Derradeira xornada
da tempada “irregular” para o C.B. Ames. Unha vez coñecidos os resultados dos
nosos principais rivais (por razóns obvias, a FEGABA non contempla cuestións
tales como a unificación de horarios), compadecemos o pasado domingo como
locais fronte ao Negreira Basket coa clasificación para cuartos de final no
peto. Con todo o peixe vendido, tempo para os menos habituais e para tentar de
inverter a dinámica negativa de xogo e resultados perante a un rival que
tampouco tiña maiores aspiracións nin obxectivos que pechar a súa andaina do
xeito máis honroso posible.
A primeira cesta do
recén incorporado playmaker Sergio
non foi máis que un espellismo dun encontro que non pasará aos anais deste
deporte. Cun ritmo lento e moi espesos en ambos lados da pista, o C.B. Ames
víase superado polas acometidas dun rival que poñía moito máis empeño en cada
unha das súas accións. O Basket Negreira escapábase rapidamente no electrónico
ante a inoperancia dun conxunto local no que só Juan parecía saber interpretar
o que necesitaba o seu equipo: maior intensidade e decisión cara o aro. O 8 a
17 do primeiro parcial fala ben ás claras da seca ofensiva amiense.
Ao inicio do
segundo cuarto dúas canastras consecutivas do C.B. Ames, a segunda delas tras
espectacular fade away ao poste baixo
dun Jorge que, quen sabe por que, non repetiu aproximación á pintura visitante,
motivaron o primeiro tempo morto do adestrador do Negreira Basket ao obxecto de
sufocar calquera indicio de remontada. Nun cuarto presidido pola apatía e falta
de acerto de ambas escuadras, unha tripla (a única do equipo en todo o partido)
e un palmeo de Raúl, cada vez máis recuperado para a causa amiense, e unha
entrada de Jaime conseguían arrincar os primeiros aplausos na bancada nun pequeno
cambio de marcha que maquillaba as carencias locais, patentes e palmarias sobre
todo no apartado ofensivo. Sorprendentemente, ao paso polos vestiarios
seguiamos vivos (18 a 25).
Aínda que non era
día para diatribas, a verbas de Dani semellaron fornecer os ánimos do C.B. Ames
cara as súas posibilidades perante un rival que non estaba a facer nada
especial para levarse a contenda. Co veterano pivote Alberto moi certero dende
a media distancia e grazas ao empuxe de Juan e de Rocha, ademais dun notable
incremento das nosas prestacións defensivas que deixaron aos visitantes en tan
só catro puntos en todo o cuarto, conseguimos facer sentir o noso alento na
caluga dos visitantes e, tras un parcial de 10 a 4 (que tampouco foi unha orxía
anotadora, vaia por diante), situarnos a un só punto de diferenza a falta de
dez minutos para o final dun choque que, en honrando á verdade, foi “duro” de
ver (28 a 29).
E que algo parecía
haber no ambiente que indicaba que non sería o día dos locais. De novo volta ao
espesor. Os visitantes, algo máis espabilados e liderados polo seu base Paulo,
conseguían escaparse no electrónico no ecuador do parcial (30 a 37) fronte a
inoperancia e indolencia local no que unicamente Juan salvábase da queima. Pero
para gañar partidos, dito dun xeito moi básico, hai que meter máis puntos que o
rival (obviedade categoría cinco análoga a aquela futbolística que di que se
non tiras a porta non podes meter gol), e cos nosos primeiros espadas
desaparecidos (non “en combate” precisamente), cada canastra costaba sangue,
suor e bágoas. Diferenzas que para calquera serían escasas, como os catro
puntos de diferenza (34 a 38) a falta de tres minutos para o remate, eran todo
un mundo para nos. Cos xiareiros locais desesperados ante tanta inoperancia, o
Negreira Basket tan só tiña que deixar pasar o tempo e transformar os tiros libres
para levantar un infranqueable muro de 7 puntos de vantaxe (36 a 43) a falta de
pouco máis dun minuto. Só unha derradeira operación cosmética liderada de novo
por Juan permitiunos superar os corenta puntos e rematar cun axustado 42 a 45
nun encontro de guante branco por parte de ambos contendentes poñendo fin á
tortura para os xiareiros que se deron cita no municipal de Bertamiráns.
A continuación
deixámosvos a vosa disposición o partido enteiro, que tamén está subido na nosa canle de YouTube. Advertir que, pola alta probabilidade de causar danos
irreparables no espectador, recomendamos o seu visionado en pequenas doses e
sempre baixo prescrición médica:
Por parte do C.B. Ames interviñeron: Sergio (2, A), Jaime (2, -), Raúl (5, A), Linas (0, -) e Alberto (7, A) – quinteto inicial – Tomás (4, -), Rocha (3, A), Juan (11, AA), Jorge (2, -), Sebas (6, -), Eloy (0, -) e Nico (0, -).
Cuarto posto e, sen
solución de continuidade, a cuartos de final a vindeira fin de semana contra o
actual campión: o todopoderoso CAB Conxo, tamén coñecido como o “Papatorio,
Tapas e Brasas”. Agardamos que non veñan con moita fame...
O peor: a indolencia e falta de garra amosada, sobre todo cara ao aro
contrario. Aínda que o rival tivo erros de bulto propios da súa clasificación
final, a defensa non foi tan desastrosa coma o ataque. Superamos a tímida
presión visitante pero en lugar de aproveitar e castigar as inferioridades
numéricas do noso rival, paramos e permitimos a que a defensa se coloque. O
ritmo de xogo é paupérrimo. Non pode ser que algún xogador tarde máis de 12
segundos en colocarse para o ataque. Ver un contraataque é máis difícil que
tocar a pandeireta baixo a auga. Ás veces ata parece que sufrimos cando
atacamos...
O mellor: a clasificación para cuartos de final e que non houbera lesionados.
Obxectivo cumprido aínda que a marxe de mellora é moi grande.