luns, 30 de setembro de 2019

Alberto Rodríguez, nova incorporación do C.B. Ames

Estamos de noraboa. Tras as probas do verán, o staff técnico do C.B. Ames aprobou a incorporación dun novo valor da comarca amiense: Alberto Rodríguez. 

Este aleiro de 19 anos destaca sobre todo polas súas prestacións físicas, versatilidade e verticalidade ofensiva. Pero tamén resulta sobresaínte no apartado defensivo, onde a súa fortaleza no tren inferior e a súa rapidez de mans auguran o necesario plus que este club estaba a buscar cara ao cumprimento dos obxectivos propostos para a presente campaña. Ademais, Alberto Jr. (como foi alcumado polo resto do plantel) presenta unha madurez impropia da súa idade e demostrou unha capacidade de adaptación que lle valeu para encaixar no grupo coma se dun veterano se tratara. Todo un acerto.

Este anxeliño agacha moitas sorpresas...

O pasado sábado, no partido amigable disputado contra o recentemente ascendido Arzúa CAB, Alberto Jr. comezou a demostrar o porqué da súa fichaxe nun partido no que, unha vez superados os lóxicos nervios iniciais, conseguiu ser importante para o C.B. Ames nos instantes determinantes do choque. En calquera caso, a derrota na prórroga resultou ser intranscendente xa que este encontro estaba deseñado para ensamblar as pezas e executar os automatismos necesarios antes do inicio da competición oficial, previsto para a próxima fin de semana. Desde este espazo queremos agradecer a colaboración de todos os membros do Arzúa CAB á hora de contribuír a mellorar nosa posta a punto, ademais de desexarlles a maior das sortes na súa andaina na nova categoría.

Con esta incorporación pechouse o plantel do C.B. Ames ao contar con 15 xogadores en nómina, máximo legal permitido, o que obrigará a que o corpo técnico deba realizar as convocatorias pertinentes previas a cada xornada xa que, como saberedes, o número máximo de xogadores permitido para disputar un encontro oficial é de 12. Bendito problema.

A falta de dous adestramentos para o arranque da competición oficial, o C.B. Ames continúa traballando duro. 

Imos!

luns, 23 de setembro de 2019

Calendario de competición 2019/2020

Na nosa sección "Calendario" poderás consultar o calendario correspondente á fase regular da tempada 2019/2020, que arrinca o próximo 6 de outubro.

Tras a oportuna confirmación por parte da FEGABA, informamos que o sistema de competición proposto polo C.B. Ames (e apoiado polo resto dos presentes na reunión do pasado xoves) foi aprobado. Deste xeito, e do mesmo xeito que na anterior campaña, o sistema de competición será o seguinte:

1.ª fase: baixo o formato de liga regular a dobre volta "todos contra todos". Cada xornada descansa un equipo, xa que o número impar (11) de compoñentes que conforman o grupo B da terceira división masculina así o determina.

2.ª fase: os catro primeiros clasificados da fase regular xogarán unha semifinal a dobre volta (1.º contra 4.º e 2.º contra 3.º), disputándose o partido de volta en casa do mellor clasificado ao termo da primeira fase. 

Os gañadores disputarán o título (co dereito de ascenso ao grupo A en o peto), mentres que os perdedores xogarán pola 3.ª e 4.ª praza, xa que resulta necesario dilucidar todos os postos en previsión de que algún dos finalistas non desexe exercer o seu dereito de ascenso.

Esto empeza e prevense emocións fortes. 

