O C.B. Ames golpea primeiro e apunta cara ás Burgas.
Hai historias que non admiten pausas, e a do Club Baloncesto Ames esta tempada parece escrita por un guionista afeccionado ao xénero de acción. Sen apenas tempo para gardar o trofeo de campións na vitrina nin para rematar de dixerir a celebración, xa estamos inmersos no que é o grande obxectivo para esta campaña: o ascenso á 2ª División Autonómica.
O camiño cara á categoría superior non vai ser precisamente unha excursión polo paseo fluvial de Bertamiráns. Nunha liguiña de catro equipos en formato de todos contra todos, a ida e volta, na que só o primeiro clasificado obtén boleto directo para o ascenso, cada partido é unha final. Máis perigoso que a túa parella dicíndoche “cariño, temos que falar...”.
Aquí non hai segundas oportunidades. Seis finais ante rivais da máxima entidade que dominaron as súas respectivas competicións domésticas, polo que podemos botar man do tan manido cualificativo do “Grupo da Morte”:
- Nacex EDO Blanco Amor (Campión de Ourense).
- SEI San Narciso C.B. Marín Peixefresco (Campión de Arousa).
- ADB Fontiñas (Subcampión de Santiago)
E coma o destino anda rebuldeiro e ten una sentido do humor algo peculiar, o primeiro capítulo levounos a comezar a nosa andaina xusto no mesmo lugar no que a deixamos: o pavillón municipal de Fontiñas. Nun escenario que xa forma parte da nosa mitoloxía, os amesáns saltaron á pista coa intención de atemperar os desexos de vinganza dos santiagueses. O título de liga xa é historia e nesta fase cada canastra vale o seu peso en ouro.
O encontro non tivo máis color que o verde. Decididos pola vitoria e un equilibrio defensa-ataque case cirúrxico, os pupilos de Daniel Fentes anularon por completo, e por terceira vez consecutiva, ao conxunto local. Foi un partido coral, sen apenas fisuras. Un 43 a 75 final que supón un importante golpe de autoridade dende a primeira xornada.
Con esta primeira vitoria no peto durmimos no máis alto da táboa, pero aquí ninguén se confía. Pés na terra e zapatillas ben atadas. A vindeira xornada non admite relaxacións: novo desprazamento a terras ourensáns para render contas ante o Blanco Amor, que na xornada inicial conseguiu unha importantísima vitoria en Marín por 86 a 89 nun vibrante encontro.
Será un choque de invictos, uns deses duelos que parecen sacado da mítica película “Os Inmortais”. Como se se tratase de Connor Macleod, pero cambiando a espada polo balón, afrontamos este desafío na loita polo liderado. Só pode quedar un.
Prevése unha nova mobilización da “marea amiense” cara a Cidade das Burgas. Sabemos por experiencia que co voso alento o aro faise máis grande e o esforzo máis lixeiro. Confiamos en que, co voso apoio nas bancadas, seremos nós os que saiamos vitoriosos nesta segunda batalla.
A VIAXE CONTINÚA. SOMOS AMES

Ningún comentario:
Publicar un comentario