(Por Rober Playmaker)
Cando alguén coma min retírase do basket federado a ninguén lle importa.
Esta é unha pequena reflexión para aquelas persoas ás que lle pode interesar
algo a miña marcha do baloncesto federado. O baloncesto para min é como un gran
amor, dende os primeiros recordos ata agora. Fíxome a persoa que son hoxe en
día, sen dúbida. O míster esta tempada dixo algo así como "o baloncesto é a cousa máis importante daquelas menos importantes
da vida".
Quérome ir co outro gran amor da man. Sen ela non volvería a xogar despois de
lesionarme o xeonllo con 30 e moitos e, polo tanto, non coñecería a este gran
club, o C.B. AMES.
(Entrevista de Mariajo a Rober)
Gravando... Ola Rober. Imos comezar dende o principio:
CAL É O TEU PRIMEIRO RECORDO
DO BALONCESTO?
Ufff... O meu primeiro recordo debe ser de cando tiña 5 anos e xogaba coa
miña irmá despois de cear e tomar colacao con bolechas, jejeje... Tiñamos
camisetas de manga curta e con pelotas de tenis emulabamos aos xogadores do
Obra de finais dos 70s, dos que non teño ningún recordo ou ben solapeinos co
Obra de mediados dos 80s. Na miña casa meu pai nunca vía basket, polo tanto, miña
nai era a culpable; levábanos ao Obra, entre outras, porque a miña tía Mª José
era noiva dun xogador. Fai pouco decateime que xoguei contra o seu fillo moitas
tempadas e o meu fillo, Óliver, contra o seu neto... O mundo do basket une
xeracións... É marabilloso.
CAL É O EQUIPO QUE MÁIS TE
MARCOU?
A infancia márcao todo. Despois de xogar un ano en Altamira e outro en La
Salle, a seguinte tempada, tamén en La Salle, chegou un adestrador en 1º de
infantil que nos poñía nomes de xogadores de basket americanos en plena moda da
NBA... A min púxome Cedric Maxwell,
MVP nas finais do 81 cos Celtics., un catro
moi peleón e de moita calidade. Debeu
verme con moi bos ollos a principio de tempada. Ao final era Byron Scott, un escolta defensivo dos
Lakers. Non crecera o suficiente en altura e calidade. Marcou toda a miña
xeración. Seguimos falando desa tempada e ese adestrador cando nos xuntamos,
entre pachanga e chuletón. Non teño nin fotos e menos aínda vídeos desa
tempada.
 |
Foto en cadete de 2º ano no pavillón de La Salle. Primeiro por abaixo á esquerda |
Máis de sénior, sen dúbida, o meu actual equipo, C.B. Ames. Unha mestura de
veteranos, Elo, Víctor, Linas, Alberto e máis eu e rapaces coma Sebas, Jorge,
Juan, Ángel, Tomás, Jaime, Diego, Hugo, Nico e Rocha (que non sae na foto) e
agora tamén Raúl. Dani e Jota no centro.
Hai moito gusto polo basket e ganas de pasalo ben. A vida consiste en rodearse
de boas persoas e tratar de ser feliz. Ao bisavó Eusebio ilumínaselle a mirada cando xoga ao parchís, con 95 anos. Meu
pai ao golf con 80. Esa é a razón de todo: xogar. Todos, ao final, somos menos,
non?
 |
Tempada 2023/2024. Club ao que pertenzo dende a campaña 2014/2015 |
En primeiro lugar, acordaríame do meu bo amigo Ketxu (DEP). Sebas parécese
a el por dominio e por bo tipo. Sufrín a Ketxu, en contra, cando xogaba en
Peleteiro e nos metían unhas boas choscas. Superdominante, do mellor da súa
xeración, campión galego, superior a Codesido
e a Esmorís naquel campeonato. Despois veu unha lesión fodida. En fin,
foi todo un pracer xogar ao seu lado. Deunos a vitoria do campionato
universitario na cancha do Breo en Lugo. Esa tempada compartiamos adestramentos
co Breo de ACB. Davis, Antúnez, Loncar,
etc., un luxo. Gañamos a final, a tres partidos, cun triplazo a 8 metros a
falta de 1 segundo. Despois o xúbilo absoluto. Saltei sobre el. Estaba feliz
porque sabía o importante que era para todos os compañeiros. Acordareime sempre
del así. Foi top por onde foi, como
foi, pero sobre todo con quen foi. Estiven anos tentando que volvese a xogar
nos meus equipos xa de sénior, sen éxito. Unha vez contestoume: "Rober, non teño tenis de basket". Era
grande ata mandándote a paseo, jajajaja...
 |
Año 1999. Ese ano chegamos a semis. Eu no medio. Ketxu 1º por arriba á esquerda |
Despois acordaríame, como momento negativo, da miña expulsión da tempada
pasada. Vicario, sobrado para a
categoría, nos meteu 40 puntos. Debutou en ACB, pero case toda a súa carreira a
fixo en Cáceres, categoría LEB. Expulsáronme por dobre técnica seguida por primeira
e última vez dunha cancha de basket. Tamén a Dani... Non nos pitaron unha falta a favor ata o terceiro cuarto e un
pouco enfadados estabamos.
Outro xogador, Victor Vic Dominique. Xogamos xuntos un ano,
o primeiro de cadete. Un partido contra o Clesa que lles gañamos dun punto e Vic meteu 44. Lembro dividir a zona
entrando a canastra e dobrala sempre a el. Anos máis tarde lesionaríase o xeonllo de gravidade. Pero de
algo negativo fixo algo positivo: foi adestrador e aí está cun currículo envexable
(campión do mundo).
Manu, Manudona,
é un xugador zurdo co que coincidín en Ames. Hai outro Manu co que xoguei, en Ribadulla, e outro en contra, ao que me
enfrontei en Arzúa, en categorías inferiores, todos con calidade. Aquel empezou
con nos con 17 anos. Foi collendo galóns e acabou xogando de base e mandando
aos veteranos que daquela eramos maioría de longo. Moita personalidade. Un
partido en Portosín, contra o Porto do Son, a falta de 5 segundos para acabar o
partido e perdendo dun punto, cruzouse todo o campo sorteando a contrarios e
meteu unha bandexa no último segundo para darnos a vitoria. Non foi unha final,
pero foi unha canastra bestial. Hai un vídeo memorable, todos abrazándolle.
 |
Tempada 2016/2017. Manu abaixo á dereita e o seu irmán Kike ao seu lado |
 |
Tempada 2010/2011. Manu, o 13 no Ribadulla de Vedra onde xoguei dende 2009 ata 2014
|
Outros
momentos. Nomearía as canchas de La Salle, a Resi, Xoan XXIII, a de Studio 3 en Lugo, as míticas pachangas de
Sar... Moi bos xogadores de distintas xeracións e equipos. Un momento
memorable, na Resi, foi con Fede (na seguinte foto, na dereita, con
outro bo amigo no centro, Alfredo),
compañeiro de mil equipos. Salvou un balón pola liña de fondo, co corpo
totalmente paralelo ao chan, e acabou nos setos, emulando a un vídeo de Rodman.
Enorme! Nico, con menos calidade, lémbrame
por ser unha rocha.
Outra ocasión, en xuño de 2000, estaba J.C.
Navarro, a bomba Navarro: Ese ano
xogábanse as olimpíadas en Sidney, en setembro, e estaba seleccionado. Era xa o
mellor escolta español e o foi ata retirarse. Alí estábamos uns cantos míticos,
algún de Peleteiro, Obra, Rosalía, La Salle... Eu acabei nun bo equipo e lle
gañamos 3 seguidas, jajaja... Despois púxose a tirar en serio dende 8-9 metros,
barreunos e acabou a broma. Ao marchar foi como dicindo xa o escribiredes. Pois iso.
