luns, 16 de outubro de 2017

¡Primeira vitoria!

Segunda xornada e primeira vitoria. Na tarde de onte, o C.B. Ames fixo valer a súa condición de local ante o sempre correoso Tendas Pillados C.B. Porto do Son.

Quentando motores

E iso que os visitantes comezaron o partido amosando de inicio todas as súas armas ante a "caraja" inicial (e acostumada) en defensa dos locais. Os seus xogadores manexaban o balón ao seu antollo e os cortes e penetracións entraban na nosa defensa como coitelo en manteiga, o que provocou que desde os primeiros instantes do partido os visitantes contasen cunha vantaxe considerable que pronto alcanzaría os 10 puntos, tal e como se reflectiu ao termo do cuarto inicial (14 a 24).
 
Nos primeiros minutos do segundo cuarto o C.B. Ames continuou languidecendo polo municipal de Bertamiráns ante as acometidas dos sonenses, que chegaron a acadar unha vantaxe de 17 puntos o que facía prever unha humillante derrota para os locais polo visto no terreo de xogo. Pero, coma se fosen conscientes deste feito, no segundo tramo deste cuarto os de Pío rexurdiron cuan "Ave Fénix". A base de orgullo e raza, e liderados por un Manu que se colocou o disfrace do agora lesionado Sergio Llull para bombardear o aro rival e converter o partido do base visitante nun pesadelo, o C.B. Ames comezou a recuperarse no marcador, subindo liñas en defensa (por fin a presión daba os seus primeiros froitos da tempada) e un xogo entre pivotes que, ata ese momento, era unha dos sinais de identidade dos visitantes. Cun parcial de 23 a 17 neste cuarto, o electrónico reflectía un tenteo de 37 a 41 ao descanso e a sensación de que había moito partido por desputar.

A defensa, clave na remontada

E esta sensación plasmouse en feitos nos 20 minutos finais. A pesar de que os primeiros envites tras o descanso volvían favorecer aos visitantes, que chegaron de novo aos 10 puntos de vantaxe, os amienses, conscientes de que se podería ir definitivamente o partido, volveron rapidamente a entrar en escea da man dos seus dous bases, descomunais ao longo de todo o encontro: Manu na anotación e Rober na dirección, asistindo aos pivotes de maneira excelsa, o que permitiu de novo o achegamento no marcador, reducindo a vantaxe visitante a catro a falta de 10 minutos por xogar (51  a 55).

Lanzamento a canastra de Rober, un dos heroes do partido

Fartos de seguir facendo a goma, o C.B. Ames saíu a polo encontro desde o primeiro minuto. O Rober director transformouse en anotador, e con dous triplos (o segundo deles estratosférico) puxo a primeira vantaxe dos locais en todo o partido. Os de Porto do Son serían incapaces de darlle a volta ao encontro ante o aluvión ofensivo dos locais. Sen perder os estribos, as diferenzas aumentaban paulatinamente a favor dos locais, quen se mostrou especialmente acertados desde a liña de tiro libre, destacando o acerto do noso "home de xeo", o gran Linas Baltusis, xogador que pode converter unha clara cotenada no seu rostro dun xogador rival nunha suave masaxe post-afeitado de mañá. Así, sen baixar un mínimo a intensidade defensiva, a pesares das últimas arrancadas visitantes e a pesar de algunha decisión arbitral final que parecía querer darlle emoción ao encontro, o C.B. Ames levouse o gato á auga (75 a 69) ante a algarabía dos seus incondicionais e a lóxica decepción da nutrida representación que acompañou aos visitantes.
 
En resumo, un gran espectáculo o vivido na tarde de onte.
 
O cadro de anotadores quedou como segue:
 
Dani (12), Quique (1), Alberto (10), Rober (10), Raúl (3) - quinteto inicial - Víctor (1), Jacobo (3), Manu (19), Linas (16), Eloy y Jota (indisposto).
 
Lo peor: os primeiros 15 minutos, onde o C.B. Ames foi un monicreque en mans do seu rival. Non podemos permitirnos regalar tanto tempo, xa que nos pode custar moitos puntos na clasificación final.
 
Lo mejor: a garra e a actitude. Ante un partido potencialmente perdido, o C.B. Ames sacou toda a súa casta a relucir. Aos poucos, ver que os xogadores se van adaptando ás premisas impostas polo novo adestrador, Pío, quen moveu o banco cunha gran soltura e determinación, facendo que todos os xogadores cheguen a sentirse importantes neste equipo. Bo traballo. Tamén cabe destacar o debut de Jacobo, quen achegou experiencia, rebote e dominio das situacións de xogo ao longo da súa participación neste encontro. Un xogador que, estamos seguros, irá crecendo ao longo das seguintes xornadas e todo un luxo para este equipo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario