luns, 30 de setembro de 2019

Alberto Rodríguez, nova incorporación do C.B. Ames

Estamos de noraboa. Tras as probas do verán, o staff técnico do C.B. Ames aprobou a incorporación dun novo valor da comarca amiense: Alberto Rodríguez. 

Este aleiro de 19 anos destaca sobre todo polas súas prestacións físicas, versatilidade e verticalidade ofensiva. Pero tamén resulta sobresaínte no apartado defensivo, onde a súa fortaleza no tren inferior e a súa rapidez de mans auguran o necesario plus que este club estaba a buscar cara ao cumprimento dos obxectivos propostos para a presente campaña. Ademais, Alberto Jr. (como foi alcumado polo resto do plantel) presenta unha madurez impropia da súa idade e demostrou unha capacidade de adaptación que lle valeu para encaixar no grupo coma se dun veterano se tratara. Todo un acerto.

Este anxeliño agacha moitas sorpresas...

O pasado sábado, no partido amigable disputado contra o recentemente ascendido Arzúa CAB, Alberto Jr. comezou a demostrar o porqué da súa fichaxe nun partido no que, unha vez superados os lóxicos nervios iniciais, conseguiu ser importante para o C.B. Ames nos instantes determinantes do choque. En calquera caso, a derrota na prórroga resultou ser intranscendente xa que este encontro estaba deseñado para ensamblar as pezas e executar os automatismos necesarios antes do inicio da competición oficial, previsto para a próxima fin de semana. Desde este espazo queremos agradecer a colaboración de todos os membros do Arzúa CAB á hora de contribuír a mellorar nosa posta a punto, ademais de desexarlles a maior das sortes na súa andaina na nova categoría.

Con esta incorporación pechouse o plantel do C.B. Ames ao contar con 15 xogadores en nómina, máximo legal permitido, o que obrigará a que o corpo técnico deba realizar as convocatorias pertinentes previas a cada xornada xa que, como saberedes, o número máximo de xogadores permitido para disputar un encontro oficial é de 12. Bendito problema.

A falta de dous adestramentos para o arranque da competición oficial, o C.B. Ames continúa traballando duro. 

Imos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario