martes, 18 de febreiro de 2020

C.B. Tecven Padrón Vs. C.B. Ames completo

Se nin o All-Star Weekend nin a Copa do Rey ACB convencéronche, aquí tes unha boa opción de redimirte co encontro do C.B. Ames da pasada xornada: 


E lembra, podes visionar este e outros partidos do teu club favorito na nosa canle de YouTube.

Moitas grazas a todos!

Amence que non é pouco

Sen marxe de erro, o C.B. Ames comparecía na tarde do pasado domingo no municipal de Padrón para iniciar a remontada na clasificación ante un rival que coñeceu tempos mellores. A tarde lembraba demasiado á da tempada pasada, meteoroloxicamente falando, na que un temporal asolagou a pista e obrigou á suspensión do partido en primeira instancia para procederse, tras unha polémica decisión do Comité de Competición, á cancelación do encontro e outorgar a vitoria ao C.B. Ames, a máis diso a consecuente sanción ao club padronés, feito que lamentamos profundamente no seu día e que esperabamos que non se volvese a repetir, a pesar de que os ingredientes eran moi parecidos.

Pero ao chegar disipáronse os nosos temores e o partido podía disputarse, eso si, con certo risco xa que a superficie sintética da instalación presentaba unha porcentaxe de humidade que nin o traseiro de Aquaman, o que obrigaba á restrición de movementos, sobre todo aqueles que implicaban bruscos cambios de ritmo ou desprazamentos laterais, todo coa fin de evitar calquera tipo de lesión inoportuna.

E é que a resistencia dos locais só ía durar os catro primeiros minutos, nos cales conseguiron dar réplica aos primeiros cinco puntos de Quique e a un triple de Jorge, que estaba a calibrar o seu fusil de francotirador para esnaquizar a previsible zona 2-3 proposta polo Tecven Padrón. Unha vez localizado e fixado o obxectivo, lume a discreción. O C.B. Ames comezaba a atacar con decisión o aro rival para anotar desde todas as posicións á vez que negaba o acceso a canastra ao rival. Triple de Jorge, canastón de Eloy selando ao seu defensor, tiro de media distancia de Quique, catro puntos consecutivos de Juan e unha entrada en velocidade de Diego daban boa mostra do noso amplo repertorio ofensivo. Namentres, un desarmado Tecven Padrón só era capaz de anotar un tiro libre. Conclusión: 7 a 21 no primeiro cuarto e o partido a piques de romperse.




Co obxectivo entre cella e cella de dinamitar a contenda, o segundo cuarto arrincaba cunha feroz ofensiva por parte visitante, iniciada por Diego, Víctor e Manu, liderada por Raúl en plan estelar con 12 puntos neste parcial (4 de 6 en tiros de campo, incluídos tres triplos consecutivos) e rematada por Jorge, que facía saltar polo aire calquera aspiración do conxunto padronés por manterse no partido. Co 31 a 0 de parcial do encontro de ida aínda na retina, este parcial saldouse a favor do C.B. Ames por 3 a 31, feito que non facía senón máis que ratificar a diferenza existente entre ambas as escuadras na presente campaña. Ao descanso, 10 a 52 a favor do C.B. Ames. Partido finiquitado e dous cuartos por diante para afianzar automatismos, recuperar sensacións perdidas e repartir minutos entre todos os xogadores. Prohibido diminuír a intensidade.





Á saída dos vestiarios os locais tentaron sorprender cunha inesperada defensa individual que, máis por deméritos do C.B. Ames que por méritos propios, conseguiu deter a hemorraxia en primeira instancia. Pero o simulacro de resistencia local durou o que o físico do seu pivote González, esto é, uns poucos minutos. Unha vez máis, os amienses conseguían ver o aro con facilidade e anotar desde todo tipo de posicións para anotarse un novo parcial, esta vez por 13 a 21, e situar no electrónico a nada desdeñable renda de 50 puntos ao noso favor (23 a 73).






Con nada en xogo agás a integridade física dos xogadores nunha pista cada vez máis esvaradiza, como proba o dobre axel de Diego no último lance do cuarto anterior e que lle custou un bo golpe nas súas posadeiras, os últimos dez minutos foron mero trámite. Gaby limitouse a repartir minutos entre os seus xogadores e a incidir nalgunhas cuestións de índole táctica coa mente posta no noso próximo rival, o XL Milladoiro. Novo parcial favorable aos nosos intereses por un claro 5 a 18 para un resultado final que o di todo: 28 a 91.





El marcador final habla por sí mismo

A continuación, a estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)

O peor: o risco de lesión inherente a unha superficie tan esvaradiza.

O mellor: recuperamos a senda da vitoria nunha actuación moi coral. Sen dúbida, este é o camiño aínda que os rivais que se nos veñen encima, sen dúbida, exporán moita máis batalla que o Tecven Padrón. Agora toca mentalizarse e aproveitar os adestramentos ao máximo para estar a punto cara á recta final da tempada que comeza dentro de dúas semanas debido ao parón pola festividade de Entroido. Bo momento para deixar o disfrace de perdedores e cambialo polo de gañadores. Imos!


martes, 11 de febreiro de 2020

C.B. Ames Vs. C.B. Infor-Santiago (casi) completo

Neste post servímosvos o encontro da pasada xornada que nos enfrontou ao líder, o C.B. Infor-Santiago.

Significar que, debido a problemas na produción, faltan o primeiro minuto de partido e os instantes finais, polo que pedimos desculpas a todos os nosos seguidores:


E, coma siempre, lembra que podes ver este e outros vídeos do C.B. Ames na nosa canle de YouTube.

Brotes verdes e brotes negros

En plena crise de xogo e resultados, quenda para recibir ao líder, o C.B. Infor-Santiago, en partido disputado no inusual horario de catro da tarde. Un Infor-Santiago que comparecía con practicamente todos os seus efectivos co obxectivo de consolidarse no alto da táboa ante un C.B. Ames que está a pasar, sen dúbida, o seu peor momento da tempada. Ás consabidas baixas por lesión dos nosos interiores Jacobo e Alberto Sampedro, sobreviñeron as baixas dos nosos exteriores Diego, Quique e Raúl, o que motivou un serio recorte na nosa rotación, aspecto fundamental se temos en conta a solidez e fiabilidade dun conxunto visitante que se presentaba no Municipal de Bertamiráns cunha bagaxe de dez vitorias por tan só unha derrota, cultivada ante o Básquet Ames na segunda xornada de liga, alá polo mes de outubro. 

Xogo exterior contra poderío na zona. Uns inspirados Jorge e Alberto Jr., con sete puntos cada un, ofrecen as primeiras vantaxes dos locais. Os santiagueses, lonxe de descompoñerse, comezan a picar pedra e a obter resultados debaixo do noso aro con canastras fáciles tras rebote ofensivo, a súa principal baza. O primeiro parcial estivo presidido por unha igualdade que só o triple final de Mario Pampín, practicamente o único argumento exterior dos santiagueses, conseguiu romper para situar o electrónico nun 16 a 19.





Bo inicio de segundo cuarto para os locais. Con minutos de calidade de Víctor e de Linas, e moita seriedade atrás, o C.B. Ames conseguiu un parcial de 8 a 0 que lle permitía volver comandar o marcador. Pero o Infor-Santiago soubo reaccionar a tempo e facer valer a súa superioridade na pintura para volver equilibrar a contenda e mesmo recuperar a iniciativa. O feito de que estabamos ante un duelo moi igualado era máis que patente. E como se decide un duelo onde a igualdade é case absoluta? Moi sinxelo: por pequenos detalles. Detalles como a sinalización da terceira falta persoal a dous bastións locais como son Alberto Jr. e un Juan demasiado afectado e un tanto exasperado pola falta de equidade mostrada polo árbitro principal. En calquera caso, e tras un espectacular aro pasado de Jorge, o cuarto saldábase con táboas (10 a 10) o que mantiña en vantaxe aos visitantes (26 a 29). Antes de emprender o camiño dos vestiarios o colexiado principal sinala unha falta técnica a Juan debido ás súas protestas pola última posesión do encontro, na que o colexiado decide non conceder dous tiros libres tras a sinalización dunha clara falta persoal sobre Jota en flagrante acción de tiro. O partido renovaríase cun tiro libre favorable aos visitantes e con Juan con catro faltas no seu haber.


O terceiro cuarto comezaba tal e como acabou o segundo, ou sexa, cunha técnica a Jorge tras protestar unha clara falta no seu primeiro intento máis aló do 6,75. O colexiado principal, máis perigoso que Macgyver cun cortauñas, seguía co seu particular recital e afán de protagonismo, empregando unhas formas e unha maneira de dirixir o encontro que, para a nosa desgraza, non nos resulta descoñecida. En calquera caso, mesmo guión que nos parciais precedentes: bo inicio por parte do C.B. Ames, esporeado pola dirección de Manu e os triples de Jorge, mentres que o Infor-Santiago agarrábase ao partido grazas ao seu dominio do rebote ofensivo coa dupla Navarrete-Gómez, determinantes baixo os aros. Así as cousas, e tras o 10 a 11 de parcial, todo quedaba pendente do último e definitivo cuarto.



Con 36 a 40 no marcador e as espadas en todo o alto, o cuarto comezou en sentido inverso aos tres anteriores, esto é, cun C.B. Ames negado cara o aro e un rival que, impoñendo un ritmo lento de xogo, conseguía abrir brecha no marcador ata conseguir unha renda favorable de oito puntos, a máxima do encontro. O peor momento do partido tería o seu punto culminante coa expulsión de Alberto Jr. por cinco faltas. Pero, lonxe de enrugarse, o C.B. Ames sacou a relucir a súa casta e nun arranque de rabia liderado por Manu e apoiados en Linas volvía situarse a rebufo do seu rival. En plena remontada, novo pau en forma de segunda técnica a un desesperado e desaparecido Juan que deu cos seus osos no vestiario tras un encontronazo co visitante Buján que, ao mesmo tempo, tamén resultou eliminado. Pero, aínda con dous dos seus integrantes máis determinantes expulsados, o C.B. Ames non daría o seu brazo a torcer tan facilmente. Un triple de Jota ao límite da posesión, levantando á inchada local dos seus asentos, e dous tiros libres de Manu, conseguían colocarnos por diante no marcador por primeira vez en moito tempo (46 a 44) e, o que era máis importante, na recta final do partido. A canastra de Navarrte volvía ser contrarrestada por un triple de Jorge, o cuarto no seu casillero, para deixar a diferenza en 3 a falta de tres minutos para o final do choque.







Pero hai que lembrar que estamos inmersos nunha dinámica negativa e, para calquera que xogase un pouco a esto, sabemos que é un factor que ás veces pesa demasiado. Na seguinte acción un gran Navarrete, líder do Infor-Santiago na tarde do sábado con 20 puntos, anotaba un 2+1 que colocaba as táboas no marcador. E é que no momento culminante do encontro pagamos a factura que supuxo a nosa inferioridade no rebote. 17 rebotes ofensivos por parte do Infor-Santiago por tan só 5 do C.B. Ames son unha diferenza demasiado transcendente nun encontro tan axustado, o que ao cabo desnivelou a balanza a favor dun conxunto visitante que demostrou o porqué da súa clasificación. Con maior apromo e grazas ao seu acerto desde o tiro libre, o Infor-Santiago levouse a contenda por un tenteo final de 53 a 57 motivando que as nosas aspiracións de clasificarnos para a fase final xa non dependan de nos. En calquera caso, seguiremos pelexando.


Sempre agradecidos

A continuación, a estadística completa dos xogadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)

O mellor: o loitar ata o final contra o que, posiblemente, sexa o equipo máis fiable da categoría. Aínda que non fose suficiente, melloramos en apartados tan importantes do xogo como as perdas de balón e minimizado a nosa precipitación en ataque en relación con partidos anteriores. A pesar de a derrota, brotes verdes...

O peor: a nosa inferioridade manifesta no apartado reboteador, quizais lastrados polas baixas no noso xogo interior. Tamén poderiamos incluír neste apartado o labor do colexiado principal, aínda que, sendo obxectivos, gran parte da responsabilidade é nosa xa que incorremos en protestas que non conducen a nada. En teoría, somos un equipo experimentado pero, na práctica, perdemos partidos como pipiolos. Brotes negros...

luns, 3 de febreiro de 2020

En crise (de xogo)

Cruzamento de camiños o pasado domingo nun pavillón Alonso Rodríguez de Noia que rexistrou unha gran afluencia de público. O Furancho do Floro C.B. Noia, en clara traxectoria ascendente tras un errático inicio de campaña, recibía a un C.B. Ames en horas baixas en canto a resultados e, sobre todo no xogo a pesar de a vitoria colleitada ante o C.B. Santa Baia sub-22 da pasada xornada. Un enfrontamento transcendental ao que os visitantes acudían sen os seus dous adestradores, Gaby e Raúl, facéndose coas rendas do banco o noso gran capitán Dani e con outro peso pesado do vestiario como Víctor nos labores de adestrador axudante.

Ao comezo do partido os noieses sorprenderon aos amienses apostando por un ritmo frenético de partido e presionando a toda cancha. O acerto desde máis aló do 6,75 unido á férrea defensa sobre os nosos xogadores exteriores motivou as primeiras diferenzas no marcador (8 a 2) polo que Dani viuse obrigado a pedir o seu primeiro tempo morto e a introducir cambios nun quinteto inicial desconcertado que non atopaba o camiño ao aro rival. A entrada de Manu e o bo facer de Juan conseguiron deter a sangría, unha vez superada a vértixe inicial, para ir entrando aos poucos no xogo. Ao final dos dez primeiros minutos, 16 a 11 a favor dos locais.

No segundo cuarto o C.B. Ames saíu cunha mellor disposición en defensa e algo máis de calma (aínda que non a desexada) en ataque. Cinco puntos seguidos dun sobremarcado Jorge, menos inspirado que en ocasións anteriores, poñían o equilibrio no electrónico nos primeiros (e case únicos) minutos nos que o C.B. Ames conseguiu dominar o choque. A última canastra dun inspirado Eloy baixo os taboleiros poñía o 25 a 24 ao descanso e coa sensación de que poderiamos irnos aos vestiarios cun marcador favorable se tivésemos unha porcentaxe minimamente decente desde o tiro libre. Esta é unha faceta do xogo fundamental nunha categoría como a nosa e os repetidos e preocupantes fallos son un lastre demasiado pesado. Alarmante.

Pero, grazas á garra e ao tesón acostumado e á baixada dos locais en canto ás súas prestacións ofensivas, continuabamos nun partido no que, a pesar de todo, as sensacións non eran boas. A pesar de que o terceiro cuarto comezou como terminara o segundo, esto é, cunha canastra de Eloy baixo os aros ao que se sumou un triple de Jorge, pronto os vellos demos amienses comezaron a manifestarse. O empuxe defensivo dos locais propiciaba momentos de precipitación en ataque que provocaban multitude de agasallos en forma de perdas de balón que eran aproveitados para anotar con facilidade e desequilibrar de novo o partido. Dani esforzábase unha e outra vez en corrixir os erros dos seus pupilos pero a empresa non era fácil. Para máis inri, os colexiados non parecían querer aplicar a mesma rapadoira a ambos os dous lados da cancha, xa que mentres os nosos contactos eran sancionados en repetidas ocasións, a fiereza da presión noiesa apenas era obxecto de sanción, o que aumentou o noso grao de desesperación. Novo parcial favorable para os locais (16 a 10) para situar a contenda nun 41 a 34 que poñía as cousas moi difíciles a falta de dez minutos.

Cos locais lanzados polo trunfo e os visitantes descolocados e sen resposta, o último cuarto foi unha carnicería. Todos os defectos dos tres cuartos precedentes manifestáronse no peor momento posible: precipitación, ansiedade, incontables perdas de balón, porcentaxes paupérrimos desde o tiro libre, erros de principiante en canastras fáciles e un sen fin de cousas máis que converteron o noso final de partido nun auténtico despropósito. Co encontro perdido, un mocoso Noiés que non fixera nada ao longo dun choque duro pero, ata o momento, de luva branca, comezou a provocar aos frustrados xogadores visitantes nun alarde do que non se debe facer cando tes o partido gañado, incluído un intento de canastra previo 360º que, menos mal para el, non conseguiu facer diana. Inmediatamente, un veterano como Eloy recriminoulle a súa actitude chulesca e maleducada, obtendo como resposta a sinalización dunha técnica duns colexiados tan perdidos como o conxunto amiense. Para competir hai que saber perder pero, sobre todo, hai que saber gañar, valores que todo club debe inculcar desde as idades máis temperás pero, que pódeselle pedir a un club cuxo adestrador solicita un tempo morto a falta de pouco máis dun minuto para o final e con vinte puntos arriba? Como resposta, Dani decide, con bo criterio, non aproveitalo e contemplar como o míster local dá as últimas instrucións aos seus xogadores coma se se tratara da última posesión dunha final olímpica nun dos peores xestos que se poden dar nunha cancha de baloncesto. En calquera caso, os xogadores e o corpo técnico do C.B. Ames, nun alarde de señorío e de sentido común, deciden non entrar ao trapo e dar por finiquitado un encontro que reflectiu un claro e contundente 62 a 42 no que foi, sen dúbida, o pau máis gordo no que vai de campaña. Podemos dicir, sen temor a equivocarnos, que estamos nunha profunda crise deportiva, aínda que o grupo continúa intacto e, se cabe, máis unido que nunca como demostra o feito das correspondentes cervexas que compartimos no bar de enfronte tras abandonar o pavillón noiés. Esa é a nosa principal fortaleza, o que nos fará rexurdir e, a bo seguro, a envexa de moitos.

Por parte do C.B. Ames interviñeron:

Jota (2), Quique (3), Jorge (10), Eloy (6) e Juan (5) - quinteto inicial - Alberto Jr. (4), Linas (2), Rober (2), Manu (8), Victor, Diego e Dani.

O mellor: sen dúbida, o sacrificio e a implicación neste proxecto tanto de Dani, no seu labor de adestrador e de Víctor, no seu labor de axudante, antepoñendo o ben común aos seus intereses persoais. Todo un exemplo tanto na cancha como fóra dela e polo que debemos de estar eternamente agradecidos. Quedamos sen adxectivos.

O peor: a dinámica na que entramos xusto no momento determinante da tempada. Estamos a xogarnos os garavanzos e quedámonos sen argumentos, sobre todo na faceta ofensiva. Debemos adestrar máis e mellor para desterrar a infinidade de erros que cometemos e volver atopar a nosa identidade. A crise é manifesta e debemos sacudírnola canto antes se queremos aspirar ao obxectivo de quedar entre os catro primeiros. Xa non hai marxe para o erro e na próxima xornada, sen solución de continuidade, recibimos ao C.B. Infor-Santiago, líder da competición e un dos equipos máis fiables ao longo da presente campaña. É o momento de botar o resto e de non agacharse.