luns, 20 de novembro de 2017

Primeira vitoria a domicilio

(Por Kike Cervantes)
 
Partido entretido o que tiveron a oportunidade de presenciar os que se achegaron na primaveral tarde de sábado ata o pavillón de Fontiñas. Vendo tamén como por primeira vez nesta tempada o conxunto amiense puido encadear dúas vitorias seguidas, facéndoo ademais como visitante ante un conxunto novo e rápido, que nos poñía en grandes apuros en pasados anos.

Salto inicial. Por primeira vez nesta tempada, desempolvamos a equipación verde.
 
Comezabamos o encontro con serias dificultades para anotar. A presión disposta de inicio polo rival, sumada á desorganización no ataque, fixeron que as primeiras posesións non fosen moi frutuosas, destacando un triplazo do noso playmaker Rober ao fío de esgotarse a posesión. Melloramos claramente tras o tempo morto solicitado por Dani, que compaxinou esta vez as funcións de xogador e adestrador. Os segundos 5 minutos estiveron marcados polos tiros libres, ata 6 pola nosa banda, e a disposición digamos “intensa” do local, que pelexaba ao límite do regulamento cada posesión e que gañou de forma clara o rebote. A pesar diso, chegamos ao final deste cuarto cunha mínima vantaxe de 18 a 19.
 
O segundo cuarto proseguiu polos mesmos camiños. A excesiva dureza rival, invisible para os árbitros, e o atasco ofensivo do conxunto que onte vestía de verde. Esto, sumado aos triples que a eles entrábanlles e a nós negábanos cruelmente o destino, permitiu as primeiras diferenzas para Fontiñas. Pero esta breve vantaxe non foi máis que un espellismo, grazas á rápida reacción do C.B. Ames, que con accións lideradas por Raúl e Manu, situaban o luminoso nun axustado 37-34 ao chegar ao intermedio.
 

Na continuación as diferenzas mantivéronse e as canastras sucedíanse dun e outro lado. Cada acerto local desde mais alá do 6,75, era rapidamente contestado polo noso equipo, grazas principalmente ao labor de Diego e Jacobo, as dúas recentes incorporacións, que a base de triples e loita do primeiro (incluída rotura de mallas en sendos xeonllos) e rebotes e intimidación do segundo, impediron que a diferenza ascendese a máis, quedando un marcador final neste tempo de 55-48.

E chegamos por tanto ao último e definitivo período, aquel en o que se viu a mellor versión amiense, que decidiron igualar a intensidade do seu rival e aos poucos ir ampliando vantaxes. Cunha formulación baseada na defensa e as transicións rápidas, logramos secar ao colectivo das aforas de Compostela e deixalo en tan só tres puntos. Pola súa banda, foi nestes 10 minutos onde se puido gozar do o noso maior lucimento ofensivo, con 23 puntos, achegados na súa maioría polo “home de xeo” Linas, que conseguiu 8 dos seus 11 tantos neste tempo. Sentenciado xa o envite, houbo ocasión para gozar da vitoria e tratar de aumentar ao máximo a diferenza, por cuestións de basket-average. Finalizou pois o encontro cunha acción pouco deportiva que non merece a pena comentar, pero que permitiu ver a madurez e serenidade que impera entre os nosos xogadores. Conseguimos deste xeito a cuarta vitoria, que nos permite mirar cara a postos nobres na táboa.
 
A continuación, e antes de proceder cos anotadores e valoracións oficiais, poñemos á vosa disposición unha serie de vídeos nos que se poden comprobar a evolución no noso xogo e o acerto fronte o aro rival desde distintas situacións, cortesía do noso departamento audiovisual dirixido e liderado polo gran Manolo Porto:
 
 
 

 
Por parte do CB Ames actuaron:

Raúl (4), Rober (3), Alberto (6), Quique (7), Linas (11) - cinco inicial - Manu (18), Diego (7), Dani, Victor (5), Jacobo (9)

O mellor: A actitude mostrada tanto en defensa como en ataque no último cuarto, que veu acompañada dun extraordinario acerto de fronte ao aro, concluíndo cun esmagador parcial de 3-23. Tamén as boas sensacións deixadas por Jacobo, que tras estar uns semanas afastado das pistas por enfermidade, regresou de maneira fantástica, gañando cada vez máis protagonismo en ataque e asumindo por tanto máis tiros. Este equipo cada vez funciona mellor, pero sen que nos invada as euforia xa pensamos no enfrontamento da próxima semana ante outro equipo clásico da categoría como Club de Baloncesto Amigos de Teo, que visitará o noso feudo e poñerá a proba a nosa imbatibilidade como locais.

O peor: A permisibilidade e apatía do conxunto arbitral ante o evidente xogo duro do noso rival, continuado durante a totalidade do encontro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario