xoves, 12 de marzo de 2020

Competición suspendida ata o 25 de marzo (como mínimo)

Despois da xuntanza entre a Secretaría Xeral para o Deporte e os representantes das distintas federacións deportivas, entre as que se inclúe a Federación Galega de Baloncesto, no serán de onte procedeuse de maneira oficial á suspensión de todas as competicións organizadas pola FEGABA ata, en principio, o próximo 25 de marzo.


Esto significa o aprazamento das dúas próximas xornadas, incluíndo o encontro contra Praíña SPC Basket, inicialmente programado para o vindeiro domingo 15 de marzo ás 17.00 no Municipal de Bertamiráns.

Por outra banda, e unha vez consultados os responsables municipais competentes, de momento este equipo pode seguir cos seus adestramentos habituais tanto no pavillón de Bertamiráns como no de O Milladoiro á espera de calquera orde ou ditame das autoridades sanitarias que, como non pode ser doutra maneira, será acatada e respectada por todos os integrantes deste club.

Desde o Club Baloncesto Ames queremos facer un chamamento á calma e apelar ao sentido común de toda a cidadanía para non incorrer en accións que poidan derivar en situacións non desexables como consecuencia deste episodio de saúde pública.

Resultado de imagen de imagen coronavirus
Podes consultar aquí información relevante acerca da COVID 19 para a cidadanía en xeral
(Fonte: Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social)

Seguiremos informando coas novedades. Ánimo e paciencia!

luns, 9 de marzo de 2020

C.B. Vistaalegre Vs. C.B. Ames completo

Neste post deixámosvos o contido íntegro do encontro da pasada xornada entre o C.B. Vistaalegre e o C.B. Ames disputado no pavillón de Pío XII:


Tedes este e outros vídeos do voso club favorito á vosa disposición na nosa canle de YouTube.

Grazas aos nosos incondicionais!

Sigamos apretando

Outro encontro transcendente para as nosas aspiracións o celebrado o pasado domingo en horario de madrugadores. O pavillón do coñecido colexio santiagués Pío XII albergou o enfrontamento entre o C.B. Vistaalegre e o C.B. Ames. A derrota no partido de ida no último segundo aínda está presente nas nosas retinas e pesa como unha lousa á hora de acceder ao obxectivo da clasificación para a fase final. Prohibido fallar.

Os primeiros instantes do choque foron de mero tenteo entre dúas escuadras que acusaban o frío ambiente que presidía o sintético colexial. Nos seis primeiros minutos do lance, o electrónico reflectía un exiguo 3 a 3 froito da escasa produción ofensiva duns contendentes que parecían non entrar en calor. Pero a partir dese momento comezou o partido de verdade cos locais golpeando primeiro. Como quen non quere a cousa, o C.B. Vistaalegre aumentaba a súa porcentaxe de acerto fronte a un C.B. Ames que, aínda que armaba unhas ofensivas correctas e ordenadas, fallaba na súa execución. E como o que conta é o acerto, os locais despegáronse no marcador e rubricaron o seu mellor cuarto do partido cun triplo desde nove metros (nun apoio e a taboleiro) do seu base Veiga, con moito o mellor xogador do C.B. Vistaalegre. O 17 a 8 cultivado no primeiro parcial obrigaba ao C.B. Ames a elevar a súa porcentaxe de acerto e a redobrar os esforzos defensivos en pos de igualar a contenda.



Cambio de compás. Se non hai acerto desde fóra o ideal é achegarse ao aro. Esta consigna foi entendida polo C.B. Ames á perfección grazas a un Alberto Jr. que vai asumindo cada vez máis responsabilidades en pos do rol que lle pertence dentro deste equipo, conseguindo anotar en fulgurantes penetracións que tan só podían ser cortadas con falta persoal. Mentres tanto, o camiño ao noso aro achábase cortado e calquera esperanza de segundas accións en forma de rebote para os locais convertíase nunha mera ilusión grazas ao dominio baixo os aros de Juan, Eloy e Linas, os tres únicos xogadores verdadeiramente interiores dos que dispoñiamos para o partido de onte. O relevo de Alberto tomouno, como non, un Manu inmenso en todo o rectángulo de xogo, que daba continuidade ás canastras tras penetración mentres dirixía o xogo coa eficacia e eficiencia acostumadas. Como guinda para o pastel, Raúl anotaba o noso primeiro triple tras unha xogada coral para certificar a remontada ante un superado conxunto santiagués cuxa única opción era que chegase o descanso canto antes. Mocidade ao poder. Co 5 a 16 de parcial restañábamos a ferida do primeiro cuarto e situabámonos por diante no marcador (22 a 24) aínda que a empresa non era como para confiarse, nin moito menos.






Tras o descanso a tónica sería a mesma. Manu facendo e desfacendo ao seu antollo e Juan dominando a ambos os dous lados da pista para certificar un parcial de 0 a 7 nos tres primeiros minutos para alcanzar unha renda favorable de 9 (22 a 31) que, en principio, outorgábanos unha certa dose de tranquilidade tan só rota pola sinalización da cuarta falta persoal de Raúl, o que provocou a súa substitución por un inédito Jorge que, debido ás súas molestias nas costas, non adestrou en toda a semana. Pero o francotirador amiense é todo un asasino e, con dous triples noutros tantos intentos, asentou as nosas posibilidades reais de vitoria situando un claro 26 a 37 no electrónico ante a algarabía da parroquia visitante. Pero, grazas a dous triplos consecutivos (o segundo, apoiándose en táboa) do escolta local Rial, o C.B. Vistaalegre conseguía manterse a flote nuns instantes finais de cuarto protagonizados por un Víctor que tirou de experiencia para anotar tres puntos de forma consecutiva e afianzar o noso dominio no marcador. Novo parcial favorable (10 a 16) e o marcador en 32 a 40 a falta de dez minutos de partido. Aínda que o partido estaba de fronte, non había que relaxarse.




Primeiro minuto do último cuarto no que o repentino caos visitante foi aproveitado polos locais para situarse a catro puntos (36 a 40). Tempo morto de Gaby e cambio múltiple para invertir a perigosa deriva. Pero, unha vez máis, Jorge con dous triples pon as cousas no seu sitio ante un rival ao que se lle esgotaron todos os seus intentos de remontada. Serios en defensa e con Manu como claro dominador do tempo do partido, o C.B. Ames dedicouse a conservar a renda favorable na contorna dos dez puntos ata o 43 a 53 final que supón unha nova lombeirada ás nosas opcións de clasificación. Agora toca pensar nos difíciles duelos que nos esperan, comezando co enfrontamento contra un rival directo, o Praíña SPC Basket, a próxima xornada.





A continuación, la estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)
O respecto mutuo e a deportividade caracterizaron o encontro


O peor: a falta de acerto no primeiro cuarto e algúns momentos de relaxación que debemos desterrar para futuros enfrontamentos.

O mellor: o sobrepoñernos á desvantaxe inicial e resucitar a tempo. Mención aparte para o labor do único colexiado que dirixiu o encontro, o sr. Trasancos: firme e dialogante á vez e, sobre todo, xusto e equánime ao manter o mesmo criterio durante os corenta minutos de partido para ambos equipos. Parabéns pola súa impecable dirección.


A sesión vermú cos nosos familiares, amigos e afecionados estivo moi entretida...

  

martes, 3 de marzo de 2020

C.B. Ames Vs. XL Milladoiro completo

Turno para a visualización do derbi desta semana entre o C.B. Ames e o XL Milladoiro:


E, como sempre, lembra que podes ver este e outros partido do teu club favorito na nosa canle de YouTube.

Grazas polo voso incondicional apoio!

O derbi quédase en Bertamiráns

Primeira das cinco finais que nos restan para cumprir o obxectivo de clasificarnos entre os catro primeiros e acceder ás eliminatorias polo título. E para comezar, nada de medias tintas. O pasado sábado recibimos ao XL Milladoiro no clásico derbi de Ames. Un club con enxunlla ao que hai que sumar que esta tempada converteuse nun rival directo na loita polo obxectivo, polo que a contenda exixía a máxima das concentracións para evitar os erros ante unha experimentada escuadra que penaliza o máis mínimo fallo.

Compases iniciais de tanteo e xogados ao ritmo lento que interesaba aos visitantes. Con todo, os primeiros catro puntos eran contestados rapidamente por Juan con sendos triples desde a frontal do aro. Unha vez superada a sorpresa inicial en forma de defensa individual exposta polos visitantes, e tras dúas canastras fáciles baixo o aro recibidas, o C.B. Ames comezaba a ver o aro con accións de mérito de Eloy, Juan (8 puntos e 5 rebotes neste cuarto) e un triplo dun aínda convalecente Diego, accións que tiveron resposta no triplo postremeiro de Seoane para certificar un 13 a 12 favorable nun parcial que non pasará aos anais do baloncesto nin pola intensidade nin polo acerto dos seus contendentes.




