martes, 12 de novembro de 2019

O tiro pola culata

Derbi estrano o da pasada fin de semana. O C.B. Ames visitaba ao recentemente descendido XL Milladoiro que contaba todos os seus partidos por vitorias. Debido á coincidencia coa xornada electoral, o pavillón municipal do Milladoiro non se atopaba dispoñible para a práctica deportiva, polo que a principios da semana pasada representantes de ambos os clubs mantiveron conversacións para acordar o máis que probable aprazamento. A primeira proposta do Milladoiro supoñía xogar entre semana, proposta que, unha vez valorada e ante a falta de efectivos dispoñibles por parte do C.B. Ames, foi rexeitada na esperanza de alcanzar un acordo para unha data máis afastada no tempo. 

Unha vez informados da nosa falta de efectivos, ao XL Milladoiro entráronlle as présas por xogar esta fin de semana, polo que as conversacións para alcanzar un acordo para atopar unha data alternativa de xogo foron substituídas pola vía unilateral, de modo que os responsables do XL Milladoiro lanzáronse desesperadamente ao encontro dunha instalación deportiva sen importarlles o seu emprazamento ou as súas condicións e, co beneplácito da FEGABA, atoparon unha: o pavillón municipal do Pino.

Pero co que non contaban os locais era co compromiso dos xogadores do C.B. Ames que, esporeados tras a xogada do XL Milladoiro e chamados ao compromiso tanto polo corpo técnico como pola directiva, acudiron en masa á disputa deste importante encontro, sacrificando as súas axendas persoais en pos do beneficio deste grupo humano. Pero a previa aínda nos tiña reservada unha sorpresa. Inicialmente, trasladámonos ao pavillón municipal do Pino (o novo) e, para a nosa sorpresa, atopámonos coa porta pechada. Ata alí tamén acudiron os colexiados e os oficiais de mesa, quen ao ver o panorama, utilizaron os seus móbiles para informarse que o partido non era nesta instalación, senón o outro pavillón municipal, neste caso o vello. Unha instalación doutra época, fría, en mal estado de conservación, cuns vestiarios sen espazo e máis sucio que a mentalidade dun adolescente. Como colofón a esta descrición, significar que a liña de tres puntos estaba á distancia antiga de 6,25 en lugar das 6,75 inicial, cuestión que foi comentada á parella arbitral nos prolegómenos do partido. Sen saber que facer, os colexiados decidiron tirar "p´alante". Por nós ben, á fin e ao cabo a instalación é a mesma para os dous contendentes e nada nin ninguén nos ía a frear nas nosas aspiracións de vitoria.

O partido estaba programado para as 19.00 horas. Para redondear esta previa surrealista, faltaba por baixar as canastras, cuestión aparentemente sinxela se se ten a chave que acciona o correspondente mecanismo. Pero, ai, esquecéusenos ese pequeno detalle. Mentres o posuidor da devandita chave chegaba, dedicámonos a deambular pola pista e quentar un pouco para non quedarnos "paxariño". Mesmo decidimos dedicarnos un intre ao fútbol sala, deixando ben ás claras que nos defendemos mellor coas mans que cos pés.


Menos mal que non se lesionou ninguén

Tres cuartos de hora máis tarde sobre o horario inicialmente previsto obrouse o milagre e as canastras descenderon dos ceos, revelando unha capa de po no taboleiro coa que o mismísimo Don Limpo (AKA Mr. Proper) non podería. 

Unha pequena rondita de quecemento e a xogar, pero co ánimo e a determinación intactas a pesar da encerrona proposta polos locais. Asubío inicial e primeiros cinco minutos con ambos os equipos negados de fronte o aro, acusando o frío ambiente imperante ata que Alberto, cun tiro á remaguillé, conseguiu penetrar na tupida zona 3-2 proposta por XL Milladoiro para inaugurar o marcador coa casta que o caracteriza. E tradicionalmente cal é a arma máis perigosa para contrarrestar unha defensa en zona? Pois si, o triple. E dicir triplo é sinónimo de Jorge. O aleiro amiense, moi centrado e concentrado no seu obxectivo, aproveitouse da proximidade da liña de tres (lembremos, a 6,25 e non a 6,75) para comezar o seu festival particular con tres triples consecutivos, aos que habería que sumar outro máis de Diego na nosa última posesión para poñer terra polo medio no luminoso (6 a 16 no primeiro parcial). 




