venres, 15 de marzo de 2024

¡NO TE CALLES, GRITA AMES!

 

Segundo asalto dos cuartos de final contra o todopoderoso C.A.B Conxo, esta vez actuando coma visitantes no pavillón do colexio Manuel Peleteiro. Semellaba impensable pensar que o ambiente vivido a semana pasada no Milladoiro podería repetirse pero, de novo, a realidade amosounos a grandeza dos incansables xiareiros do C.B. Ames que non dubidaron en acudir en masa a apoiar ao seu equipo na procura dunha milagre en forma de remontada que permitira mitigar a desvantaxe de 6 puntos colleitada no partido de ida. O pavillón colexial lucía coma nas grandes ocasións. That´s Entertaiment.


Co factor sorpresa esgotado no partido de ida, os pupilos de Fran Varela iniciaron o encontro dispostos a finiquitar a eliminatoria pola vía rápida. En dous minutos o electrónico amosaba un rotundo 10 a 2 a prol dos santiagueses que motivaba o primeiro tempo morto de Dani para frear as acometidas do rival e tentar equilibrar a balanza. Saque de fondo no que Jaime rompe ao seu par para depositar suavemente o balón na cesta e lanzamento a curta distancia cheo de calidade dun Sebas disposto a reivindicarse tras a súa actuación nun primeiro choque no que se agardaba máis do pívot venezolano.



Pero Conxo viña coa lección aprendida e novamente tenta poñer terra polo medio ante un C.B. Ames que atacaba con máis corazón que cabeza. Triplazo de Jorge ao ritmo de “C.B. Ames nunca se rinde” da bancada para poñer o 16 a 10 e facer sentir ao rival que, de novo, botar ao equipo amiense da eliminatoria non sería unha tarefa doada.


Pero nos derradeiros tres minutos a repentina seca anotadora foi aproveitada polos locais para castigar desde a liña de tiro libre e, punto a punto, despegarse no marcador ata o 23 a 11 ao termo dos 10 primeiros minutos.

Os nosos xiareiros, en lugar de virse abaixo, subían os decibelios das súas gorxas e incrementaban a intensidade dos seus tambores e bucinas nun intento de contaxiar a un equipo visitante que sentía que recibira un castigo excesivo no cuarto inicial.

O segundo parcial comezaba cun intercambio de canastras no que o C.A.B. Conxo parecía sentirse cómodo xa que seguía a moverse en diferenzas superiores aos 10 puntos. A falta de tres minutos para o tempo de lecer, Dani solicita novo tempo morto para elevar as apostas e poñer en liza todo o seu arsenal ofensivo de cara a recurtar distancias. Taponazo de Sebas sacando a pasear o matamoscas que esperta a furia venezolana interior en forma de 5 puntos consecutivos (entrada con reverso incluído e tripla taladrando a rede rival) que fan decantar este parcial ao noso favor por 10 a 12. 33 a 23 ao descanso con todo por decidir. Seguimos sendo a resistencia.


Comeza o terceiro cuarto coa intensidade in crescendo e ambas escuadras empregándose a fondo. Aos tres minutos, David Pazo comete unha falta antideportiva aproveitada por Sebas para anotar dous tiros libres e manter as diferenzas no taboleiro de marcas. Sorpresivamente, o experimentado escolta local comete unha nova imprudencia ao curtar un contraataque que os colexiados castigan cunha segunda falta antideportiva que obriga á súa prematura retirada da pista. Sergio anota os dous tiros libres para situarnos por debaixo dos dez puntos de desvantaxe (36 a 27). Cos santiagueses desconcertados, Juan entra en escena para anotar catro puntos consecutivos e poñer cara abaixo a bancada. Que final de tempada a do power forward amiense!

Aínda que os locais replican en primeira instancia, apenas poden co empuxe defensivo e coas acometidas en ataque dun C.B. Ames empeñado dar a campanada. Liderados por un Sebas imperial en ambos lados do terreo de xogo, o triplazo de Jorge minimiza as diferenzas a tan só 5 puntos. O pavillón e case que todo o colexio Peleteiro vense abaixo. Eran os nosos mellores momentos. Como diría a taladrada rapariga protagonista de Poltergeist, “xa estabamos aquííií...”.


Superado o trauma pola perda dunha das súas pezas máis determinantes, os locais non daban o seu brazo a torcer e, con moito aplomo e pese ao ambiente hostil, conseguen frear o avance amiense para chegar cunha vantaxe de 8 puntos a falta de dez minutos para o remate da eliminatoria (48 a 40).

O público en pé. Había que botar o resto. Enésimo arreón dos amienses con todo o equipo dando o 110 % en defensa e Sebas e Juan asediando a cesta contraria. Espoleados por un público que durante toda a tarde foi o verdadeiro sexto home, e incluso con Deus do noso lado, conseguimos situarnos de novo a cinco puntos a falta de dous minutos para o remate (53 a 48). Pero o tempo esgotábase e a empresa de remontar a desvantaxe de 11 puntos (6 do partido de ida e 5 do actual) pasaba de improbable a imposible polo que Dani, cun criterio que o honra e consciente da dureza dun rival que apenas deu signos de debilidade nos 78 minutos precedentes, firmaba a claudicación e colocaba sobre a pista aos xogadores menos habituais nun detalle fermoso con aqueles que contribúen como os que máis a que este club sexa o que é: a envexa de moitos. Loxicamente, un conxunto como o santiagués sen apenas debilidades apuntalou a súa vitoria e o seu merecido pase a semifinais ante unha escuadra amiense que o deu todo. O resultado final de 63 a 48, ademais de antollarse excesivo, resulta anecdótico. A festa estaba nunha bancada que aceptaba deportivamente a derrota ao tempo que recoñecía o titánico esforzo de todo o plantel amiense, encabezado polo mariscal Dani. Unha fermosa eliminatoria que, a bo seguro, quedará gardada nas nosas retinas.

Eternamente agradecidos

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Sergio (2, A), Rocha (2, AA), Juan (8, AA), Jorge (7, AA) e Sebas (19, AAA) – quinteto inicial – Tomás (2, A), Jaime (4, AA), Raúl (2, A), Hugo (1, A), Alberto (1, AA), Eloy (-, A) e Nico (-, A).

O mellor: sen lugar a dúbidas, o ambiente. Aínda estamos abraiados pola resposta da nosa afección. Non hai cualificativos, só palabras de agradecemento. Na parte puramente deportiva, pouco ou nada que reprochar. Competimos 78 minutos perante o que, segundo a nosa opinión, é o mellor equipo da categoría. Parabéns a Dani e aos seus músicos polo concerto de rock duro. Agora toca pelexar pola quinta posición. Próxima estación: Praíña.

O peor: á vista das nosas prestacións ao longo da eliminatoria, era este o mesmo equipo que se arrastrou durante a segunda volta da fase regular cunha única vitoria? Seguramente de ter feito mellor as cousas enfrontariámonos a un rival máis “asequible” e as nosas posibilidades terían sido moito máis elevadas. Tomemos nota e aprendamos. Mentres tanto, NO TE CALLES, GRITA AMES!

E, como fin de festa, deixámosvos o partido completo:


Lembra que podes desfrutar (ou padecer) dos partidos do teu club favorito na nosa canle de YouTube.


sábado, 9 de marzo de 2024

A pel de galiña

 

Tempo de playoff. O pasado domingo o pavillón do Milladoiro engalanouse para a celebración do encontro de ida correspondente aos cuartos de final entre o cuarto clasificado do grupo B, o C.B. Ames, e o primeiro clasificado do grupo A e actual campión da competición, o C.A.B. Conxo. David contra Goliat.

Momento para envorcar en corenta minutos o intenso traballo semanal de Dani na procura de conseguir minimizar as grandes diferenzas entre ambos contendentes á vista das prestacións duns e doutros na tempada regular. Pero cando entramos no terreo das eliminatorias nada do realizado conta e todo pode cambiar. Coach D é consciente disto e, como vello diaño dos vestiarios, mesturou análises das fortalezas e debilidades do rival con outras cuestións que apelaban máis ao corazón e ao orgullo dos quince soldados amienses que a aspectos puramente técnicos. Toda esta estratexia motivacional tivo o seu culmen nos vestiarios media hora antes do inicio. Tras a oportuna charla táctica e as arengas de rigor, o adestrador sorprendeu aos seus pupilos cun vídeo que puxo un nó na gorxa a máis dun:

 


Cargados de enerxía e a por todas non sería esta a única sorpresa da tarde. Varios centos de persoas respondían á convocatoria previa e ateigaban a bancada dunha instalación que por un par de horas disfrazouse do mítico pavillón de la Paz y de la Amistad grego. É unha pasada poder comprobar como un encontro desta categoría pode ter tanto tirón entre persoas de todas as idades, familiares, amigos, xogadoras de minibasket, veciños e xiareiros en xeral que se deron cita no Milladoiro Arena. Todo elo aderezado coa Jam Session preparada polo noso DJ Yerai (David Guetta xa te podes ir xubilando) quen se encargou de elevar a temperatura dun ambiente sensacional e poucas veces visto por estes lares.

Cando o xefe fala os demais escoitan

Gran traballo, Adestrador!

Con todos os ingredientes mesturados só podía cociñarse un bo espectáculo. O dez protagonistas saltan á pista, apágase a música e asubío inicial. Comeza o primeiro asalto.

As primeiras acometidas dun C.A.B. Conxo liderado polo seu aleiro Roi Pallares non conseguiron amedrentar a un C.B. Ames serio e ben armado que pronto deixou claro que non ía a xogar o papel de comparsa. Non neste día e perante este público. Así, no ecuador do cuarto Dani introduce os primeiros trocos co obxectivo de manter – e incluso, aumentar – a nosas prestacións perante un rival que dera un tirón inicial no electrónico (6 a 13). A canastra do eterno capitán Víctor tras rebote ofensivo sumado a un costa a costa dun Sergio que cada partido vai a máis provocou a reacción local e as primeiras dúbidas nunha escuadra visitante pouco acostumada á replica no que vai de curso.

Cunha orde e un espírito de loita non vistos durante esta campaña, os locais mantiñan o pulso aos santiagueses nun intercambio final de accións positivas que supuxo o 16 a 20 no electrónico  ao final do primeiro parcial. Aqueles que pensaban que non ía haber encontro xa caeran na conta de que estaban equivocados.

Segundo cuarto. Dani acostuma tratar aos seus pupilos coma “soldados” e neste exército Juan é coma John Rambo. Emulando ao traumatizado ex-boina verde do celuloide, el só enfrontouse a un sorprendido o equipo rival sumando 9 puntos consecutivos (incluída unha calamitosa tripla a taboleiro) en tres minutos. Son os mellores momentos do C.B. Ames, probablemente, de toda a tempada. Nova tripla de Raúl e parcial de 12 a 0 para situar o electrónico en 28 a 20 a falta de seis minutos para o descanso e cunha bancada que levaba en volandas á escuadra local. Os pupilos de Fran Varela parecían superados por vez primeira este ano, pero unha vez asimilada a idea de que a empresa non sería todo o doada que pensaban, demostraron saber sufrir e os motivos polos cales son o favoritos non só desta eliminatoria, senón para levarse o título.

Cinco puntos consecutivos de David Pazo cortan a hemorraxia e obrigan a pedir tempo morto a Dani, quen aproveita para mover o banquiño e sentar por vez primeira a un extenuado Juan levándose unha máis que merecida ovación.

Os astros parecen seguir aliñados co C.B. Ames: Eloy anota dous tiros libres e no palco o presidente do C.B. Ames explota orgulloso. Pero Conxo reacciona e consegue poñerse por diante ante un conxunto local que comeza a amosar os primeiros síntomas de esgotamento. Nun cuarto semellante a unha montaña rusa nos momentos finais tocounos a costa abaixo, o que foi aproveitado polo experimentado equipo visitante, liderado por Soriano, para castigar o noso aro nos derradeiros dous minutos cun parcial de 2 a 9 e deixar o marcador en 36 a 43. Salvados pola campá.


Esgotado o factor sorpresa, no terceiro cuarto o obxectivo é claro: recuperar a intensidade e orde dos primeiros dezaoito minutos e non permitir que o rival colla distancia. Canastra inicial de David Pazo replicada por cinco puntos de Jorge que facía a súa entrada no encontro. Pero os visitantes amortiguaban de novo o arreón inicial gracias en gran parte ao acerto dun inspiradísimo Roi Pallares que mantiña a distancia de seguridade na contorna dos 7/9 puntos de vantaxe. Pero o C.B. Ames, cunha actuación tranquila e moi coral, non deixaba de crer e en ningún momento lle perdía a cara ao encontro. Resistencia numantina que, pouco a pouco, minaba os folgos dun conxunto visitante que comprobaba que, pese a dar o cento por cento, non era quen de sentenciar.

Coa contenda en equilibrio aínda que sempre favorable aos visitantes, ambos equipos semellaron tomar un respiro e reservar as súas mellores armas para o cuarto final. 48 a 55 a falta de dez minutos.

O plan de Dani funcionaba e o C.B. Ames estaba no partido. E máis que ía estar. Con seis na pista (os cinco xogadores máis o público) o C.B. Ames golpea primeiro cun fermoso contraataque culminado polo lituano Linas Baltusis tras gran pase picado de Hugo. Co crono xogando a prol dos visitantes, o C.B. Ames tentaba achegarse no marcador ante un rival non o poñía nada fácil. Tensión, emoción e tripla de Jorge para situar o marcador en 55 a 59 a falta de cinco minutos.

Aínda a risco de semellar cansinos, que partidazo de Juan! Remontando liña de fondo anota a aro pasado (posiblemente con falta) para acurtar distancias e elevar o nivel de decibelios do coliseo amiense ata o limiar da dor. Catro puntos abaixo (57 a 61) e os nervios a flor de pel. Dous tiros libres e, como se dunha nova moda se tratase, estratosférico aro pasado máis adicional dun Sergio Rocha que sempre responde cando a ocasión o require. A diferenza nun punto (62 a 63) a falta de minuto e medio. A un paso de facer posible o imposible.

Pero se por algo se caracteriza o C.A.B. Conxo é pola súa experiencia e saber estar nos momentos importantes. Cun aplomo pasmoso, David Pazo (vaia crack!) aproveita o bloqueo directo para anotar unha tripla que sentou como unha auténtica navallada no corazón dos amienses. Tempo morto. Estamos ante unha eliminatoria de 80 minutos e perder a cabeza nun só deles pode supoñer tirar pola borda a grandísima labor realizada, máis ante un rival que sabe como penalizar cada unha das nosas debilidades. Dúas desacertadas eleccións en ataque aproveitadas polos santiagueses terminaron por decantar a balanza ao seu favor por seis tantos de diferenza (63 a 69).

Abrumados e agradecidos

Segundo acto o vindeiro domingo 10 de marzo no pavillón de Peleteiro ás 19:00. O plan segue en pé e máis vivo que nunca. Só hai que crer.

Ibón también cree no noso plan

Por parte do C.B. Ames interviñeron:

Sergio Rocha (3,AA), Jaime (2,A), Juan (19,AAA), Jorge (11,AA) e Sebas (6,A)- quinteto inicial – Sergio (3,AA), Raúl (6,AA), Hugo (2,A), Víctor (2,A), Linas (2,A), Alberto (5,AA) e NIco (-, A).

 

O mellor: espectáculo en maiúsculas. Ambientazo na bancada, dous equipos xogando de poder a poder exhibindo as súas mellores armas, dous adestradores moi por riba desta categoría implicadísimos nos seus respectivos proxectos, respeto, deportividade, emoción, intensidade,  etc... Que máis se pode pedir?

O peor: a diferenza final no marcador, aínda que, polo visto sobre a pista, seis puntos non son nada. Hoxe non hai nada que reprochar.    

 

E coma sempre, o encontro completo na túa canle de YouTube favorita:



xoves, 29 de febreiro de 2024

A cuartos de final pola porta traseira

 

Derradeira xornada da tempada “irregular” para o C.B. Ames. Unha vez coñecidos os resultados dos nosos principais rivais (por razóns obvias, a FEGABA non contempla cuestións tales como a unificación de horarios), compadecemos o pasado domingo como locais fronte ao Negreira Basket coa clasificación para cuartos de final no peto. Con todo o peixe vendido, tempo para os menos habituais e para tentar de inverter a dinámica negativa de xogo e resultados perante a un rival que tampouco tiña maiores aspiracións nin obxectivos que pechar a súa andaina do xeito máis honroso posible.


A primeira cesta do recén incorporado playmaker Sergio non foi máis que un espellismo dun encontro que non pasará aos anais deste deporte. Cun ritmo lento e moi espesos en ambos lados da pista, o C.B. Ames víase superado polas acometidas dun rival que poñía moito máis empeño en cada unha das súas accións. O Basket Negreira escapábase rapidamente no electrónico ante a inoperancia dun conxunto local no que só Juan parecía saber interpretar o que necesitaba o seu equipo: maior intensidade e decisión cara o aro. O 8 a 17 do primeiro parcial fala ben ás claras da seca ofensiva amiense.


Ao inicio do segundo cuarto dúas canastras consecutivas do C.B. Ames, a segunda delas tras espectacular fade away ao poste baixo dun Jorge que, quen sabe por que, non repetiu aproximación á pintura visitante, motivaron o primeiro tempo morto do adestrador do Negreira Basket ao obxecto de sufocar calquera indicio de remontada. Nun cuarto presidido pola apatía e falta de acerto de ambas escuadras, unha tripla (a única do equipo en todo o partido) e un palmeo de Raúl, cada vez máis recuperado para a causa amiense, e unha entrada de Jaime conseguían arrincar os primeiros aplausos na bancada nun pequeno cambio de marcha que maquillaba as carencias locais, patentes e palmarias sobre todo no apartado ofensivo. Sorprendentemente, ao paso polos vestiarios seguiamos vivos (18 a 25).


Aínda que non era día para diatribas, a verbas de Dani semellaron fornecer os ánimos do C.B. Ames cara as súas posibilidades perante un rival que non estaba a facer nada especial para levarse a contenda. Co veterano pivote Alberto moi certero dende a media distancia e grazas ao empuxe de Juan e de Rocha, ademais dun notable incremento das nosas prestacións defensivas que deixaron aos visitantes en tan só catro puntos en todo o cuarto, conseguimos facer sentir o noso alento na caluga dos visitantes e, tras un parcial de 10 a 4 (que tampouco foi unha orxía anotadora, vaia por diante), situarnos a un só punto de diferenza a falta de dez minutos para o final dun choque que, en honrando á verdade, foi “duro” de ver (28 a 29).


E que algo parecía haber no ambiente que indicaba que non sería o día dos locais. De novo volta ao espesor. Os visitantes, algo máis espabilados e liderados polo seu base Paulo, conseguían escaparse no electrónico no ecuador do parcial (30 a 37) fronte a inoperancia e indolencia local no que unicamente Juan salvábase da queima. Pero para gañar partidos, dito dun xeito moi básico, hai que meter máis puntos que o rival (obviedade categoría cinco análoga a aquela futbolística que di que se non tiras a porta non podes meter gol), e cos nosos primeiros espadas desaparecidos (non “en combate” precisamente), cada canastra costaba sangue, suor e bágoas. Diferenzas que para calquera serían escasas, como os catro puntos de diferenza (34 a 38) a falta de tres minutos para o remate, eran todo un mundo para nos. Cos xiareiros locais desesperados ante tanta inoperancia, o Negreira Basket tan só tiña que deixar pasar o tempo e transformar os tiros libres para levantar un infranqueable muro de 7 puntos de vantaxe (36 a 43) a falta de pouco máis dun minuto. Só unha derradeira operación cosmética liderada de novo por Juan permitiunos superar os corenta puntos e rematar cun axustado 42 a 45 nun encontro de guante branco por parte de ambos contendentes poñendo fin á tortura para os xiareiros que se deron cita no municipal de Bertamiráns.


A continuación deixámosvos a vosa disposición o partido enteiro, que tamén está subido na nosa canle de YouTube. Advertir que, pola alta probabilidade de causar danos irreparables no espectador, recomendamos o seu visionado en pequenas doses e sempre baixo prescrición médica:


Por parte do C.B. Ames interviñeron: Sergio (2, A), Jaime (2, -), Raúl (5, A), Linas (0, -) e Alberto (7, A) – quinteto inicial – Tomás (4, -), Rocha (3, A), Juan (11, AA), Jorge (2, -), Sebas (6, -), Eloy (0, -) e Nico (0, -).

Cuarto posto e, sen solución de continuidade, a cuartos de final a vindeira fin de semana contra o actual campión: o todopoderoso CAB Conxo, tamén coñecido como o “Papatorio, Tapas e Brasas”. Agardamos que non veñan con moita fame...

 

O peor: a indolencia e falta de garra amosada, sobre todo cara ao aro contrario. Aínda que o rival tivo erros de bulto propios da súa clasificación final, a defensa non foi tan desastrosa coma o ataque. Superamos a tímida presión visitante pero en lugar de aproveitar e castigar as inferioridades numéricas do noso rival, paramos e permitimos a que a defensa se coloque. O ritmo de xogo é paupérrimo. Non pode ser que algún xogador tarde máis de 12 segundos en colocarse para o ataque. Ver un contraataque é máis difícil que tocar a pandeireta baixo a auga. Ás veces ata parece que sufrimos cando atacamos...

 

O mellor: a clasificación para cuartos de final e que non houbera lesionados. Obxectivo cumprido aínda que a marxe de mellora é moi grande.


mércores, 24 de xaneiro de 2024

Para esquecer

 

Difícil empresa a do pasado domingo. Tras a derrota contra La Salle da xornada anterior, visita á cancha do líder da competición, o ADB Fontiñas. Con 6 vitorias por tan só unha única derrota, os pupilos de Ángel Noya pasan por ser un conxunto coral no que a polivalencia dos seus integrantes e a súa intensidade son os seus puntos fortes.

En posición

Jaime saíndo da presión

Consciente da fortaleza do rival, pero tamén dos seus puntos febles, e condicionado por baixas tan sensibles como as de Jorge e Alberto, Dani deseñou unha estratexia baseada en igualar a intensidade do equipo contrario coa fin de sorprendelo e ir a buscar aos santiagueses en tres cuartos de pista. Primeiros instantes e a proposta do adestrador visitante ten un éxito tan claro coma exiguo, concretamente 5 minutos, nos que os amienses estiveron firmes en defensa e, liderados por un Juan excelso, ordenados en ataque. Pero Fontiñas é un equipo que non afrouxa e, unha vez superada a sorpresa inicial e xa cos primeiros cambios sobre a cancha, elevaron a súa velocidade de balón e a porcentaxe de acerto exterior para dar un golpe de autoridade e poñer terra polo medio ao termo do primeiro parcial. O resultado de 20 a 9 antollábase como un castigo excesivo para visto sobre a cancha, pero é o prezo que hai que pagar cando estás negado cara o aro dun rival que penaliza cada erro cometido.

No segundo cuarto a tónica xeral seguiu sendo a mesma. Parcial de 8 a 0 de saída a prol dun conxunto local que pretendía finiquitar o choque pola vía do cloroformo ante a indolencia visitante. Tras unha cantidade considerable de trocos na procura da fórmula que permitira parar a hemorraxia, a combinación Tomás, Sergio Rocha e Juan (que foi dos poucos xogadores amienses que entendeu de que ía o partido) conseguiu equilibrar un pouco a balanza (32 a 22).


Neste amago de remontada temos que destacar como unha das noticias positivas a primeira cesta de Raúl en competición oficial tras máis de ano e medio afastado das canchas de xogo por unha grave lesión. Benvido de novo, rapaz!


Pero cando mellor estaba o equipo amiense aconteceu unha das peores cousas que nos podería pasar: a lesión de Diego. Nunha entrada a canastra coa garra que caracteriza, o bravo escolta do Milladoiro pisa ao seu defensor, salta desequilibrado e aterra con todo o peso do seu corpo sobre o pé dereito en moi mala posición. Tendido sobre o parqué e con evidentes mostras de dor, tememos o peor. Incapaz de erguerse e tras varios minutos no chan, tivo que ser asistido polos seus compañeiros para chegar ao banco. Ao non remitir a dor e cun nocello ao que parecía que lle botaran levadura Royal, tomamos a decisión de dar parte inmediato ao seguro deportivo, que para iso está. Lamentablemente, se non hai o que eles denominan unha “urxencia vital” (isto é, un infarto, ictus, traumatismo craneoencefálico severo, etc.) non envían ambulancia, polo que tivemos que trasladar ao noso xogador en coche particular. Dende aquí queremos aproveitar para agradecer a magnífica disposición do conserxe do pavillón de Fontiñas cara a rápida evacuación do noso xogador, actitude diametralmente distinta á amosada pola recepcionista do Hospital HM A Rosaleda, pero isto é un blogue de baloncesto e a señora bastante ten en ser coma é, aínda que os sufridos pacientes que acoden as urxencias deste centro de saúde non teñan culpa da súa escasa capacidade de resolución.

Aínda que nun principio temiámonos o peor, as probas hospitalarias determinaron un diagnóstico menos grave do inicialmente previsto: escordadura de nocello de terceiro grado. Mal menor e moitas doses de mala sorte dun rapaz ao que lle apaixona o deporte en calquera das súas manifestacións. Estamos seguros de que, grazas ao seu carácter competitivo e o espírito de loita que demostra día a día, verémolo de novo en acción moito antes do que pensamos. ÁNIMO DIEGO!

Tras este incidente o partido reanudouse pero o C.B. Ames, moi afectado por esta nova baixa, non compareceu no resto do encontro. 38 a 22 no descanso e charla motivadora de Dani para tentar resucitar aos seus nunha misión que se revelaba imposible.

Moitísimo máis intensos e canastra tras canastra, o ADB Fontiñas non levantaba o pé do acelerador para situarse rapidamente por riba dos 20 puntos de diferenza. Os 6 puntos consecutivos do C.B. Ames no ecuador deste cuarto non foron máis que un espellismo.

As perdas de balón dos visitantes multiplicábanse ao mesmo ritmo que os puntos anotados dos locais en accións sen apenas oposición, os rebotes caían sempre en mans das equipacións brancas e, no caso de chegar a tirar, as porcentaxes de tiro eran paupérrimas (o 3/15 en tiros libres ou só 2 triplas anotadas en todo o partido). Todo isto traduciuse nun parcial de 26 a 11 e un marcador de 62 a 33 con dez longos minutos por disputar. Como diría o gran Domenico Modugno, “ciao, ciao, bambina”.

Derradeiro cuarto de trámite que non serviu máis que para afondar na nosa ferida. 19 a 10 de parcial e tanteo final de 83 a 43. Os 40 puntos de diferenza falan por si mesmos das prestacións duns e doutros ao longo de todo o choque. Tocados.


Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (4,-), Jaime (2-,), Raúl (2,A), Juan (12,AA) e Sebas (7,-) – quinteto inicial – Sergio Rocha (5,A), Ángel (3,-), Diego (2,A), Hugo (4,-), Víctor (0,-), Eloy (0,-) e Linas (2,-).

O mellor: o regreso á competición de Raúl.

O peor: ademais da lesión de Diego, as sensacións ao final do partido. Se non igualamos, polo menos, a intensidade do rival durante os 40 minutos, cos argumentos ofensivos vistos este pasado domingo gañar será unha quimera. Quedan tres finais, a primeira o domingo 28 na casa fronte a un directísimo rival como é a Estrada. É imperativo que, ademais dun cambio radical de actitude que nos devolva a nosa identidade, xogadores como Hugo, Sebas ou Linas sigan o exemplo de Juan e dean un paso ao fronte  asumindo maiores responsabilidades e protagonismo. Baloncesto temos de sobra pero hai que demostralo.

Pódese!

 

mércores, 17 de xaneiro de 2024

Querido baloncesto, grazas!

 (Por Rober Playmaker)

Cando alguén coma min retírase do basket federado a ninguén lle importa. Esta é unha pequena reflexión para aquelas persoas ás que lle pode interesar algo a miña marcha do baloncesto federado. O baloncesto para min é como un gran amor, dende os primeiros recordos ata agora. Fíxome a persoa que son hoxe en día, sen dúbida. O míster esta tempada dixo algo así como "o baloncesto é a cousa máis importante daquelas menos importantes da vida".

Quérome ir co outro gran amor da man.  Sen ela non volvería a xogar despois de lesionarme o xeonllo con 30 e moitos e, polo tanto, non coñecería a este gran club, o C.B. AMES.

(Entrevista de Mariajo a Rober)

Gravando... Ola Rober. Imos comezar dende o principio:


CAL É O TEU PRIMEIRO RECORDO DO BALONCESTO?

Ufff... O meu primeiro recordo debe ser de cando tiña 5 anos e xogaba coa miña irmá despois de cear e tomar colacao con bolechas, jejeje... Tiñamos camisetas de manga curta e con pelotas de tenis emulabamos aos xogadores do Obra de finais dos 70s, dos que non teño ningún recordo ou ben solapeinos co Obra de mediados dos 80s. Na miña casa meu pai nunca vía basket, polo tanto, miña nai era a culpable; levábanos ao Obra, entre outras, porque a miña tía Mª José era noiva dun xogador. Fai pouco decateime que xoguei contra o seu fillo moitas tempadas e o meu fillo, Óliver, contra o seu neto... O mundo do basket une xeracións... É marabilloso.


CAL É O EQUIPO QUE MÁIS TE MARCOU?

A infancia márcao todo. Despois de xogar un ano en Altamira e outro en La Salle, a seguinte tempada, tamén en La Salle, chegou un adestrador en 1º de infantil que nos poñía nomes de xogadores de basket americanos en plena moda da NBA... A min púxome Cedric Maxwell, MVP nas finais do 81 cos Celtics., un catro moi peleón e  de moita calidade. Debeu verme con moi bos ollos a principio de tempada. Ao final era Byron Scott, un escolta defensivo dos Lakers. Non crecera o suficiente en altura e calidade. Marcou toda a miña xeración. Seguimos falando desa tempada e ese adestrador cando nos xuntamos, entre pachanga e chuletón. Non teño nin fotos e menos aínda vídeos desa tempada.

Foto en cadete de 2º ano no pavillón de La Salle. Primeiro por abaixo á esquerda

Máis de sénior, sen dúbida, o meu actual equipo, C.B. Ames. Unha mestura de veteranos, Elo, Víctor, Linas, Alberto e máis eu e rapaces coma Sebas, Jorge, Juan, Ángel, Tomás, Jaime, Diego, Hugo, Nico e Rocha (que non sae na foto) e agora tamén Raúl.  Dani e Jota no centro. Hai moito gusto polo basket e ganas de pasalo ben. A vida consiste en rodearse de boas persoas e tratar de ser feliz. Ao bisavó Eusebio ilumínaselle a mirada cando xoga ao parchís, con 95 anos. Meu pai ao golf con 80. Esa é a razón de todo: xogar. Todos, ao final, somos menos, non?

Tempada 2023/2024. Club ao que pertenzo dende a campaña 2014/2015

En primeiro lugar, acordaríame do meu bo amigo Ketxu (DEP). Sebas parécese a el por dominio e por bo tipo. Sufrín a Ketxu, en contra, cando xogaba en Peleteiro e nos metían unhas boas choscas. Superdominante, do mellor da súa xeración, campión galego, superior a Codesido e a Esmorís naquel campeonato. Despois veu unha lesión fodida. En fin, foi todo un pracer xogar ao seu lado. Deunos a vitoria do campionato universitario na cancha do Breo en Lugo. Esa tempada compartiamos adestramentos co Breo de ACB. Davis, Antúnez, Loncar, etc., un luxo. Gañamos a final, a tres partidos, cun triplazo a 8 metros a falta de 1 segundo. Despois o xúbilo absoluto. Saltei sobre el. Estaba feliz porque sabía o importante que era para todos os compañeiros. Acordareime sempre del así. Foi top por onde foi, como foi, pero sobre todo con quen foi. Estiven anos tentando que volvese a xogar nos meus equipos xa de sénior, sen éxito. Unha vez contestoume: "Rober, non teño tenis de basket". Era grande ata mandándote a paseo, jajajaja...  

Año 1999. Ese ano chegamos a semis. Eu no medio. Ketxu 1º por arriba á esquerda

Despois acordaríame, como momento negativo, da miña expulsión da tempada pasada. Vicario, sobrado para a categoría, nos meteu 40 puntos. Debutou en ACB, pero case toda a súa carreira a fixo en Cáceres, categoría LEB. Expulsáronme por dobre técnica seguida por primeira e última vez dunha cancha de basket. Tamén a Dani... Non nos pitaron unha falta a favor ata o terceiro cuarto e un pouco enfadados estabamos. 

Outro xogador, Victor Vic Dominique. Xogamos xuntos un ano, o primeiro de cadete. Un partido contra o Clesa que lles gañamos dun punto e Vic meteu 44. Lembro dividir a zona entrando a canastra e dobrala sempre a el. Anos máis tarde  lesionaríase o xeonllo de gravidade. Pero de algo negativo fixo algo positivo: foi adestrador e aí está cun currículo envexable (campión do mundo). 

Manu, Manudona, é un xugador zurdo co que coincidín en Ames. Hai outro Manu co que xoguei, en Ribadulla, e outro en contra, ao que me enfrontei en Arzúa, en categorías inferiores, todos con calidade. Aquel empezou con nos con 17 anos. Foi collendo galóns e acabou xogando de base e mandando aos veteranos que daquela eramos maioría de longo. Moita personalidade. Un partido en Portosín, contra o Porto do Son, a falta de 5 segundos para acabar o partido e perdendo dun punto, cruzouse todo o campo sorteando a contrarios e meteu unha bandexa no último segundo para darnos a vitoria. Non foi unha final, pero foi unha canastra bestial. Hai un vídeo memorable, todos abrazándolle. 

Tempada 2016/2017. Manu abaixo á dereita e o seu irmán Kike ao seu lado

Tempada 2010/2011. Manu, o 13 no Ribadulla de Vedra onde xoguei dende 2009 ata 2014

Outros momentos. Nomearía as canchas de La Salle, a Resi, Xoan XXIII, a de Studio 3 en Lugo, as míticas pachangas de Sar... Moi bos xogadores de distintas xeracións e equipos. Un momento memorable, na Resi, foi con Fede (na seguinte foto, na dereita, con outro bo amigo no centro, Alfredo), compañeiro de mil equipos. Salvou un balón pola liña de fondo, co corpo totalmente paralelo ao chan, e acabou nos setos, emulando a un vídeo de Rodman. Enorme! Nico, con menos calidade, lémbrame por ser unha rocha.

Outra ocasión, en xuño de 2000, estaba J.C. Navarro, a bomba Navarro: Ese ano xogábanse as olimpíadas en Sidney, en setembro, e estaba seleccionado. Era xa o mellor escolta español e o foi ata retirarse. Alí estábamos uns cantos míticos, algún de Peleteiro, Obra, Rosalía, La Salle... Eu acabei nun bo equipo e lle gañamos 3 seguidas, jajaja... Despois púxose a tirar en serio dende 8-9 metros, barreunos e acabou a broma. Ao marchar foi como dicindo xa o escribiredes. Pois iso.

Jorge, ás súas triplas imposibles, e Mata, a taboleiro, e que nos fixeron ganar partidos.

Momentos negativos, as lesións. Alber, do Aquiles, o máis desgarrador que vivín nunha pista de basket. Alber xa é grande. Pois moito máis despois daquelo. E Raúl, nun adestramento, lesión do cruzado. Buff, quedamos todos en silencio. Toni a pasada tempada case nin puido debutar.

Xogadores aos que me enfrontei. Aitor, Sanmartín, Puñal, Raúl, Estevez que xogará ata o ano 3.000, etc. Outros, moitos, amigos de basket coma Roi, Noya o fundador do Ames, Diego, Hugo, Roger, todos os de La Salle de distintas xeracións... Que ninguén se enfade por nomealo ou esquecerme del xa que falo dende o cariño.

POR QUE TE RETIRAS?

Xa esta tempada puxen o meu posto á disposición do club e o míster pediume un par de meses. Non ten sentido xogar de base e que me defenda, como na pasada xornada, en Ribeira, un júnior de 17 anos. Hai que deixar sitio. Estou feliz de que me dea o relevo Raúl que é un tío de baloncesto. Xogou dende mini e, a partir de junior, tamén adestra, entre eles a Bruno e Óliver. Péchase o meu círculo do basket dunha forma perfecta. O club ten futuro. No meu posto, Tomás personalidade e Ángel calidade, mesmo algún máis o pode asumir e, se seguen Jota na presidencia e Dani como adestrador é un luxo. As palabras que mellor os definen é competentes e competitivos. Antes da pandemia xa o quería deixar.  Ti sábelo. Pero, despois do bicho, non quería que o equipo desaparecera e grazas ao núcleo duro conseguimos avivalo. Sentíame responsable. Agora voume moi satisfeito e tranquilo. Toca facerse a un lado.

Tempada 2015/2016. Raúl co 25, Jota co 24 e Dani co 8 na súa etapa como xogadores

Ano 2017. Raúl con Bruno e Óliver e algún fillo máis dos veteranos do equipo

SEI QUE O TEU XOGADOR FAVORITO DA HISTORIA É JORDAN. POR QUE?

En poucas palabras, porque nunca perdeu unha final, ningún partido malo, sempre competitivo e conectado. Faltoulle gañar a Bird, pero barreu a Magic na final do 91. Europeos: Petrovic, Navarro, Jasikevicius... na actualidade Llull, Jimmy Butler... Distintos perfís, pero igual de competitivos.

ALGUNHA ACTUACIÓN, PERSOAL COA QUE TE QUEDES...

Un árbitro unha vez me definiume como intenso. Lembro meter un par de veces canastras no último segundo para gañar. Unha desas, precisamente contra Ribadulla, a Manu partironlle o labio polo que xoguei moitos minutos e estaba coa boneca solta. Levaría xa 14-15 puntos e boa porcentaxe de tres cando, a falta de tres segundos, iamos empatados, sacabamos de banda e non tiñamos tempos mortos. En lugar de ir ao bloqueo e saír á liña de tres, amaguei e pedín pase a Kike na liña de fondo. Tirei, fixéronme falta and one. Metín o tiro libre, gañamos de 3 e xúbilo e manteo. Pero nunca fun xogador destacado en nada, máis ben ao contrario. Boa actuación é aquela onde sabes cal é o teu rol e non necesitas ser protagonista. Pero fas outras cousas: coller rebotes, defender, meter os libres, pasar ao que ten vantaxe, etc. Agora teño un prisma máis global. No equipo hai dous xogadores que definen moi ben isto, Eloy e Rocha. Alguén da miña xeración díxome unha vez que o meu maior logro era ser o que tivo a carreira máis lonxeva. 

QUE SIGNIFICOU PARA TI QUE HUGO ENTRASE NO EQUIPO?

Unha sorpresa inesperada, a mellor noticia. O máis parecido a xogar cun fillo.  Veunos moi ben e a el tamén, creo. Non temos un xogador así no equipo. Foi campión galego. Ao campionato nacional onde xogaron de ti a ti contra o CAI de Langarita, Mara e compañia que son campións do mundo. Non é fácil axustarse a un equipo sénior vindo de xogar cos teus amigos en júnior. Irá evolucionando e atopando o seu sitio, como fixeron outros coma Diego e Jaime, que cumpren sempre, ou ultimamente Juan, que mellorou moito en tiro dende todas as posicións

QUE NON BOTARÁN DE MENOS DE TI OS TEUS COMPAÑEIROS E QUE SI?

Un ten que se ir antes de que os teus compañeiros pensen que sobras. Do amor ao odio hai un paso e eu estaba a dous, jajaaja... Creo que non botarán de menos o brasas que son nos adestramentos. Por outro lado, a miña forma de ser competitiva creo que si que o teñen en conta e creo que suma. Linas, cantas discusións tácticas, nos adestramentos e cunhas cervexas no terceiro tempo. Voume sen un título neste club. Dani lembrará contra Arzúa o poder ser campións e ascender por un tiro no último suspiro. E, supoño, Linas contra A Baña, a copa e a forma de perdela. Eu si lles lembro, jeje... Espero que esta tempada sexa o momento de abrir o champán. Eles o merecen.

QUE PENSAS CANDO VES AOS TEUS FILLOS XOGAR A BASKET?

Nunca fun de dicirlles nada. Temos canastra en casa e empezaron a xogar nela o pasado ano. Verán a importancia co tempo. O basket é un deporte espectacular de equipo que che fai coñecer a moita xente e coñecerte a ti mesmo. Atacas ao que despois tes que defender. É todo moi mental. Sento orgullo como se toman as vitorias e as derrotas. Tamén ía con eles a ver partidos de Hugo e Mario e iso fixo que quixesen emular aos seus curmáns. Van ao Obra dende bebés. Un momentazo para eles foi cando botaron, gracias a Vic, unhas canastras con Zurbriggen na cancha do Obra con motivo do 8º cumpre de Óliver. Foi un motivo máis para engancharse ao basket.



Con Bruno e SuperMario

Con Óliver

Con Zurbriggen en marzo de 2022

E AGORA QUE?

A investir en ladrillo con todo o que gañei co baloncesto, jaja... A nivel deportivo, adestrar a rapaces/as, como esta tempada a un mini. Moi enriquecedor e moita responsabilidade. Espero ver, en breve, a Victor Ames nesa faceta e enfrontarme a el. Posiblemente competir, de novo, en tenis, xogar a pádel para botar unhas risas, facer surf que ultimamente o tiña apartado, etc. En fin, desfrutar o basket dende a barreira e, por suposto, seguir pachangueando.

Nemiña, outubro de 2020. Adicada a Jaime que opina que os vellos non podemos surfear 


ALGO MÁIS?

Dar as grazas a todas as persoas coas que compartín pista de basket, dende mini ata esta tempada. Compañeiros de equipos en Altamira, La Salle, os distintos equipos universitarios, Bertamiráns e Ribadulla. Aos compañeiros do C.B. Ames e de La Salle por parar o partido que estaba moi competido e dedicarme tan bonita despedida (moi emotivo). Máis non se pode pedir. Ás parellas, familia e amigos por seguirnos e ter tanta paciencia, e, en especial a Jota e Dani. Sen eles o club non existiría.

Foi un verdadeiro pracer!


C.B. Ames Vs. La Salle Bonaval (Rober´s last dance)

 Ofrecémosvos o partido completo correspondente á 9º xornada da tempada regular.


Lembrade que podedes disfrutar (ou padecer) este e outros encontros do voso club favorito na nosa canle de YouTube.

Moitas grazas polo voso apoio!

martes, 16 de xaneiro de 2024

Chámome Rober e son lenda

 

O partido correspondente á 9ª xornada da tempada regular e que nos enfrontou a La Salle Bonaval non era un partido máis. Dende o principio da campaña, foi seleccionado polo noso eterno playmaker Rober para poñer o punto e final a unha dilatadísima carreira perante o club no que se formou como xogador de baloncesto. A bancada amiense tinguiuse coas súas mellores galas para render unha máis que merecida homenaxe, dándose cita familiares, amigos e compañeiros para arroupar ao base santiagués neste last dance. Moitas emocións e os sentimentos a flor de pel.


No plano estritamente competitivo, encontro importantísimo para ambas escuadras. Tras o tropezo da xornada anterior, O Club Baloncesto Ames tentaría recuperarse a costa dun La Salle Bonaval, gañador na ida celebrada en Santiago, que chegou ao coliseo amiense disposto a rematar coa súa racha negativa e reengancharse na táboa clasificatoria. Prognóstico igualado nun choque que, a bo seguro, decidiríase por detalles.

Tras o intercambio de golpes inicial, os locais sofren o primeiro (e determinante) revés en forma de lesión do seu mellor anotador, o aleiro Jorge Rodríguez, que tivo que abandonar de xeito prematuro o encontro por unha probable escordadura de xeonllo nunha agarrada fortuíta co seu par.

Jorge, apoiado por Alberto e por Eloy, retírase lesionado ante a preocupación de Dani

Os colexiais aproveitaron o momentáneo estado de shock para tomar as primeiras vantaxes no electrónico (4 a 9, minuto 6) o que motivou o primeiro tempo morto solicitado por Dani ao obxecto de recompoñer filas e introducir os primeiros cambios. Baixo a batuta dun extramotivado Rober, Jaime bótase a responsabilidade ás costas e cunha entrada a canastra de fermosa factura seguida dunha tripla consegue igualar a contenda rapidamente. Os dous tiros libres anotados polos visitantes son compensados por unha canastra do sempre intenso Sergio Rocha para asinar as táboas no electrónico ao final do primeiro cuarto (11 a 11).


No segundo parcial os locais meten un par de marchas máis en defensa nun intento de maniatar os ataques visitantes e coller a iniciativa nun encontro aparentemente sen dono. Cun Diego explosivo e con Juan facendo o traballo sucio, o C.B. Ames consegue someter temporalmente aos estudiantís e situar o electrónico 22 a 17 a falta de dous minutos para o descanso.




Pero, lonxe de poñerse nerviosos, os visitantes conseguen con moito oficio acurtar distancias para chegar ao ecuador do encontro só dous puntos abaixo (25 a 23) e todo por decidir.

Despois do paso polos vestiarios La Salle sae disposto a recuperar a iniciativa perdida. Moito máis enchufados, dúas tripas consecutivas do seu xogador máis incisivo, Fernán Bouzán, volteaban un encontro de toma e daca constante (27 a 31, minuto 25). Tras un novo tempo morto, Coach D decide dar entrada á vella garda para salvar a situación: Rober, Alberto e Eloy. Nada máis saír, no día da súa despedida, Rober recolle un rebote ofensivo e, tras avaliar á defensa visitante, decide agasallarnos aos alí presentes cun aro pasado a unha man con dous rivais encima ao máis puro estilo Michael Jordan:


Con Eloy e Juan negando o camiño ao aro e Alberto desconcertando a propios e estraños cun par de cestas marca da casa á remanguillé, logramos situarnos a un só punto (37 a 38) a falta de dous minutos para o remate do terceiro parcial.


Pero novamente os visitantes, moi acertados dende a liña de persoal e apoiados no talento ofensivo de Fernán Bouzán, conseguían finalmente volver a incrementar a diferenza ata os sete puntos ao final deste cuarto (39 a 46), poñendo contra as cordas ao C.B. Ames.

Dani intercambiando opinións co colexiado, Chema Lázare, que estivo bastante acertado 

Un C.B. Ames necesitado de puntos saíu decidido pola remontada e con dúas triplas de Diego e Sebas, con Rober aos mandos, e o empuxe de Jaime e de Juan, conseguimos situarnos a un punto a falta de cinco minutos para o remate (49 a 50).

Unha tripla visitante e unha serie de imprecisións consecuencia dos nervios por parte de ambos equipos precederían ao momento cumio da xornada e, probablemente, desta campaña. A falta de 2:51 para o final chega o cambio de Rober e, en consecuencia, a súa despedida. Compañeiros, rivais, colexiados, familiares, xiareiros e ata a nosa mascota Lolo en pé aclamando ao noso protagonista nunha atronadora ovación. O base amiense, apaixonado do espectáculo, non defrauda e executa a súa performance quitando a camisola do C.B. Ames desvelando a equipación do La Salle que tantos anos levou con orgullo. Risas, apertas e emoción, sobre todo moita emoción na despedida dunha persoa que sempre o deu todo por este deporte. Honor e recoñecemento máximo.

Cun nó na gorxa o encontro chega á súa fase decisiva cun 49 a 53 a prol dun equipo visitante que contiña as arremetidas locais grazas, en boa parte, ao seu acerto dende o poste alto e, sobre todo, máis aló da liña de 6,75. Co noso francotirador Jorge lesionado, as opcións pasaban por intentar manter a cabeza fría en ataque e a firmeza en defensa, pero o maior aplomo e acerto dos visitantes non permitía ao C.B. Ames achegarse no electrónico. Os tiros libres de Juan e de Tomás non serían suficientes e La Salle levaríase o encontro por un tenteo final de 57 a 62. Derrota que se ben é certo que supón unha freada nas nosas aspiracións, non amargou se quera un chisco da festa de despedida do noso inesquecible Rober nun día que, a bo seguro, quedará marcado nas retinas de todos os que formamos parte desta pequena gran familia.

 

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (6/A),  Jaime (9/AA), Juan (10/AA), Jorge (-/s.c.), e Sebas (10/s.c.) – quinteto inicial – Rober (3/AAAA), Diego (8/AA), Sergio Rocha (5/A), Alberto (6/A), Eloy (-/A), Víctor (-/s.c.) e Nico (-/s.c.).

 

O peor: a retirada de Rober. Quedamos un pouco como os rapaces de Verán Azul coa morte de Chanquete. Cando un amigo se vai, algo morre na alma lolailolailo... Grazas polos servizos prestados amigo! 

O mellor: esta retirada non é en van. Hai relevo e ten nome e apelidos: Raúl Porto Vázquez. Tras superar unha grave lesión, Raúl promete volver a ser referente neste equipo. Regreso esperado e unha das grandes noticias deste curso. Benvido de novo rapaz!

Rober dando o relevo a Raúl

Con Tomás o futuro está garantido

F-A-M-I-L-I-A


 

venres, 15 de decembro de 2023

Polo bo camiño

 

 

Derradeira xornada da primeira volta a celebrada o pasado sábado 2 de decembro no complexo deportivo Pedra Mámoa. Un C.B. Ames en clara liña ascendente visitaba a un tan irregular coma necesitado Negreira Basket coa clara consigna de afianzar as sensacións dos últimos partidos e, de paso, consolidar a súa clasificación na parte alta da táboa.

Ambiente frío nunha bancada que contou, ademais dos irredutibles xiareiros de sempre, coa presencia de caras coñecidas do Hall of Fame amiense tales coma Lito e Gaby, base e adestrador ilustres da nosa recente historia, quen non quixeron perder detalle da evolución do equipo que lles deu gloria e sufrimento a partes iguais.

O frío e a humidade reinantes pronto deixarían paso a outro fenómeno: o quinteto inicial formado por Tomás, Diego, Jaime, Juan e Sebas. Todo un rebentón térmico en forma de baloncesto que asoballou a un conxunto local superado en todas as facetas do xogo. Liderados por Juan en defensa e por un incandescente Diego en ataque, os primeiros cinco minutos de cuarto foron o mellor, sen dúbida, de toda a tempada. Defensa pétrea e abafante, rebote pechado, transicións ordenadas, e ataques precisos e contundentes nunha orxía baloncestística de cinco minutos (2 a 21) que constitúe o sono húmido de calquera adestrador.

Pero, como todo sono (húmido ou non) implica espertar, non cabía outra e, tras eses cinco minutos explosivos, o equipo local foi quen de reaccionar obrigando a Dani a solicitar o seu primeiro tempo morto a falta de tres minutos para o final, e co electrónico 10 a 21,  co obxectivo de aplacar os ánimos de remontada dos negreireses. De aquí ao remate do cuarto ambos contendentes firman un armisticio que levaría o marcador ata o 15 a 26.

O segundo cuarto transcorrería polos lugares máis comúns aos que nos ten acostumados o baloncesto nesta categoría. Os intentos de remontada local son sufocados por varias accións de Sebas e Juan, ao cabo os dous mellores homes sobre a pista, e unha nova tripla de Diego que restableceu a orde dun encontro moito máis equilibrado que no parcial anterior. Ao descanso, 28 a 38 a prol dos amienses e situación aparentemente controlada.

Para a continuación prevíase que o Negreira Basket queimase todas as súas naves e saíse decidido a igualar a contenda. Conscientes desta circunstancia, os visitantes deron un paso ao fronte e golpearon primeiro a canastra local con dúas boas accións de Jaime. As acometidas locais eran sistematicamente abortadas por un conxunto visitante que, ao contrario que noutras ocasión similares, non parecía poñerse nervioso. A falta de tres minutos, o noso francotirador Jorge, aínda que un pouco escarallado, decide comparecer no encontro e anotar unha tripla que, sumada a canastra do sempre valente Sergio Rocha, suporía a nosa máxima vantaxe no electrónico (+ 16). Os tres últimos puntos dos locais dun cuarto que remataría con 45 a 58 non paliaban a sensación de encontro controlado en todo momento.

Pero tiñamos dous inimigos, ambos invisibles e alleos ao rival: o tiro libre e a posibilidade dun exceso de confianza. Mentres o primeiro estaba a ser compensado por unha eficaz defensa e por un xogo de ataque solvente, o segundo aínda estaba por facer acto de presencia nun encontro sen finiquitar. De forma antagónica aos cinco primeiros minutos do encontro, o C.B. Ames mostraba a súa cara máis amarga ante un rival que, liderado por Aldán Prieto, golpeaba unha e outra vez a canastra visitante ata chegar rapidamente ao noso rebufo. Pero as remontadas non se culminan ata que o conxunto que as protagoniza consigue superar ao seu rival. Todas as pantasmas do encontro da campaña pasada parecían pasear polo pavillón coma un espectador máis en plan Expediente Warren. Pero en lugar de chamar Ed e Lorraine Warren para quitar o mal de ollo, o adestrador local Dani decidiu, con bo criterio, apoiarse en dous dos seus pesos pesados: Sebas, convertido xa en imprescindible tras só sete encontros oficiais coa elástica amiense, e un Jorge que, aínda a medio gas, segue sendo un fora de serie. Con 58 a 58 e a falta de catro minutos o francotirador desempoa o seu fusil para anotar unha tripla estratosférica cumprimentada con dous tiros libres do venezolano que poñen terra polo medio. De aí ao final e aproveitando o exceso de ansiedade dos locais personalizado nun Aldán Prieto, ben defendido por candepresa Juan, que pasou de heroe a vilán polo seu excesivo egoísmo nos instantes decisivos, nova canastra de Sebas e dous tiros libres de catro intentos que certifican a nosa cuarta vitoria en seis partidos, pechando unha primeira volta que o propio adestrador amiense non dubidou en cualificar como de “notable”.

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (2, A), Diego (11, AA), Jaime (7, AA), Juan (13, AAA) e Sebas (15, AAA) – quinteto inicial – Jorge (9, AA), Alberto (6, AA), Sergio Rocha (3, A), Hugo (1, A), Linas (AAA), Ángel (s.c.) e Nico (s.c.).

O peor: os tiros libres (12/30) e o exceso de confianza que ben puido costarnos moi caro. Como xa defendemos nalgunha que outra ocasión, hai que pechar os partidos cando o rival está noqueado e non permitir a súa resurrección, pero éntranos o complexo de Mesías e estragamos a nosa oportunidade nunha categoría marcada pola igualdade e na que ese tipo de detalles poden supoñer a diferenza entre o éxito e o fracaso.

O mellor: sen lugar a dúbidas, os primeiros cinco minutos do encontro. 21 puntos anotados por só 2 recibidos e proxección duns imposibles 160 puntos que nos deixaron atónitos a todos os presentes. Entre iso e os cinco primeiros minutos do cuarto final hai un equilibrio que é ao que debemos tender se desexamos seguir sendo competitivos.

Mención aparte para a sorpresa final que nos tiña reservada o lituano e tamén residente Linas Baltusis e a súa parella Mabel en forma de ágape/cea con todo luxo de detalles, o mellor deles o valor humano desta xuntanza. Máis alá de vestiarios e pistas de basket, así é coma se fai equipo sendo a cualificación triple A só un humilde recoñecemento á vosa aportación. Moitas grazas chicos!

E para rematar, informáronos que un personaxe ilustre destas datas, e que non é Papá Noel, tivo a posibilidade de ver os nosos cinco primeiros minutos e, ante o seu abraio, non quixo deixar pasar a oportunidade para deixarnos esta mensaxe: