venres, 15 de decembro de 2023

Polo bo camiño

 

 

Derradeira xornada da primeira volta a celebrada o pasado sábado 2 de decembro no complexo deportivo Pedra Mámoa. Un C.B. Ames en clara liña ascendente visitaba a un tan irregular coma necesitado Negreira Basket coa clara consigna de afianzar as sensacións dos últimos partidos e, de paso, consolidar a súa clasificación na parte alta da táboa.

Ambiente frío nunha bancada que contou, ademais dos irredutibles xiareiros de sempre, coa presencia de caras coñecidas do Hall of Fame amiense tales coma Lito e Gaby, base e adestrador ilustres da nosa recente historia, quen non quixeron perder detalle da evolución do equipo que lles deu gloria e sufrimento a partes iguais.

O frío e a humidade reinantes pronto deixarían paso a outro fenómeno: o quinteto inicial formado por Tomás, Diego, Jaime, Juan e Sebas. Todo un rebentón térmico en forma de baloncesto que asoballou a un conxunto local superado en todas as facetas do xogo. Liderados por Juan en defensa e por un incandescente Diego en ataque, os primeiros cinco minutos de cuarto foron o mellor, sen dúbida, de toda a tempada. Defensa pétrea e abafante, rebote pechado, transicións ordenadas, e ataques precisos e contundentes nunha orxía baloncestística de cinco minutos (2 a 21) que constitúe o sono húmido de calquera adestrador.

Pero, como todo sono (húmido ou non) implica espertar, non cabía outra e, tras eses cinco minutos explosivos, o equipo local foi quen de reaccionar obrigando a Dani a solicitar o seu primeiro tempo morto a falta de tres minutos para o final, e co electrónico 10 a 21,  co obxectivo de aplacar os ánimos de remontada dos negreireses. De aquí ao remate do cuarto ambos contendentes firman un armisticio que levaría o marcador ata o 15 a 26.

O segundo cuarto transcorrería polos lugares máis comúns aos que nos ten acostumados o baloncesto nesta categoría. Os intentos de remontada local son sufocados por varias accións de Sebas e Juan, ao cabo os dous mellores homes sobre a pista, e unha nova tripla de Diego que restableceu a orde dun encontro moito máis equilibrado que no parcial anterior. Ao descanso, 28 a 38 a prol dos amienses e situación aparentemente controlada.

Para a continuación prevíase que o Negreira Basket queimase todas as súas naves e saíse decidido a igualar a contenda. Conscientes desta circunstancia, os visitantes deron un paso ao fronte e golpearon primeiro a canastra local con dúas boas accións de Jaime. As acometidas locais eran sistematicamente abortadas por un conxunto visitante que, ao contrario que noutras ocasión similares, non parecía poñerse nervioso. A falta de tres minutos, o noso francotirador Jorge, aínda que un pouco escarallado, decide comparecer no encontro e anotar unha tripla que, sumada a canastra do sempre valente Sergio Rocha, suporía a nosa máxima vantaxe no electrónico (+ 16). Os tres últimos puntos dos locais dun cuarto que remataría con 45 a 58 non paliaban a sensación de encontro controlado en todo momento.

Pero tiñamos dous inimigos, ambos invisibles e alleos ao rival: o tiro libre e a posibilidade dun exceso de confianza. Mentres o primeiro estaba a ser compensado por unha eficaz defensa e por un xogo de ataque solvente, o segundo aínda estaba por facer acto de presencia nun encontro sen finiquitar. De forma antagónica aos cinco primeiros minutos do encontro, o C.B. Ames mostraba a súa cara máis amarga ante un rival que, liderado por Aldán Prieto, golpeaba unha e outra vez a canastra visitante ata chegar rapidamente ao noso rebufo. Pero as remontadas non se culminan ata que o conxunto que as protagoniza consigue superar ao seu rival. Todas as pantasmas do encontro da campaña pasada parecían pasear polo pavillón coma un espectador máis en plan Expediente Warren. Pero en lugar de chamar Ed e Lorraine Warren para quitar o mal de ollo, o adestrador local Dani decidiu, con bo criterio, apoiarse en dous dos seus pesos pesados: Sebas, convertido xa en imprescindible tras só sete encontros oficiais coa elástica amiense, e un Jorge que, aínda a medio gas, segue sendo un fora de serie. Con 58 a 58 e a falta de catro minutos o francotirador desempoa o seu fusil para anotar unha tripla estratosférica cumprimentada con dous tiros libres do venezolano que poñen terra polo medio. De aí ao final e aproveitando o exceso de ansiedade dos locais personalizado nun Aldán Prieto, ben defendido por candepresa Juan, que pasou de heroe a vilán polo seu excesivo egoísmo nos instantes decisivos, nova canastra de Sebas e dous tiros libres de catro intentos que certifican a nosa cuarta vitoria en seis partidos, pechando unha primeira volta que o propio adestrador amiense non dubidou en cualificar como de “notable”.

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (2, A), Diego (11, AA), Jaime (7, AA), Juan (13, AAA) e Sebas (15, AAA) – quinteto inicial – Jorge (9, AA), Alberto (6, AA), Sergio Rocha (3, A), Hugo (1, A), Linas (AAA), Ángel (s.c.) e Nico (s.c.).

O peor: os tiros libres (12/30) e o exceso de confianza que ben puido costarnos moi caro. Como xa defendemos nalgunha que outra ocasión, hai que pechar os partidos cando o rival está noqueado e non permitir a súa resurrección, pero éntranos o complexo de Mesías e estragamos a nosa oportunidade nunha categoría marcada pola igualdade e na que ese tipo de detalles poden supoñer a diferenza entre o éxito e o fracaso.

O mellor: sen lugar a dúbidas, os primeiros cinco minutos do encontro. 21 puntos anotados por só 2 recibidos e proxección duns imposibles 160 puntos que nos deixaron atónitos a todos os presentes. Entre iso e os cinco primeiros minutos do cuarto final hai un equilibrio que é ao que debemos tender se desexamos seguir sendo competitivos.

Mención aparte para a sorpresa final que nos tiña reservada o lituano e tamén residente Linas Baltusis e a súa parella Mabel en forma de ágape/cea con todo luxo de detalles, o mellor deles o valor humano desta xuntanza. Máis alá de vestiarios e pistas de basket, así é coma se fai equipo sendo a cualificación triple A só un humilde recoñecemento á vosa aportación. Moitas grazas chicos!

E para rematar, informáronos que un personaxe ilustre destas datas, e que non é Papá Noel, tivo a posibilidade de ver os nosos cinco primeiros minutos e, ante o seu abraio, non quixo deixar pasar a oportunidade para deixarnos esta mensaxe:

 


 

mércores, 6 de decembro de 2023

Coraxe vs. carraxe


O pasado luns 27 de novembro o C.B. Ames desprazábase ao Manuel Coto Ferreiro en horario de prime time para afrontarse ao Ulla Oil – EDM A Estrada en encontro aprazado correspondente á 4ª xornada da competición. Pasaran pouco máis de 24 horas dende a agónica vitoria contra o Santa Baia de Boiro e a exixencia era máxima nun choque, a priori, presentábase moi igualado.

Balón ao aire e primeiros instantes de dominio local rapidamente neutralizado pola reacción do C.B. Ames liderado por un Diego en estado de éxtase e autor de nove puntos consecutivos de todas as facturas. Primeiras diferenzas no marcador no ecuador do cuarto (9 a 13) e mensaxe entregada: o C.B. Ames non se ía deixar asoballar por un rival que ten no seu empuxe físico e na presión da bancada os seus principais activos.

A agardada reacción dos locais foi contida con éxito polos amienses. Un cada vez máis recoñecible Hugo colleu o relevo de Diego en tarefas ofensivas para manter as distancias e, apoiados nunha defensa sólida e ordenada, conseguir levarnos o primeiro parcial por un axustado 14 a 17.

Tempo para a segunda unidade e seguir picando pedra. E falando de pedra, tripla de Jorge a taboleiro nunha nova homenaxe ao seu mestre, D. Alberto Mata, e entrada decidida de fino estilista de Hugo que ofrece unha pinga de todo o potencial que ten o aleiro amiense.


14 a 24. Son os mellores momentos dun equipo visitante que non parecía acusar o desgaste físico do día anterior. Dani, o adestrador visitante, movía as súas pezas administrando as súas forzas con premeditada proporcionalidade consciente, como técnico experimentado que é,  de estar ante un encontro que, a bo seguro, íase decidir nos instantes finais e por pequenos detalles.    

Pero os estradenses son un equipo rochoso. Pouco a pouco e liderados por Eloy Pazos, xogador franquía, a escuadra local aproveitou a repentina seca visitante para anotar doce puntos consecutivos e, incluso, poñerse por diante no marcador, se ben o C.B. Ames soubo cortar a tempo a hemorraxia para chegar ao descanso co marcador empatado a 28 puntos e todo por decidir. Mascábase a tensión no ambiente.

O inicio do terceiro cuarto semellaba unha réplica dos primeiros instantes. Primeiro tirón do C.B. Ames contestado case de inmediato polos locais nun encontro de ida e volta e no que o aspecto físico ía cobrando unha importancia cada vez maior. Chegados ao ecuador do cuarto, un cada vez máis solvente e eficaz Tomás asumiu o mando para anotar cinco puntos consecutivos e poñer de novo terra polo medio. Un canastón de Hugo remontando a liña de fondo tras extraordinaria asistencia de Juan e unha boa actitude defensiva apuntalaban a nosa iniciativa nun partido no que todo estaba por decidir (39 a 42).



Nervios e ansiedade. Ambos conxuntos, cada vez máis excitados, amosan de saída as súas inseguridades e tardan case tres minutos en mover o taboleiro de marcas. Os locais golpean primeiro, pero, deixándose levar claramente polas súas baixas paixóns, comezan a perder os estribos e, estando xa avisados polos colexiados minutos antes, o seu mellor home, Eloy Pazos, sofre un repentino esvaecemento que é interpretado coma flopping e sancionado coa correspondente técnica, a segunda no seu haber e, consecuentemente, a súa expulsión. Camiño aparentemente expedito para os visitantes tras canastra de mérito de Juan, pero nada máis lonxe da realidade.

Espoleados por unha bancada que, en ocasións, amosou unha actitude excesivamente belixerante, o conxunto local conseguiu situarse por diante ante unha nova seca ofensiva visitante. 48 a 44 a falta de tres minutos e partido costa arriba. Tempo para machos e no C.B. Ames témolos e de todo tipo, comezando por Alberto quen, con dous importantes tiros dende a liña de persoal, amosaba de novo o camiño ao aro rival. E esta tempada parece que compramos testiculina para parar un tren en forma dun rapaz que, respondendo ao nome de Juan e con esa cariña de non ter roto un prato, e capaz tanto de amedrentar aos rivais como contaxiar aos seus compañeiros do necesario espírito de combate que hai que ter nesta clase de encontros. Minuto e medio para o final e chegamos ao momento culminante. Jaime, ao que tamén lle van este tipo de festas, remonta liña de fondo e serve un balón bombeado para que Sebas o intercepte e consiga un 2+1 facendo calar (literalmente) aos afeccionados locais instalados no insulto, carraxe e falta de respecto continuos e que, como soubemos posteriormente, serían obxecto de sanción por parte do Comité de Competición. Pero o venezolano tiña fame e cando isto acontece é absolutamente imparable. Alimentado polos insultos da bancanda, no seguinte ataque levantouse desde máis aló do 6,75 para enchufar unha tripla descomunal que conseguía enmudecer definitivamente á bancada e terminar coa resistencia do bravo conxunto local.


Dous tiros libres postreros dun fisicamente mermado Jorge finiquitaban a contenda co 51 a 56 final e a explosión de ledicia dos visitantes que tiveron que suar sangue para conseguir a terceira vitoria na presente campaña. Agora si que estamos no bo camiño.

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (5, AA), Diego (9, AA), Jaime (7, AA), Juan (4, AAA) e Sebas (13, AAA) – quinteto inicial – Rober (A), Rocha (A), Hugo (8, AA), Jorge (8, A), Alberto (2, A), Eloy (A) e Nico (A).

O peor: non saber escaparse no electrónico cando tivemos a oportunidade e permitir a resurrección do rival en varias ocasións. Temos que aprender a matar os encontros porque, nunha competición tan igualada, saber pechar os partidos poder supoñer unha diferenza cualitativa determinante en relación co resto de competidores.

O mellor: sen dúbida, a actitude e a reacción final que parecen deixar moi lonxe actuacións como as do encontro contra La Salle. Así si. Coraxe.