26/11/25

Afianzando sensacións

 

Tras uns primeiros encontros contra equipos, en teoría, chamados a pelexar con nos as catro prazas de acceso ao playoff polo título, entramos nunha fase da tempada regular que nos enfrontará aos rivais, tamén a priori, con menos posibilidades de clasificación. Pero, grazas aos deuses, o basket pouco ten que ver coa matemática, estatística ou probabilidade e abofé que algún destes conxuntos poden amargar (e amargarán) as expectativas de máis de un a pouco que se confíe.

O primeiro escollo desta xeira pasaba por recibir ao C.B. Noia, todo un clásico da categoría. Bo ambiente no pavillón de O Milladoiro. Algún dos xiareiros amienses tiveron o privelexio de estrear as novas bufandas made in Lourdes & Beba © especialmente confeccionadas para a presente tempada. Edición limitada de luxo e un toque de distinción ao servizo dos nosos afeccionados.

Lourdes y Sofía en primicia coas novas bufandas 

Primeiros instantes de xogo cun claro protagonista: Yeray. 7 puntos consecutivos e asistencia de luxo para Juan para abrir brecha no marcador.


Pero, a excepción do escolta amiense, o ataque non estaba a ser fluído o que, unido a certa permisividade defensiva, permitía ao conxunto noiés agarrarse ao encontro e incluso adiantarse por vez primeira. Pero a calidade de Aldán no un contra un puxo as cousas no seu lugar ao termo dun primeiro cuarto xogado a medio gas.



Momento para os cambios. Tripla de Jorge e protagonismo para un Joaquín con ganas de desquitarse da súa actuación da pasada xornada. Parcial de 9 a 0 en menos de dous minutos.



Joaquín, poderoso

Pese a diferenza no marcador o encontro non lle estaba a gustar ao corpo técnico. 7 puntos consecutivos dos noieses e o tempo morto de Dani corroboraban un exceso de confianza que, sen lugar a dúbidas, é o peor dos inimigos neste tipo de encontros. Por aqueles momentos, o máis intenso da parroquia local era sen dúbida o noso recén estreado delegado e vello coñecido de todos: Ángel

Ángel, sempre ao servizo do Club

Vaia flow que ten este delegado!

Tras o tempo morto, aro pechado para os visitantes e 7 puntos consecutivos de Pedro, incluída unha tripla na derradeira posesión tras asistencia de esguello de Yerai que rubricaba o +14 ao descanso (38 a 24) ante un rival que non parecía ter demasiados argumentos.



Pero, segundo nos comentan as nosas sempre ben informadas fontes e pese ao marcador favorable, houbo bronca no vestiario (cualificaríamola de “cholina” pero Dani ten pegada propia). A actitude, o compromiso e a concentración durante os corenta minutos son innegociables para o corpo técnico.

Os visitantes non sabían a que se lle viña por riba. Liderados por ese asasino con cara de neno chamado Tomás Souto, autor de dúas triplas e outras dúas case triplas (todas elas, sen fallo) que o confirman como o mellor lanzador de 6,74 da categoría, e baixando o traseiro en defensa ata límites que desafían a física máis elemental, inculcou aos seus compañeiros ese espírito que debe ser santo e sinal da nosa identidade.



Tomás Souto, que gran partido o seu!


Como se dun desastre natural se tratara, os visitantes quedaban sen resposta e só podían ser testemuñas do imparable aumento da buraco no marcador dun encontro visto para sentenza a falta de dez minutos para a súa finalización (65 a 34).

Coa clara intención de ir entrando na dinámica e aproveitando o vento favorable, momento para xogadores que desfrutaron de menos minutos nas xornadas anteriores. E estes responderon e con creces. Jorge asestando certeiros disparos e calibrando o seu fusil cara a vindeiras citas, Diego e Jaime a quince mil revolucións pola pista, Fran facendo gala da súa polivalencia, Sergio manexando ao seu antollo, Joaquín imparable e o gran capitán Alberto pois, coma sempre, sendo Alberto... Pese ao desequilibrado da contenda, estabamos a presenciar un digno espectáculo.




Pero un par de xogadores visitantes non parecían querer aceptar a derrota con dignidade. Primeiro, unha sobreactuada defensa sobre Diego que semellaba querer invitalo a bailar e, pouco despois, un aspirante a dentista que, cabezazo cara atrás mediante, puxo a proba a resistencia maxilofacial de Fran. Ambos xogadores, tras as sinaladas agresións, semellaban pedir unhas desculpas transmitindo unha credibilidade similar á unhas declaracións de Víctor de Aldama a OK Diario. Un claro sinal de impotencia impropio dunha escuadra que viviu tempos mellores.

Pero ao final e por sorte o partido rematou dentro dos cauces da normalidade. 81 a 42 claro e rotundo e o C.B. Ames encontrando o camiño polo que queremos transitar.


Por parte do Club Baloncesto Ames interviñeron:

Tomás Souto (10, AAA), Yeray (14, AA) Aldán (5, AA), Juan (4, A) e Pedro (12, AA) – cinco inicial – Diego (6, AA), Jaime (4, AA), Joaquín (15, AAA), Jorge (11, AA), Fran (A), Sergio (A) e Alberto (A).

O mellor: o paso ao fronte de todo o equipo tras o descanso e a sensación de dominio con independencia da composición do quinteto. Contamos con bos músicos e todos saben que instrumento teñen que tocar.

O peor: A actitude dalgún xogador visitante nas postrimerías do encontro e a pasividade do equipo arbitral. Dende esta humilde publicación demandamos do estamento arbitral maior contundencia á hora de atallar este tipo de comportamentos, perigosos para a integridade física dos deportistas. Que o encontro estea resolto a falta de poucos minutos non significa baixar a garda e deixar sen castigo este tipo de accións, aumentando a sensación de impunidade nos infractores dun xeito directamente proporcional ao descenso do nivel de protección dos xogadores que sofren este tipo de accións que, por outro lado, son bastante sinxelas de apreciar.

18/11/25

Sólidos e Firmes


Prato forte o servido o pasado domingo no municipal de O Milladoiro. Tras a indixestión da pasada xornada en forma de derrota contra Peleteiro, quenda para un dos cocos da competición: o multicampión “Papatorio, Tapas e Brasas”, máis coñecido no mundiño do basket zonal como C.A.B. Conxo.

Albiscábanse fortes emocións no coliseo amiense, máis tendo en conta que os pupilos de Fran Varela virían con ganas de desquitarse da semifinal da campaña pasada e, concretamente, do memorable encontro de ida no que o C.B. Ames noqueara aos santiagueses por un abultado 72 a 41. Só podía quedar un. Momento para avaliar as forzas duns e doutros nun duelo que ven a converterse nun dos grandes clásicos da categoría.

Todos moi guapos coas novas equipacións

Cando o adestrador fala, os xogadores escoitan

Non o parece, pero Pedro tamén ten un bo salto

Tras uns primeiros minutos presididos pola ansiedade en ambas escuadras, o C.B. Ames conseguiu atemperar os seus nervios antes que o seu rival dende a defensa. Liderados por un Juan en plan Super Saián nivel Deus, os locais pechaban a cancela e negaban toda posibilidade de acceso ao aro. Aínda que os ataques non estaban a ser todo o fluídos que a parroquia local desexaría, a fortaleza baixo os taboleiros era suficiente para materializar unha estatística, cremos, inédita ata onte: que Conxo non consiga anotar unha canastra en xogo a longo de todo un parcial.


Juan, todo vontade e sacrificio. MVP



Aldán, cada vez máis adaptado, anota a primeira tripla

Ao principio do segundo cuarto imponse a lóxica e os picheleiros conseguen perforar o aro contrario por vez primeira. Momento para o intercambio de pareceres nunha fase áspera e trabada na que os visitantes conseguían manterse a flote dende a liña de tiro libre. Xa chegando ao descanso unha importante tripla de Jorge impide que Conxo se achegue perigosamente no electrónico. 28 a 18 ao descanso e a sensación de que ambos equipos non mostraran a meirande parte do seu potencial.

Conscientes do perigo de ter ao rebufo un equipo curtido en mil batallas, os discípulos de Dani afrontaron o inicio da segunda metade coa intención de, mantendo a eficacia defensiva, incrementar a nosas porcentaxe de acerto cara o aro contrario.

Apretemos!

Aí estaba a clave e  quen mellor cun asasino como Yeray para executar as ordes recibidas. Dúas triplas estratosféricas y e unha espectacular entrada a canastra catapultaban ao C.B. Ames ante un Conxo que parecía quedar sen resposta. Parcial de 13 a 0 de saída e 41 a 18 no electrónico que facía presaxiar un plácido percorrido cara ao desenlace final.

Pero iso e moito supoñer contra un equipo campión. Tirando orgullo, os visitantes non baixaban os brazos e tentaban sobrevivir de calquera forma ao tempo que tomaban consciencia que non sería o seu día. Pero, aínda así, e a base do empuxe tanto de Luis Mosquera como do mítico zurdo Roi Pallares, os visitantes aproveitaban a rotación local para non descolgarse no marcador. A tripla final de Raviña Jr dende o seu propio campo, que arrincou unha sonora exclamación na bancada seguida do correspondente aplauso de recoñecemento, mantiña un fío de esperanza para os visitantes a falta de dez minutos para o final (47 a 33).

Pero o C.B. Ames, coa lección aprendida da semana pasada, non tiñan pensado permitir o máis mínimo indicio de recuperación. 2 +1 de Reino remontando a liña de fondo e anotando por riba do aro e unha entrada do sempre descarado Jaime aproveitando un despiste defensivo volvía a situar as diferenzas na contorna dos vinte puntos.

Eran os momentos máis divertidos do encontro. Un C.B. Ames coral intercambiaba canastras cun equipo rival ao que se lle acaba o tempo.


A tripla de Pedro e a segunda “non tripla” de Tomás eran replicadas por dúas triplas do incombustible David Pazo.


A sorte estaba botada e o velo caendo do lado local dun xeito máis que merecido. So había tempo para unha última espectacular acción de Yerai contra todos para anotar coa man esquerda sabe Deus como previo rectificado, rebricando o 63 a 49 final. Insolente!


Respect

Por parte do C.B. interviñeron:

Tomás (4, AA), Yerai (12, AA), Reino (11, AA), Juan (12, AAA) e Pedro (5, AA) – cinco inicial – Jaime (2, A), Fran (6, A), Jorge (3, A), Aldán (5, AA), Joaquín (2, A), Sergio (A) e Alberto (A).

O mellor: a defensa. Deixar a un equipo das prestacións de Conxo sen anotar unha soa canastra nun cuarto enteiro e non permitir que chegue aos 50 puntos (relaxación final incluída), fala ben as claras do magnífico traballo do club amiense. Baixando o cu podemos chegar ben arriba.

O peor: certas doses de ansiedade no apartado ofensivo que, por momentos, redundan nunha caída nas porcentaxes de acerto. De todas formas, isto non ten feito máis que comezar. Cando suba o acerto (e subirá) e se mantemos a intensidade defensiva, seremos un equipo temible.