Prato forte o servido o pasado domingo no municipal de O Milladoiro. Tras a
indixestión da pasada xornada en forma de derrota contra Peleteiro, quenda para
un dos cocos da competición: o multicampión “Papatorio, Tapas e Brasas”, máis
coñecido no mundiño do basket zonal como C.A.B. Conxo.
Albiscábanse fortes emocións no coliseo amiense, máis tendo en conta que os
pupilos de Fran Varela virían con ganas de desquitarse da semifinal da campaña
pasada e, concretamente, do memorable encontro de ida no que o C.B. Ames
noqueara aos santiagueses por un abultado 72 a 41. Só podía quedar un. Momento
para avaliar as forzas duns e doutros nun duelo que ven a converterse nun dos
grandes clásicos da categoría.
![]() |
| Todos moi guapos coas novas equipacións |
![]() |
| Cando o adestrador fala, os xogadores escoitan |
![]() |
| Non o parece, pero Pedro tamén ten un bo salto |
Tras uns primeiros minutos presididos pola ansiedade en ambas escuadras, o
C.B. Ames conseguiu atemperar os seus nervios antes que o seu rival dende a
defensa. Liderados por un Juan en plan Super Saián nivel Deus, os locais
pechaban a cancela e negaban toda posibilidade de acceso ao aro. Aínda que os
ataques non estaban a ser todo o fluídos que a parroquia local desexaría, a
fortaleza baixo os taboleiros era suficiente para materializar unha
estatística, cremos, inédita ata onte: que Conxo non consiga anotar unha
canastra en xogo a longo de todo un parcial.
![]() |
| Juan, todo vontade e sacrificio. MVP |
![]() |
| Aldán, cada vez máis adaptado, anota a primeira tripla |
Ao principio do segundo cuarto imponse a lóxica e os picheleiros conseguen
perforar o aro contrario por vez primeira. Momento para o intercambio de
pareceres nunha fase áspera e trabada na que os visitantes conseguían manterse
a flote dende a liña de tiro libre. Xa chegando ao descanso unha importante
tripla de Jorge impide que Conxo se achegue perigosamente no electrónico. 28 a
18 ao descanso e a sensación de que ambos equipos non mostraran a meirande parte do seu potencial.
Conscientes do perigo de ter ao rebufo un equipo curtido en mil batallas,
os discípulos de Dani afrontaron o inicio da segunda metade coa intención de,
mantendo a eficacia defensiva, incrementar
a nosas porcentaxe de acerto cara o aro contrario.
![]() |
| Apretemos! |
Aí estaba a clave e quen mellor cun
asasino como Yeray para executar as ordes recibidas. Dúas triplas estratosféricas
y e unha espectacular entrada a canastra catapultaban ao C.B. Ames ante un Conxo
que parecía quedar sen resposta. Parcial de 13 a 0 de saída e 41 a 18 no
electrónico que facía presaxiar un plácido percorrido cara ao desenlace final.
Pero iso e moito supoñer contra un equipo campión. Tirando orgullo, os
visitantes non baixaban os brazos e tentaban sobrevivir de calquera forma ao
tempo que tomaban consciencia que non sería o seu día. Pero, aínda así, e a
base do empuxe tanto de Luis Mosquera como do mítico zurdo Roi Pallares, os
visitantes aproveitaban a rotación local para non descolgarse no marcador. A tripla
final de Raviña Jr dende o seu propio campo, que arrincou unha sonora
exclamación na bancada seguida do correspondente aplauso de recoñecemento, mantiña
un fío de esperanza para os visitantes a falta de dez minutos para o final (47
a 33).
Pero o C.B. Ames, coa lección aprendida da semana pasada, non tiñan pensado
permitir o máis mínimo indicio de recuperación. 2 +1 de Reino remontando a liña
de fondo e anotando por riba do aro e unha entrada do sempre descarado Jaime
aproveitando un despiste defensivo volvía a situar as diferenzas na contorna
dos vinte puntos.
Eran os momentos máis divertidos do encontro. Un C.B. Ames coral
intercambiaba canastras cun equipo rival ao que se lle acaba o tempo.
A tripla de Pedro e a segunda “non tripla” de Tomás eran replicadas por
dúas triplas do incombustible David Pazo.
A sorte estaba botada e o velo caendo do lado local dun xeito máis que merecido.
So había tempo para unha última espectacular acción de Yerai contra todos para anotar
coa man esquerda sabe Deus como previo rectificado, rebricando o 63 a
49 final. Insolente!
![]() |
| Respect |
Por parte do C.B. interviñeron:
Tomás (4, AA), Yerai (12, AA), Reino (11, AA), Juan (12, AAA) e Pedro (5, AA)
– cinco inicial – Jaime (2, A), Fran (6, A), Jorge (3, A), Aldán (5, AA), Joaquín
(2, A), Sergio (A) e Alberto (A).
O mellor: a defensa. Deixar a un equipo das prestacións de Conxo sen anotar unha soa canastra nun cuarto enteiro e non permitir que chegue aos 50 puntos (relaxación final incluída), fala ben as claras do magnífico traballo do club amiense. Baixando o cu podemos chegar ben arriba.
O peor: certas doses de ansiedade no apartado ofensivo que, por momentos, redundan nunha caída nas porcentaxes de acerto. De todas formas, isto non ten feito máis que comezar. Cando suba o acerto (e subirá) e se mantemos a intensidade defensiva, seremos un equipo temible.








Ningún comentario:
Publicar un comentario