Por fin chegou o gran día. Tras tres meses de longa ausencia, o C.B. Ames volveu a pisar o parqué do municipal de Bertamiráns para retomar a actividade. Coa ilusión do principiante, os discípulos de Gaby puxeron máis corazón que pernas nesta primeira sesión. Nestes tempos convulsos, e ademais das medidas impostas tanto polas autoridades sanitarias como polo Concello de Ames e relación ao desenvolvemento de actividades deportivas en recintos pechados, este club implementou as seguintes medidas específicas para as súas sesións preparatorias:
- Tentar manter a distancia de seguridade de 2 metros na medida do posible.
- Non haberá xogo con oposición.
- Non haberá filas.
- Tentar que os xogadores non se toquen a cara.
- Cada xogador debe ter unha toalla de uso individual que se colocarán ao longo dos bancos.
- Cada xogador debe ter unha botella de auga de uso individual co seu nome que se colocará na mesa de anotadores.
- Evitar na medida do posible abandonar a pista nos descansos para entrar no vestiario.
- Non se pode deixar roupa na pista.
O obxectivo é ir recuperando sensacións e, aos poucos, tanto a forma como o toque. Ao finalizar esta primeira sesión, podíase contemplar nos rostros dos xogadores a fatiga como consecuencia da inactividade, pero compensada coa satisfacción de volver sentirnos un equipo e facer o que máis nos gusta, que non é outra cousa que xogar ao BALONCESTO.
Agora o que toca é continuar traballando nesta liña, ir incorporando a todos os nosos efectivos e, paso a paso, volver polos nosos foros. Por actitude, ilusión e ganas non será.
Volvemos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario