sábado, 25 de novembro de 2017

Suspendido o C.B. Ames Vs. C.B. Amigos de Teo

Onte venres, ás 18.07, recibimos o seguinte mail remitido pola Delegación Santiaguesa da Federación Galega de Baloncesto:
 
"Buenas tardes:

Por medio del presente os comunicamos que no es posible cubrir vuestro partido senior (AMES - CBAT)  previsto para el domingo a las 19 horas en Bertamiráns, ya que no contamos con equipo arbitral para la disputa de ese encuentro

Ruego nos disculpéis por este hecho y por el trastorno que pueda ocasionaros..

A lo largo de la semana que viene intentaremos mirar una fecha que os venga bien a los dos equipos para la disputa de este aplazamiento.

Un saludo y disculpad las molestias".
 
 
 
No C.B. Ames comprendemos perfectamente a problemática existente na FEGABA á hora de incorporar e/ou manter un número de árbitros e oficiais de mesa o suficientemente amplo como para dar cobertura ás diferentes categorías. De feito, dous dos tres encontros disputados como locais ata a data contaron coa presenza dun único colexiado.
 
Pero o que resulta máis difícil de comprender é tanto a imprevisión como a improvisación da Federación  á hora de actuar neste tipo de problemáticas.
 
Dicimos imprevisión xa que, ao noso xuízo, a Federación e o seu Comité de Árbitros deberían de coñecer o número de colexiados e o número de equipos distribuídos nas diferentes competicións, antes de que estas comecen, e analizar os datos obrantes para organizar as competicións por categoría que poidan cubrir en función do número e competencia dos devanditos árbitros e oficiais de mesa, e non organizar un maior número de partidos por xornada que os que o estamento arbitral  poida cubrir cun mínimo de garantías. Pero, no que respecta á nosa categoría, é coñecido desde setembro que esta tempada aumentou o número de equipos rexistrados e baixou o de colexiados, co que situacións como a que nos ocupa resultan sinxelas de prever. Tanto no baloncesto como na vida, non podes ofrecer un servizo que non podes cubrir cunhas condicións mínimas de garantía. Un feito análogo a este xa nos sucedeu a tempada pasada, en novembro de 2016, contra Arzúa, resultando curiosa a identidade na forma de proceder deste ano coa do ano pasado, o que nos leva a pensar que, a pesar das promesas e boas intencións, nada novo hai baixo o sol.
 
E, por outra banda, dicimos improvisación, xa que a pesar de que a data, hora e lugar do partido fora fixada, tras a nosa confirmación como locais, desde o pasado martes, non foi ata onte pola tarde cando se notificou esta suspensión co simple envío do correo electrónico anteriormente reproducido de forma literal, sen tempo material para a reacción e a procura dunha alternativa plausible para esta mesma fin de semana. Deste xeito, ofrécesenos como vía de solución que "ao longo da semana que vén tentaremos mirar unha data que vos vinga ben aos dous equipos para a disputa deste aprazamento". Con esta oferta, a Federación afirma descoñecer a realidade dun club como o noso. O Pavillón Municipal de Bertamiráns, como a propia palabra "municipal" implica, non é noso nin da Federación, senón que é unha instalación de titularidade municipal. Para dispoñer dela, debemos preavisar ao Concello de Ames con máis dunha semana de antelación á celebración do partido correspondente. Debido á saturación no uso deste polideportivo, unido á preponderancia dos clubs que contan con categorías de base á hora de dispoñer da mesma e a que debemos xogar todos os partidos aprazados antes do fin da primeira volta (e quedan tan só catro xornadas), provocan que a procura de "unha data que nos/nos vinga ben aos dous equipos" convértase nunha quimera, estando condenada a súa celebración á ponte da Constitución ou a Nadal, xa que xogar entre semana resulta totalmente imposible debido á saturación do pavillón por causa dos adestramentos de múltiples clubs de diversas disciplinas que copan todas as horas hábiles, a máis diso a celebración das actividades propias das Escolas Deportivas Municipais. Aínda é máis, para este Nadal está prevista a remodelación do Pavillón Municipal, o que dificulta aínda máis a procura dunha data.
 
No caso de que a comunicación de suspensión/aprazamento fose realizada con maior antelación, poderiamos propoñer algún tipo de solución tal como celebrar o partido como visitantes, esto é, na cancha do C.B. Amigos de Teo, o día e a hora que nos propuxesen, pero, á vista do nivel de improvisación á hora de tomar a decisión de aprazar o partido, entendemos que esta opción non foi explorada, ou polo menos, o C.B. Ames non ten coñecemento algún de proposta en tal sentido nin en ningún outro. Xa se arranxará...
 
E tamén, como non, están as formas. Un correo electrónico a esas horas non é solución de nada, senón parte do problema. Unha chamada telefónica aos presidentes de ambos os clubs sería moito máis eficaz en aras da procura dunha solución a este problema, tendo en conta da boa sintonía entre os membros do C.B. Ames e o CBAT, uns clásicos dentro da categoría. Pero está claro, estamos na última categoría do baloncesto senior e probablemente non merezamos a mesma atención que outros clubs con máis categoría e/ou recursos. Tan só, e como é costume, só nos queda o dereito á pateadura como parte da nosa liberdade de expresión.
 
Por todo iso, o C.B. Ames non se responsabiliza nin pode responsabilizarse por algo que escapa á súa responsabilidade, como o feito de que non poidamos atopar unha data e hora alternativos antes do termo da primeira volta polas razóns aducidas ao longo da presente exposición, responsabilidade que trasladamos en exclusiva á Federación Galega de Baloncesto e ao seu Comité de Árbitros.
 
En calquera caso, e sempre desde o ánimo construtivo e o profundo respecto que nos inspira o labor arbitral, tentaremos acordar unha solución co CB Amigos de Teo, para o que esperaremos a proposta da Federación Galega de Baloncesto e estudaremos a súa viabilidade, a cual supeditamos á dispoñibilidade e correspondente autorización do Concello de Ames con respecto ao uso do Municipal de Bertamiráns.
 
E para terminar, desde o C.B. Ames esperamos (que non confiamos) que este tipo de situacións non se volvan a repetir, cominando á Federación Galega de Baloncesto e aos seus responsables para modificar os seus protocolos de actuación en casos análogos aos que motivaron esta controversia.    

xoves, 23 de novembro de 2017

A confirmar o bo momento

O vindeiro domingo, toca clásico. O C.B. Ames recibe ao C.B. Amigos de Teo no municipal de Bertamiráns en horario de sete da tarde. Loita polos postos de honra da liga entre dous equipos que aspiran a estar na parte alta da clasificación ao termo da presente campaña.
 
Rival difícil, xa que xunta talento, experiencia e bo facer sobre a cancha, e que presenta poucas fisuras no seu xogo. Debemos estar fortes en defensa e acertados en ataque para que a nosa casa siga sendo un fortín inexpugnable. En calquera caso, prevese un partido de poder a poder, dese tipo de partidos determinantes á hora de definir as aspiracións dunha escuadra ao longo da tempada.
 
Sorte e a por todas!  

luns, 20 de novembro de 2017

Primeira vitoria a domicilio

(Por Kike Cervantes)
 
Partido entretido o que tiveron a oportunidade de presenciar os que se achegaron na primaveral tarde de sábado ata o pavillón de Fontiñas. Vendo tamén como por primeira vez nesta tempada o conxunto amiense puido encadear dúas vitorias seguidas, facéndoo ademais como visitante ante un conxunto novo e rápido, que nos poñía en grandes apuros en pasados anos.

Salto inicial. Por primeira vez nesta tempada, desempolvamos a equipación verde.
 
Comezabamos o encontro con serias dificultades para anotar. A presión disposta de inicio polo rival, sumada á desorganización no ataque, fixeron que as primeiras posesións non fosen moi frutuosas, destacando un triplazo do noso playmaker Rober ao fío de esgotarse a posesión. Melloramos claramente tras o tempo morto solicitado por Dani, que compaxinou esta vez as funcións de xogador e adestrador. Os segundos 5 minutos estiveron marcados polos tiros libres, ata 6 pola nosa banda, e a disposición digamos “intensa” do local, que pelexaba ao límite do regulamento cada posesión e que gañou de forma clara o rebote. A pesar diso, chegamos ao final deste cuarto cunha mínima vantaxe de 18 a 19.
 
O segundo cuarto proseguiu polos mesmos camiños. A excesiva dureza rival, invisible para os árbitros, e o atasco ofensivo do conxunto que onte vestía de verde. Esto, sumado aos triples que a eles entrábanlles e a nós negábanos cruelmente o destino, permitiu as primeiras diferenzas para Fontiñas. Pero esta breve vantaxe non foi máis que un espellismo, grazas á rápida reacción do C.B. Ames, que con accións lideradas por Raúl e Manu, situaban o luminoso nun axustado 37-34 ao chegar ao intermedio.
 

Na continuación as diferenzas mantivéronse e as canastras sucedíanse dun e outro lado. Cada acerto local desde mais alá do 6,75, era rapidamente contestado polo noso equipo, grazas principalmente ao labor de Diego e Jacobo, as dúas recentes incorporacións, que a base de triples e loita do primeiro (incluída rotura de mallas en sendos xeonllos) e rebotes e intimidación do segundo, impediron que a diferenza ascendese a máis, quedando un marcador final neste tempo de 55-48.

E chegamos por tanto ao último e definitivo período, aquel en o que se viu a mellor versión amiense, que decidiron igualar a intensidade do seu rival e aos poucos ir ampliando vantaxes. Cunha formulación baseada na defensa e as transicións rápidas, logramos secar ao colectivo das aforas de Compostela e deixalo en tan só tres puntos. Pola súa banda, foi nestes 10 minutos onde se puido gozar do o noso maior lucimento ofensivo, con 23 puntos, achegados na súa maioría polo “home de xeo” Linas, que conseguiu 8 dos seus 11 tantos neste tempo. Sentenciado xa o envite, houbo ocasión para gozar da vitoria e tratar de aumentar ao máximo a diferenza, por cuestións de basket-average. Finalizou pois o encontro cunha acción pouco deportiva que non merece a pena comentar, pero que permitiu ver a madurez e serenidade que impera entre os nosos xogadores. Conseguimos deste xeito a cuarta vitoria, que nos permite mirar cara a postos nobres na táboa.
 
A continuación, e antes de proceder cos anotadores e valoracións oficiais, poñemos á vosa disposición unha serie de vídeos nos que se poden comprobar a evolución no noso xogo e o acerto fronte o aro rival desde distintas situacións, cortesía do noso departamento audiovisual dirixido e liderado polo gran Manolo Porto:
 
 
 

 
Por parte do CB Ames actuaron:

Raúl (4), Rober (3), Alberto (6), Quique (7), Linas (11) - cinco inicial - Manu (18), Diego (7), Dani, Victor (5), Jacobo (9)

O mellor: A actitude mostrada tanto en defensa como en ataque no último cuarto, que veu acompañada dun extraordinario acerto de fronte ao aro, concluíndo cun esmagador parcial de 3-23. Tamén as boas sensacións deixadas por Jacobo, que tras estar uns semanas afastado das pistas por enfermidade, regresou de maneira fantástica, gañando cada vez máis protagonismo en ataque e asumindo por tanto máis tiros. Este equipo cada vez funciona mellor, pero sen que nos invada as euforia xa pensamos no enfrontamento da próxima semana ante outro equipo clásico da categoría como Club de Baloncesto Amigos de Teo, que visitará o noso feudo e poñerá a proba a nosa imbatibilidade como locais.

O peor: A permisibilidade e apatía do conxunto arbitral ante o evidente xogo duro do noso rival, continuado durante a totalidade do encontro.

xoves, 16 de novembro de 2017

Este sábado non hai sesta

7.ª xornada da competición. Nesta ocasión toca desprazamento a unha das mellores instalacións da categoría: o pavillón de Fontiñas.
 
O vindeiro sábado enfrontarémonos, no inhabitual horario de 4 da tarde, ao ADB Fontiñas, así que toca comer pronto (e ben) e non botarse a sesta, sobre todo á hora do partido. Todo o contrario, debemos de estar especialmente atentos e concentrados durante os corenta minutos xa que o choque, que se prevé moi igualado, é probable que se decida por pequenos detalles. Tras a avultada vitoria na xornada anterior, imos coa confianza suficiente como para lograr a nosa primeira vitoria fóra de casa, o que nos permitiría mirar cara á parte alta da clasificación.
 
Imos rapaces! 

luns, 13 de novembro de 2017

A vitoria máis avultada da nosa historia


Cumpriuse o guion previsto e o C.B. Ames impúxose con contundencia a un esvaecido Nucamsa Basketdeza "B" que apenas opuxo resistencia ao longo de todo o encontro, celebrado durante a tarde de onte no Municipal de Bertamiráns.

Dani, dando as últimas instrucións a quinteto inicial (de branco) xusto antes do comezo do partido

A idea era clara: non deixarse sorprender e romper o partido desde o inicio. Obxectivo conseguido. Desde os primeiros minutos o C.B. Ames impuxo a súa franca superioridade con rápidos contraataques e axilidade na circulación de balón ante o deficiente balance e pasividade da zona 2-3 proposta polos locais. Liderados por Diego e Linas no apartado anotador, pronto nos cobramos as primeiras diferenzas no electrónico para finalizar este primeiro cuarto cun claro 21 a 8 ao noso favor.

Os nosos interiores negando o xogo entre pívots visitante

Unha vez roto o partido, propuxémonos non volvernos tolos ante as facilidades da defensa rival e xogar ordenadamente os sistemas ideados por Dani para ir interiorizando conceptos nun escenario real de competición. Tanto Rober como Jota acataron e entenderon perfectamente as ordes desde o banco e impuxeron aos seus compañeiros unha idea de xogo baseada na consumación dos sistemas, aínda a conta de sacrificar algunha clara posibilidade de canastra fácil en transición ofensiva que nos permitise unha vitoria aínda máis avultada. Ao descanso, o marcador reflectía un claro 40 a 16 e a sensación de partido finiquitado.
 
De aí ao final pouco máis que engadir, xa que a tónica foi a mesma. Como mostra, valla o parcial de 20 a 1 no último cuarto para asinar a nosa terceira vitoria cun histórico capicúa: 82 a 28.
 
Destacar a actuación ofensiva de Diego no seu segundo partido oficial coa elástica amiense: 21 puntos. Secundado polos Beiro Brothers, por Linas e polo mozo Raúl quen, partido a partido, vai collendo galóns e mellorando os seus rexistros en todos os aspectos do xogo.
 
Antes de as estatísticas e valoracións, déixovos un par de vídeos onde se pon de manifesto a superioridade local vista ao longo dos corenta minutos de xogo:



Por parte do C.B. Ames actuaron: Jacobo (2), Linas (11), Diego (21), Rober (5) y Raúl (10) - quinteto inicial - Víctor (2), Manu (13), Quique (9), Alberto (6) e Jota (3).
 
O mellor: a orde e concerto do equipo ao longo de todo o encontro. Ten certo mérito non volverse tolos ante a pasividade do rival e encarar o aro á primeira, o que non serviría de moito. Consideramos que é bastante máis produtivo ir implementando os novos sistemas e saber a que xogamos, feito que Dani soubo transmitir e os xogadores plasmar sobre a cancha. Somos un equipo forte en casa.
 
O peor: a debilidade do rival.

mércores, 8 de novembro de 2017

O colista visita o noso fortín

Sexto episodio da competición e quenda para recibir ao pechacancelas, o Nucamsa Basketdeza "B", o vindeiro domingo ás 17.00. A ocasión, a priori e á vista dos números do conxunto lalinense, semella ideal para colleitar a nosa terceira vitoria consecutiva en casa. Pero se algo temos é que somos capaces do mellor e do peor, polo que non debemos fiarnos en absoluto da aparente debilidade do rival e ir a polo partido desde o asubío inicial. Na retina de todos está o gran partido disputado o ano pasado contra o Nucamsa Basketdeza "A", recentemente ascendido, e que ofreceu un espectacular 90 a 85 ao noso favor. Con que o partido do domingo sexa a metade de bo que o do ano pasado, merecerá a pena desprazarse ao municipal de Bertamiráns para ver baloncesto de moitos quilates.

domingo, 5 de novembro de 2017

Pese á derrota, estamos no bo camiño

Bo partido o visto durante a mañá de onte no pavillón do colexio Compañía de María. Ambos os equipos, con estilos claramente dispares, presentábanse a esta cita coa mesma aspiración: escalar postos na clasificación.

Últimas instrucións antes de saltar á cancha

Tras uns primeiros compases igualados, nos que as defensas superaban aos ataques, na segunda metade do primeiro cuarto os locais abriron as primeiras diferenzas no marcador a base de acerto no tiro e, sorprendentemente, unha certa superioridade no rebote, o que permitiu segundas e terceiras opcións que penalizarían ao C.B. Ames, que chegou ao termo do primeiro parcial cunha desvantaxe de 18.

Tiros libres para Manu

Necesitabamos algún tipo de reacción para que o partido non se nos fose das mans e así sucedeu. Unha das claves da recuperación do C.B. Ames no segundo cuarto foi a gran saída de presión proposta por Dani, baseada no investimento de balón no medio campo, que permitía atacar o aro rival en situacións vantaxosas grazas á velocidade de pernas dos irmáns Beiro e de Diego, o debutante, e que se baleirou tanto en defensa como en ataque para callar unha notable actuación nos minutos que estivo na pista. Aos poucos, o C.B. Ames foi minando a diferenza no electrónico, levándose o segundo parcial por 14 a 17 e reducindo a vantaxe a 5 puntos a favor dos locais a falta de vinte minutos por disputar.
 
A claridade á hora de saír da presión, unha das mellores noticias para o C.B. Ames

A disparidade no criterio arbitral foi a nota dominante durante todo o terceiro cuarto e parte do último. Mentres que calquera acción que buscase o balón por parte do C.B. Ames era penalizado inmediatamente con falta polos colexiados, as penetracións dos nosos xogadores neutralizadas con persoal eran obviadas sistematicamente polos colexiados, impedindo claras situacións de anotación e xerando as protestas e a confusión no noso xogo. De todo iso servíronse os locais para abrir brecha, de novo, no marcador (47 a 38).

Colocándonos para poñer a bola en xogo tras saque de fondo

Nos inicios do último cuarto, e consciente dos camiños nos que continuaban os colexiados, Dani, facendo gala de oficio e experiencia, forzou unha técnica que cambiaría o sentido da contenda. Desde ese momento e de forma case milagrosa, a parella arbitral comezou a pitar aquelo que non sinalara nos 32 minutos precedentes, o que unido ao empuxe e casta habituais dos visitantes, provocou o paulatino decrecimento da nosa desvantaxe. Liderados por un Alberto que claramente foi de menos a máis e que anotou 11 puntos neste cuarto e ben secundado polos máis novos do equipo, chegamos a meter o medo no corpo ao Compañía de María. Pero non había suficiente tempo e ao final os locais leváronse ao gato á auga por catro puntos de vantaxe (58 a 54) e a sensación de que, se o partido durase dous minutos máis ou o criterio arbitral fose o mesmo a ambos os dous lados da cancha, o resultado sería favorable para o nosos intereses. Pero isto é baloncesto e temos que contar con estas circunstancias e aprender delas. En calquera caso, isto non quita ningún mérito ao debutante Compañía de María, un conxunto serio, ben traballado e que achega a nota de frescura necesaria que esta categoría tanto necesita.  
 
A continuación, e antes de ir cos anotadores e as valoracións, déixovos un vídeo dunha das mellores canastras do encontro, protagonizada por Raúl, un dos máis destacados do C.B. Ames:
 

Polo C.B. Ames interviron:
 
Kike (3), Alberto (16), Manu (10), Rober (2) y Raúl (10) - quinteto inicial - Víctor (2), Linas (4), Diego (5), Jota (4) y Eloy.
 
O mellor: a pesar das baixas nos entrenos destas últimas dúas semanas, os sistemas ideados por Dani vanse impregnando nun equipo que, xornada a xornada, está máis traballado. A pelota móvese con certa fluidez e cada compoñente vai sabendo cal é o seu rol no equipo. En canto recuperemos a Jacobo e Dani volva poñerse de curto, melloraremos sensiblemente as nosas prestacións na pintura e seremos o que queremos ser. Actitude non falla e nunca damos un partido por perdido. Proba diso é que as "carajas" dos tres partidos iniciais desapareceron e volvémonos máis constantes no noso xogo. Sabemos o que queremos e sabemos como facelo. Mención especial para o debutante Diego, que achega velocidade e frescura en ataque e intensidade en defensa á hora de dificultar a subida de balón do rival, complementando á perfección o labor de Manu e poñendo en serios aprietos a construción dos ataques dos contrarios. Estamos na liña correcta, pero hai que seguir traballando.
 
O peor: a actuación arbitral. Non pode ser que durante 32 minutos as cousas que se pitan nun lado non se vexan no outro e que só o vello recurso da técnica ao banco sirva para invertir a situación. En calquera caso, desde o C.B. Ames queremos manifestar noso respecto ao colectivo arbitral e somos plenamente conscientes das dificultades que entraña este, ás veces, ingrato labor.

Xuntanza ao final do partido para compartir as boas sensacións

mércores, 1 de novembro de 2017

Esta xornada, Compañía de María

Achegámonos á quinta xornada da tempada. Quenda para a visita a outro equipo debutante na competición: o C.B. Compañía de María. O vindeiro sábado día 4 de novembro, á 12.00 h., no polideportivo do Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela teremos a ocasión de medir as nosas forzas cun conxunto infestado de mozos chegados de categoría júnior que, a bo seguro, tentarán marcar un ritmo de xogo superior ao noso ao longo dos corenta minutos. Unha maior experiencia e, unha vez recuperados das baixas da pasada xornada, unha maior profundidade de banco deben de ser as nosas armas. Dous estilos antagónicos para unha confrontación, a priori, igualada.
 
A destacar o debut da nosa recente fichaxe, Diego. Escolta novo e rápido que supón un paso máis no proceso de renovación acometido polo C.B. Ames nas últimas tempadas. Benvido e sorte!