08/10/26

O soño comeza en Vigo


Rematou a espera. O traballo dos despachos, os adestramentos físicos e os partidos de preparación deixan paso ao que de verdade importa: o balón bota de novo. Este domingo 11 de outubro arranca unha temporada histórica para o Club Baloncesto Ames co noso ansiado debut na 2ª División Autonómica.

O primeiro desafío desta fase regular, onde estamos encadrados no esixente Grupo Sur xunto a equipos do nivel do Porriño Baloncesto Base, Asociación Baloncesto Xinzo ou Seis do Nadal, levaranos ata Vigo. Medirémonos ao Rías Baixas Sel no pavillón do Berbés, nun encontro que comezará ás 12:00 horas. Será a primeira proba de lume (de catorce xornadas nesta primeira fase) para un grupo que mantén a base do éxito, pero que chega con enerxías renovadas.

Precisamente, a gran nova desta pretempada é a incorporación de Pablo e Juanjo. Dous rapaces que veñen inxectar xuventude, potencia física e ambición á nosa estrutura, sumando forzas para afrontar o salto de categoría con todas as garantías.

Afrontamos este curso cun obxectivo claro: pelexar por cousas grandes e ilusionar á nosa afección. Iso si, o noso ADN non cambia. Sabemos que calquera éxito que poidamos conseguir pasará única e exclusivamente pola humildade, a paixón en cada cuarto e o traballo incansable de luns a venres. Soñar é gratis, pero as vitorias gáñanse suando a camiseta.

E para demostrar que o bo ambiente segue intacto, o equipo quixo dar o pistoletazo de saída a esta campaña do mesmo xeito que despedimos a anterior: ao redor dunha boa mesa. A pasada fin de semana gozamos dunha cea espectacular na Parrillada O Establo —unha contorna inigualable, cuns pratos de primeira e cun trato espectacular por parte do seu persoal— onde por fin recibimos o trofeo e as medallas de subcampións galegos do ano pasado. O peche perfecto a un ano inesquecible e o mellor impulso para o que está por vir.

Parrillada O Establo: ESPECTACULAR!

A Xunta Directiva posando orgullosa co trofeo de subcampións galegos

A todos os que sempre estades aí, aos nosos novos socios e patrocinadores que fan isto posible, e ás familias que enchedes de cor a bancada: preparádevos. A viaxe comeza xa e ímosvos necesitar en cada partido.

Vémonos o domingo en Vigo. Ímos con todo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario