Segundo asalto dos cuartos de final contra o todopoderoso C.A.B Conxo, esta
vez actuando coma visitantes no pavillón do colexio Manuel Peleteiro. Semellaba
impensable pensar que o ambiente vivido a semana pasada no Milladoiro podería
repetirse pero, de novo, a realidade amosounos a grandeza dos incansables xiareiros
do C.B. Ames que non dubidaron en acudir en masa a apoiar ao seu equipo na
procura dunha milagre en forma de remontada que permitira mitigar a desvantaxe
de 6 puntos colleitada no partido de ida. O pavillón colexial lucía coma nas
grandes ocasións. That´s Entertaiment.
Co factor sorpresa esgotado no partido de ida, os pupilos de Fran Varela iniciaron o encontro dispostos a finiquitar a eliminatoria pola vía rápida. En dous minutos o electrónico amosaba un rotundo 10 a 2 a prol dos santiagueses que motivaba o primeiro tempo morto de Dani para frear as acometidas do rival e tentar equilibrar a balanza. Saque de fondo no que Jaime rompe ao seu par para depositar suavemente o balón na cesta e lanzamento a curta distancia cheo de calidade dun Sebas disposto a reivindicarse tras a súa actuación nun primeiro choque no que se agardaba máis do pívot venezolano.
Pero Conxo viña coa lección aprendida e novamente tenta poñer terra polo medio ante un C.B. Ames que atacaba con máis corazón que cabeza. Triplazo de Jorge ao ritmo de “C.B. Ames nunca se rinde” da bancada para poñer o 16 a 10 e facer sentir ao rival que, de novo, botar ao equipo amiense da eliminatoria non sería unha tarefa doada.
Pero nos derradeiros tres minutos a repentina seca anotadora foi aproveitada polos locais para castigar desde a liña de tiro libre e, punto a punto, despegarse no marcador ata o 23 a 11 ao termo dos 10 primeiros minutos.
Os nosos xiareiros, en lugar de virse abaixo, subían os decibelios das súas
gorxas e incrementaban a intensidade dos seus tambores e bucinas nun intento de
contaxiar a un equipo visitante que sentía que recibira un castigo excesivo no
cuarto inicial.
O segundo parcial comezaba cun intercambio de canastras no que o C.A.B.
Conxo parecía sentirse cómodo xa que seguía a moverse en diferenzas superiores
aos 10 puntos. A falta de tres minutos para o tempo de lecer, Dani solicita
novo tempo morto para elevar as apostas e poñer en liza todo o seu arsenal
ofensivo de cara a recurtar distancias. Taponazo de Sebas sacando a pasear o matamoscas
que esperta a furia venezolana interior en forma de 5 puntos consecutivos
(entrada con reverso incluído e tripla taladrando a rede rival) que fan
decantar este parcial ao noso favor por 10 a 12. 33 a 23 ao descanso con todo
por decidir. Seguimos sendo a resistencia.
Aínda que os locais replican en primeira instancia, apenas poden co empuxe
defensivo e coas acometidas en ataque dun C.B. Ames empeñado dar a campanada. Liderados
por un Sebas imperial en ambos lados do terreo de xogo, o triplazo de Jorge
minimiza as diferenzas a tan só 5 puntos. O pavillón e case que todo o colexio
Peleteiro vense abaixo. Eran os nosos mellores momentos. Como diría a taladrada
rapariga protagonista de Poltergeist, “xa estabamos aquííií...”.
Superado o trauma pola perda dunha das súas pezas máis determinantes, os locais non daban o seu brazo a torcer e, con moito aplomo e pese ao ambiente hostil, conseguen frear o avance amiense para chegar cunha vantaxe de 8 puntos a falta de dez minutos para o remate da eliminatoria (48 a 40).
O público en pé. Había que botar o resto. Enésimo arreón dos amienses con
todo o equipo dando o 110 % en defensa e Sebas e Juan asediando a cesta contraria.
Espoleados por un público que durante toda a tarde foi o verdadeiro sexto
home, e incluso con Deus do noso lado, conseguimos situarnos de novo a cinco
puntos a falta de dous minutos para o remate (53 a 48). Pero o tempo esgotábase
e a empresa de remontar a desvantaxe de 11 puntos (6 do partido de ida e 5 do
actual) pasaba de improbable a imposible polo que Dani, cun criterio que o
honra e consciente da dureza dun rival que apenas deu signos de debilidade nos
78 minutos precedentes, firmaba a claudicación e colocaba sobre a pista aos
xogadores menos habituais nun detalle fermoso con aqueles que contribúen
como os que máis a que este club sexa o que é: a envexa de moitos. Loxicamente,
un conxunto como o santiagués sen apenas debilidades apuntalou a súa vitoria e
o seu merecido pase a semifinais ante unha escuadra amiense que o deu todo. O resultado
final de 63 a 48, ademais de antollarse
excesivo, resulta anecdótico. A festa estaba nunha bancada que aceptaba
deportivamente a derrota ao tempo que recoñecía o titánico esforzo de todo o
plantel amiense, encabezado polo mariscal Dani. Unha fermosa eliminatoria que,
a bo seguro, quedará gardada nas nosas retinas.
![]() |
Eternamente agradecidos |
Por parte do C.B. Ames interviñeron: Sergio (2, A), Rocha (2, AA), Juan (8, AA), Jorge (7, AA) e Sebas (19, AAA) – quinteto inicial – Tomás (2, A), Jaime (4, AA), Raúl (2, A), Hugo (1, A), Alberto (1, AA), Eloy (-, A) e Nico (-, A).
O mellor: sen lugar a dúbidas, o ambiente. Aínda estamos
abraiados pola resposta da nosa afección. Non hai cualificativos, só palabras
de agradecemento. Na parte puramente deportiva, pouco ou nada que reprochar.
Competimos 78 minutos perante o que, segundo a nosa opinión, é o mellor equipo
da categoría. Parabéns a Dani e aos seus músicos polo concerto de rock duro. Agora
toca pelexar pola quinta posición. Próxima estación: Praíña.
O peor: á vista das nosas prestacións ao longo da
eliminatoria, era este o mesmo equipo que se arrastrou durante a segunda volta
da fase regular cunha única vitoria? Seguramente de ter feito mellor as cousas enfrontariámonos
a un rival máis “asequible” e as nosas posibilidades terían sido moito máis
elevadas. Tomemos nota e aprendamos. Mentres tanto, NO TE CALLES, GRITA AMES!
E, como fin de festa, deixámosvos o partido completo:
Lembra que podes desfrutar (ou padecer) dos partidos do teu club favorito na nosa canle de YouTube.