luns, 30 de outubro de 2017

Vitoria balsámica

Dous de dous en casa. Na tarde de onte, o C.B. Ames recibía a un C.B. Noia que contaba todos os seus partidos por derrotas, o que ofrecía unha situación inmellorable para superar esta convulsa semana, con dimisión do adestrador incluída. Así as cousas, e a pesar das baixas sobre todo en posicións interiores, Dani (o gran capitán e segundo adestrador deste equipo) sacrificou as súas funcións como xogador e asumiu a dirección do equipo desde o banco co obxectivo de cambiar a nosa filosofía e mellorar en todos os aspectos do xogo. E vaia se o conseguiu...
 
Ao contrario que nos tres partidos precedentes, o C.B. Ames saíu enchufado e pronto se reflectiron as primeiras diferenzas no electrónico. A alegría co balón e a frescura nas pernas eran as notas características dos primeiros minutos de xogo, nos que os locais dominaron claramente e non se deixaron sorprender polo acerto puntual a media distancia dos xogadores da escuadra noiesa. O tanteo final ao termo dos primeiros 10 minutos (22 a 8) era unha proba clara de que os sistemas expostos por Dani contra a defensa individual local comezaban a dar os seus primeiros froitos.   

Dani, de costas, seguindo as evolucións do equipo en defensa

No segundo cuarto, o conxunto visitante expuxo un cambio defensivo (de individual a zona 2-3) que, por uns minutos, tranquilizou a súa sangría defensiva. A falta de acerto dos locais no tiro exterior motivou que as diferenzas se estabilizasen e que, grazas a unha gran canastra desde medio campo sobre a bucina do seu capitán, o equipo visitante saldase este parcial ao seu favor (15 a 17), feito que non facía perigar a máis que presumible vitoria dos locais. Aos vestiarios con 37 a 25 ao noso favor.
 
Tras o descanso, o C.B. Ames saíu disposto a non deixarse sorprender e puxo unha marcha máis, tanto en ataque como en defensa. Grazas a este aumento na intensidade, conseguimos abrir brecha na tupida zona visitante conseguindo canastras desde as posicións máis variadas e asegurar o rebote, apartado no que fomos claramente superiores ao longo dos corenta minutos, e en que destacaron os pivotes Linas e Alberto (que estivo imperial), pero tamén outros xogadores meos afeitos pelexarse baixo os aros, como Raúl ou Víctor, e que supliron a ausencia de centímetros na pintura co seu acostumado oficio e bo facer. 21 a 15 neste cuarto, o que deixaba o partido practicamente visto para sentenza.
 
 
Efectivamente, os últimos 10 minutos convertéronse nun aparente trámite. E dicimos "aparente" porque aínda que é o que un espectador normal podería deducir, en realidade non foi así, xa que o noso novo adestrador aproveitounos espectacularmente para seguir implementando os novos sistemas ofensivos e probar os novos elementos de presión que teremos que ir afinando adestramento a adestramento e, parafraseando ao gran Cholo Simeone, "partido a partido". Ao final, vinte puntos de diferenza (72 a 52) e a sensación de superar o exame con nota.
 
Agora máis que nunca, somos unha piña

Polo C.B. Ames actuaron:
 
Jota (5), Manu (22), Kike (5), Linas (12) y Alberto (17) - quinteto inicial - Víctor (2), Rober (3) y Raúl (6).
 
O mellor: sen dúbida, Dani. Un auténtico namorado do deporte da canastra que non dubidou nin por un segundo en sacrificar unha das cousas que máis lle gustan neste mundo, que é xogar, por poñerse aos mandos desta nave e dirixila con eficacia, nunha clara e impagable mostra de compañeirismo que nunca esqueceremos. Por cousas como esta somos algo máis que un equipo, un auténtico grupo. Dani, profundo coñecedor de todo o que compón e rodea a este club, púxose o mono de traballo e, escoitando aos seus xogadores, conseguiu que a alegría e as ganas por competir volvan a esta pequena gran familia. Este redactor (e creo falar en nome de todo o grupo) non pode senón máis que agradecer desde estas humildes liñas a implicación, sacrificio e calidade tanto deportiva como humana do que, sen dúbida, é o auténtico xefe do vestiario. GRAZAS!
 
O peor: non debemos caer en triunfalismos esaxerados porque é moito maior o camiño que queda por percorrer que o percorrido. Acabamos de comezar e debemos adaptarnos aos novos sistemas e pretensións, o que conseguiremos con traballo e implicación de todos e cada un de nos. Hai que ir limando erros, que aínda son clamorosos, en cada adestramento. 
 
E, coma sempre, ¡GRAZAS AFICIÓN!
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario