luns, 9 de marzo de 2020

Sigamos apretando

Outro encontro transcendente para as nosas aspiracións o celebrado o pasado domingo en horario de madrugadores. O pavillón do coñecido colexio santiagués Pío XII albergou o enfrontamento entre o C.B. Vistaalegre e o C.B. Ames. A derrota no partido de ida no último segundo aínda está presente nas nosas retinas e pesa como unha lousa á hora de acceder ao obxectivo da clasificación para a fase final. Prohibido fallar.

Os primeiros instantes do choque foron de mero tenteo entre dúas escuadras que acusaban o frío ambiente que presidía o sintético colexial. Nos seis primeiros minutos do lance, o electrónico reflectía un exiguo 3 a 3 froito da escasa produción ofensiva duns contendentes que parecían non entrar en calor. Pero a partir dese momento comezou o partido de verdade cos locais golpeando primeiro. Como quen non quere a cousa, o C.B. Vistaalegre aumentaba a súa porcentaxe de acerto fronte a un C.B. Ames que, aínda que armaba unhas ofensivas correctas e ordenadas, fallaba na súa execución. E como o que conta é o acerto, os locais despegáronse no marcador e rubricaron o seu mellor cuarto do partido cun triplo desde nove metros (nun apoio e a taboleiro) do seu base Veiga, con moito o mellor xogador do C.B. Vistaalegre. O 17 a 8 cultivado no primeiro parcial obrigaba ao C.B. Ames a elevar a súa porcentaxe de acerto e a redobrar os esforzos defensivos en pos de igualar a contenda.



Cambio de compás. Se non hai acerto desde fóra o ideal é achegarse ao aro. Esta consigna foi entendida polo C.B. Ames á perfección grazas a un Alberto Jr. que vai asumindo cada vez máis responsabilidades en pos do rol que lle pertence dentro deste equipo, conseguindo anotar en fulgurantes penetracións que tan só podían ser cortadas con falta persoal. Mentres tanto, o camiño ao noso aro achábase cortado e calquera esperanza de segundas accións en forma de rebote para os locais convertíase nunha mera ilusión grazas ao dominio baixo os aros de Juan, Eloy e Linas, os tres únicos xogadores verdadeiramente interiores dos que dispoñiamos para o partido de onte. O relevo de Alberto tomouno, como non, un Manu inmenso en todo o rectángulo de xogo, que daba continuidade ás canastras tras penetración mentres dirixía o xogo coa eficacia e eficiencia acostumadas. Como guinda para o pastel, Raúl anotaba o noso primeiro triple tras unha xogada coral para certificar a remontada ante un superado conxunto santiagués cuxa única opción era que chegase o descanso canto antes. Mocidade ao poder. Co 5 a 16 de parcial restañábamos a ferida do primeiro cuarto e situabámonos por diante no marcador (22 a 24) aínda que a empresa non era como para confiarse, nin moito menos.






Tras o descanso a tónica sería a mesma. Manu facendo e desfacendo ao seu antollo e Juan dominando a ambos os dous lados da pista para certificar un parcial de 0 a 7 nos tres primeiros minutos para alcanzar unha renda favorable de 9 (22 a 31) que, en principio, outorgábanos unha certa dose de tranquilidade tan só rota pola sinalización da cuarta falta persoal de Raúl, o que provocou a súa substitución por un inédito Jorge que, debido ás súas molestias nas costas, non adestrou en toda a semana. Pero o francotirador amiense é todo un asasino e, con dous triples noutros tantos intentos, asentou as nosas posibilidades reais de vitoria situando un claro 26 a 37 no electrónico ante a algarabía da parroquia visitante. Pero, grazas a dous triplos consecutivos (o segundo, apoiándose en táboa) do escolta local Rial, o C.B. Vistaalegre conseguía manterse a flote nuns instantes finais de cuarto protagonizados por un Víctor que tirou de experiencia para anotar tres puntos de forma consecutiva e afianzar o noso dominio no marcador. Novo parcial favorable (10 a 16) e o marcador en 32 a 40 a falta de dez minutos de partido. Aínda que o partido estaba de fronte, non había que relaxarse.




Primeiro minuto do último cuarto no que o repentino caos visitante foi aproveitado polos locais para situarse a catro puntos (36 a 40). Tempo morto de Gaby e cambio múltiple para invertir a perigosa deriva. Pero, unha vez máis, Jorge con dous triples pon as cousas no seu sitio ante un rival ao que se lle esgotaron todos os seus intentos de remontada. Serios en defensa e con Manu como claro dominador do tempo do partido, o C.B. Ames dedicouse a conservar a renda favorable na contorna dos dez puntos ata o 43 a 53 final que supón unha nova lombeirada ás nosas opcións de clasificación. Agora toca pensar nos difíciles duelos que nos esperan, comezando co enfrontamento contra un rival directo, o Praíña SPC Basket, a próxima xornada.





A continuación, la estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)
O respecto mutuo e a deportividade caracterizaron o encontro


O peor: a falta de acerto no primeiro cuarto e algúns momentos de relaxación que debemos desterrar para futuros enfrontamentos.

O mellor: o sobrepoñernos á desvantaxe inicial e resucitar a tempo. Mención aparte para o labor do único colexiado que dirixiu o encontro, o sr. Trasancos: firme e dialogante á vez e, sobre todo, xusto e equánime ao manter o mesmo criterio durante os corenta minutos de partido para ambos equipos. Parabéns pola súa impecable dirección.


A sesión vermú cos nosos familiares, amigos e afecionados estivo moi entretida...

  

2 comentarios: