27/04/26

CAMPIÓNS

 

Lendas

Hai historias que comezan dende o final e finais que só son o principio de todo. E que, ao contrario do que cantaba Carlos Gardel no mítico tango "Volver" vinte anos dan para moito. Pero, como o vivido o pasado sábado no pavillón municipal de Fontiñas, nada. Toda unha orxía de sentimento e emoción que desmbocou no primeiro título da nosa historia. Agora sí, podemos dicir con orgullo: WE-ARE-THE-CHAMPIONS.   

Explosíón de xúbilo ao levantar o trofeo

Pero, ao contrario do que puidera desprenderse do marcador final (69 a 87), a empresa non foi nada doada. O ADB Fontiñas, pese ao -18 colleitado no Miladoiro, non tiña intención algunha de dar o seu brazo a torcer e moito menos perante a súa parroquia. Ao igual que no partido de ida, ambiente de gala no municipal santiagués.

Pero se de algo nos serviu a única derrota desta tempada perante o Manuel Peleteiro, aló por principios de curso, é que, con independencia do acerto que teñas, a intensidade non se negocia, e menos cando tes enfrente un equipo campión que, a bo seguro, ten previsto saír a morder. Pero, quen pode morder a un pitbull? 

Sen ningún tipo de complexos, dende o principio conseguimos neutralizar as acometidas do conxunto local, tanto na pista como nas bancadas. A marea amesá igualaba, e incluso superaba, aos efectivos locais arroupando aos seus xogadores neste último paso para un título que é de todos.
A marea amiense, en pé, apoiando ao seu equipo. Sen vós, imposible!

Manolo, santo de seña da nosa afección

O C.B. Ames, sabedor da súa vantaxe, controlaba un encontro no que, en todo momento, vía polo retrovisor ao seu rival ata que os santiagueses, tras moito traballo e sufrimento, conseguían poñerse por diante no electrónico aos 3 minutos do segundo parcial (27 a 26). Pero, lonxe de poñernos nerviosos, é nese momento onde sacamos o noso carácter gañador para subir un par de marchas e, liderados por Sebas e un David Reino colosal en toda a eliminatoria, endosar un parcial de 0 a 16. O C.B. Ames estaba a desequilibrar a contenda máis por méritos propios que por erros alleos, ata que a dupla arbitral decidiu tomar un protagonismo non requirido e sinalar dúas faltas técnicas tan consecutivas coma innecesarias ao adestrador local, Ángel Noya, que no daba crédito (nin el nin ninguén) ao que acababa de acontecer. Un inmerecido borrón dentro dun grande espectáculo. 31 a 45 ao descanso e o obxectivo máis preto que nunca.

Sebas, amo e señor dos taboleiros

Reino, pedazo final á súa

Momento para manter a cabeza fría e o corazón quente. Tras a reanudación, o C.B. Ames tirou de oficio e mantivo as distancias en todo momento coñecedor de que o cronómetro era o seu máis fiable aliado. Fontiñas comezaba a ser consciente de que non sería posible a remontada, aínda que como equipo campión que é, nuna deixaron de crer exixindo o máximo dos xogadores dun C.B. Ames que non se podía permitir ningún tipo de relaxación. E se de dar o 100 % falamos poña na súa vía un tipo como Joaquín. Ben secundado por Aldán, a xoven dupla exhibiu todo o seu repertorio eliminando calquera atisbo de esperanza na bancada local. 

Aldán, diferencial

Joaquín, 20 puntos e tropecentos mil rebotes

52 a 67 a falta de 10 minutos e agora sí todo o peixe vendido.  Derradeiro cuarto para disfrutar e dedicar ao noso público sen perder en ningún caso o respecto a un rival que deu o mellor de si durante os 80 minutos da eliminatoria. Tempo para as homenaxes e recoñecementos a todo un bloque que traballou arreo durante toda a tempada para conseguir o que asubío final viña a confirmar: 69 a 87 e, con toda xustiza, campións da competición por vez primeira nos nosos 20 anos de historia.

Jorge, francotirador, desemplovou o fusil no derradeiro parcial

Dani, o xefe, tentando xestionar as emocións...
... misión imposible

Explosión nas bancadas e recoñecmento mutuo entre ambos contendemtes nun claro exemplo de deportividade previo á ceremonia de entrega de trofeos. A delegada da Federación Galega de Baloncesto fixo entrega ao gran capitán, Alberto Sampedro, que alzou o trofeo coa soltura propia de alguén que fixera isto todos os días, desatando a tolemia:


Grazas!

Ángel Noya, descualificado inxustamente, felicitando a Raúl. Respect.

Yeray, feliz coma unha perdiz

Diego e Jaime, cando non corren teñen este aspecto
Aldán e Joaquín, descarados e insolentes

Alberto e Yeray, pasado, presente e futuro 

As celebracións non se fixeron esperar, trasladándose da pista ao vestiario:



E trasladándose finalmente ao poluar restaurante Mollos e Moios, onde tanto xogadores, corpo técnico e directiva fusionáronse na celebración cos nosos xiareiros nunha velada que resultou ser inesquecible para todos:

FAMILIA
 
Lolo, posando coma un profesional

Hoxe non é día para mellores ou peores, só para agradecementos:

- Ás Adminstracións públicas, Concello de Ames e Deputación Provincial da Coruña.

- Aos nosos colaboradores: Urogalia, UNIT 365 e Carpintería Hermanos Gato. moitas grazas por crer en nós.

- A todos os que durante estes 20 anos contribuiron ao sostemento deste proxecto deportivo: xogadores, adestradores, directivos e familias. Este título tamén é voso!

- E, por riba de todo, aos nosos INCONDICIONAIS. Grazas por acompañarnos e guiarnos neste traxecto!

Pero, como xa dixemos, isto é so o principio. Agora toca a fase de asecenso á segunda división. Pero esa será outra historia...

A VIAXE CONTINÚA


24/04/26

A un paso de facer historia


O club amesán defende en Santiago unha vantaxe de 18 puntos da ida para certificar o campionato no seu vixésimo aniversario.


O día de mañá pode quedar marcado con letras de ouro na memoria do Club Baloncesto Ames. Tras dúas décadas de traxectoria ininterrompida no basket senior, atopámonos ante a oportunidade de alzarnos co título de campión.


O desenlace terá lugar no Pavillón Municipal de Fontiñas ás 18:00 horas. Chegamos á cita definitiva coa moral polas nubes tras o gran resultado do partido de ida, onde nos impuxemos ao A.D.B. Fontiñas por un contundente 90 a 72. Pola súa banda, os santiagueses, vixentes campións e baixo a batuta de Ángel Noya, buscarán facer valer o factor cancha e o apoio de todo un barrio para tentar reverter a eliminatoria.

A expectación arredor deste choque é absoluta e o reto será igualar o extraordinario ambiente vivido no encontro de ida no Milladoiro, onde centos de xiareiros puxeron a proba a capacidade do recinto amesán nunha tarde inesquecible. A afección xa prepara un desprazamento masivo para asegurar que nosos  xogadores están arroupados na procura dun trofeo que poría o broche de ouro a estas dúas décadas de vida do club.



O peixe está vendido. É o momento de botar o resto. A POR TODAS!!! 


20/04/26

Inesquecible

Primeiro acto da final polo título entre o C.B. Ames e o A.D.B Fontiñas. O municipal do Milladoiro engalanouse coma non se recorda nos vinte anos de historia deste club: bancadas ateigadas de enfervorecidos xiarieiros, globos, pancartas, bombos, bucinas, Álvaro Veiga -speaker do Obradoiro- coma mestre de cerimonias..., en definitiva, un ambiente doutra categoría e motivo de orgullo para todos os que loitaron e traballaron para vivir unha cita como a de onte. De venderse entradas estariamos a falar do clásico "non hai boletos". Onte púxose a proba a capacidade e as prestacións do coliseo amiense. Impresionante.

Aspecto das bancadas para o primeiro asalto. A imaxe fala por si soa

Lourdes pintándolle a cara a todo o que se lle puxo a tiro. Moi grande!

Tras unha espectacular presentación dos protagonistas, e coas emocións a flor de pel, o colexiado principal, Martín Trasancos, eleva o balón coma nunha procesión da madrugá sevillana. Ao ceo con ela. Comeza o espectáculo.

Como xa se podía prever, os contendentes dedicaron as primeiras accións a atemperar os nervios. Momentos de igualdade ata que entra en acción un extramotivado David Reino que, con 9 puntos practicamente consecutivos, enfúndase a camisola de lider permitindo aos locais coller o mando do partido ante un Fontiñas que non tiña a intención de poñelo doado. Con máis desexo que acerto, ambos contendentes tentaban impoñer a súa proposta nunha contenda fisicamente moi exixente. Primeiro asalto que tivo como gañador (aos puntos) ao C.B. Ames por 18 a 13.

Juan, coma sempre, ao 200%

Unha vez sacudidos os nervios e a excitación iniciais, momento para centrar o foco e envorcar todo o traballo e esforzo da tempada na procura do noso obxectivo. Dúas canastras iniciais dos visitantes situábanos a un só punto de diferenza pero, lonxe de sementar as dúbidas, o C.B. Ames, da man dun David Reino estelar, conseguía manter a iniciativa non tanto no xogo como si no taboleiro de marcas. Pero, de súpeto pero non por elo menos agardado, fixo a súa entrada en escena o xogador máis desequilibrante do C.B. Ames: Yeray Rodríguez. Aínda que non tivera a mellor das entradas no encontro, o talentoso escolta sacudiuse a ansiedade con tres bombazos maís aló do 6,75 facendo tremer por vez primeira os cimentos do sistema defensivo deseñado por un Ángel Noya que se viu obrigado a solicitar o seu primeiro tempo morto con 35 a 24 en contra.

Dani conversando con parte do banquiño. Rober, en primeiro plano, atento ás evolucións do encontro. Tándem de luxo

Momento crítico para os visitantes que por vez primeira víanse superados polas oleadas dun conxunto local que, espoleado por unha bancada en éstase, estaba a desenvolver os seus mellores minutos de xogo. Agora si, o balón movíase con fluidez e seguirdade, o que motivou un incremento no acerto nas accións ofensivas. Os locais pretendían romper o partido cun forte tirón que a duras penas obtiña réplica por parte dos santiagueses que acudían á liña de tiro libre como salvoconduto, agardando como auga de maio o asubío dos colexiados cara ao túnel de vestiarios. 

Tempo de lecer. 45 a 32 e a sensación de ter ao rival a piques de bicar a lona. Turno para que os xiareiros máis novos salten á pista e emulen aos seus heroes, se cadra por uns intres.


Como os grandes peleadores, os vistantes non ían dar a torcer os se brazo sen loitar. Liderados polo polivalente e sempre regular Mario Franco "Marito", un dos nomes destacados da categoría, e apoiados nun gran traballo colectivo sobre o rebote en ambas canastras, o A.D.B. Fontiñas lograba conter a sangría do cuarto anterior e conseguía achegarse pouco a pouco ata os 7 puntos de desvantaxe (52 a 45) a falta de catro minutos para o remate deste tercer acto. Pero unha importantísima tripla de Sergio, a irrupción no apartado ofensivo de Joaquín e unha cansatra chea de clase de Jorge devolveron á realidade á estoica escuadra visitante mantendo a diferenza por riba da barreira psicolóxica dos 10 puntos a falta do derradeiro cuarto (62 a 50).

Os rivais pouco ou nada podían facer perante a exhuberancia física de Joaquín

Pero nin moito menos o peixe estaba vendido. O derradeiro parcial comezaba cunha discutible falta antideportiva sinalada pola dispar parella arbitral, espoleando ao equipo visitante que con 7 puntos consecutivos lograba reducir a renta ata 5 en minuto e medio de xogo (62 a 57). Tempo morto de Dani para inculcar aos seus pupilos a trascendencia do momento e a volta aos macanismos e automatismos que nos levaron a desenvolver o mellor baloncesto visto nesta categoría durante a presente campaña. E, tras de nós, centos de seguidores apoiando e levando en voandas ao equipo. O fracaso deixaba de ser unha opción.

Tempo de valentes e que mellor que un gladiador como Juan para asestar os dous primeiros golpes. Yeray, espectacular, recolle o testigo e clava dúas triplas de xeito consecutivo para desatar a tolada nunha bancada que, a bo seguro, tivera estoupado se Aldán consegue culminar con éxito un intento de mate a dúas mans entre un mar de brazos. 

Yeray. MVP compartido con David Reino

Nos intres decisivos a maior profundidade do plantel local conseguía impoñerse ante un conxunto santiagués que, cunha rotación moito máis reducida e penalizado pola falta de acerto dende a liña de tiro libre (21 convertidos de 45 intentados, 47 %), pedía a berros o fin do encontro e manter unha pequena chama de esperanza cara o partido de volta. Último arreón do C.B. Ames que atopaba o oco baixo a canstra rival, circunstancia aproveitada á perfección pola dupla Joaquín/Sebas para incrementar a renda final ata os 18 puntos (90 a 72), ante a satisfacción dunha agredecida parroquia local que non deixou de animar nin por un momento e que foi o verdadeiro sexto xogador do C.B. Ames. 


Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás Souto (AA), Yeray (27, AAA), Reino (22, AAA), Juan (7, AAA) e Sebas (10, AA) - quinteto inicial - Sergio (3, AA), Aldán (2, A), Jorge (2, A), Joaquín (17, AAA), Raúl (A), Pedro (A) e Fran (A).


O mellor: sen lugar a dúbidas, o espectáculo vivido. Bancadas ateigadas e baloncesto de calidade como a mellor fórmula dun acontecemento inesquecible. Destacar tamén o respeto e deprotividade entre equipos e afecións. Unha auténtica pasada.

O peor: non ter finiquitado a eliminatoria pero, sendo francos, un equipo campión como Fontiñas vai competir ata o final con todos os seus recursos, que son moitos e bos.


Todo o mundo queda emprazado para o desenlace a vindeira fin de semana, concretamente para o sábado 25 dee abril no municipal santiagués de Fontiñas ás 18:00 h.. Deixámosvos coas mellores imaxes captadas polo obxectivo do gran Andrés Panaro, a quen dende esta humilde publicación lle agradecemos a súa inestimable e desinteresada colaboración. GO, AMES, GO!






14/04/26

A gran final

Finiquitadas a liga regular e as eliminatorias, chega o momento da verdade. O C.B. Ames e o A.D.B. Fontiñas, vixente campión, replican a finalísima da campaña pasada pero esta vez baixo o formato de ida e volta, o que garante espectáculo por partida dobre.

As roldas previas resultaron moi dispares para uns e outros. Mentres que o C.B. Ames non deu opción aos seus rivais, tanto en cuartos de final (+ 48 no global da eliminatoria fronte a Praíña, S.P.C.), como, sobre todo, nunha rolda semifinal na que asoballou ao A.D. Manuel Peleteiro por un tenteo global de 95 puntos tras un memorable partido de ida no que se aplicou ao equipo colexial un severísimo castigo de 33 a 93, o camiño do A.D.B. Fontiñas non foi tan sinxelo, en boa medida pola entidade dos rivais aos que se enfrontou: + 17 de diferenza en cuartos de final contra o experimentado C.A.B. Conxo, todos eles colleitados no encontro de volta, e vitoria pola mínima en semifinais contra o Santa Baia de Boiro, nunha eliminatoria chea de igualdade e emoción que estivo aberta ata a derradeira posesión.

Con estes vimbios podería semellar que o C.B. Ames partira a priori coma favorito, pero nada máis lonxe da realidade. O A.D.B. Fontiñas é o actual campión e conta cun equipo novo pero experimentado, perfectamente adestrado por un clásico como Ángel Noya que sabe perfectamente o que quere e o camiño para conseguilo. O paso polas eliminatorias previas deulle un plus de competitividade que o C.B. Ames terá que, polo menos, igualar se quere ter algunha opción de levarse o título.

Primeiro asalto o domingo ás 19:00 h. no municipal do Milladoiro. Ademais da potencia de Tomás, a cabeza de Sergio, a determinación de Fran, os highlights de Yerai, a velocidade de Diego, a espontaneidade de Jaime, o talento de Aldán, a polivalencia de Reino, a experiencia de Raúl, o empuxe de Juan, a calidade de Jorge, a clase de Pedro, a presencia de Sebas, a intimidación de Joaquín e o carisma do gran capitán Alberto, así como a sabedoría do tándem Dani-Rober e o apoio dun multifuncional Ángel, imos precisar de todos vos para axudarnos a dar o primeiro e decisivo paso para a conquista do título. 

Coas cartas cara arriba e a sorte botada, a túa axuda pode ser determinante na nosa loita por celebrar os nosos 20 anos de historia co mellor dos agasallos.

 QUE COMECE O ESPECTÁCULO! 

02/02/26

Coroando o Tourmalet

(By David Kingdom)


Despois da contundente vitoria fronte ao Peleteiro, o C.B. Ames buscaba seguir acumulando sensacións de cara á etapa máis relevante da tempada. En fronte un C.A.B Conxo que, a pesar de acusar importantes baixas con respecto á campaña anterior, non ía poñerlle as cousas sinxelas á escuadra amiense. O escenario, o pavillón colexial do Pío XII no que as dúas afeccións se deron cita para desfrutar dun dos partidos nobres da categoría coas posicións de “cabeza de serie” para as eliminatorias en xogo.

Coa sobremesa aínda atravesando a epiglote, Coach Fentes xa advertía dos perigos e a fame dun rival que non ía vender barata a súa derrota. E así foi, case como un augur romano que viu na inusual tarde seca santiaguesa un sinal divino, o partido comezou atrancado para uns visitantes acostumados a romper os partidos nos primeiros compases de xogo. A defensa zonal proposta polo adestrador local combinada co acerto exterior dun recuperado Álvaro Raviña, propoñía dous crebacabezas que se foron resolvendo a través do movemento de balón, a intensidade defensiva e as transicións a campo aberto, os tres selos de calidade do noso equipo esta tempada. O Ames salvaba os mobles cun +5 ao final do primeiro período que buscaría reforzar nos seguintes compases.



No segundo cuarto do encontro os problemas foron a menos. O equipo visitante soubo aproveitarse das súas vantaxes físicas da man dun xigante Sebas, xa claramente recuperado dos seus problemas de xeonllo, e a intensidade achegada a partes iguais por Juan e Joaquín, dous auténticos pesadelos en defensa para os referentes rivais. Esta cera na pintura foi secundada polo talento exterior de Yeray, xa de volta tras un pequeno parón; Aldán, insultantemente maduro no xogo para os seus 18 anos; e Tomás Souto, cun acerto sobresaliente a pesar de que en ocasións o corpo técnico teña que insistirlle como si de cuñados nun bar se tratasen: pero tira a canastra home! Pois o base tourés tirou, tres triplas nun pavillón que lle traia recordos da súa etapa de formación e un 21-35 na volta ás casetas que daba a sensación de certa tranquilidade.


