mércores, 22 de xaneiro de 2020

Duro pau para as nosas aspiracións

Tras unha semana extra debido á xornada de descanso, volta á competición para iniciar a segunda volta visitando ao C.B. San Mauro en Vilanova de Arousa. A cómoda vitoria na primeira volta presaxiaba unha pedra de toque ideal para retomar a nosa actividade tras o longo parón do Nadal, aínda que coas baixas de Jacobo, Alberto Jr., Manu e o gran capitán Dani, sumado ao maior rendemento do equipo local no seu feudo, se atisbaba que a empresa non sería fácil.

Os primeiros compases resultaron de certo desconcerto por parte do C.B. Ames ata que Jorge, nunha clara declaración de intencións do que sería un gran partido no apartado individual, comezou a anotar desde diversas posicións para situarnos por diante no marcador. Pero os locais non ían a claudicar facilmente e, coñecedores das súas armas, castigaban unha e outra vez as excesivas perdas de balón (ata 7 neste cuarto) con canastras fáciles baixo o noso aro. A entrada en pista de Raúl volvía poñer as cousas no seu sitio e, cunha gran acción tras rebote ofensivo remontando a liña de fondo, conseguiu suspenderse no aire e para encestar apoiándose en táboa e deixar un 14 a 15 favorable neste primeiro cuarto. As nosas sospeitas confirmábanse: este partido pouco ou nada tiña que ver co encontro de ida.

Ao comezo do segundo parcial os locais parecían menos enchufados que nos instantes iniciais, cuestión que foi aproveitada polo nosos para conseguir un parcial de 4 a 9 e levar a iniciativa no marcador (18 a 24), grazas en gran parte aos dous triples de Jorge e á nosa maior intensidade defensiva nestes primeiros cinco minutos. Pero, de súpeto, un afortunadísimo triple a taboleiro espolea aos locais que, liderados polo seu capitán e xogando a un ritmo tan eficaz como pousado, endósannos un parcial de 12 a 2 no que unha pedrada dun mermado Alberto Sampedro sería a nosa única achega ofensiva na parte final deste cuarto. Ao descanso, 30 a 26 a favor do C.B. San Mauro e moito, pero que moito, por mellorar.

Tras a continuación mostramos a nosa mellor cara. Con Jota ordenando o xogo, Quique facendo gala dun gran despregamento físico, Eloy dominando os taboleiros en ambos os dous lados, Juan lendo perfectamente a zona exposta polos locais e un excelso Jorge en plan "executor", en catro minutos de xogo puxémonos  +8, o que provocou a perda momentánea dos papeis por parte dos locais e motivou a expulsión do seu adestrador por unha protesta reiterativa e airada dunha inexistente falta antideportiva sobre Ramírez, único bastión local que conseguía dar a réplica aos nosos envites. Pero, de novo, o apagamento ofensivo. O C.B. San Mauro regresaba ao encontro desde o tiro libre mentres que o C.B. Ames, volvendo ao terreo de decisións precipitadas que presidiu o noso xogo durante os primeiros vinte minutos, deu aire ás aspiracións do rochoso conxunto local. As perdas e a mala selección de tiro eran castigados, mesmo co clásico "palomero", por parte dun conxunto local que interpretaba ben a nosa desorde. A volta á cancha (e da orde) tanto de Jota e de Juan como, sobre todo, dun Jorge a outro nivel (7 de 10 en triplos ata ese momento), volvían poñer a esperanza nos corazóns amienses. Pero un par de triples dos locais, un deles sobre a bucina, volvían situar por encima no marcador a falta dos últimos dez minutos por disputarse (52 a 49).

Cuarto e definitivo parcial e todo por decidir. Gaby pon en liza ao seu quinteto titular que, liderado nos instantes iniciais por un corajudo Quique e pola polivalencia de Juan, tenta romper o torticero ritmo de encontro con penetracións e ataques rápidos que motivan a asistencia dos xogadores do C.B. Ames á liña de persoal aínda que, como se está convertendo en costume, a eficacia non resulta a desexada. Pero, por enésima vez, emerxe a figura dun Jorge excelso para anotar o seu oitavo triple e colocarnos por diante no marcador (57 a 58) a falta de sete longos minutos por disputarse. Igualdade máxima e emocións aseguradas nun encontro que, aínda que non era unha oda ao baloncesto, si que auguraba un final de infarto.

E chegamos ao momento álxido. Con 65 a 63 no marcador, a falta de trece segundos e posesión para os locais en campo de ataque, a consígna está clara: roubar ou falta. A falta de entendemento no saque é aproveitada por Quique, que consegue roubar o balón e saír disparado cara á canastra local ante a oposición de Ramírez que, no seu intento de tapón, despraza claramente ao escolta amiense impedíndolle anotar ante a impasible mirada dos colexiados que decidiron emborronar o seu máis que correcto labor ata o momento marcándose un Poncio Pilatos en toda regra. Por moito menos estes mesmos colexiados sinalaran multitude de faltas ao longo deste encontro, pero a máxima que determina que é máis fácil, neste tipo de accións determinantes, mirar para outro lado que sinalar a infracción (non vaia ser que se prolongue o partido, e máis se a acción vai en contra do equipo local) resultou decisiva. Ante as protestas visitantes, o C.B. San Mauro rubricou o 67 a 63 final coa súa enésima canastra de "palomero". Con independencia desta acción, nunca deberiamos chegar a un escenario de final igualado xa que esta tempada atragántasenos en exceso este tipo de situacións. Sen dúbida, un duro e inesperado pau ás nosas aspiracións de clasificarnos para a fase final.

A continuación, servímosvos a estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)

O mellor: Jorge. Imperial ao longo de todo o encontro. 32 puntos, 8 triplos e un auténtico pesadelo para o rival. Ademais, mantivo o tipo en defensa e mentalmente véselle máis centrado. Un xogador moi por encima desta categoría e todo un luxo para o C.B. Ames.

O peor: novo final axustado e outra derrota. As malas decisións ao longo de diferentes tramos do encontro lastraron as nosas posibilidades. 21 perdas de balón, mal balance defensivo, tan só seis rebotes en ataque e a incapacidade para impoñer o noso ritmo foron determinantes nunha derrota que non debemos escusar na última e máis que discutible decisión arbitral. Mención aparte para o 12 de 26 desde a liña de tiro libre, capital á hora de que a balanza se inclinase a favor dos locais. Temos moito que traballar para transformar as nosas debilidades en fortalezas. Van pasando as xornadas e cada vez queda menos marxe para o erro...




Ningún comentario:

Publicar un comentario