mércores, 20 de setembro de 2017

Primeiro amigable de pretempada

Aproveitando o adestramento do día de onte, o C.B. Ames celebrou o seu primeiro partido de pretempada co obxectivo de comezar a ensamblar as súas pezas. Para iso enfrontámonos ao equipo júnior do A.D. Básquet Ames, club de referencia na comarca no que a baloncesto de base refírese.
 
Boa pedra de toque para comprobar nun escenario real de xogo a adaptación dos xogadores ao concepto de xogo que defende o noso novo adestrador.
 

Pío, novo adestrador do C.B. Ames, seguindo atentamente a evolución do equipo

Nun escenario pactado en dúas metades de 25 minutos cada unha, púidose comprobar a rápida asimilación dos compoñentes do equipo local ás novas directrices de xogo. Unha circulación aceptable do balón, defensa intensa (sobre todo á hora de exercer a presión sobre saque de fondo) e, fundamentalmente, o compromiso de todos os xogadores, motivaron unha sensación final satisfactoria por parte do técnico, tendo en conta que levamos catro adestramentos ata a data. "A pesar de que queda moito por mellorar, estou contento co que vin tendo en conta da altura da tempada na que nos/nos atopamos", declarou o míster á finalización desta proba.
 
Polo que respecta ao equipo visitante, destacar que en ningún momento perdeulle a cara a un encontro no que primou a maior experiencia dos locais, protagonizando algunha acción de mérito no tiro exterior e nas transicións ofensivas. Ademais, estiveron arroupados por un grupo de familiares que, ao termo do partido, foron aplaudidos por todos os compoñentes do C.B. Ames, aplauso que foi correspondido desde a bancada nun claro exemplo de deportividade e no entendemento de que, neste caso, o resultado era o de menos.
 

A presión en primeira liña axudou a recuperar multitude de balóns na segunda metade 

Pero antes de tomar o camiño dos vestiarios, saltou a noticia bomba da pretemporada: a incorporación de Jacobo ás filas do C.B. Ames. Ala-pivote versátil, con personalidade e moi experimentado, non puido resistirse por máis tempo aos "encantos" deste club, tras unhas duras negociacións. Estaremos moi atentos á súa evolución, pero desde estas liñas podemos apostar, sen temor a equivocarnos, que Jacobo pode significar o salto de calidade definitivo que o C.B. Ames necesita para conseguir os ambiciosos obxectivos fixados para a presente campaña.
 
Non podemos terminar este artigo sen agradecer a todos os membros do A.D. Básquet Ames a súa colaboración, á vez que felicitarlles por un traballo ben feito e polo seu esforzo á hora de inculcar a cultura do baloncesto entre os máis novos. Moitas grazas mozos! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario