domingo, 24 de setembro de 2017

Equipos e calendario para a tempada 2017/2018

Tras a reunión entre os responsables da Federación Galega de Baloncesto e os representantes dos clubs implicados, celebrada o pasado xoves, quedou definido o calendario e o sistema de competición correspondente ao grupo B da 3.ª división en categoría senior masculina, a cal terá como protagonistas aos seguintes equipos:
 
  • A.D.B. Fontiñas.
  • CBAT.
  • Bonaval C.B.
  • Arzúa C.A.B. Matados.
  • Basket Ribadulla "B".
  • C.B. Ames.
  • Tendas Pillados Porto do Son.
  • Milladoiro XL.
  • C.B. Noia.
  • Compañía de María.
  • Nucamsa Basketdeza "B".
  • C.B. Ribeira.
Cabe destacar a irrupción de novos equipos na categoría, tales como Noia, Riveira ou Compañía de María que, ademais de provocar un aumento no número de encontros a celebrar, a bo seguro contribuirán a elevar o nivel da liga, xa que na súa maior parte estas novas inscricións veñen motivadas pola chegada de xogadores de categoría júnior, o que supón o necesario golpe de aire fresco que esta categoría vén reclamando desde hai anos.
 
Acordouse por unanimidade un sistema de competición clásico de liguiña "todos contra todos" a dobre volta. Ao termo dos 22 encontros disputados por cada escuadra, aqueles que finalicen nas dúas primeiras posicións gañarán o dereito de ascenso ao grupo A.
 
Podes consultar as datas, horarios e lugares de xogo do C.B. Ames na nosa sección "Calendario". Así mesmo, e unha vez iniciada a competición, iremos incorporando a clasificación da xornada.
 
Moita sorte a todos! 

mércores, 20 de setembro de 2017

Primeiro amigable de pretempada

Aproveitando o adestramento do día de onte, o C.B. Ames celebrou o seu primeiro partido de pretempada co obxectivo de comezar a ensamblar as súas pezas. Para iso enfrontámonos ao equipo júnior do A.D. Básquet Ames, club de referencia na comarca no que a baloncesto de base refírese.
 
Boa pedra de toque para comprobar nun escenario real de xogo a adaptación dos xogadores ao concepto de xogo que defende o noso novo adestrador.
 

Pío, novo adestrador do C.B. Ames, seguindo atentamente a evolución do equipo

Nun escenario pactado en dúas metades de 25 minutos cada unha, púidose comprobar a rápida asimilación dos compoñentes do equipo local ás novas directrices de xogo. Unha circulación aceptable do balón, defensa intensa (sobre todo á hora de exercer a presión sobre saque de fondo) e, fundamentalmente, o compromiso de todos os xogadores, motivaron unha sensación final satisfactoria por parte do técnico, tendo en conta que levamos catro adestramentos ata a data. "A pesar de que queda moito por mellorar, estou contento co que vin tendo en conta da altura da tempada na que nos/nos atopamos", declarou o míster á finalización desta proba.
 
Polo que respecta ao equipo visitante, destacar que en ningún momento perdeulle a cara a un encontro no que primou a maior experiencia dos locais, protagonizando algunha acción de mérito no tiro exterior e nas transicións ofensivas. Ademais, estiveron arroupados por un grupo de familiares que, ao termo do partido, foron aplaudidos por todos os compoñentes do C.B. Ames, aplauso que foi correspondido desde a bancada nun claro exemplo de deportividade e no entendemento de que, neste caso, o resultado era o de menos.
 

A presión en primeira liña axudou a recuperar multitude de balóns na segunda metade 

Pero antes de tomar o camiño dos vestiarios, saltou a noticia bomba da pretemporada: a incorporación de Jacobo ás filas do C.B. Ames. Ala-pivote versátil, con personalidade e moi experimentado, non puido resistirse por máis tempo aos "encantos" deste club, tras unhas duras negociacións. Estaremos moi atentos á súa evolución, pero desde estas liñas podemos apostar, sen temor a equivocarnos, que Jacobo pode significar o salto de calidade definitivo que o C.B. Ames necesita para conseguir os ambiciosos obxectivos fixados para a presente campaña.
 
Non podemos terminar este artigo sen agradecer a todos os membros do A.D. Básquet Ames a súa colaboración, á vez que felicitarlles por un traballo ben feito e polo seu esforzo á hora de inculcar a cultura do baloncesto entre os máis novos. Moitas grazas mozos! 

martes, 12 de setembro de 2017

Novas regras: ¿que é o "Paso Cero"?

O vindeiro 1 de outubro de 2017 entran en vigor as novas modificacións do regulamento aprobadas pola FIBA. Entre elas, a máis destacada é a introdución do que xa se coñece como "Paso Cero". Pero, en que consiste exactamente? Os pasos de saída serán legais a este lado do charco? A continuación, ofrecémosvos un vídeo explicativo que resolverá todas as vosas dúbidas:

 
 
 
 

luns, 11 de setembro de 2017

O C.B. Ames formaliza a súa inscrición para a campaña 2017/2018

Tres días antes do final do prazo habilitado pola Federación Galega de Baloncesto, o C.B. Ames formalizou a súa inscrición na 3.ª división en categoría senior masculina. Segundo fontes federativas, o xoves 21 de setembro terá lugar a sempre interesante xuntanza previa ao comezo da tempada -á 19.00 h.- coa fin de configurar e concretar o sistema de competición, sistema que dependerá, en grande medida, tanto da cantidade e calidade de equipos rexistrados como da vontade e dispoñibilidade dos recursos federativos. Seguirémosvos informando. 

martes, 5 de setembro de 2017

Benvidos!

Para celebrar o inicio do curso baloncestístico 2017/2018, desde o Club Baloncesto Ames presentamos esta nova ferramenta concibida e deseñada como complemento e promoción das nosas actividades. Lembrade que podedes enviar as vosas suxestións, comentarios ou inquietudes a través dos medios habilitados neste blogue. Tentaremos darvos resposta o máis axiña posible. Aos poucos iremos incorporando novos contidos.
 
Moitas grazas por estar aí!