mércores, 10 de novembro de 2021

Redención

Primeiro partido sen máscaras e, como de se un sinal se tratase, novos aires tras a desfeita da xornada pasada. Esquecer e redimirse como obxectivos claros.

O pasado domingo ás 17.00 h. recibimos ao mesmo rival da semana pasada, o Nucamsa Basketdeza de Lalín, no que será a tónica desta tempada (os dous partidos seguidos ante o mesmo rival nun grupo composto por 10 participantes). Ideas co selo inequívoco da sempre sorprendente Federación Galega de Baloncesto que este ano conseguiu superar o "cuatrosistema" da pasada campaña (catro equipos a cuádrupla volta) innovando un sistema de competición de "burbulla inexistente" no que, ademais de xogar unha liga na que repites rival en dúas xornadas consecutivas, compítese como local durante dúas xornadas seguidas e outras dúas como visitante, todo iso aderezado con que non se considerou conveniente deixar datas no calendario para acomodar os máis que posibles aprazamentos e, como guinda a este desenfreo mental, deseñouse unha segunda fase de ascenso aínda que a propia Federación comunicase que este ano "non haberá ascensos nin descensos". En fin, todo un espalle cerebral ao servizo do baloncesto co que non quero aburrir máis aos nosos sufridos fregueses (un saúdo para os nosos incondicionais que nos seguen desde a FEGABA, que sabemos que os hai...).

Ben, centrémonos. Recuperados os Albertos e con Jaime recentemente saído da neveira, por vez primeira na tempada acudimos con todos os nosos efectivos, polo que Dani decidiu prescindir nesta ocasión dos servizos dos debutantes Nico e Antón, aínda que este último non se resignou así como así e terminou  como improvisado delegado de campo cunha actuación tan notable que fixo enorgullecerse ao seu antecesor, o gran Manolo Porto que, xunto coa nosa musa Lourdes, unha vez máis acudían fielmente á súa cita co mellor baloncesto da comarca. Resulta moi emocionante o ver como a bancada do municipal de Bertamiráns recupera o seu mellor ambiente, indicio claro de que máis pronto que tarde volveremos á total normalidade (ou eso queremos crer). En calquera caso, grazas xiareiros!

Con ánimos claros non tanto de desquite -que tamén- senón sobre todo de recuperar sensacións perdidas, saltamos á cancha dispostos a comernos ao noso rival desde a orde e a fortaleza dun equipo que sabe ao que xoga en ambos os lados da pista. Magnificamente dirixidos por Rober, con Alberto como amo e señor dos taboleiros e Jorge en plan executor, os primeiros minutos do primeiro cuarto resultaron ser unha auténtica cicloxénese baloncestística. Os lalinenses, quizá confiados en exceso despois de tan recente como inexplicable vitoria por 19 puntos da semana pasada, non sabían onde gorecerse. As canastras non entraban, precipitaban, mentres que, ao mesmo tempo, o camiño ao aro local estaba absolutamente vedado grazas ao gran esforzo coral e abnegado dunha escuadra amiense que non afrouxaba o ritmo. Tras as primeiras substitucións, os Linas, Víctor, Antelo e un reivindicativo Jaime encestaban todo o que lanzaban desde diferentes posicións, facendo as delicias tanto do noso míster por arranxar a avaría da semana pasada como por parte dos nosos incondicionais, cómplices dos nosos mellores momentos da tempada. O 25 a 6 ao termo dos 10 primeiros minutos fala ben ás claras da superioridade dun C.B. Ames desatado.




Pero se alguén pensaba que o do primeiro cuarto fora froito da casualidade non podería estar máis equivocado. O C.B. Ames cheiraba o sangue e non ía soltar á súa presa. Con Jorge como solista nunha orquestra ben coordinada, o torrente ofensivo seguía fluíndo mentres que a garda pretoriana defensiva facía inútil calquera intento de aproximarse ao noso aro. Mentres as diferenzas non paraban de aumentar, produciuse unha das noticias máis esperadas desta campaña: a explosión de Toni. Os seus sete puntos case consecutivos, ademais da súa gran lectura e dirección de xogo e unha actitude de auténtico pesadelo defensivo para o que lle toque en desgraza, supoñen unha lombeirada para o xogador lucense, unha das incorporacións estelares e chamado a facer grandes cousas neste club. O partido converteuse nun "pim, pam, pum" como proba o feito de que o Nucamsa Basketdeza tan só conseguise anotar 2 canastras e 7 tiros libres en vinte minutos de xogo. 46 a 11 ao descanso e partido visto para sentenza.

Tras o descanso, o tímido intento de rebelión dos visitantes, feridos no seu orgullo ante o aluvión da primeira parte, foi rapidamente sufocado polo quinto triple dun Jorge erixido no faro anotador amiense. Para redondear a faena, bos minutos de Antelo, Mata e un sempre eficaz Tirso que vai collendo peso e pouso no equipo a pasos axigantados a base de actitude, rigor táctico, versatilidade e talento. Se no segundo cuarto presenciamos o despegue de Toni, neste terceiro fomos testemuñas da resurrección de Diego, frustrado nos dous encontros anteriores, podendo despregar a súa afeita verticalidade cara ao aro nuns minutos de calidade que, sen a menor dúbida, servirán para coller confianza para as próximas e importantes citas que están por vir. 18 a 9 neste terceiro parcial e 64 a 20 no electrónico, polo que o último cuarto sería un mero trámite.

Coa lóxica relaxación de quen se sabe gañador e cun rival noqueado desde o primeiro asalto, o último cuarto terminou cun intranscendente 9 a 2 a favor dos locais, que rubricaron unha avultada vitoria por 51 puntos (73 a 22) devolvendo o estado das cousas a un sitio do que nunca deberon saír.

El resultado no puede ser más ilustrativo

Algarabía na poboada bancada do mausoleo amiense e satisfacción xeneralizada entre os integrantes do equipo, algúns deles compartindo unhas cervexas coa súa afición sinal de que volven uns costumes que nunca deberon irse.

Pero antes de pasar coas valoracións individuais e os aspectos positivos e negativos, reproduciremos a arenga do noso adestrador Dani no círculo final do partido: "nin antes eramos tan malos, nin agora tan bos". Tan clásico como acertado. Eso si, redimidos.




Por parte del C.B. Ames interviñeron:

Rober (2, AA), Diego (4, AA), Jorge (17, AAA), Tirso (7, AA) e Alberto (10, AAA) - quinteto inicial - Víctor (4, AA), Jaime (6, AA), Mata (5, AA), Toni (11, AAA), Eloy (-, A), Linas (3, AA) e Antelo (4, AA)

O mellor: o saber sobrepoñerse ao desastre do partido anterior, recuperando a nosa identidade a través dunha partido coral e ordenado no que cada un dos xogadores vai asumindo o seu rol no equipo e o que a técnico espera deles.

O peor: como podiamos perder de 19 puntos a semana pasada contra este mesmo rival? Esto do baloncesto, por moito que pasen os anos, segue tendo máis misterios que Cuarto Milenio (saúdos, Friker Jiménez).

luns, 1 de novembro de 2021

Frenazo

Se a sufrida vitoria da xornada anterior fronte a Praíña serviu para alimentar as esperanzas nos corazóns da inchada amiense cara ao devir desta tempada, o partido disputado onte en Lalín fronte ao Nucamsa Basketdeza presentaba o obxectivo claro de refrendar a primeira vitoria e entrar na sempre necesaria dinámica gañadora para futuros compromisos.

Ambas escuadras démonos cita no clásico Pavillón Municipal de Lalín no non menos afeito horario das 5 da tarde. Víctor e os Albertos (non os archiconocidos para os máis veteráns "Cortina" e "Alcocer", senón os nosos máis honrados Sampedro e Mata) sumábanse á consabida baixa de Jaime por sanción, co que o C.B. Ames comparecía con dez dos seus catorce efectivos.

Dani, impecable, impartindo a charla previa ao inicio do encontro


Balón ao aire e primeiros compases nos que, tras a "sorpresiva" defensa individual proposta polos locais (bravo polo scouting que nos "soprou" que defendían en zona os 40 minutos), o C.B. Ames comezou a aplicar os sistemas elaborados por Dani para anotar as primeiras canastras e comezar mandando no electrónico. Os tiros desde a media/curta distancia de Eloy, Linas e Tirso, tras unha circulación de balón máis que aceptable, sumados a unha correcta defensa e ao control no rebote, motivaron as primeiras diferenzas favorables aos visitantes mentres os locais mantíñanse ao rebufo grazas, na súa maior parte, á inspiración do seu capitán García, autor de 7 puntos neste primeiro cuarto. Un triplo de Jorge e outras dúas boas accións dun Tirso que parece que leva unha década no equipo certificaban a vitoria parcial por un único punto de diferenza (14 a 15) ante un equipo local que tamén tiña moi clara a súa idea de xogo.





Máis do mesmo no segundo cuarto. Tirso, erixido no "chicoparatodo" do equipo, lideraba en ambos os lados da pista ben secundado por Eloy. Aínda que as prestacións do equipo en ataque non eran as mellores, a solidez defensiva permitía seguir mantendo a iniciativa pero a un prezo demasiado alto para o devir do resto do partido: a sinalización da terceira falta persoal ás nosas dúas pezas máis explosivas: Diego e Toni. Con todo, nada facía presaxiar o que sucedería a falta de dous minutos para a finalización do cuarto: o apagamento total. O que ata o momento era un partido disputado, converteuse no máis manifesto desequilibrio froito da caída repentina nas prestacións visitantes máis que do acerto dun moi serio equipo local. O C.B. Ames baixou os brazos en defensa e deixou de aplicar os sistemas adestrados en ataque para virse abaixo e recibir un 10 a 0 nestes dous minutos que situaban o 32 a 23 no electrónico e, o que é peor, a inversión en canto ás sensacións dos dezaoito minutos anteriores.

Durante o descanso, a palabra máis repetida por Dani, visiblemente preocupado, na súa habitual charla foi "Actitude".

Un poco más de intensidad, señores.
Un pouco máis de intensidade, señores!

A idea era volver recuperar o noso xogo en ataque, regresando aos sistemas acostumados, e a intensidade defensiva perdida ante un rival que ten moi claro ao que xoga e mantense nunha tarifa plana que penaliza calquera baixada de brazos. Pero os puntos ao tiro libre máis un triple de Jorge non foron máis que un espellismo. Aos erros do final do segundo cuarto engadimos un punto de frustración e outro de desesperación que confrontaban coa tranquilidade e o maior pouso duns locais que, sen facer nada do outro mundo, aproveitábanse dos nosos erros para aumentar a diferenza noutros dous puntos neste parcial e situar o marcador nun cada vez máis claro 43 a 32.

A pesares de que a distancia non resultaba nin moito menos insalvable, onte non era o día. Cada un dos xogadores de C.B. Ames querían facer a guerra pola súa conta e eso acábase pagando caro ante un equipo ordenado como o Nucamsa Basketdeza que, ademais, remaba a favor de obra. A dirección de xogo era inexistente, así como a circulación de balón (imposible dar máis de tres pases seguidos sen que o balón toque o chan); timoratos no tiro exterior (só un desacertado Jorge atrevíase a lanzar desde fóra). Neste festival do despropósito, a defensa local era unha invitación á "boca do lobo" na que nos estrelamos en multitude de ocasións. Para acabar con esta listaxe (aínda que poderiamos continuar) destacar a infinidade de rebotes ofensivos recollidos polos locais tras erro no segundo tiro libre, o que daba boa mostra da baixada de brazos do C.B. Ames. En definitiva, un desastre absoluto para concluír cunha avultada derrota por 57 a 38 e unha única gran lectura a extraer para os choques vindeiros: se baixamos os brazos non lle gañamos a ninguén.

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Dani Antelo (4, - ), Toni (0, - ), Jorge (12, A), Tirso (8, AA) e Eloy (4, A) - quinteto inicial - Nico (3, - ), Antón (0, - ), Diego (0, - ), Linas (6, A) e Rober (1, - ). 

O mellor: os primeiros 18 minutos, nos que, aínda que con moitos aspectos de xogo a mellorar a ambos lados da pista, competimos e mesmo levamos a iniciativa.

O peor: o resto do partido. Nin sistemas de xogo, nin tiro, nin rebote, nin circulación de balón. Con 8, 9 e 6 puntos en tres cuartos non lle gañamos nin ás monxiñas da caridade, con todo o respecto aos seus doces do Nadal...