mércores, 18 de decembro de 2019

Trámite antes do peche do exercicio 2019

Tras as últimas tres derrotas consecutivas e o parón motivado polo ponte da Constitución, quenda para recuperar sensacións perdidas ante un a priori propicio rival. O debutante e naquel momento pechacancelas Elidente C.B. Rianxo visitaba o municipal de Bertamiráns sen estrear o seu marcador de vitorias ao longo da presente campaña, e encaixando severas derrotas na maioría dos seus enfrontamentos, o que facía presaxiar que sería unha vítima propicia para que o C.B. Ames endereitase o rumbo.

Antes do comezo, dúas noticias (unha mala e outra boa): a lesión na espalada a última hora do noso francotirador Jorge, que decidiu non participar no xogo co propósito de non arriscar para apoiar aos seus compañeiros desde o banco; doutra banda, sen dúbida a mellor noticia do partido, a entrada na convocatoria por primeira vez na tempada de toda unha institución como Alberto Sampedro.

Comezo do partido cunha clara misión: acabar coa racha negativa

Compadecían os visitantes con tan só seis efectivos, mentres que os locais presentábanse co máximo regulamentariamente permitido. Un desequilibrio de forzas que quedaba patente desde os instantes iniciais de xogo, nos que tanto Alberto Jr. como Juan campaban ás súas anchas para protagonizar un 10 a 0 inicial que daba boa mostra de como sería o partido. Pero tras este parcial de saída, chegaron uns minutos de desconcerto e relaxación que foron aproveitados polos visitantes para realizar a súa única aproximación no electrónico ao longo de todo o choque, e que deparou un tanteo ao final do primeiro cuarto de 14 a 9.






O segundo cuarto comezaba coa primeira canastra do "debutante" Alberto Sampedro, moi na súa liña, tras un estrano e sorprendente autorrebote. Con todo, o encontro era un puro despropósito e os erros sucedíanse a ambos os dous lados da cancha ata que Gaby decide tentar dar a volta á situación coa entrada dos Beiro Brothers e de Linas. A efectividade do lituano na pintura, a boa disposición do escolta ao longo de todo o rectángulo de xogo e a intensidade e mestría do base era o que os locais precisaban para romper a delgada liña que mantiña aos visitantes no partido ata ese momento. Os, agora si, certeiros ataques locais facían trizas a tan estraña como anárquica defensa "individuozonal" proposta por un equipo visitante que non dispoñía de alternativas nin na pista nin fóra dela. O parcial de 23 a 9 deixaba un 37 a 18 a favor do C.B. Ames e a clara sensación de que este non sería un partido que se ía a distinguir pola súa emoción precisamente.







Un Juan dominante bastábase e sobrábase para eliminar calquera tipo de resistencia dun equipo visitante que, minguado de efectivos e claramente inferior baixo os aros, tentaba plantar cara da forma máis digna posible, aínda que de maneira estéril. Froito da vantaxe no marcador, a falta de intensidade foi a tónica dominante nun cuarto no que, case ao seu termo, Jota conseguía o primeiro triple do C.B. Ames, algo tan inusitado ao longo da tempada como plausible ante a ausencia do noso principal artilleiro. Novo parcial favorable por 16 a 10, o que situaba o marcador nun plácido 53 a 28 a falta de dez minutos para o final.



Co equipo visitante absolutamente entregado, o último cuarto serviría para tentar recuperar sensacións e seguir manexando o encontro de acordo aos nosos intereses. A dupla Quique-Raúl tiraba do carro ofensivo ante un rival máis bo que un noivo en casa dos seus sogros que non opoñía ningún tipo de resistencia ata chegar ao resultado final de 74 a 41. Traballo feito e unha nova vitoria que nos permite abandonar a espiral derrotista das últimas xornadas e encarar o novo ano co espírito renovado.






Máximo respecto entre ambos contendentes ao longo de todo o partido

A continuación, la estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)

O peor: a falta de intensidade durante diversas fases do xogo, posiblemente contaxiados pola debilidade e indolencia dun rival que, a pesar de todo, realizou un digno papel.

O mellor: a vitoria para pechar o ano e o cambio de dinámica. Agora toca armarse para unha segunda volta na que se prevén fortes emocións.



Ningún comentario:

Publicar un comentario