luns, 3 de febreiro de 2020

En crise (de xogo)

Cruzamento de camiños o pasado domingo nun pavillón Alonso Rodríguez de Noia que rexistrou unha gran afluencia de público. O Furancho do Floro C.B. Noia, en clara traxectoria ascendente tras un errático inicio de campaña, recibía a un C.B. Ames en horas baixas en canto a resultados e, sobre todo no xogo a pesar de a vitoria colleitada ante o C.B. Santa Baia sub-22 da pasada xornada. Un enfrontamento transcendental ao que os visitantes acudían sen os seus dous adestradores, Gaby e Raúl, facéndose coas rendas do banco o noso gran capitán Dani e con outro peso pesado do vestiario como Víctor nos labores de adestrador axudante.

Ao comezo do partido os noieses sorprenderon aos amienses apostando por un ritmo frenético de partido e presionando a toda cancha. O acerto desde máis aló do 6,75 unido á férrea defensa sobre os nosos xogadores exteriores motivou as primeiras diferenzas no marcador (8 a 2) polo que Dani viuse obrigado a pedir o seu primeiro tempo morto e a introducir cambios nun quinteto inicial desconcertado que non atopaba o camiño ao aro rival. A entrada de Manu e o bo facer de Juan conseguiron deter a sangría, unha vez superada a vértixe inicial, para ir entrando aos poucos no xogo. Ao final dos dez primeiros minutos, 16 a 11 a favor dos locais.

No segundo cuarto o C.B. Ames saíu cunha mellor disposición en defensa e algo máis de calma (aínda que non a desexada) en ataque. Cinco puntos seguidos dun sobremarcado Jorge, menos inspirado que en ocasións anteriores, poñían o equilibrio no electrónico nos primeiros (e case únicos) minutos nos que o C.B. Ames conseguiu dominar o choque. A última canastra dun inspirado Eloy baixo os taboleiros poñía o 25 a 24 ao descanso e coa sensación de que poderiamos irnos aos vestiarios cun marcador favorable se tivésemos unha porcentaxe minimamente decente desde o tiro libre. Esta é unha faceta do xogo fundamental nunha categoría como a nosa e os repetidos e preocupantes fallos son un lastre demasiado pesado. Alarmante.

Pero, grazas á garra e ao tesón acostumado e á baixada dos locais en canto ás súas prestacións ofensivas, continuabamos nun partido no que, a pesar de todo, as sensacións non eran boas. A pesar de que o terceiro cuarto comezou como terminara o segundo, esto é, cunha canastra de Eloy baixo os aros ao que se sumou un triple de Jorge, pronto os vellos demos amienses comezaron a manifestarse. O empuxe defensivo dos locais propiciaba momentos de precipitación en ataque que provocaban multitude de agasallos en forma de perdas de balón que eran aproveitados para anotar con facilidade e desequilibrar de novo o partido. Dani esforzábase unha e outra vez en corrixir os erros dos seus pupilos pero a empresa non era fácil. Para máis inri, os colexiados non parecían querer aplicar a mesma rapadoira a ambos os dous lados da cancha, xa que mentres os nosos contactos eran sancionados en repetidas ocasións, a fiereza da presión noiesa apenas era obxecto de sanción, o que aumentou o noso grao de desesperación. Novo parcial favorable para os locais (16 a 10) para situar a contenda nun 41 a 34 que poñía as cousas moi difíciles a falta de dez minutos.

Cos locais lanzados polo trunfo e os visitantes descolocados e sen resposta, o último cuarto foi unha carnicería. Todos os defectos dos tres cuartos precedentes manifestáronse no peor momento posible: precipitación, ansiedade, incontables perdas de balón, porcentaxes paupérrimos desde o tiro libre, erros de principiante en canastras fáciles e un sen fin de cousas máis que converteron o noso final de partido nun auténtico despropósito. Co encontro perdido, un mocoso Noiés que non fixera nada ao longo dun choque duro pero, ata o momento, de luva branca, comezou a provocar aos frustrados xogadores visitantes nun alarde do que non se debe facer cando tes o partido gañado, incluído un intento de canastra previo 360º que, menos mal para el, non conseguiu facer diana. Inmediatamente, un veterano como Eloy recriminoulle a súa actitude chulesca e maleducada, obtendo como resposta a sinalización dunha técnica duns colexiados tan perdidos como o conxunto amiense. Para competir hai que saber perder pero, sobre todo, hai que saber gañar, valores que todo club debe inculcar desde as idades máis temperás pero, que pódeselle pedir a un club cuxo adestrador solicita un tempo morto a falta de pouco máis dun minuto para o final e con vinte puntos arriba? Como resposta, Dani decide, con bo criterio, non aproveitalo e contemplar como o míster local dá as últimas instrucións aos seus xogadores coma se se tratara da última posesión dunha final olímpica nun dos peores xestos que se poden dar nunha cancha de baloncesto. En calquera caso, os xogadores e o corpo técnico do C.B. Ames, nun alarde de señorío e de sentido común, deciden non entrar ao trapo e dar por finiquitado un encontro que reflectiu un claro e contundente 62 a 42 no que foi, sen dúbida, o pau máis gordo no que vai de campaña. Podemos dicir, sen temor a equivocarnos, que estamos nunha profunda crise deportiva, aínda que o grupo continúa intacto e, se cabe, máis unido que nunca como demostra o feito das correspondentes cervexas que compartimos no bar de enfronte tras abandonar o pavillón noiés. Esa é a nosa principal fortaleza, o que nos fará rexurdir e, a bo seguro, a envexa de moitos.

Por parte do C.B. Ames interviñeron:

Jota (2), Quique (3), Jorge (10), Eloy (6) e Juan (5) - quinteto inicial - Alberto Jr. (4), Linas (2), Rober (2), Manu (8), Victor, Diego e Dani.

O mellor: sen dúbida, o sacrificio e a implicación neste proxecto tanto de Dani, no seu labor de adestrador e de Víctor, no seu labor de axudante, antepoñendo o ben común aos seus intereses persoais. Todo un exemplo tanto na cancha como fóra dela e polo que debemos de estar eternamente agradecidos. Quedamos sen adxectivos.

O peor: a dinámica na que entramos xusto no momento determinante da tempada. Estamos a xogarnos os garavanzos e quedámonos sen argumentos, sobre todo na faceta ofensiva. Debemos adestrar máis e mellor para desterrar a infinidade de erros que cometemos e volver atopar a nosa identidade. A crise é manifesta e debemos sacudírnola canto antes se queremos aspirar ao obxectivo de quedar entre os catro primeiros. Xa non hai marxe para o erro e na próxima xornada, sen solución de continuidade, recibimos ao C.B. Infor-Santiago, líder da competición e un dos equipos máis fiables ao longo da presente campaña. É o momento de botar o resto e de non agacharse.

7 comentarios:

  1. No penseis en lo que os queda y en echar cuentas. Solo cuenta el próximo partido y a partir de ahí a por todas. ¡¡Adelante valientes!!

    ResponderEliminar
  2. Boas, son Sergio xogador do CB Noia. Quería aportar un par de apuntes. Primeiro de nada, penso que non é necesario chamar mocoso a nadie de forma despectiva, ao igual que una debemos saber ganar, tamen hai que saber perder. Non é certo que Eloy lle recrimina o 360, o meu compañeiro fai o 360 unha vez Eloy está expulsado do partido.
    Que o expulsan tras unha acción na que empuxan por detrás a este compañeiro, se levanta pa decir que non fai falla eso (partido 20 arriba para os nosos) e Eloy se mete no medio sen ter que ver na xogada. Xogada na que hai faltas claras a ambos lados da pista e non se pitan, e un non quere entrar en cousas como estas por medo a lesións (sen ir mais lexos, eu mesmo rompín un ligamento dun hombro por unha acción parecida á que recrimina o meu compañeiro). Con esto non disculpo o 360, igual non era o mellor momento pensando nos rivais, pero é algo que fai a miudo (mais do que nos gustaría), teno feito en partidos que vamos perdendo tamen.
    En canto ao tempo morto, non sei exactamente canto tempo falta nin de canto está o marcador, pero si o suficiente como para que o entrenador local, recorde aos xogadores que a diferencia no average estaba en 10 puntos, que a final de tempada pode ser importante, así que tampouco vexo cal é o motivo de enfadarse por un tempo morto. Incluso salvando eso, recordar que é un equipo xoven e de canteira, ademais con varios xuveveniles en dinámica, todo o que un entrenador poida aportarlles nesos momentos é un bo aprendizaxe para os rapaces.
    Sen mais, un saludo e moita sorte de cara aos vindeiros encontros.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas polo teu comentario Sergio. O califcativo de mocoso non ven outorgado de xeito caprichoso ou aleatorio senón que é cosecuencia duns actos de provocación por parte dun xogador que se descalifican por sí mesmos e que deberían ser desterrados dun terreo de xogo e dunha competición que dista moito de ser profesional, non valendo como argumento, alomenos para nós, a xuventude do seu protagonista. O C.B. Noia ten no seu plantel outros rapaces tanto ou máis novos que el e todos eles teñen un comportamento impecable na pista, polo que debería tomar exemplo dos seus compañeiros. Ten por seguro que, de producirse, este tipo de actitudes serían reprendidas e eliminadas por parte de todos os que integramos o C.B. Ames, xa que consideramos que para gañar non é necesario nin provocar nin humillar.

      Polo que respecta ao tempo morto a falla de pouco máis dun minuto e con 20 arriba no marcador pouco máis que comentar. Certo é o tema do basketaverage que comentas, pero tal e como estaba o partido, cun equipo coma nos que anota 42 puntos en todo o partido e que está totalmente entregado, resulta certmente incrible que poidamos anotarnos un parcial de 0 a 10 nese tempo, polo que a excusa de manter o basketaverage é certamente feble, polo que consideramos que neste tempo morto o único que se lle pode transmitir aos rapaces é como prolongar a agonía dun rival derrotado e mostrarlles unha das peores accións que se poden contemplar nunha cancha de baloncesto, situación que, desgraciadamente, acontece máis da conta con independencia do nivel da competición na que se produza (desde un zonal ata a ACB). Mal feito.

      En calquera caso, o primeiro é desexarte a máis pronta e mellor recuperación da túa desafortunada lesión. Seguro que esnseguida estarás dando guerra. Tamén agradecerche a túa opinión e o respecto coa que a mostras, ademais de o seguimento deste blog cuxo principal obxectivo é entreter á parroquia que convive no senior zonal B de Santiago en xeral, a os xiareiros do C.B. Ames en particular.

      Un saúdo e moita sorte ao C.B. Noia para o resto da presente campaña.

      Eliminar
    2. Elegante dialéctica. Lo importante es que prevalezcan las buenas maneras y así siempre ganaremos todos. ¡¡VIVA EL DEPORTE Y LA BUENA EDUCACIÓN!!

      Eliminar
    3. Aquí Sergio de novo. Disculpa a tardanza en contestar novamente, non me había percatado de que se me había respondido.
      En ningún momento disculpei ao meu compañeiro pola sua xuventude ou non, xa é o suficientemente grandiño en ese aspecto para respetar aos rivais. É mais, pa eso non hai idade, hai que respetar en todo momento, xogamos a un deporte e estamos por diversión, nadie de merece un descalificativo de ningunha maneira. Certamente non sei si fixo el algún descalificativo ou algo hacia vos, aparte do momento do rifirafe con Eloy nun momento puntual, e mais a acción do 360, que xa dixen que non o disculpaba, igual non era o momento acertado para facelo, pero si é algo que fai mais veces. É como cando Neymar fai unha lambreta, que si é ao inicio do partido é un recurso pero a final de partido con 5-0 parece unha humillación ao rival.
      En canto ao tempo morto, pois non sei, eu dende o meu punto de vista en este caso non o vin mal. Pero sei o que se sinte tamen nun tempo morto do estilo, a todos nos pasou. Simplemente hai que collelo de boas maneiras e xogar ata o minuto 40 que é cando remata o encontro.
      Sen mais, seguir desexándovos sorte e, sobre todo, a disfrutar do baloncesto, que é ao que estamos.
      Gracias por compartir o voso punto de vista.
      P.d: graciñas, espero recuperarme ben para a tempada que ven seguir dando caña

      Eliminar
    4. Moitas grazas Sergio polo teu comentario e, sobre todo, coa educación e o respecto co que o espuxeches. Esperamos verte pronto dando guerra nas canchas así que moito ánimo y forza.

      Unha aperta.

      Eliminar