No segundo cuarto Milladoiro cambiou a súa defensa a individual coa intención de sorprender e, de paso, frear a un Jorge desatado. Pero os plans non sempre saen ben e o talentoso aleiro visitante seguiu castigando o aro rival con dous novos triples, mentres que Linas e Juan facían valer o seu maior talento na pintura ante os rochosos pivotes locais. Para apontoar a nosa vantaxe, Alberto Jr. (neste partido, D. Alberto), seguía co seu recital de entradas a canastra. Mención especial á súa acción tras un saque de fondo deseñado polo noso corpo técnico no tempo morto previo a esta acción que fixo as delicias tanto de Gaby como do seu assistant coach Dani, que, a pesar de estar de baixa por problemas físicos, sempre está aí apoiando aos seus compañeiros, do mesmo xeito que o resto de xogadores que poboan a enfermería amiense, o que ofrece unha boa mostra do compromiso de todos os integrantes deste club. Novo parcial favorable de 14 a 21 para chegar cun claro 20 a 37 no marcador, aínda que non o suficiente como para cantar vitoria.







Conscientes de que a fórmula consistente en manter o ritmo e acerto ofensivos sumados á concentración, actividade e traballo á hora de pechar o rebote defensivo era o camiño cara ao éxito, saltamos á cancha cun único obxectivo: pechar o partido e non permitir a reacción do XL Milladoiro. Tras uns compases iniciais protagonizados por un intercambio de canastras, pronto nos asentamos de novo no partido grazas ao noso mellor pouso sobre o cemento e facendo gala dun maior grao de temperanza ante un rival que comezaba a desquiciarse e a repartir machadazos como caramelos á porta dun colexio. Sendos triples de Jota e de Jorge celebrados con furia polos visitantes, aos que o Linas Baltusis deu continuidade. E é que, non sabemos se polo frío reinante no ambiente, o lituano sentía como na casa e deleitou aos presentes co seu amplo repertorio de tiros desde a curta e media distancia, ademais dun inmaculado 4/4 en tiros libres. A nosa maior intensidade defensiva e talento ofensivo fixeron o resto nun cuarto moi coral no que todo o mundo achegou o seu granito de area. O vendaval amiense tivo o seu fiel relexo no 10 a 23 de parcial, o que supoñía un bonito e redondo 30 a 60 a falta de dez minutos por celebrarse e, agora si, con todo o peixe vendido.







No último cuarto, sabedores da vitoria, propuxémonos non caer no xogo duro proposto polos locais como resposta á súa propia frustración ante a pasividade dunha parella arbitral que tiña ganas de irse pronto á súa casa, e a pesar de un parcial de 13 a 3 nos cinco primeiros minutos de xogo, en ningún momento albiscouse unha remontada imposible de executar. Contemporizando e con concentración, limitámonos a manter as distancias parra terminar cun rotundo 50 a 71 que fala ben ás claras do rendemento dun e outro equipo. Levámonos o derbi para casa e unha moi importante vitoria ante un rival directo. Bravo!


Momento de celebrar a victoria e, con 50 a 71 de fondo, saudar á nosa sufrida afición. Grazas!

A continuación, a estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:

Pincha en la imagen para ampliar

O mellor: o nivel de compromiso e a actitude dun equipo que se crece ante as adversidades. Ante a chamada do corpo técnico e da directiva, e a pesar das baixas, conseguimos comparecer con 10 xogadores que antepuxeron este equipo aos seus compromisos persoais para a fin de semana e eso di moito deste grupo.

O peor: a encerrona na que se transformou o derbi de Ames. Ao final saíulles o tiro pola culata. Vémonos á volta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario