luns, 1 de novembro de 2021

Frenazo

Se a sufrida vitoria da xornada anterior fronte a Praíña serviu para alimentar as esperanzas nos corazóns da inchada amiense cara ao devir desta tempada, o partido disputado onte en Lalín fronte ao Nucamsa Basketdeza presentaba o obxectivo claro de refrendar a primeira vitoria e entrar na sempre necesaria dinámica gañadora para futuros compromisos.

Ambas escuadras démonos cita no clásico Pavillón Municipal de Lalín no non menos afeito horario das 5 da tarde. Víctor e os Albertos (non os archiconocidos para os máis veteráns "Cortina" e "Alcocer", senón os nosos máis honrados Sampedro e Mata) sumábanse á consabida baixa de Jaime por sanción, co que o C.B. Ames comparecía con dez dos seus catorce efectivos.

Dani, impecable, impartindo a charla previa ao inicio do encontro


Balón ao aire e primeiros compases nos que, tras a "sorpresiva" defensa individual proposta polos locais (bravo polo scouting que nos "soprou" que defendían en zona os 40 minutos), o C.B. Ames comezou a aplicar os sistemas elaborados por Dani para anotar as primeiras canastras e comezar mandando no electrónico. Os tiros desde a media/curta distancia de Eloy, Linas e Tirso, tras unha circulación de balón máis que aceptable, sumados a unha correcta defensa e ao control no rebote, motivaron as primeiras diferenzas favorables aos visitantes mentres os locais mantíñanse ao rebufo grazas, na súa maior parte, á inspiración do seu capitán García, autor de 7 puntos neste primeiro cuarto. Un triplo de Jorge e outras dúas boas accións dun Tirso que parece que leva unha década no equipo certificaban a vitoria parcial por un único punto de diferenza (14 a 15) ante un equipo local que tamén tiña moi clara a súa idea de xogo.





Máis do mesmo no segundo cuarto. Tirso, erixido no "chicoparatodo" do equipo, lideraba en ambos os lados da pista ben secundado por Eloy. Aínda que as prestacións do equipo en ataque non eran as mellores, a solidez defensiva permitía seguir mantendo a iniciativa pero a un prezo demasiado alto para o devir do resto do partido: a sinalización da terceira falta persoal ás nosas dúas pezas máis explosivas: Diego e Toni. Con todo, nada facía presaxiar o que sucedería a falta de dous minutos para a finalización do cuarto: o apagamento total. O que ata o momento era un partido disputado, converteuse no máis manifesto desequilibrio froito da caída repentina nas prestacións visitantes máis que do acerto dun moi serio equipo local. O C.B. Ames baixou os brazos en defensa e deixou de aplicar os sistemas adestrados en ataque para virse abaixo e recibir un 10 a 0 nestes dous minutos que situaban o 32 a 23 no electrónico e, o que é peor, a inversión en canto ás sensacións dos dezaoito minutos anteriores.

Durante o descanso, a palabra máis repetida por Dani, visiblemente preocupado, na súa habitual charla foi "Actitude".

Un poco más de intensidad, señores.
Un pouco máis de intensidade, señores!

A idea era volver recuperar o noso xogo en ataque, regresando aos sistemas acostumados, e a intensidade defensiva perdida ante un rival que ten moi claro ao que xoga e mantense nunha tarifa plana que penaliza calquera baixada de brazos. Pero os puntos ao tiro libre máis un triple de Jorge non foron máis que un espellismo. Aos erros do final do segundo cuarto engadimos un punto de frustración e outro de desesperación que confrontaban coa tranquilidade e o maior pouso duns locais que, sen facer nada do outro mundo, aproveitábanse dos nosos erros para aumentar a diferenza noutros dous puntos neste parcial e situar o marcador nun cada vez máis claro 43 a 32.

A pesares de que a distancia non resultaba nin moito menos insalvable, onte non era o día. Cada un dos xogadores de C.B. Ames querían facer a guerra pola súa conta e eso acábase pagando caro ante un equipo ordenado como o Nucamsa Basketdeza que, ademais, remaba a favor de obra. A dirección de xogo era inexistente, así como a circulación de balón (imposible dar máis de tres pases seguidos sen que o balón toque o chan); timoratos no tiro exterior (só un desacertado Jorge atrevíase a lanzar desde fóra). Neste festival do despropósito, a defensa local era unha invitación á "boca do lobo" na que nos estrelamos en multitude de ocasións. Para acabar con esta listaxe (aínda que poderiamos continuar) destacar a infinidade de rebotes ofensivos recollidos polos locais tras erro no segundo tiro libre, o que daba boa mostra da baixada de brazos do C.B. Ames. En definitiva, un desastre absoluto para concluír cunha avultada derrota por 57 a 38 e unha única gran lectura a extraer para os choques vindeiros: se baixamos os brazos non lle gañamos a ninguén.

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Dani Antelo (4, - ), Toni (0, - ), Jorge (12, A), Tirso (8, AA) e Eloy (4, A) - quinteto inicial - Nico (3, - ), Antón (0, - ), Diego (0, - ), Linas (6, A) e Rober (1, - ). 

O mellor: os primeiros 18 minutos, nos que, aínda que con moitos aspectos de xogo a mellorar a ambos lados da pista, competimos e mesmo levamos a iniciativa.

O peor: o resto do partido. Nin sistemas de xogo, nin tiro, nin rebote, nin circulación de balón. Con 8, 9 e 6 puntos en tres cuartos non lle gañamos nin ás monxiñas da caridade, con todo o respecto aos seus doces do Nadal...

Ningún comentario:

Publicar un comentario