No segundo cuarto a iniciativa sería para os visitantes. Ao ralentí, e en colaboración coa baixa porcentaxe de acerto dos xogadores do C.B. Ames, o XL Milladoiro situaba o partido no lugar no que lle interesaba, grazas a un claro dominio reboteador e ao seu acerto desde o tiro libre (11 tiros libres anotados neste cuarto, os 7 últimos de forma consecutiva). Tan só uns escintileos dun C.B. Ames baixo de folgos impediron que a sangría fose maior. Pero o 14 a 19 deste cuarto significaba que o XL Milladoiro íase aos vestiarios cun 27 a 31 favorable e a moral polas nubes, mentres que no C.B. Ames os ánimos estaban polo chan.




Deste xeito, a charla no vestiario presentou un carácter máis psicolóxico que táctico. Gaby tentaba motivar aos seus xogadores e provocar unha reacción anímica neles co obxectivo de borrar unhas caras longas máis propias dun tanatorio que dun pavillón de baloncesto.

A arenga daría os seus froitos. Dous triples de Jorge nos dous primeiros ataques ofrecían unha boa mostra do cambio de actitude fronte a un equipo visitante que pretendía capear o temporal arrefriando o partido. Momento para a entrada de pernas frescas: Manu, Alberto Jr. e Diego que deron máis mordente ao C.B. Ames a ambos lados da cancha e permitiron levar o choque a un ritmo máis elevado que nos favorecía. Con Juan dominando a pintura, as arrincadas locais apenas obtiñan contestación por parte dun XL Milladoiro cada vez máis mermado fisicamente. Pero, como xa sabemos, os animais feridos son máis perigosos, e a vantaxe adquirida no marcador non era suficiente, nin moito menos, como para dar por morto ao rival. Nas postrimerías deste cuarto os colexiados parecían insuflar aire aos visitantes coa sinalización dunha incomprensible falta a Manu (a tres metros da acción sancionada), un rebote ofensivo e canastra de Juan tras tiro libre por unha suposta invasión (o que sucedeu é que o pivote visitante creu que eran dous tiros libres en lugar dun, deixando só ao noso center para a sorpresa do colexiado) ou unha técnica ao banco por levantarse a celebrar unha acción ofensiva. Con todo, 17 a 11 de parcial e 44 a 42 ao noso favor.




Coa nosa espada de Damocles particular en forma de final axustado, a intención do C.B. Ames era non repetir erros pasados que nos condenaron en situacións similares esta mesma tempada. Queixarse menos e baixar ao barro. Contando coa consabida permisividade arbitral e na seguridade de que este partido gañaríase en defensa ante un rival que acusaba o paso dos minutos, o C.B. Ames decidiu poñer toda a carne no asador co obxectivo de manter as súas aspiracións de clasificación, aspiracións que facían da vitoria unha necesidade vital e da intensidade o camiño para obtela.

Cunha superioridade física manifesta sobre a cancha, Coach G decidiu darlle a responsabilidade a Alberto Jr., moito máis potente e fresco de pernas que o seu par, e explorar unha vía que resultaría determinante para a nosa sorte no partido. Desequilibrante e decidido, o novo aleiro local facía moito dano aos seus rivais a base de penetracións que desarboraban á fatigada defensa visitante. Baixo a batuta dun Manu máis centrado na dirección de xogo e na defensa que na produción anotadora, un ata ese momento irregular Jorge decidiu sumarse á festa para anotar a tripla que achandaba o camiño cara ao triunfo, vitoria que máis que no ataque asentouse nas tarefas defensivas. O camiño ao aro estaba pechado para os visitantes que tan só conseguiron anotar seis puntos en todo este cuarto, consecuencia clara do desequilibrio físico existente que motivou a claudicación do XL Milladoiro e que o C.B. Ames non pasase apuros no tramo definitivo do partido, vencendo con solvencia 58 a 48 e superando o primeiro exame para a consecución do obxectivo final.




Todos xuntos a pola seguinte vitoria

A continuación, a estadística completa dos jugadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)

O peor: o acerto nos tiros de campo e o xogar ao ritmo do XL Milladoiro durante moitas fases do encontro.

O mellor: o tramo final do partido en canto a actitude e determinación para gañar. En calquera caso, temos que seguir mellorando se queremos conseguir o noso obxectivo.