luns, 27 de xaneiro de 2020

Recuperando sensacións

Sen tempo para recompoñernos tras a inesperada derrota da xornada pasada a mans do C.B. San Mauro, quenda para a estrea en casa na segunda volta ante un equipo en franca progresión con respecto á pasada campaña: o C.B. Santa Baia sub-22. Para volver atopar o camiño da vitoria tiñamos tres cousas claras: manter a calma en ataque, orde defensiva e, sobre todo, pechar calquera posibilidade de contraataque do rival cun bo balance defensivo.

Así as cousas, e coa resaca da derrota anteriormente comentada moi presente, comezamos o partido con moitas dúbidas no noso xogo. O "Jorgesistema" non daba os froitos desexados, o que motivou a primeira vantaxe a favor dos boirenses (2 a 5) ante un C.B. Ames espeso e atrancado. Tempo para os cambios e Raúl, aos mandos da nave amiense debido á ausencia de Gaby, decide poñer en liza a Alberto Jr, quen coa súa ousadía e frescura de pernas introduce o cambio de ritmo necesario para voltear o marcador. Tres grandes penetracións súas e un triplo frontal do capitán Dani colócannos por diante no electrónico ao termo dos dez primeiros minutos (13 a 11), aínda que con moita marxe de mellora.




Nos primeiros minutos do segundo parcial mantense a igualdade ata que Quique, cunha espectacular entrada a canastra, e Jota, cun triple escorado, establecen as primeiras diferenzas. Novamente, a entrada dun Alberto Jr. inspiradísimo a ambos lados da cancha, e con cinco puntos consecutivos, certifica a primeira fractura no marcador e a ruptura do ata ese momento equilibrio imperante. Pero, co C.B. Santa Baia en bonus, reaparece un dos nosos grandes lastres ao longo da presente campaña: os erros desde a liña de tiro libre. A melloría neste aspecto debe ser capital se pretendemos conseguir o noso obxectivos xa que, en gran parte, a culpa do noso pleno de derrotas en partidos axustados teñen neste apartado un dos seus factores máis determinantes. Xusto antes de irse ao descanso, os visitantes collen un pouco de aire grazas á meritoria canastra de Vázquez sobre a bucina. 14 a 10 de parcial a favor do C.B. Ames e 27 a 21 ao descanso. Máis problemas en ataque que en defensa.




Tras a volta dos vestiarios saímos cos ánimos renovados e coa determinación, agora si, de cumprir coas premisas básicas que nos guiarían cara á vitoria. Había que romper o partido se non queriamos atoparnos coas nosas pantasmas. Jorge, que ata ese momento errara os seus sete intentos desde máis aló do 6,75, recargou o seu fusil e anoto tres triples que facían efecto nos boirenses. Con Eloy como amo e señor dos taboleiros, Rober á batuta, e Víctor en plan "metrónomo", o C.B. Ames convertíase, de súpeto, nunha orquestra ben engraxada na que todos os seus integrantes aportaban. O desconcerto visitante era patente ante a que se lle viña encima. Sen apenas oportunidades sequera para lanzar a canastra, e máis sobrepasados que un ateo nunha procesión en Semana Santa, os de Boiro non podían máis que ser testemuñas de como a segunda unidade do C.B. Ames daba continuidade á tempestade, liderados por un incisivo Raúl. O parcial ao longo destes dez minutos dio todo: 24 a 4, e un C.B. Ames que volve polos seus foros para situar un rotundo 51 a 25 no electrónico. Visto para sentenza.





Co encontro finiquitado, o último e intranscendente parcial serviu para dar confianza a aqueles xogadores necesitados de minutos e ir recuperando sensacións para as importantes citas que están por chegar. Ao final do partido, 60 a 34 e a pensar nos nosos próximos rivais.




O mellor: o reencontrarnos coa vitoria nunha partido coral. Defensa seria e pinceladas en ataque que atisban o que este equipo pode chegar a dar, aínda que a marxe de mellora segue sendo moi elevado e estamos lonxe da nosa mellor versión. 

O peor: poderiamos falar da porcentaxe de acerto desde o tiro libre, de precipitación e desorde en diferentes fases do encontro, dos balóns perdidos, etc., pero, sen dúbida, pouco despois de terminar o encontro faciámonos eco da noticia de alcance que encolleu os corazóns de todos os amantes do baloncesto: a morte en accidente de helicóptero do gran Kobe Bryant e dos seus oito acompañantes, entre eles unha das súas fillas. Terrible. Desde esta humilde publicación queremos sumarnos ao pesar de toda a gran familia do baloncesto e ter o noso máis sentido recordo para a Mamba Negra. Déixanos unha lenda, nace un mito. Moitas grazas por todo o que nos ensinaches, mestre, polo teu exemplo, polos teus valores, e por ese eterno sorriso. Descansa en paz compañeiro.


Kobe Bryant (1978 - 2020)

In memoriam

E, para rematar, a estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)

Ningún comentario:

Publicar un comentario