dani (7) - quinteto inicial - Víctor (0), Manu (7), Eloy (0), Linas (5) y Rober (3).   

mércores, 4 de outubro de 2017

Arranca a competición

Acabáronse as probas. O vindeiro domingo 8 de outubro ás 12.00 o C.B. Ames visita a cancha do C.B. Riveira, encontro que terá lugar no Polideportivo Torres Colomer de Palmeira.
 
É o momento de comprobar a asimilación por parte dos amienses da filosofía do seu novo adestrador tras o duro traballo de pretemporada. Para comezar a competición, enfrontámonos a un equipo que debuta na categoría, coas interrogantes que todo iso comporta. Eso si, estamos seguros que ilusión e ganas de querer agradar ao seu público non lle faltarán neste primeiro envite. 
 
Fagan xogo señores...