Jorge, ás súas triplas imposibles, e Mata, a taboleiro, e que nos fixeron
ganar partidos.
Momentos negativos, as lesións. Alber,
do Aquiles, o máis desgarrador que vivín nunha pista de basket. Alber xa é
grande. Pois moito máis despois daquelo. E Raúl,
nun adestramento, lesión do cruzado. Buff, quedamos todos en silencio. Toni a pasada tempada case nin puido
debutar.
Xogadores aos que me enfrontei. Aitor,
Sanmartín, Puñal, Raúl, Estevez que xogará ata o ano 3.000, etc. Outros,
moitos, amigos de basket coma Roi, Noya o
fundador do Ames, Diego, Hugo, Roger,
todos os de La Salle de distintas xeracións... Que ninguén se enfade por
nomealo ou esquecerme del xa que falo dende o cariño.
POR QUE TE RETIRAS?
Xa esta tempada puxen o meu posto á disposición do
club e o míster pediume un par de meses. Non ten sentido xogar de base e que me
defenda, como na pasada xornada, en Ribeira, un júnior de 17 anos. Hai que
deixar sitio. Estou feliz de que me dea o relevo Raúl que é un tío de baloncesto. Xogou dende mini e, a partir de
junior, tamén adestra, entre eles a Bruno e Óliver. Péchase o meu círculo do
basket dunha forma perfecta. O club ten futuro. No meu posto, Tomás personalidade e Ángel calidade, mesmo algún máis o pode asumir
e, se seguen Jota na presidencia e Dani como adestrador é un luxo. As
palabras que mellor os definen é competentes e competitivos. Antes da pandemia xa
o quería deixar. Ti sábelo. Pero, despois
do bicho, non quería que o equipo desaparecera e grazas ao núcleo duro
conseguimos avivalo. Sentíame responsable. Agora voume moi satisfeito e
tranquilo. Toca facerse a un lado.
 |
Tempada 2015/2016. Raúl co 25, Jota co 24 e Dani co 8 na súa etapa como xogadores |
 |
Ano 2017. Raúl con Bruno e Óliver e algún fillo máis dos veteranos do equipo |
SEI QUE O TEU XOGADOR
FAVORITO DA HISTORIA É JORDAN. POR QUE?
En poucas palabras, porque nunca perdeu unha final, ningún partido malo,
sempre competitivo e conectado. Faltoulle gañar a Bird, pero barreu a Magic
na final do 91. Europeos: Petrovic, Navarro, Jasikevicius... na actualidade Llull,
Jimmy Butler... Distintos perfís, pero igual de competitivos.
ALGUNHA ACTUACIÓN, PERSOAL
COA QUE TE QUEDES...
Un árbitro unha vez me definiume como intenso.
Lembro meter un par de veces canastras no último segundo para gañar. Unha
desas, precisamente contra Ribadulla, a Manu
partironlle o labio polo que xoguei moitos minutos e estaba coa boneca
solta. Levaría xa 14-15 puntos e boa porcentaxe de tres cando, a falta de tres
segundos, iamos empatados, sacabamos de banda e non tiñamos tempos mortos. En
lugar de ir ao bloqueo e saír á liña de tres, amaguei e pedín pase a Kike na
liña de fondo. Tirei, fixéronme falta and
one. Metín o tiro libre, gañamos de 3 e xúbilo e manteo. Pero nunca fun
xogador destacado en nada, máis ben ao contrario. Boa actuación é aquela onde
sabes cal é o teu rol e non necesitas
ser protagonista. Pero fas outras cousas: coller rebotes, defender, meter os
libres, pasar ao que ten vantaxe, etc. Agora teño un prisma máis global. No
equipo hai dous xogadores que definen moi ben isto, Eloy e Rocha. Alguén da
miña xeración díxome unha vez que o meu maior logro era ser o que tivo a
carreira máis lonxeva.
QUE SIGNIFICOU PARA TI QUE
HUGO ENTRASE NO EQUIPO?
Unha sorpresa inesperada, a mellor noticia. O máis parecido a xogar cun
fillo. Veunos moi ben e a el tamén,
creo. Non temos un xogador así no equipo. Foi campión galego. Ao campionato
nacional onde xogaron de ti a ti contra o CAI de Langarita, Mara e compañia que son campións do mundo. Non é fácil axustarse
a un equipo sénior vindo de xogar cos teus amigos en júnior. Irá evolucionando e
atopando o seu sitio, como fixeron outros coma Diego e Jaime, que
cumpren sempre, ou ultimamente Juan, que
mellorou moito en tiro dende todas as posicións.
QUE NON BOTARÁN DE MENOS DE
TI OS TEUS COMPAÑEIROS E QUE SI?
Un ten que se ir antes de que os teus compañeiros pensen que sobras. Do
amor ao odio hai un paso e eu estaba a dous, jajaaja... Creo que non botarán de
menos o brasas que son nos adestramentos.
Por outro lado, a miña forma de ser competitiva creo que si que o teñen en
conta e creo que suma. Linas, cantas
discusións tácticas, nos adestramentos e cunhas cervexas no terceiro tempo. Voume
sen un título neste club. Dani lembrará
contra Arzúa o poder ser campións e ascender por un tiro no último suspiro. E,
supoño, Linas contra A Baña, a copa e
a forma de perdela. Eu si lles lembro, jeje... Espero que esta tempada sexa o
momento de abrir o champán. Eles o merecen.
QUE PENSAS CANDO VES AOS TEUS
FILLOS XOGAR A BASKET?
Nunca fun de dicirlles nada. Temos canastra en casa e empezaron a xogar
nela o pasado ano. Verán a importancia co tempo. O basket é un deporte espectacular
de equipo que che fai coñecer a moita xente e coñecerte a ti mesmo. Atacas ao
que despois tes que defender. É todo moi mental. Sento orgullo como se toman as
vitorias e as derrotas. Tamén ía con eles a ver partidos de Hugo e Mario e iso fixo que quixesen emular aos seus curmáns. Van ao Obra
dende bebés. Un momentazo para
eles foi cando botaron, gracias a Vic,
unhas canastras con Zurbriggen na
cancha do Obra con motivo do 8º cumpre de Óliver. Foi un motivo máis para
engancharse ao basket.
 |
Con Bruno e SuperMario |
 |
Con Óliver |
 |
Con Zurbriggen en marzo de 2022 |
E AGORA QUE?
A investir en ladrillo con todo o que gañei co baloncesto, jaja... A nivel
deportivo, adestrar a rapaces/as, como esta tempada a un mini. Moi enriquecedor
e moita responsabilidade. Espero ver, en breve, a Victor Ames nesa faceta e
enfrontarme a el. Posiblemente competir, de novo, en tenis, xogar a pádel para
botar unhas risas, facer surf que ultimamente
o tiña apartado, etc. En fin, desfrutar o basket dende a barreira e, por
suposto, seguir pachangueando.
 |
Nemiña, outubro de 2020. Adicada a Jaime que opina que os vellos non podemos surfear |
ALGO MÁIS?
Dar as grazas a todas as persoas coas que compartín pista de basket, dende
mini ata esta tempada. Compañeiros de equipos en Altamira, La Salle, os
distintos equipos universitarios, Bertamiráns e Ribadulla. Aos compañeiros do C.B.
Ames e de La Salle por parar o partido que estaba moi competido e dedicarme tan
bonita despedida (moi emotivo). Máis non se pode pedir. Ás parellas, familia e
amigos por seguirnos e ter tanta paciencia, e, en especial a Jota
e Dani. Sen eles o club non existiría.
Foi un verdadeiro pracer!