luns, 19 de outubro de 2020

Comunicado oficial C.B. Ames: renuncia á inscrición para a campaña 2020/2021

 

Último día para a inscrición na competición e chegou o momento que nunca imaxinamos. Tras unha profunda ponderación dos pros e contras e unha vez pulsadas todas as opinións e sensibilidades, decidimos adoptar a que sen dúbida é a decisión máis dolorosa na historia deste pequeno club: non exercer o noso dereito de inscrición para o curso baloncestístico 2020/2021.

Desde o Club Baloncesto Ames consideramos que non se dan as condicións para afrontar a competición cunhas mínimas garantías de viabilidade, sobre todo no que respecta á seguridade na saúde. Os protocolos deseñados tanto polas Administracións Públicas como pola FEGABA non ofrecen a seguridade suficiente para que os participantes nesta competición poidamos regresar aos nosos fogares tras a celebración dos correspondentes encontros coa tranquilidade de non ser vítimas dun contaxio e, deste xeito, converternos en vectores do virus.

Ademais do anterior, chama poderosamente a atención a actitude dunha Federación que, tras deseñar e impoñer un protocolo de actuación no que son os propios clubs os que asumen todos os custos derivados da súa aplicación, descarga toda responsabilidade nos propios participantes que son os que, tanto en primeira como en última instancia, deben de velar polo cumprimento de todas e cada unha das condicións impostas.

Ante o inasumible deste escenario, o Club Baloncesto Ames considera que o máis lóxico e prudente é esperar a que a situación epidemiolóxica mellore. Mentres esto non suceda, seguiremos adestrando como fixemos durante os últimos meses aplicando as medidas previamente deseñadas polo Concello de Ames e extremando as precaucións nestas sesións preparatorias á espera de que, algún día, poidamos volver competir.

Esto non é, nin moito menos, unha despedida. Tan só é un “ata logo”.

Moitas grazas a todos nosos supporters pola súa colaboración e apoio. Volveremos e, se cabe, con máis forza.