Sorte a todos os participantes!

xoves, 19 de setembro de 2019

Participantes, calendario e sistema de competición para a tempada 2019/2020

Unha vez celebrada a xuntanza entre a Delegación Santiaguesa da FEGABA e os representantes dos clubs implicados, o Grupo B da 3.ª división en categoría senior masculina queda conformado polos seguintes participantes:

  1. San Mauro.
  2. Santa Baia Sub-22.
  3. O Furancho do Floro C.B. Noia.
  4. InforSantiago (Ex-Vista Alegre).
  5. Tecven Padrón.
  6. XL Milladoiro.
  7. C.F. Vista Alegre.
  8. Praíña (Ex-CBAT).
  9. A.D. Basquet Ames.
  10. Elidente Rianxo.
  11. C.B. Ames.
Nesta xuntanza, e dado que os resultados finais no que á clasificación refírese non afectan a categorías de ámbito autonómico, propuxemos un sistema de competición idéntico ao do ano pasado: liga regular clásica, esto é, a ida e volta todos contra todos; ao seu termo, os catro primeiros clasificados xogarían unha semifinal a dobre partido (1.º contra 4.º e 2.º contra 3.º); os equipos perdedores disputarían o terceiro e cuarto posto mentres que os gañadores, co dereito de ascenso xa no peto, xogaríanse o título, en ambos os casos baixo o formato de partido único.

Cabe destacar que esta proposta, apoiada por unanimidade dos representantes dos clubs presentes, vai ser trasladada e valorada polo Comité de Actividades da FEGABA para a súa aprobación, polo que estaremos atentos ás noticias que nos cheguen e manterémosvos puntualmente informados.

En calquera caso, a competición arrinca a fin de semana do 6 de outubro, abarcando as seguintes datas, acordadas de novo por unanimidade:

  • Outubro: 6, 13, 20 y 27.
  • Novembro: 3, 10, 17 y 24.
  • Decembro: 1 y 15.
  • Xaneiro: 12, 19 y 26.
  • Febreiro: 2, 9 y 16.
  • Marzo: 1, 8, 15, 22 y 29.
  • Abril: 5 (fin da tempada regular), 19 y 26 (ida e volta de semifinais).
  • Maio: 10 (terceiro e cuarto posto e final).
A orde de partidos será publicado pola FEGABA nas próximas datas, posiblemente ao redor do luns 23 de setembro, a expensas de que esta proposta de competición sexa aceptada polo organismo organizador. 

A falta de menos de vinte días para o inicio da competición, o C.B. Ames continúa afinando a súa posta a punto, estando previstos un par de amigables cuxas datas están pendentes de confirmación con rivais talles como o A.D. Basquet Ames ou o Arzúa C.A.B. que constitúen, sen dúbida, dúas boas probas de lume para unha preparación o máis garantista posible.

Seguiremos informando. Agora a adestrar que esto empeza!  

luns, 16 de setembro de 2019

Arrinca a tempada 2019/2020

Despois do longo parón estival, e aínda co bo sabor de boca presente pola terceira posición conseguida na campaña anterior, o pasado 20 de agosto comezou a preparación do C.B. Ames para a tempada 2019/2020.

A correr!

Unha vez formalizada a nosa inscrición, con Gaby e Raúl de novo aos mandos no apartado técnico, un persoal consolidado e que máis que posiblemente sume ás súas filas algunha que outra incorporación que xunte mocidade e calidade, este ano debe ser o noso. Con estas vimbias, o obxectivo está claro: conseguir unha das prazas que outorguen o dereito de ascenso de categoría. Estamos preparados e cremos niso. 

Había ganas de basket...

Pero sen esforzo non hai premio. Nestas primeiras sesións preparatorias, Coach G deseñou uns adestramentos nos que, ademais da necesaria posta a punto física, todos e cada un dos xogadores interioricen unha serie de movementos tácticos en ambos lados da cancha que, ao seu xuízo, poden determinar o éxito ou o fracaso na nosa misión, deportivamente falando. 

Primeiras instrucións da tempada

O vindeiro xoves 19 de setembro, a Delegación Santiaguesa da Federación Galega de Baloncesto convocou a todos os clubs rexistrados para perfilar e definir tanto o sistema como o calendario de competición, polo que vos teremos puntualmente informados.

Namentres, seguimos afinando o noso sentido baloncestístico nos Pavillóns de Bertamiráns, que seguirá sendo o noso fortín, e Milladoiro, os martes e os xoves respectivamente, no noso horario habitual. 

Ao principio sempre costa un pouco...
   GO AMES GO!!!!!