Derradeira xornada da primeira volta a celebrada o pasado sábado 2 de
decembro no complexo deportivo Pedra Mámoa. Un C.B. Ames en clara liña
ascendente visitaba a un tan irregular coma necesitado Negreira Basket coa
clara consigna de afianzar as sensacións dos últimos partidos e, de paso, consolidar
a súa clasificación na parte alta da táboa.
Ambiente frío nunha bancada que contou, ademais dos irredutibles xiareiros
de sempre, coa presencia de caras coñecidas do Hall of Fame amiense
tales coma Lito e Gaby, base e adestrador ilustres da nosa recente historia,
quen non quixeron perder detalle da evolución do equipo que lles deu gloria e
sufrimento a partes iguais.
O frío e a humidade reinantes pronto deixarían paso a outro fenómeno: o
quinteto inicial formado por Tomás, Diego, Jaime, Juan e Sebas. Todo un rebentón
térmico en forma de baloncesto que asoballou a un conxunto local superado en
todas as facetas do xogo. Liderados por Juan en defensa e por un incandescente
Diego en ataque, os primeiros cinco minutos de cuarto foron o mellor, sen dúbida,
de toda a tempada. Defensa pétrea e abafante, rebote pechado, transicións ordenadas,
e ataques precisos e contundentes nunha orxía baloncestística de cinco minutos
(2 a 21) que constitúe o sono húmido de calquera adestrador.
Pero, como todo sono (húmido ou non) implica espertar, non cabía outra e, tras
eses cinco minutos explosivos, o equipo local foi quen de reaccionar obrigando
a Dani a solicitar o seu primeiro tempo morto a falta de tres minutos para o
final, e co electrónico 10 a 21, co
obxectivo de aplacar os ánimos de remontada dos negreireses. De aquí ao remate
do cuarto ambos contendentes firman un armisticio que levaría o marcador ata o
15 a 26.
O segundo cuarto transcorrería polos lugares máis comúns aos que nos ten
acostumados o baloncesto nesta categoría. Os intentos de remontada local son sufocados
por varias accións de Sebas e Juan, ao cabo os dous mellores homes sobre a
pista, e unha nova tripla de Diego que restableceu a orde dun encontro moito
máis equilibrado que no parcial anterior. Ao descanso, 28 a 38 a prol dos
amienses e situación aparentemente controlada.
Para a continuación prevíase que o Negreira Basket queimase todas as súas
naves e saíse decidido a igualar a contenda. Conscientes desta circunstancia, os
visitantes deron un paso ao fronte e golpearon primeiro a canastra local con
dúas boas accións de Jaime. As acometidas locais eran sistematicamente abortadas
por un conxunto visitante que, ao contrario que noutras ocasión similares, non
parecía poñerse nervioso. A falta de tres minutos, o noso francotirador Jorge,
aínda que un pouco escarallado, decide comparecer no encontro e anotar unha
tripla que, sumada a canastra do sempre valente Sergio Rocha, suporía a nosa máxima
vantaxe no electrónico (+ 16). Os tres últimos puntos dos locais dun cuarto que
remataría con 45 a 58 non paliaban a sensación de encontro controlado en todo
momento.
Pero tiñamos dous inimigos, ambos invisibles e alleos ao rival: o tiro
libre e a posibilidade dun exceso de confianza. Mentres o primeiro estaba a ser
compensado por unha eficaz defensa e por un xogo de ataque solvente, o segundo aínda
estaba por facer acto de presencia nun encontro sen finiquitar. De forma
antagónica aos cinco primeiros minutos do encontro, o C.B. Ames mostraba a súa
cara máis amarga ante un rival que, liderado por Aldán Prieto, golpeaba unha e
outra vez a canastra visitante ata chegar rapidamente ao noso rebufo. Pero as
remontadas non se culminan ata que o conxunto que as protagoniza consigue superar
ao seu rival. Todas as pantasmas do encontro da campaña pasada parecían pasear
polo pavillón coma un espectador máis en plan Expediente Warren. Pero en
lugar de chamar Ed e Lorraine Warren para quitar o mal de ollo, o adestrador local
Dani decidiu, con bo criterio, apoiarse en dous dos seus pesos pesados: Sebas,
convertido xa en imprescindible tras só sete encontros oficiais coa elástica
amiense, e un Jorge que, aínda a medio gas, segue sendo un fora de serie. Con
58 a 58 e a falta de catro minutos o francotirador desempoa o seu fusil para
anotar unha tripla estratosférica cumprimentada con dous tiros libres do
venezolano que poñen terra polo medio. De aí ao final e aproveitando o exceso
de ansiedade dos locais personalizado nun Aldán Prieto, ben defendido por candepresa
Juan, que pasou de heroe a vilán polo seu excesivo egoísmo nos instantes
decisivos, nova canastra de Sebas e dous tiros libres de catro intentos que
certifican a nosa cuarta vitoria en seis partidos, pechando unha primeira volta
que o propio adestrador amiense non dubidou en cualificar como de “notable”.
Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (2, A), Diego (11, AA), Jaime (7,
AA), Juan (13, AAA) e Sebas (15, AAA) – quinteto inicial – Jorge (9, AA), Alberto
(6, AA), Sergio Rocha (3, A), Hugo (1, A), Linas (AAA), Ángel (s.c.) e Nico (s.c.).
O peor: os tiros libres (12/30) e o exceso de confianza
que ben puido costarnos moi caro. Como xa defendemos nalgunha que outra ocasión,
hai que pechar os partidos cando o rival está noqueado e non permitir a súa
resurrección, pero éntranos o complexo de Mesías e estragamos a nosa oportunidade
nunha categoría marcada pola igualdade e na que ese tipo de detalles poden
supoñer a diferenza entre o éxito e o fracaso.
O mellor: sen lugar a dúbidas, os primeiros cinco minutos
do encontro. 21 puntos anotados por só 2 recibidos e proxección duns imposibles
160 puntos que nos deixaron atónitos a todos os presentes. Entre iso e os cinco
primeiros minutos do cuarto final hai un equilibrio que é ao que debemos tender
se desexamos seguir sendo competitivos.
Mención aparte para a sorpresa final que nos tiña reservada o lituano e
tamén residente Linas Baltusis e a súa parella Mabel en forma de ágape/cea con
todo luxo de detalles, o mellor deles o valor humano desta xuntanza. Máis alá
de vestiarios e pistas de basket, así é coma se fai equipo sendo a cualificación
triple A só un humilde recoñecemento á vosa aportación. Moitas grazas chicos!
E para rematar, informáronos que un personaxe ilustre destas datas, e que
non é Papá Noel, tivo a posibilidade de ver os nosos cinco primeiros minutos e,
ante o seu abraio, non quixo deixar pasar a oportunidade para deixarnos esta
mensaxe:
Ningún comentario:
Publicar un comentario