Para competir ao máximo nivel na 2ª División Autonómica fai falta moita enerxía, e que mellor combustible que o dun bo asado! Temos o enorme pracer de anunciar que a Parrillada O Establo se incorpora á nosa rede de patrocinadores para esta ilusionante tempada 2026/2027.
O coñecido restaurante de Lamas de Laraño, famoso pola súa espectacular grella e o seu inconfundible "latexar arxentino", decidiu apostar polo noso club e acompañarnos neste salto de categoría. Unha alianza que nos enche de orgullo e que demostra o vital que é o respaldo do comercio da nosa contorna para que o deporte en Ames poida seguir medrando.
A partir de agora, a imaxe de O Establo estará moi presente en cada partido que xoguemos na casa. O seu flamante Golf Banner xa está instalado a pé de pista no Pavillón do Milladoiro, e os nosos xogadores non dubidaron en estrealo posando xunto a el ao final do adestramento. Unha lona publicitaria que sen dúbida chamará a atención na nosa bancada e que, seguramente, lle fará a boca auga a máis dun!
Dende a directiva do Club Baloncesto Ames, queremos transmitirlle todo o noso agradecemento a Mercedes, a Carlos e a todo o persoal de O Establo por confiar no noso proxecto deportivo. Con apoios coma o voso, a nosa fame de vitorias é aínda maior.
![]() |
| Grazas por sumarvos ao noso equipo! |





