mércores, 11 de decembro de 2019

Doutor Jekyll e Míster Hyde

Partido de prognóstico incerto o celebrado o pasado día 23 de novembro no sempre difícil pavillón municipal de Os Tilos. O equipo anteriormente coñecido como Club de Baloncesto Amigos de Teo (CBAT), agora baixo o nome de Praíña SPC Basket, recibía a un C.B. Ames disposto a resarcirse da inesperada derrota colleitada na xornada anterior ante o Vistaalegre. 

Mal comezo para os nosos intereses. A pesar de dispoñer de opcións claras, o C.B. Ames non conseguía profanar o aro rival. Parcial de 7 a 0 nos cinco primeiros minutos que Rober, ao fin, consegue romper cun triple certeiro para inaugurar o noso casilleiro. Dous tiros de media distancia convertidos por Juan e por Jorge para aproximarnos no marcador no noso mellor minuto deste cuarto (9 a 7) e, de súpeto, a nosa produción ofensiva vólvese deter, feito que é aproveitado polos locais para escaparse no marcador e certificar un 14 a 7 no primeiro parcial. Cada canastra custaba un mundo, polo que non resultaba difícil adiviñar que este sería un enfrontamento a poucos puntos.

Pero se o primeiro cuarto foi malo, o segundo foi un tormento. Unicamente os cinco puntos conseguidos falan ben ás claras do noso rendemento ofensivo ao que contribuía decisivamente un aro máis duro que o pelo dun Playmobil. Non entraba unha nin que nos mataran. Pola súa banda, os locais, moito máis centrados aínda que sen facer nada doutro mundo, continuaban ao seu ritmo para, paulatinamente, poñer terra polo medio repetindo a anotación do cuarto anterior. Todo esto traduciuse nun parcial de 14 a 5, o que deixaba o electrónico en 28 a 12. Uns números para chorar, sobre todo en ataque. O único consolo que nos quedaba é que no outro lado non o poderiamos facer peor...

Tras o descanso pasamos do tormento á tormenta. Tras a canastra inicial de Linas e unha marabillosa extensión de brazo a aro pasado de Raúl, o renovado C.B. Ames desatou un vendaval ofensivo liderado pola "dobre J" formada por Juan e Jorge, autores de dous triplos cada un, ademais de contaxiarnos no apartado defensivo negando o acceso á nosa canastra. Rapidamente, a cómoda vantaxe dos locais viuse recortada ante o implacable, e descoñecido ata este cuarto, ataque visitante. A lesión dun Diego moi magullado pola defensa local, permitida polos colexiados, non suporía un freo no noso obxectivo: enxugar a renda negativa dos dous cuartos anteriores. Triplazo case sobre a bucina dun enorme Juan decidido a cambiar a protesta aos árbitros polo liderado para compensar completamente a diferenza e poñernos por primeira vez por diante no marcador nun cuarto memorable e cheo de orgullo por parte da escuadra amiense. 5 a 22 de parcial e 33 a 34 no electrónico. As espadas en todo o alto e co vento de cola a falta dos decisivos últimos dez minutos por celebrarse.

A pesar de as primeiras acometidas dos locais, Juan e Jorge, Jorge e Juan, seguían ao seu con tres triples máis, o segundo de proporcións bíblicas ao que o novo aleiro amiense acompañou dun tiro libre. Non contento con iso e en pleno refacho de acerto, Jorge volvía anotar máis aló do 6,75 co defensor encima e, seguidamente, encestaba baixo canastra tras unha portentosa asistencia de Juan, para colocarnos oito puntos arriba (38 a 46) a falta de seis minutos por disputarse. Era o noso mellor momento. Pero o conxunto de Teo é coñecido por non dar o seu brazo para torcer en ningún momento e, paso a paso e coa aquiescencia do colexiado en momentos determinantes do encontro, foi recortando as diferenzas en base a unha mestura de tiros libres cun par de lanzamentos de media distancia para volver poñerse por diante no marcador (49 a 48) a falta de dous minutos nun final de alta tensión. A partir dese momento tanto a responsabilidade como o cansanzo fixeron efecto en ambos contendentes, que non conseguían atopar o camiño do aro. Tras múltiples erros en ambos os lados, última posesión para o C.B. Ames a falta de 15 segundos para a finalización: ou o ceo ou o inferno. Balón para un Jorge que se topa coa poboada defensa rival e que non permite sequera ver o aro ao talentoso aleiro visitante, polo que volviamos caer nun final de partido apertado por segunda vez consecutiva no que vai de tempada. Co 49 a 48 final, o C.B. Ames abandonou o pavillón coa dobre sensación atopada de, por unha banda, tirar os dous primeiros cuartos e, por outro, sobrepoñerse a unha situación crítica e poder dispoñer de opcións ata o último segundo de partido. 

A continuación, ofrecémosvos a estatística completa deste partido:

(Pincha para ampliar)

O peor: Por unha banda, os dous primeiros cuartos. Paupérrimos 12 puntos. Polo outro, o final do partido, no que nos remontaron oito puntos e tomáronse malas decisións que nos condenaron ao fracaso. Míster Hyde.

O mellor: o terceiro cuarto e os cinco primeiros minutos do último parcial. Moi ben a ambos lados da cancha. Doutor Jekyll.

Para finalizar, deixámosvos o partido case completo. Falta o terceiro cuarto (parece que estamos gafados) por problemas técnicos: 


Como sempre, podedes visualizar o contido deste e doutros partidos do C.B. Ames na nosa canle de YouTube

Significar que, o máis axiña posible, continuaremos actualizando os contidos deste blogue. Pedir desculpas aos nosos incondicionais polos atrasos destas últimas datas; e é que este humilde cronista afeccionado non pode estar sempre ao 100%. 

Grazas pola vosa paciencia!


Ningún comentario:

Publicar un comentario