Pero, como cando escalas por un ilustre porto do Midi Francés, cada curva que viras paréceche a última para coroar. O Conxo aínda tiña argumentos para refutar o xogo do C.B. Ames. O seu principal orador, un incombustible David Pazo que comezaba a dinamitar dende o 6,75 o aro visitante, unha auténtica exhibición anotadora dun veterano que aínda ten moito que dicir entre a “chavalada”. Chamada á orde de Dani en forma de efusivo tempo morto digno de Željko Obradović que fai cuestionar as raíces ourensás do adestrador e lavado de cara para uns xogadores que tiñan que sacar o encontro como fose. O luminoso seguía ao favor dos visitantes que comezaron a atacar con maior pausa e a buscar a liña de tiro libre para facerse fortes e selar a vitoria. O Nilo foi lentamente morrendo no seu Mediterráneo para deixar un resultado de 70-76 que denota a calidade vivida no encontro presenciado ante un rival que sempre parece ter 7 vidas, como os gatos.




Unha vez coroado o Tourmalet da tempada regular, o descenso cara playoff debe facerse seguro pero trazando agresivamente as curvas. O equipo non debe relaxarse antes os próximos rivais que ocupan os últimos postos da clasificación e manter o ritmo de cara a un final de temporada chave para os obxectivos deportivos do clube.

Por parte do Club Baloncesto Ames interviñeron: Tomás Souto (9, AAA), Aldán (9, AAA), Reino (3, A), Juan (10, AAA) e Joaquín (14, AAA) – cinco inicial – Sebas (19, AAA), Yeray (9, AA), Diego (A), Jaime (A), Jorge (3, A), Sergio (AA) e Alberto (A).

O mellor: a capacidade do equipo para aguantar as acometidas dun rival que sempre “fai a goma” e conseguir resolver o partido a pesar da presión dos últimos compases.

O peor: a falta de intensidade por momentos e conceder tiros a rivais que é ben sabido que teñen pólvora e a pequena escordadura de David Reino que terá que descansar un par de semanas de cara ás eliminatorias.


Baloncesto a un lado, os dous equipos, o conxunto arbitral e as afeccións sumáronse á campaña da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) portando os “Brazaletes de Esperanza” nesta bonita campaña que tingue de verde o deporte profesional pero tamén os humildes feudos polos que se move o noso clube.


28/01/26

Bendita tolada

 

Volvía ao baloncesto ás tardes dos domingos no Milladoiro Arena cun dos enfrontamentos máis esperados da fase regular. O C.B. Ames e o A.D. Peleteiro pelexando pola Pole Position do grupo 2 e os amienses conxurados na procura do obxectivo de vingar o que ata agora foi a única derrota en toda a campaña e compensar os tres puntos de diferenza a prol dos santiagueses no encontro de ida.

O público respondeu en masa ao chamamento entre semana e, cunhas gradas ateigadas de xente, colorido, vento e percusión, todas as persoas que se deron cita abarrotando as gradas supuraban baloncesto por cada un dos seus poros. Atmosfera das grandes citas e a sensación no ambiente de que algo grande ía acontecer, pese as baixas de Yerai e Pedro ausentes por lesións que, aínda que non revisten gravidade, si que esixen certa precaución tendo en conta o momento da tempada na que nos atopamos.

Ambiente espectacular no coliseo amiense

Tras un quecemento intenso e como leóns engaiolados, asubío inicial. Ambos contendentes saen con forza. O C. B. Ames, coa idea clara de dominar o partido a base dun ritmo de xogo eléctrico, enseguida pon a sétima velocidade pilotado por un Joaquín que non quere saber doutra cousa que non sexa baixar de 15.000 revolucións. 6 puntos consecutivos do pivote e dúas faltas nos primeiros tres minutos dan boa mostra das súas intensidade. 


Cambio obrigado por Sebas. Para os visitantes foi peor o remedio que a enfermidade. O venezolano saltou a cancha decidido a facer valer a súa superioridade física e técnica perante un conxunto rival que adoece de centímetros. Ordes claras do corpo técnico de aproveitar a manifesta debilidade visitante. Os exteriores surtían unha e outra vez de balóns a un axigantado pivote local que maltrataba a unha defensa que semellaba estar composta por Gremlins desesperados por pillar algunha bola. 12 puntos en pouco máis de 5 minutos sen erro. Brutal.


Sebas, abusando

Os visitantes tentaban capear o temporal pero cando este parecía amainar entrou en escena unha nova cicloxénese con nome propio: Aldán. 5 puntos consecutivos para dobrar no electrónico aos visitantes ao termo dos primeiros dez minutos (28 a 14) perante un público entregado á garra e ao talento dos locais.

Pero o C.B. Ames non sacara a relucir todo o seu potencial. Mate de Reino a dúas mans previo escorzo cadeira/xeonllo como tarxeta de benvida ao segundo cuarto que levantou aos xiareiros dos seus asentos. Defensa asfixiante que provocaba que a maior parte dos ataques do conxunto visitante finiquitasen antes de tan sequera lanzar a canastra e uns xogadores locais envorcando sobre o parqué todo o traballo e esforzo das últimas semanas.



Juan, a por todas

O que estaba a acontecer non é froito da casualidade nin dun momento de inspiración, non é o caso. Todo ten a súa orixe nunha sesuda planificación do corpo técnico, liderado polo tándem de adestradores que forman Dani e Rober, e o esforzo, traballo, disciplina e paixón de todos e cada un dos compoñentes dun equipo que tiña posta a “X” no calendario.  E se a todo isto lle engadimos o pulo duns xiareiros que semana a semana apoian ao seu equipo cunha devoción incondicional digna do baloncesto grego dos anos 80, temos a tormenta perfecta. Isto non é o informe PISA. ¡Isto é AMES!

Todo o mundo atento ao PLAN

Facianas de concentración no banquillo. A implicación é total

Parcial de 19 a 5 e o marcador en 47 a 19 que fala ben as claras do desequilibrio entre uns e outros. A grada en éxtase.

A afección pasándoo en grande

Sen lugar para a relaxación, momento para seguir furgando na ferida. Con Joaquín liderando a ofensiva e todo o conxunto defendendo coma unha lexión, as diferenzas seguían a aumentar ante a desesperación dun conxunto picheleiro asoballado tanto polo xogo como polo ambiente. Por se a malleira non era suficiente, no tramo final do terceiro parcial sae Aldán en modo todoxogador para demostrar que, ao mesmo tempo e cunha diferenza de segundos, pode ser un prodixio en ataque e é un auténtico calvario en defensa. Exhibición dun rapaz que oposita claramente a Rookie do ano. 60 a 17 a falta de 10 minutos e, agora si, todo decidido.

Aldán, MVP

Con todo o peixe vendido, o derradeiro cuarto serviu para aumentar aínda máis a vantaxe no electrónico e materializar a comuñón equipo/afección. 76 a 35 ao a final do partido, 41 puntos de diferenza e festa rachada nunhas bancadas nas que os xiareiros semellaban voar sobre o Nido do Cuco. Bendita tolada.


Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (1, AA), Reino (10, AAA), Fran (2, AA), Juan (7, AA) e Joaquín (15, AAA) -quinteto inicial – Sergio (2, AA), Jaime (2, AA), Jorge (5, AA), Aldán (16, AAA), Sebas (16, AAA), Raúl (AA) e Diego (AA).

O mellor: a simbiose público-equipo. O pasado domingo estivemos ante unha desas tardes que quedaran gardada nas nosas retinas. Resulta impresionante, e atreveriámonos a cualificar incluso como demencial que máis de 200 persoas de todas as idades se deran cita no coliseo amiense ataviados con camisetas, bombos, bucinas e as súas gorxas para dar o mellor de si mesmas e levar en volandas aos seus xogadores cara a vitora. Non hai palabras que fagan xustiza ao noso agradecemento e orgullo. Todo isto é por vós e grazas a vós. E se isto acontece na fase regular, que nos agarda nos play offs? 

O peor: debemos seguir traballando e non crernos os reis do mambo. Desfrutar do conseguido e traballar dende a humildade para conquistar novas metas e obxectivos. Estamos no Tourmalet da fase regular e o próximo rival, o multicampión CAB Conxo, aproveitará calquera atisbo de relaxación así que deberemos seguir traballando pola mesma liña.

Para rematar, queremos agradecer a consideración da Asociación Española contra o Cancro (AECC) á hora de contar co C.B. Ames para súa campaña solidaria “Brazaletes de Esperanza” durante as dúas próximas xornadas. Sirvan estas liñas como humilde recoñecemento ao inxente labor desenvolto por esta entidade contra unha das maiores lacras da nosa sociedade. Parabéns amigos!

 

22/12/25

Urogalia, novo patrocinador oficial do Club Baloncesto Ames

 


O Club Baloncesto Ames dá un salto de calidade nesta tempada 2025/2026 coa incorporación de Urogalia como patrocinador oficial. A clínica de referencia en uroloxía avanzada, con sede en Santiago de Compostela, aposta decididamente polo deporte da canastra como símbolo de saúde, esforzo e superación.


A súa imaxe corporativa está presente nas equipacións de quecemento (“cubres”) do noso equipo, converténdose nun emblema que nos acompañará cada partido. Non é só publicidade: é un compromiso real cun proxecto deportivo que medra día a día e que busca inspirar á nosa comunidade.



Con máis de dúas décadas de experiencia e un equipo médico liderado polo Dr. Pérez Fentes, Urogalia representa excelencia, innovación e confianza. Valores que se identifican plenamente cos que defendemos dende o club: traballo en equipo, disciplina e paixón polo baloncesto.


Dende o Club Baloncesto Ames agradecemos profundamente este patrocinio, que reforza a nosa identidade e nos impulsa a seguir medrando. A canastra é saúde, é comunidade, é futuro. E hoxe, con Urogalia ao noso lado, é tamén prestixio.

Seguimos sumando. Seguimos medrando.

15/12/25

Nada que declarar


Tenteo ao descanso

Final do 3ª cuarto

Remate de partido

Pouco que comentar no encontro do día de onte e no que o equipo visitante, o Deleite Baloncesto Galdea Senior de Brión, demostrou o porqué da súa condición de colista. Reparto de minutos por parte de Dani que as tivo tesas para manter a tensión competitiva dos seus xogadores. Algún malabarismo de Yeray, Joaquín e Aldán cada vez máis asentados, Jaime ou Fran aproveitando os seus minutos, Alberto tirando á remanguillé ou un aborto de mate de Reino, foron algunhas das notas destacables na contenda máis desequilibrada do que vai de campaña, xunto co retorno de Gaby, apreciado exadestrador, a terras amienses.



Dani, sempre ao 100 %

Sen sobresaltos na bancada

Alberto, posando amablemente para este medio co seu inconfundible e habitual sorriso

Gaby, facendo o que pode co que ten

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás Souto (A), Yeray (18, AAA), Reino (9, AA), Juan (4, A) e Pedro (2, A) – quinteto inicial – Sergio (5, AA), Jaime (7, AAA), Fran (9, AAA), Aldán (5, AA), Jorge (11, AA), Joaquín (18, AAA) e Alberto (6, AA).

O mellor: que ninguén se mancara.

O peor: a diferenza entre ambos equipos.