xoves, 26 de outubro de 2023

Boa sintonía

Primeira xornada de competición e, polo tanto, fin das probaturas e tempo para o fogo real. O pasado domingo 22 de outubro recibimos no municipal de Bertamiráns ao C.B. Ribeira Congalsa. Gran ambiente nas bancadas e apoio masivo de ambas afecións nun ambiente que facía presaxiar unha grande tarde de basket.

Jota e Linas saudando a cámara, ben acompañados polos nosos máis novos xiareiros  (incluíndo a Víctor)

De inicio Dani decide apostar polas novas incorporacións, de xeito que os debutantes Tomás, Juan e Sebas foron da partida. Asubío inicial, cunha mestura de exceso de confianza cunhas pingas de nerviosismo, os locais entraron en escena fora de onda. Rapidamente os visitantes endosaron un parcial de 0 a 7 que obrigou ao adestrador local a solicitar tempo morto e inaugurar o casilleiro de broncas desta campaña. As primeiras canastras de Sebas e de Tomás non servían para achegar no marcador a un C.B. Ames indolente en defensa e superado no rebote. Necesario un cambio de ritmo e maior agresividade. Triple cambio e a vella garda representada por Rober, Jaime e Alberto saltan á pista, ademais de Eloy para apuntalar a nosa, ata ese momento, escasa presenza baixo os aros. A vantaxe cooleitada polos visitantes, pouco a pouco e non sen traballo, foi recurtada grazas a un bo traballo colectivo e a unha maior presenza baixo os taboleiros. Ao final do cuarto 20 a 21 para os visitantes e cinco minutos de dominio para cada equipo.

O segundo cuarto comezaría dun xeito calcado ao do parcial anterior. Parcial de 0 a 8 a prol dun equipo visitante especialmente inspirado dende máis aló da liña de 6,75. Pero se falamos de triplas rapidamente se nos ven á cabeza a figura de Jorge Rodríguez. Canastón a toboleiro dende a súa casa que ben puidera ter asinado o ilustre Alberto Mata. Espoleados e con Sebas comezando a impoñer a súa lei baixo os taboleiros, a escuadra amiense volveríase a repoñer por segunda vez do duro arreón visitante para, pasiño a pasiño e cos triplos de Jorge como terapia, poñerse por primeira vez por diante no marcador (39 a 38) no último minuto deste cuarto. So a postrera canastra dos pupilos de Richi Santos pemitiríalles manter a mínima vantaxe ao termo dos 20 primeiros minutos. As espadas en todo o alto nun bo encontro por ambas partes.

Dani e Raúl buscando solucións

Ata iste momento poderiamos dicir que o tempo de partido fora controlado polos visitantes. Pero iso cambiaría no terceiro cuarto. Un C.B Ames con máis poso, cun Sebas chamado a ser un dos xogadores determinantes da categoría despregando unha mostra do seu potencial na pintura, e a instensidade de xogadores como o debutante Juan e Diego que contaxiaban aos seu compañeiros, pouco a pouco fomos poñendo terra por medio ata chegar a acadar unha vantaxe máxima de 9 puntos (53 a 44) tras culminar Diego un nada habitual pase de béisbol de Nico.



Pero o C.B. Ribeira non dixera a súa última palabra e, a base de triplas e dun inspiradísimo Álvaro Fernández especialmente desde a liña de tiro libre, ao final deste terceiro parcial conseguiu reducir a diferenza a só 5 puntos a falta dos derradeiros 10 minutos (53 a 48).

Incluso con tempo para a maxia (coa inestimable colaboración de Jorge e de Sebas):



Momento quente e tempo para valentes. Rober golpea primeiro cun lanzamento marca da casa:



Co visitante Álvaro Fernández (27 puntos) martilleando dende o tiro libre (ata 10 tiros anotados de forma consecutiva) o equipo local volvía a notar o aire visitante na súa caluga. Intercambio de triplas, tempo morto dos reibeirenses e Jaime a cancha. Con ambos equipos atenazados pola presión, ese estrano e incalificable elemento estaba chamado a desequilibrar a contenda. Dous tiros libres anotados tras a sinalización dunha falta antideportiva e un canastón que case provoca un andazo de infartos na bancada local logaran colocar o marcador nun 60 a 58 a falta de minuto e medio. Pero unha nova tripla do noso pesadelo Álavaro Fernández consegue colocar por diante unha vez máís aos visitantes. Tiro libre anotado por Tomás para equilibrar o choque e a posibilidade de prórroga pulando polo coliseo amiense.

Os visitantes desaproveitan a súa oportunidade, en parte grazas a gran defensa dos locais. Con oito segundos para o final, Sebas ve a Jorge na esquina co fusil cargado. O aleiro recibe o balón e, en lugar de disparar de tres, amaga e remonta a liña de fondo para, de forma maxestuosa, apoiarse na táboa e deixa o balón a unha altura o suficientemente elevada como para facer inútil calquera axuda visitante.



Dous segundos e medio, tempo morto visitante e saque dende campo de ataque. Suficiente para atacar o noso aro e, como mínimo, prolongar o encontro 5 minutos máis. Balón en xogo e, de novo, emerxe de maneira providencial para cortar o balón e, de paso, as aspiracións dos visitantes. "O balón e meu e non se xoga máis", parecía indicar o escolta amiense. Honra e MVP para el ante un público rendido ante a súa determinación.

Ao final do encontro o conxunto local agradeceu e correspondeu o apoio de todos os asistentes nesta vibrante tarde de basket. Esta parece que vai ser una campaña de fortes emocións á vista da igualdade de todos os contendentes. 



O mellor: ademais da vitoria, as novas incorporacións encaixaron perfectamente no equipo. A boa sintonía entre xogadores, corpo técnico, directiva e afección e un dos nosos piares fundamentais e constitúe o noso sinal de identidade. Innegociable.


Sospeitosos habituais

O peor: as ausencias durante diversas fases do encontro. Debemos ser intensos durante os 40 minutos de xogo. Cómpre mellorar neste aspecto.

Por parte do C.B. interviñeron: Tomás (8, AA), Diego (8, AA), Jorge (11;,AA), Juan (4, AA) e Sebas (13, AA) - quinteto inicial - Rober (4, AA), Jaime (10, AAA), Alberto (4, AA), Rocha (4, AA), Eloy, (-, A), Ángel (-, A) e Nico (-, A).  


sábado, 21 de outubro de 2023

Nova tempada, novas ilusións

In your marks, get set, ready and.... imos aló! Arrinca unha nova tempada chea de esperanzas para o C.B. Ames. Tras a irregular campaña anterior, na que fomos de menos a máis para rematar co sabor agridoce do que se sabe que pode facer as cousas mellor do que mostrou a clasificación final, mañá ás 17:00 comezamos a nosa xeira pola tempada 2023/2024 con novos aires pero co mesmo espírito competitivo que nos caracteríza.

Chegamos ata aquí despois de cinco semanas de adestramentos, algunha que outra baixa ilustre e novas incorproacións que, a bo seguro, ofrecerán o necesario pulo que este club precisa para tentar ocupar algunha das posicións de honra na clasifación ao final da campaña que está a piques de iniciarse.


Polo visto nos adestramentos previos, as incorporacións de Tomás, Juan e Sebas (xunto coa de Hugo, aínda que este non pode competir á espera de tramitar a súa licenza federativa) compensarán sobradamente as baixas de ilustres como Mata, Rául, Toni e Jota. Con Dani outra vez como director, a orquetra amiense mestura experiencia e atrevemento sen marcarse obxectivos a longo prazo, aínda que o traballo feito ata agora invite ao optimismo.



Dani impartindo cátedra

Como primeira pedra de toque, maña recibimos ao C.B. Ribeira Congalsa. Se temos en conta o único enfrontamoento da campaña pasada (41 a 65 ao noso favor), poderimaos caer nun exceso de confianza que podería xogar na nosa contra. Auga pasada non move muíño, e, por experiencia, todos coñecemos que os inicios acostuman a estar presididos polos nervios e imprecisións propias de estas alturas de tempada.

Pero o C.B. Ames é unha máquina ben engrasada e artellada. Acabáronse as probaturas. Chega o momento da verdade. Comeza un novo ciclo. 

GO AMES GO!