martes, 18 de febreiro de 2020

Amence que non é pouco

Sen marxe de erro, o C.B. Ames comparecía na tarde do pasado domingo no municipal de Padrón para iniciar a remontada na clasificación ante un rival que coñeceu tempos mellores. A tarde lembraba demasiado á da tempada pasada, meteoroloxicamente falando, na que un temporal asolagou a pista e obrigou á suspensión do partido en primeira instancia para procederse, tras unha polémica decisión do Comité de Competición, á cancelación do encontro e outorgar a vitoria ao C.B. Ames, a máis diso a consecuente sanción ao club padronés, feito que lamentamos profundamente no seu día e que esperabamos que non se volvese a repetir, a pesar de que os ingredientes eran moi parecidos.

Pero ao chegar disipáronse os nosos temores e o partido podía disputarse, eso si, con certo risco xa que a superficie sintética da instalación presentaba unha porcentaxe de humidade que nin o traseiro de Aquaman, o que obrigaba á restrición de movementos, sobre todo aqueles que implicaban bruscos cambios de ritmo ou desprazamentos laterais, todo coa fin de evitar calquera tipo de lesión inoportuna.

E é que a resistencia dos locais só ía durar os catro primeiros minutos, nos cales conseguiron dar réplica aos primeiros cinco puntos de Quique e a un triple de Jorge, que estaba a calibrar o seu fusil de francotirador para esnaquizar a previsible zona 2-3 proposta polo Tecven Padrón. Unha vez localizado e fixado o obxectivo, lume a discreción. O C.B. Ames comezaba a atacar con decisión o aro rival para anotar desde todas as posicións á vez que negaba o acceso a canastra ao rival. Triple de Jorge, canastón de Eloy selando ao seu defensor, tiro de media distancia de Quique, catro puntos consecutivos de Juan e unha entrada en velocidade de Diego daban boa mostra do noso amplo repertorio ofensivo. Namentres, un desarmado Tecven Padrón só era capaz de anotar un tiro libre. Conclusión: 7 a 21 no primeiro cuarto e o partido a piques de romperse.




Co obxectivo entre cella e cella de dinamitar a contenda, o segundo cuarto arrincaba cunha feroz ofensiva por parte visitante, iniciada por Diego, Víctor e Manu, liderada por Raúl en plan estelar con 12 puntos neste parcial (4 de 6 en tiros de campo, incluídos tres triplos consecutivos) e rematada por Jorge, que facía saltar polo aire calquera aspiración do conxunto padronés por manterse no partido. Co 31 a 0 de parcial do encontro de ida aínda na retina, este parcial saldouse a favor do C.B. Ames por 3 a 31, feito que non facía senón máis que ratificar a diferenza existente entre ambas as escuadras na presente campaña. Ao descanso, 10 a 52 a favor do C.B. Ames. Partido finiquitado e dous cuartos por diante para afianzar automatismos, recuperar sensacións perdidas e repartir minutos entre todos os xogadores. Prohibido diminuír a intensidade.





Á saída dos vestiarios os locais tentaron sorprender cunha inesperada defensa individual que, máis por deméritos do C.B. Ames que por méritos propios, conseguiu deter a hemorraxia en primeira instancia. Pero o simulacro de resistencia local durou o que o físico do seu pivote González, esto é, uns poucos minutos. Unha vez máis, os amienses conseguían ver o aro con facilidade e anotar desde todo tipo de posicións para anotarse un novo parcial, esta vez por 13 a 21, e situar no electrónico a nada desdeñable renda de 50 puntos ao noso favor (23 a 73).






Con nada en xogo agás a integridade física dos xogadores nunha pista cada vez máis esvaradiza, como proba o dobre axel de Diego no último lance do cuarto anterior e que lle custou un bo golpe nas súas posadeiras, os últimos dez minutos foron mero trámite. Gaby limitouse a repartir minutos entre os seus xogadores e a incidir nalgunhas cuestións de índole táctica coa mente posta no noso próximo rival, o XL Milladoiro. Novo parcial favorable aos nosos intereses por un claro 5 a 18 para un resultado final que o di todo: 28 a 91.





El marcador final habla por sí mismo

A continuación, a estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)

O peor: o risco de lesión inherente a unha superficie tan esvaradiza.

O mellor: recuperamos a senda da vitoria nunha actuación moi coral. Sen dúbida, este é o camiño aínda que os rivais que se nos veñen encima, sen dúbida, exporán moita máis batalla que o Tecven Padrón. Agora toca mentalizarse e aproveitar os adestramentos ao máximo para estar a punto cara á recta final da tempada que comeza dentro de dúas semanas debido ao parón pola festividade de Entroido. Bo momento para deixar o disfrace de perdedores e cambialo polo de gañadores. Imos!


2 comentarios:

  1. Despues del "surrealismo amanecista" de esta confrontación,
    está visto que lo vuestro no es el Hollyday on Ice.
    Supongo que en vuestro próximo enfrentamiento con el XL también dareis la talla. Adelante y un Feliz Carnaval para todos los equipos.

    ResponderEliminar
  2. Muchas gracias por los ánimos, estimado forofo. Veo que estás hecho todo un jugón de las palabras...

    ¡Feliz Don Carnal!

    ResponderEliminar