mércores, 24 de xaneiro de 2024

Para esquecer

 

Difícil empresa a do pasado domingo. Tras a derrota contra La Salle da xornada anterior, visita á cancha do líder da competición, o ADB Fontiñas. Con 6 vitorias por tan só unha única derrota, os pupilos de Ángel Noya pasan por ser un conxunto coral no que a polivalencia dos seus integrantes e a súa intensidade son os seus puntos fortes.

En posición

Jaime saíndo da presión

Consciente da fortaleza do rival, pero tamén dos seus puntos febles, e condicionado por baixas tan sensibles como as de Jorge e Alberto, Dani deseñou unha estratexia baseada en igualar a intensidade do equipo contrario coa fin de sorprendelo e ir a buscar aos santiagueses en tres cuartos de pista. Primeiros instantes e a proposta do adestrador visitante ten un éxito tan claro coma exiguo, concretamente 5 minutos, nos que os amienses estiveron firmes en defensa e, liderados por un Juan excelso, ordenados en ataque. Pero Fontiñas é un equipo que non afrouxa e, unha vez superada a sorpresa inicial e xa cos primeiros cambios sobre a cancha, elevaron a súa velocidade de balón e a porcentaxe de acerto exterior para dar un golpe de autoridade e poñer terra polo medio ao termo do primeiro parcial. O resultado de 20 a 9 antollábase como un castigo excesivo para visto sobre a cancha, pero é o prezo que hai que pagar cando estás negado cara o aro dun rival que penaliza cada erro cometido.

No segundo cuarto a tónica xeral seguiu sendo a mesma. Parcial de 8 a 0 de saída a prol dun conxunto local que pretendía finiquitar o choque pola vía do cloroformo ante a indolencia visitante. Tras unha cantidade considerable de trocos na procura da fórmula que permitira parar a hemorraxia, a combinación Tomás, Sergio Rocha e Juan (que foi dos poucos xogadores amienses que entendeu de que ía o partido) conseguiu equilibrar un pouco a balanza (32 a 22).


Neste amago de remontada temos que destacar como unha das noticias positivas a primeira cesta de Raúl en competición oficial tras máis de ano e medio afastado das canchas de xogo por unha grave lesión. Benvido de novo, rapaz!


Pero cando mellor estaba o equipo amiense aconteceu unha das peores cousas que nos podería pasar: a lesión de Diego. Nunha entrada a canastra coa garra que caracteriza, o bravo escolta do Milladoiro pisa ao seu defensor, salta desequilibrado e aterra con todo o peso do seu corpo sobre o pé dereito en moi mala posición. Tendido sobre o parqué e con evidentes mostras de dor, tememos o peor. Incapaz de erguerse e tras varios minutos no chan, tivo que ser asistido polos seus compañeiros para chegar ao banco. Ao non remitir a dor e cun nocello ao que parecía que lle botaran levadura Royal, tomamos a decisión de dar parte inmediato ao seguro deportivo, que para iso está. Lamentablemente, se non hai o que eles denominan unha “urxencia vital” (isto é, un infarto, ictus, traumatismo craneoencefálico severo, etc.) non envían ambulancia, polo que tivemos que trasladar ao noso xogador en coche particular. Dende aquí queremos aproveitar para agradecer a magnífica disposición do conserxe do pavillón de Fontiñas cara a rápida evacuación do noso xogador, actitude diametralmente distinta á amosada pola recepcionista do Hospital HM A Rosaleda, pero isto é un blogue de baloncesto e a señora bastante ten en ser coma é, aínda que os sufridos pacientes que acoden as urxencias deste centro de saúde non teñan culpa da súa escasa capacidade de resolución.

Aínda que nun principio temiámonos o peor, as probas hospitalarias determinaron un diagnóstico menos grave do inicialmente previsto: escordadura de nocello de terceiro grado. Mal menor e moitas doses de mala sorte dun rapaz ao que lle apaixona o deporte en calquera das súas manifestacións. Estamos seguros de que, grazas ao seu carácter competitivo e o espírito de loita que demostra día a día, verémolo de novo en acción moito antes do que pensamos. ÁNIMO DIEGO!

Tras este incidente o partido reanudouse pero o C.B. Ames, moi afectado por esta nova baixa, non compareceu no resto do encontro. 38 a 22 no descanso e charla motivadora de Dani para tentar resucitar aos seus nunha misión que se revelaba imposible.

Moitísimo máis intensos e canastra tras canastra, o ADB Fontiñas non levantaba o pé do acelerador para situarse rapidamente por riba dos 20 puntos de diferenza. Os 6 puntos consecutivos do C.B. Ames no ecuador deste cuarto non foron máis que un espellismo.

As perdas de balón dos visitantes multiplicábanse ao mesmo ritmo que os puntos anotados dos locais en accións sen apenas oposición, os rebotes caían sempre en mans das equipacións brancas e, no caso de chegar a tirar, as porcentaxes de tiro eran paupérrimas (o 3/15 en tiros libres ou só 2 triplas anotadas en todo o partido). Todo isto traduciuse nun parcial de 26 a 11 e un marcador de 62 a 33 con dez longos minutos por disputar. Como diría o gran Domenico Modugno, “ciao, ciao, bambina”.

Derradeiro cuarto de trámite que non serviu máis que para afondar na nosa ferida. 19 a 10 de parcial e tanteo final de 83 a 43. Os 40 puntos de diferenza falan por si mesmos das prestacións duns e doutros ao longo de todo o choque. Tocados.


Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (4,-), Jaime (2-,), Raúl (2,A), Juan (12,AA) e Sebas (7,-) – quinteto inicial – Sergio Rocha (5,A), Ángel (3,-), Diego (2,A), Hugo (4,-), Víctor (0,-), Eloy (0,-) e Linas (2,-).

O mellor: o regreso á competición de Raúl.

O peor: ademais da lesión de Diego, as sensacións ao final do partido. Se non igualamos, polo menos, a intensidade do rival durante os 40 minutos, cos argumentos ofensivos vistos este pasado domingo gañar será unha quimera. Quedan tres finais, a primeira o domingo 28 na casa fronte a un directísimo rival como é a Estrada. É imperativo que, ademais dun cambio radical de actitude que nos devolva a nosa identidade, xogadores como Hugo, Sebas ou Linas sigan o exemplo de Juan e dean un paso ao fronte  asumindo maiores responsabilidades e protagonismo. Baloncesto temos de sobra pero hai que demostralo.

Pódese!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario