Tempo de playoff. O pasado domingo o pavillón do Milladoiro
engalanouse para a celebración do encontro de ida correspondente aos cuartos de
final entre o cuarto clasificado do grupo B, o C.B. Ames, e o primeiro
clasificado do grupo A e actual campión da competición, o C.A.B. Conxo. David
contra Goliat.
Momento para envorcar en corenta minutos o intenso traballo semanal de Dani
na procura de conseguir minimizar as grandes diferenzas entre ambos
contendentes á vista das prestacións duns e doutros na tempada regular. Pero
cando entramos no terreo das eliminatorias nada do realizado conta e todo pode
cambiar. Coach D é consciente disto e, como vello diaño dos vestiarios, mesturou
análises das fortalezas e debilidades do rival con outras cuestións que apelaban
máis ao corazón e ao orgullo dos quince soldados amienses que a aspectos
puramente técnicos. Toda esta estratexia motivacional tivo o seu culmen nos
vestiarios media hora antes do inicio. Tras a oportuna charla táctica e as
arengas de rigor, o adestrador sorprendeu aos seus pupilos cun vídeo que puxo
un nó na gorxa a máis dun:
Cargados de enerxía e a por todas non sería esta a única sorpresa da tarde.
Varios centos de persoas respondían á convocatoria previa e ateigaban a bancada
dunha instalación que por un par de horas disfrazouse do mítico pavillón de la Paz
y de la Amistad grego. É unha pasada poder comprobar como un encontro desta
categoría pode ter tanto tirón entre persoas de todas as idades, familiares,
amigos, xogadoras de minibasket, veciños e xiareiros en xeral que se deron cita
no Milladoiro Arena. Todo elo aderezado coa Jam Session preparada polo
noso DJ Yerai (David Guetta xa te podes ir xubilando) quen se encargou
de elevar a temperatura dun ambiente sensacional e poucas veces visto por estes
lares.
![]() |
Cando o xefe fala os demais escoitan |
![]() |
Gran traballo, Adestrador! |
Con todos os ingredientes mesturados só podía cociñarse un bo espectáculo. O dez protagonistas saltan á pista, apágase a música e asubío inicial. Comeza o primeiro asalto.
As primeiras acometidas dun C.A.B. Conxo liderado polo seu aleiro Roi
Pallares non conseguiron amedrentar a un C.B. Ames serio e ben armado que
pronto deixou claro que non ía a xogar o papel de comparsa. Non neste día e perante
este público. Así, no ecuador do cuarto Dani introduce os primeiros trocos co
obxectivo de manter – e incluso, aumentar – a nosas prestacións perante un
rival que dera un tirón inicial no electrónico (6 a 13). A canastra do eterno
capitán Víctor tras rebote ofensivo sumado a un costa a costa dun Sergio que
cada partido vai a máis provocou a reacción local e as primeiras dúbidas nunha
escuadra visitante pouco acostumada á replica no que vai de curso.
Cunha orde e un espírito de loita non vistos durante esta campaña, os
locais mantiñan o pulso aos santiagueses nun intercambio final de accións
positivas que supuxo o 16 a 20 no electrónico ao final do primeiro parcial. Aqueles que pensaban que non ía haber
encontro xa caeran na conta de que estaban equivocados.
Segundo cuarto. Dani acostuma tratar aos seus pupilos coma “soldados” e
neste exército Juan é coma John Rambo. Emulando ao traumatizado ex-boina
verde do celuloide, el só enfrontouse a un sorprendido o equipo rival sumando 9
puntos consecutivos (incluída unha calamitosa tripla a taboleiro) en tres
minutos. Son os mellores momentos do C.B. Ames, probablemente, de toda a
tempada. Nova tripla de Raúl e parcial de 12 a 0 para situar o electrónico en
28 a 20 a falta de seis minutos para o descanso e cunha bancada que levaba en
volandas á escuadra local. Os pupilos de Fran Varela parecían superados por vez
primeira este ano, pero unha vez asimilada a idea de que a empresa non sería todo
o doada que pensaban, demostraron saber sufrir e os motivos polos cales son o
favoritos non só desta eliminatoria, senón para levarse o título.
Cinco puntos consecutivos de David Pazo cortan a hemorraxia e obrigan a
pedir tempo morto a Dani, quen aproveita para mover o banquiño e sentar por vez
primeira a un extenuado Juan levándose unha máis que merecida ovación.
Os astros parecen seguir aliñados co C.B. Ames: Eloy anota dous tiros
libres e no palco o presidente do C.B. Ames explota orgulloso. Pero Conxo
reacciona e consegue poñerse por diante ante un conxunto local que comeza a
amosar os primeiros síntomas de esgotamento. Nun cuarto semellante a unha
montaña rusa nos momentos finais tocounos a costa abaixo, o que foi aproveitado
polo experimentado equipo visitante, liderado por Soriano, para castigar o noso
aro nos derradeiros dous minutos cun parcial de 2 a 9 e deixar o marcador en
36 a 43. Salvados pola campá.
Esgotado o factor sorpresa, no terceiro cuarto o obxectivo é claro: recuperar a intensidade e orde dos primeiros dezaoito minutos e non permitir que o rival colla distancia. Canastra inicial de David Pazo replicada por cinco puntos de Jorge que facía a súa entrada no encontro. Pero os visitantes amortiguaban de novo o arreón inicial gracias en gran parte ao acerto dun inspiradísimo Roi Pallares que mantiña a distancia de seguridade na contorna dos 7/9 puntos de vantaxe. Pero o C.B. Ames, cunha actuación tranquila e moi coral, non deixaba de crer e en ningún momento lle perdía a cara ao encontro. Resistencia numantina que, pouco a pouco, minaba os folgos dun conxunto visitante que comprobaba que, pese a dar o cento por cento, non era quen de sentenciar.
Coa contenda en equilibrio aínda que sempre favorable aos visitantes, ambos
equipos semellaron tomar un respiro e reservar as súas mellores armas para o cuarto
final. 48 a 55 a falta de dez minutos.
O plan de Dani funcionaba e o C.B. Ames estaba no partido. E máis
que ía estar. Con seis na pista (os cinco xogadores máis o público) o C.B. Ames
golpea primeiro cun fermoso contraataque culminado polo lituano Linas Baltusis
tras gran pase picado de Hugo. Co crono xogando a prol dos visitantes, o C.B.
Ames tentaba achegarse no marcador ante un rival non o poñía nada fácil. Tensión,
emoción e tripla de Jorge para situar o marcador en 55 a 59 a falta de cinco
minutos.
Aínda a risco de semellar cansinos, que partidazo de Juan! Remontando liña
de fondo anota a aro pasado (posiblemente con falta) para acurtar distancias e
elevar o nivel de decibelios do coliseo amiense ata o limiar da dor. Catro
puntos abaixo (57 a 61) e os nervios a flor de pel. Dous tiros libres e, como
se dunha nova moda se tratase, estratosférico aro pasado máis adicional dun Sergio
Rocha que sempre responde cando a ocasión o require. A diferenza nun punto (62
a 63) a falta de minuto e medio. A un paso de facer posible o imposible.
Pero se por algo se caracteriza o C.A.B. Conxo é pola súa experiencia e
saber estar nos momentos importantes. Cun aplomo pasmoso, David Pazo (vaia
crack!) aproveita o bloqueo directo para anotar unha tripla que sentou como
unha auténtica navallada no corazón dos amienses. Tempo morto. Estamos ante
unha eliminatoria de 80 minutos e perder a cabeza nun só deles pode supoñer tirar
pola borda a grandísima labor realizada, máis ante un rival que sabe como
penalizar cada unha das nosas debilidades. Dúas desacertadas eleccións en
ataque aproveitadas polos santiagueses terminaron por decantar a balanza ao seu favor por seis tantos de diferenza (63 a 69).
![]() |
Abrumados e agradecidos |
Segundo acto o vindeiro domingo 10 de marzo no pavillón de Peleteiro ás 19:00. O plan segue en pé e máis vivo que nunca. Só hai que crer.
![]() |
Ibón también cree no noso plan |
Por parte do C.B. Ames interviñeron:
Sergio Rocha (3,AA), Jaime (2,A), Juan (19,AAA), Jorge
(11,AA) e Sebas (6,A)- quinteto inicial – Sergio (3,AA),
Raúl (6,AA), Hugo (2,A), Víctor (2,A), Linas (2,A),
Alberto (5,AA) e NIco (-, A).
O mellor: espectáculo en maiúsculas. Ambientazo na
bancada, dous equipos xogando de poder a poder exhibindo as súas mellores
armas, dous adestradores moi por riba desta categoría implicadísimos nos seus
respectivos proxectos, respeto, deportividade, emoción, intensidade, etc... Que máis se pode pedir?
O peor: a diferenza final no marcador, aínda que, polo visto
sobre a pista, seis puntos non son nada. Hoxe non hai nada que reprochar.
E coma sempre, o encontro completo na túa canle de YouTube favorita:
Ningún comentario:
Publicar un comentario