martes, 3 de marzo de 2020

O derbi quédase en Bertamiráns

Primeira das cinco finais que nos restan para cumprir o obxectivo de clasificarnos entre os catro primeiros e acceder ás eliminatorias polo título. E para comezar, nada de medias tintas. O pasado sábado recibimos ao XL Milladoiro no clásico derbi de Ames. Un club con enxunlla ao que hai que sumar que esta tempada converteuse nun rival directo na loita polo obxectivo, polo que a contenda exixía a máxima das concentracións para evitar os erros ante unha experimentada escuadra que penaliza o máis mínimo fallo.

Compases iniciais de tanteo e xogados ao ritmo lento que interesaba aos visitantes. Con todo, os primeiros catro puntos eran contestados rapidamente por Juan con sendos triples desde a frontal do aro. Unha vez superada a sorpresa inicial en forma de defensa individual exposta polos visitantes, e tras dúas canastras fáciles baixo o aro recibidas, o C.B. Ames comezaba a ver o aro con accións de mérito de Eloy, Juan (8 puntos e 5 rebotes neste cuarto) e un triplo dun aínda convalecente Diego, accións que tiveron resposta no triplo postremeiro de Seoane para certificar un 13 a 12 favorable nun parcial que non pasará aos anais do baloncesto nin pola intensidade nin polo acerto dos seus contendentes.




No segundo cuarto a iniciativa sería para os visitantes. Ao ralentí, e en colaboración coa baixa porcentaxe de acerto dos xogadores do C.B. Ames, o XL Milladoiro situaba o partido no lugar no que lle interesaba, grazas a un claro dominio reboteador e ao seu acerto desde o tiro libre (11 tiros libres anotados neste cuarto, os 7 últimos de forma consecutiva). Tan só uns escintileos dun C.B. Ames baixo de folgos impediron que a sangría fose maior. Pero o 14 a 19 deste cuarto significaba que o XL Milladoiro íase aos vestiarios cun 27 a 31 favorable e a moral polas nubes, mentres que no C.B. Ames os ánimos estaban polo chan.




Deste xeito, a charla no vestiario presentou un carácter máis psicolóxico que táctico. Gaby tentaba motivar aos seus xogadores e provocar unha reacción anímica neles co obxectivo de borrar unhas caras longas máis propias dun tanatorio que dun pavillón de baloncesto.

A arenga daría os seus froitos. Dous triples de Jorge nos dous primeiros ataques ofrecían unha boa mostra do cambio de actitude fronte a un equipo visitante que pretendía capear o temporal arrefriando o partido. Momento para a entrada de pernas frescas: Manu, Alberto Jr. e Diego que deron máis mordente ao C.B. Ames a ambos lados da cancha e permitiron levar o choque a un ritmo máis elevado que nos favorecía. Con Juan dominando a pintura, as arrincadas locais apenas obtiñan contestación por parte dun XL Milladoiro cada vez máis mermado fisicamente. Pero, como xa sabemos, os animais feridos son máis perigosos, e a vantaxe adquirida no marcador non era suficiente, nin moito menos, como para dar por morto ao rival. Nas postrimerías deste cuarto os colexiados parecían insuflar aire aos visitantes coa sinalización dunha incomprensible falta a Manu (a tres metros da acción sancionada), un rebote ofensivo e canastra de Juan tras tiro libre por unha suposta invasión (o que sucedeu é que o pivote visitante creu que eran dous tiros libres en lugar dun, deixando só ao noso center para a sorpresa do colexiado) ou unha técnica ao banco por levantarse a celebrar unha acción ofensiva. Con todo, 17 a 11 de parcial e 44 a 42 ao noso favor.




Coa nosa espada de Damocles particular en forma de final axustado, a intención do C.B. Ames era non repetir erros pasados que nos condenaron en situacións similares esta mesma tempada. Queixarse menos e baixar ao barro. Contando coa consabida permisividade arbitral e na seguridade de que este partido gañaríase en defensa ante un rival que acusaba o paso dos minutos, o C.B. Ames decidiu poñer toda a carne no asador co obxectivo de manter as súas aspiracións de clasificación, aspiracións que facían da vitoria unha necesidade vital e da intensidade o camiño para obtela.

Cunha superioridade física manifesta sobre a cancha, Coach G decidiu darlle a responsabilidade a Alberto Jr., moito máis potente e fresco de pernas que o seu par, e explorar unha vía que resultaría determinante para a nosa sorte no partido. Desequilibrante e decidido, o novo aleiro local facía moito dano aos seus rivais a base de penetracións que desarboraban á fatigada defensa visitante. Baixo a batuta dun Manu máis centrado na dirección de xogo e na defensa que na produción anotadora, un ata ese momento irregular Jorge decidiu sumarse á festa para anotar a tripla que achandaba o camiño cara ao triunfo, vitoria que máis que no ataque asentouse nas tarefas defensivas. O camiño ao aro estaba pechado para os visitantes que tan só conseguiron anotar seis puntos en todo este cuarto, consecuencia clara do desequilibrio físico existente que motivou a claudicación do XL Milladoiro e que o C.B. Ames non pasase apuros no tramo definitivo do partido, vencendo con solvencia 58 a 48 e superando o primeiro exame para a consecución do obxectivo final.




Todos xuntos a pola seguinte vitoria

A continuación, a estadística completa dos jugadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)

O peor: o acerto nos tiros de campo e o xogar ao ritmo do XL Milladoiro durante moitas fases do encontro.

O mellor: o tramo final do partido en canto a actitude e determinación para gañar. En calquera caso, temos que seguir mellorando se queremos conseguir o noso obxectivo.

2 comentarios:

  1. Dentro de mis modestos conocimientos,voy a aportar unas sugerencias relativas a los cuatro fundamentos del basket por si os pueden servir de algo en el funcionamiento del equipo:
    1ª)Bote:Excesivo.
    2ª)Pase:Practicad el picado.
    3ª)Tiro:Probad con el gancho,sin reparos.
    4ª)Defensa:La mixta,sin duda alguna.

    No comento otros movimientos como el rebote,bloqueo,funciones del Palomero,etc. pues eso es para nota.

    Perdonad mi osadía y con todos mis ánimos:¡¡ADELANTE C.B.AMES!!

    ResponderEliminar
  2. Muy de acuerdo con respecto a lo del bote excesivo. En cuanto al gancho, defensa mixta, pases picados y funciones de palomero, tu opinión será trasladada a nuestros responsables técnicos para su oportuna toma en consideración.

    En cualquier caso, estimado aficionado, ¡muchas gracias por el seguimiento y por tu incondicional apoyo!

    ResponderEliminar