domingo, 5 de novembro de 2017

Pese á derrota, estamos no bo camiño

Bo partido o visto durante a mañá de onte no pavillón do colexio Compañía de María. Ambos os equipos, con estilos claramente dispares, presentábanse a esta cita coa mesma aspiración: escalar postos na clasificación.

Últimas instrucións antes de saltar á cancha

Tras uns primeiros compases igualados, nos que as defensas superaban aos ataques, na segunda metade do primeiro cuarto os locais abriron as primeiras diferenzas no marcador a base de acerto no tiro e, sorprendentemente, unha certa superioridade no rebote, o que permitiu segundas e terceiras opcións que penalizarían ao C.B. Ames, que chegou ao termo do primeiro parcial cunha desvantaxe de 18.

Tiros libres para Manu

Necesitabamos algún tipo de reacción para que o partido non se nos fose das mans e así sucedeu. Unha das claves da recuperación do C.B. Ames no segundo cuarto foi a gran saída de presión proposta por Dani, baseada no investimento de balón no medio campo, que permitía atacar o aro rival en situacións vantaxosas grazas á velocidade de pernas dos irmáns Beiro e de Diego, o debutante, e que se baleirou tanto en defensa como en ataque para callar unha notable actuación nos minutos que estivo na pista. Aos poucos, o C.B. Ames foi minando a diferenza no electrónico, levándose o segundo parcial por 14 a 17 e reducindo a vantaxe a 5 puntos a favor dos locais a falta de vinte minutos por disputar.
 
A claridade á hora de saír da presión, unha das mellores noticias para o C.B. Ames

A disparidade no criterio arbitral foi a nota dominante durante todo o terceiro cuarto e parte do último. Mentres que calquera acción que buscase o balón por parte do C.B. Ames era penalizado inmediatamente con falta polos colexiados, as penetracións dos nosos xogadores neutralizadas con persoal eran obviadas sistematicamente polos colexiados, impedindo claras situacións de anotación e xerando as protestas e a confusión no noso xogo. De todo iso servíronse os locais para abrir brecha, de novo, no marcador (47 a 38).

Colocándonos para poñer a bola en xogo tras saque de fondo

Nos inicios do último cuarto, e consciente dos camiños nos que continuaban os colexiados, Dani, facendo gala de oficio e experiencia, forzou unha técnica que cambiaría o sentido da contenda. Desde ese momento e de forma case milagrosa, a parella arbitral comezou a pitar aquelo que non sinalara nos 32 minutos precedentes, o que unido ao empuxe e casta habituais dos visitantes, provocou o paulatino decrecimento da nosa desvantaxe. Liderados por un Alberto que claramente foi de menos a máis e que anotou 11 puntos neste cuarto e ben secundado polos máis novos do equipo, chegamos a meter o medo no corpo ao Compañía de María. Pero non había suficiente tempo e ao final os locais leváronse ao gato á auga por catro puntos de vantaxe (58 a 54) e a sensación de que, se o partido durase dous minutos máis ou o criterio arbitral fose o mesmo a ambos os dous lados da cancha, o resultado sería favorable para o nosos intereses. Pero isto é baloncesto e temos que contar con estas circunstancias e aprender delas. En calquera caso, isto non quita ningún mérito ao debutante Compañía de María, un conxunto serio, ben traballado e que achega a nota de frescura necesaria que esta categoría tanto necesita.  
 
A continuación, e antes de ir cos anotadores e as valoracións, déixovos un vídeo dunha das mellores canastras do encontro, protagonizada por Raúl, un dos máis destacados do C.B. Ames:
 

Polo C.B. Ames interviron:
 
Kike (3), Alberto (16), Manu (10), Rober (2) y Raúl (10) - quinteto inicial - Víctor (2), Linas (4), Diego (5), Jota (4) y Eloy.
 
O mellor: a pesar das baixas nos entrenos destas últimas dúas semanas, os sistemas ideados por Dani vanse impregnando nun equipo que, xornada a xornada, está máis traballado. A pelota móvese con certa fluidez e cada compoñente vai sabendo cal é o seu rol no equipo. En canto recuperemos a Jacobo e Dani volva poñerse de curto, melloraremos sensiblemente as nosas prestacións na pintura e seremos o que queremos ser. Actitude non falla e nunca damos un partido por perdido. Proba diso é que as "carajas" dos tres partidos iniciais desapareceron e volvémonos máis constantes no noso xogo. Sabemos o que queremos e sabemos como facelo. Mención especial para o debutante Diego, que achega velocidade e frescura en ataque e intensidade en defensa á hora de dificultar a subida de balón do rival, complementando á perfección o labor de Manu e poñendo en serios aprietos a construción dos ataques dos contrarios. Estamos na liña correcta, pero hai que seguir traballando.
 
O peor: a actuación arbitral. Non pode ser que durante 32 minutos as cousas que se pitan nun lado non se vexan no outro e que só o vello recurso da técnica ao banco sirva para invertir a situación. En calquera caso, desde o C.B. Ames queremos manifestar noso respecto ao colectivo arbitral e somos plenamente conscientes das dificultades que entraña este, ás veces, ingrato labor.

Xuntanza ao final do partido para compartir as boas sensacións

Ningún comentario:

Publicar un comentario