xoves, 12 de decembro de 2019

Bo esforzo, mal resultado

Despois das dúas últimas derrotas, a visita do líder á nosa cancha non era o máis indicado para rexurdir das nosas cinzas e volver entrar na tan necesitada dinámica positiva que tanta falta fainos. O A.D. Básquet Ames, debutante na categoría, equipo revelación e, á vez, primeiros na clasificación, visitaba o municipal de Bertamiráns o pasado 1 de decembro sabedor da transcendencia deste partido cara ás súas aspiracións. Un equipo novo e ambicioso disposto a todo. Pola súa banda, o C.B. Ames presentábase co obxectivo sobrepoñerse á deriva derrotista na que se atopa inmerso cunha vitoria de prestixio.

Ambos os equipos saltaban á cancha coa clara intención de facer valer o seu respectivo estilo de xogo. Por unha banda, o C.B. Ames, con maior rigor táctico e superioridade na pintura e, polo outro, o A.D. Básquet Ames cun bloque novo, sólido e propoñendo un ritmo endiañado de xogo.

Con estas vimbias, o primeiro cuarto foi do mellorciño que se viu ao longo desta campaña. Con Jorge en modo francotirador (11 puntos neste cuarto, incluídos tres triples) liderando o ataque local, ben secundado por un Juan que bailaba claqué na zona visitante e un Manu que penetraba como o bisturí dun forense entre a defensa rival, chegaron as primeiras vantaxes no electrónico ante un A.D. Básquet Ames que replicaba como podía as arremetidas dun C.B. Ames desatado e ben plantado sobre o parqué. Co rebote asegurado, superábase a presión proposta polos visitantes e o balón circulaba con alegría inusitada. Pero o intenso conxunto visitante non se viña abaixo e esperaba, acazapado, o previsible descenso da porcentaxe de acerto dos locais para asestar os seus golpes. Ao final dos dez primeiros minutos, 26 a 19 a favor do C.B. Ames ante un público que o pasaba en grande.

Pero no segundo cuarto a decoración sería totalmente distinta. A entrada na segunda unidade por parte de ambos os contendentes deparou un descenso alarmante do nivel de acerto dos locais, mentres que os visitantes mantiñan a esixencia física para comezar a recuperar balóns grazas á súa presión asfixiante e conseguir canastras fáciles ao contraataque. Sen capacidade de resposta, os pupilos de Antón, liderados por un gran David Reino, conseguían superar aos discípulos dun Gaby que só podía dar réplica a base de tempos mortos que na esperanza de cortar o ritmo frenético imposto polos visitantes e que, agora si, daba os seus froitos. Apenas dúas canastras en xogo e un tiro libre en todo o cuarto para os locais, mentres os visitantes mantiñan o seu listón anotador. O 5 a 20 de parcial permitía ao A.D. Básquet Ames voltear o electrónico e establecer un resultado favorable de 32 a 39 ao descanso.

Tras a oportuna conxura no vestiario, ambos equipos saltaron á cancha coa intención de seguir batallando en pos da vitoria. O terceiro cuarto, máis parecido ao primeiro que ao segundo, puxo de manifesto a igualdade existente entre dous equipos con características opostas. Cada un coas súas armas, intercambiaron canastras ao longo de todo un período no que a manifesta igualdade só se viu descompensada por un descomunal triplo de Jacobo sobre a bucina que levantou tanto aos membros do banco como aos incondicionais do C.B. Ames dos seus asentos. Novo asalto favorable a un resucitado C.B. Ames (21 a 16) que deixaba o marcador nun apertado 53 a 55 a falta de 10 minutos para resolverse.

E, por terceira vez consecutiva, un partido apretado. No que levamos de tempada, con excepción do partido contra Noia, este tipo de encontros non se nos está dando nada ben. Cos nosos xogadores franquicia cargados de minutos, a maior profundidade de banco visitante comezaba a marcar as diferenzas nos momentos decisivos de xogo. Con todo, o C.B. Ames non perdía a cara ao encontro e con cinco puntos consecutivos dun castigado Manu mantivemos as nosas opcións ata que, de novo, a aparición dun David Reino en plan estelar con dous triplos consecutivos daba ao traste coas nosas aspiracións de vitoria. Nin sequera o sexto triple de Jorge servía para dar esperanzas ao C.B. Ames ante un A.D. Básquet Ames que demostrou o porqué da súa clasificación. Ao final 65 a 70 a favor dos visitantes nun partido disputado de poder a poder e no que só a maior consistencia e profundidade de banco visitante, unido ao seu maior acerto desde a liña de tiros libres, fixo caer a balanza ao seu favor.

Terceira derrota consecutiva do C.B. Ames e cuarta en total, o que nos fai descender varios postos na competición e perigar o obxectivo de clasificarnos para a fase final. Hai que cambiar a tendencia canto antes e o próximo encontro, o último do ano, ante o pechacancelas Elidente Rianxo, parece a ocasión propicia para iso, aínda que debemos ser humildes e non confiarnos se queremos sacar un resultado positivo.

Por parte do C.B. Ames interviñeron:

Alberto Jr. (7), Jorge (21), Juan (11), Raúl (3) e Jota - quinteto inicial - Jacobo (5), Manu (13), Quique (3), Eloy (2), Víctor, Dani e Rober.

O mellor: dar a cara durante todo o partido e manternos con opcións ata os instantes finais. Ningún equipo superaranos con facilidade.

O peor: a irregularidade manifesta. Alternamos grandes parciais con períodos desastrosos, e xeralmente lástrannos máis estes últimos que o que achegan os primeiros. Á que baixamos un pouco o nivel, os nosos rivais castigan a nosa debilidade. Debemos mellorar a nosa capacidade de resolución nos instantes finais dos partidos xa que, de momento, nos finais apretados a moeda sempre cae en cruz e esto non é unha casualidade. Debemos de ser máis fortes mentalmente.

1 comentario:

  1. Perdiendo y tomando nota es como sereis campeones.
    ¡¡Feliz Tiempo de Navidad!!

    ResponderEliminar