luns, 29 de xaneiro de 2018

Bochornoso

Durante a tarde de onte sufrimos un novo episodio de desfeita organizativa por parte da Federación Galega de Baloncesto. O derby que debía enfrontar ás 16.00 no Municipal de Bertamiráns ao C.B. Ames e ao XL Milladoiro prevíase como un partido apaixoante e decisivo para o devir de ambas as escuadras no que resta de tempada.
 
Tras ser informados pola Oficial de Mesa de que, unha vez máis, tan só acudiría un colexiado para dirixir ao encontro (cuestión á que, por desgraza, xa nos afixemos a pesar de que non deixa de ser vergoñosa...), ambos os equipos continuamos co preceptivo quecemento á espera de que este colexiado acudise para o exercicio das súas funcións.
 
Unha vez chegada a hora inicialmente prevista, o colexiado seguía sen aparecer ante o desconcerto dos xogadores e os espectadores presentes no recinto. A Oficial de Mesa non podía ofrecer unha explicación coherente ao que alí sucedía ao tentar, sen éxito, localizar ao colexiado designado polo Comité Galego de Árbitros. Estupefactos, téntase estudar a posibilidade de que sexa outro membro do colectivo arbitral (distinto ao incomparecente) o que se acuda, 45 minutos despois da hora inicialmente determinada, para exercer o labor do seu compañeiro. Mesmo resultado. Por todo iso, a aborchornada representante federativa, tras pulsar a opinión dos representantes de ambos os equipos, decide suspender o encontro ao ser a única solución realista e viable.
 
Aproveitando a dispoñibilidade da instalación, ambos os equipos realizamos un mini-adestramento e puímos algunha cuestión de orixe táctica antes de dirixirnos definitivamente aos vestiarios para emprender o regreso a casa. 
 
Tras trinta anos de baloncesto en diferentes categorías, é a primeira vez que esto sucédelle a este humilde cronista, e iso que vivín situacións en grao sumo variado. Pode ocorrer que un árbitro acuda a un encontro con atraso, avisando previamente ou que, polo motivo de peso que sexa (tanto persoal como profesional) ou por calquera causa sobrevinda, non poida acudir. Eso entendémolo todos e, en efecto, ocorreu nalgunha ocasión. Pero que non haxa causa aparente para a incomparecencia é algo que nos atafega e que non se pode consentir.
 
Ao mediodía do día de hoxe, recibimos unha comunicación de desculpa asinada por D. Miguel Ángel Pérez, Director Técnico do Comité de Árbitros da Federación Galega de Baloncesto, cuxo contido integro reproducimos a continuación:
 
"Estimados Señores:

Pola presente queremos solicitarlles desculpas polos prexuízos ocasionados coa suspensión dos partidos que debían celebrarse neste domingo.
 
O motivo que ocasionou esta suspensión foi a non presentación do árbitro designado. Esto debeuse que este árbitro recibiu os partidos a través da aplicación informática que usamos para iso pero, de forma involuntaria, non o confirmou como debería.
 
Sen prexuízo de esto, os Comités Disciplinarios desta Federación, intervirán como lles corresponde.
 
Unha vez máis, reiteramos as nosas desculpas por estes problemas ocasionados e poñémonos á súa disposición para o que estimen oportuno en canto a fixar unhas datas alternativas para a celebración destes encontros suspendidos."

Como contestación a esta comunicación, o C.B. Ames aceptou as desculpas presentadas, á vez que esiximos que o Comité de Competición que incoe o oportuno expediente disciplinario para depurar as correspondentes responsabilidades. Ao mesmo tempo, expresamos o noso desexo de que se nos notifique esta incoación, coa finalidade de expor as alegacións oportunas e asegurarnos que sucesos como o acontecido na tarde de onte non queden impunes.
 
A este respecto, o C.B. Ames entende que o árbitro designado incorreu nunha conduta tipificada como infracción grave en artigo 44 A) o Regulamento Disciplinario da Federación Galega de Baloncesto, e que carrexa unha suspensión que de entre un e doce meses: "A incomparecencia inxustificada a un encontro, cando motive a súa suspensión" é o seu tenor literal.
 
Ademais, instamos á Federación Galega de Baloncesto a que propoña a data menos prexudicial para as partes afectadas, tendo en conta que a fin de semana de Entroido (10-11) temos prevista a celebración do encontro aprazado contra o Club de Baloncesto Amigos de Teo, suspendido no seu día tamén por falta de equipo arbitral. 
 
Desde o C.B. Ames queremos pedir desculpas aos nosos afeccionados, colaboradores e patrocinadores por unha situación que, claramente, excede á nosa responsabilidade. Nós, en colaboración co XL Milladoiro e co Concello de Ames e coa aprobación da Federación Galega de Baloncesto, adiantamos o partido unha hora sobre o noso horario habitual de xogo co fin de facilitar a asistencia ao encontro de Liga ACB entre o Obradoiro e o Valencia Basket pero, á vista do sucedido, o feito deste adiantamento non favorecería a comparecencia do colexiado, posto que o partido que se ía a celebrar inmediatamente despois do noso tampouco tivo lugar por este mesmo motivo.  
 
Veremos a ver que pasa porque cos nosos representantes federativos nunca se sabe. Seguiremos informando...

Ningún comentario:

Publicar un comentario