mércores, 24 de xaneiro de 2018

Esta fin de semana, derby en Bertamiráns

Se o partido da pasada xornada trouxo consigo fortes emocións, para esta fin de semana non se espera menos. O XL Milladoiro vista o municipal de Bertamiráns o vindeiro domingo 28 de xaneiro ás 16.00 h. O motivo do adianto dunha hora sobre o horario habitual de xogo, acordado co equipo visitante e aprobado tanto pola FEGABA como polo Concello de Ames, reside na coincidencia co encontro que o Obradoiro disputa ás 18.00 fronte ao Valencia Basket, ao que non desexamos restar audiencia...
 
Os de Santi visitan o noso fortín nun dos seus mellores momentos das últimas tempadas, con 8 vitorias por 5 derrotas como credenciais e un xogo sólido e efectivo que resulta  perigoso para calquera rival. O C.B. Ames, pola súa banda e tras a épica vitoria fronte ao Tendas Pillados Porto do Son, encara o encontro con ánimos renovados e a intención de continuar escalando postos na táboa clasificatoria. Tamén, e por que non dicilo, con ánimo de desquite pola dolorosa derrota sufrida no Municipal do Milladoiro (53 a 47) alá polo mes de outubro,  e que supuxo un punto de inflexión para nos nesta tempada.
 
Prevese que quen impoña o seu estilo de xogo levarase este, a priori, igualado derby de prognóstico incerto. O que si é seguro é que haberá loita, esforzo, calidade e emoción por milleiros, así que ao que queira facer sesta recomendámoslle que o deixe para outro día. O domingo teremos basket de quilates en Bertamiráns.
 
 

1 comentario: