Tarde de derbi o pasado domingo no municipal do Milladoiro. O invicto XL Milladoiro recibía a un C.B. Ames que aspiraba a colocarse na zona nobre da clasificación tras a súa sufrida vitoria na xornada anterior.
E, para non perder o costume, empezamos coa "caraja" inicial acostumada o que, unido á experiencia e bo facer dos locais, motivou un parcial de 12 a 0 ao seu favor nos primeiros cinco minutos do encontro. Tan só a saída de Manu, autor de 7 puntos case consecutivos, freou a inicial acometida do Milladoiro para deixar o electrónico nun 15 a 11 que suxería que había moito partido por diante.
![]() |
Mala porcentaxe desde o tiro libre durante toda a tarde |
Pero nada máis lonxe da realidade. Nun segundo cuarto para esquecer, os locais inflixiron un duro correctivo ao C.B. Ames a base de maior orde e claridade no seu xogo, desarborando unha e outra vez a nosa débil defensa para establecer un parcial de 24 a 8, o que situaba o electrónico cunha vantaxe desfavorable de 20 puntos ao descanso.
![]() |
Raúl tentando atopar un oco na defensa rival |
A única opción tras a continuación pasaba, de novo, por recorrer á épica. Pero non sempre vai ser así e moito menos cando un desconcertado C.B. Ames estivo máis de cinco minutos sen anotar. De novo, o parcial resultou favorable para os de Milladoiro por 12 a 5, establecéndose a maior diferenza no marcador (27 puntos).
![]() |
Rober tentando taponar un lanzamento de tres de Abalde |
No último cuarto os locais, co partido no peto, relaxáronse e tentaron administrar a súa ampla renda no marcador. O C.B. Ames, á desesperada e guiados polo espírito competitivo de todo o seu plantel, e liderado polos irmáns Beiro, comezou a dar claras mostras de melloría, enxugando rapidamente a abultada diferenza na súa contra. Os locais, que contemporizaban en exceso os seus ataques chegando mesmo a terminar varias posesións sen lanzar a canastra, vían como os visitantes golpeaban unha e outra vez para ir limando as diferenzas. Pero remontar en dez minutos o que perdiches en trinta ante un equipo da traxectoria e pouso do XL Milladoiro é unha auténtica misión imposible. Con todo, a base de orgullo e corazón, o C.B. Ames neutralizou 21 dos 27 puntos de diferenza para conseguir un digno marcador final desfavorable de 53 a 47, chegando a infundir temor nun equipo local que, sen dúbida, foi xusto merecedor da vitoria nun derbi de luva branca.
![]() |
Os xogadores do C.B. Ames felicitan aos do XL Milladoiro pola súa merecida vitoria |
De novo toca repoñerse e analizar as causas da nosa manifesta irregularidade. A próxima xornada recibiremos ao C.B. Noia, un dos pechacancelas da clasificación, aínda que en ningún caso este club está en condicións de fiarse de ninguén, polo que teremos que dar o 100% dos nosos recursos para recuperar a senda da vitoria e escalar postos na clasificación.
![]() |
Pese á derrota, este equipo é unha piña. Estamos orgullosos |
A relación de xogadores/anotadores foi a seguinte:
Victor (1), Dani, Quique (11), Alberto (8) y Jota (1) - quinteto inicial - Jacobo, Eloy, Manu (15), Linas (5), Rober (3) y Raúl (3).
O peor: regalar 30 minutos de partido. Descolocados, sen intensidade nin identidade, este é o problema máis grave que presenta este equipo. En canto minimicémolo ao máximo, seremos realmente competitivos e perigosos.
O mellor: como sempre, a raza e o orgullo. O traballo realizado no último cuarto indícanos claramente cal é o camiño a seguir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario