luns, 13 de novembro de 2017

A vitoria máis avultada da nosa historia


Cumpriuse o guion previsto e o C.B. Ames impúxose con contundencia a un esvaecido Nucamsa Basketdeza "B" que apenas opuxo resistencia ao longo de todo o encontro, celebrado durante a tarde de onte no Municipal de Bertamiráns.

Dani, dando as últimas instrucións a quinteto inicial (de branco) xusto antes do comezo do partido

A idea era clara: non deixarse sorprender e romper o partido desde o inicio. Obxectivo conseguido. Desde os primeiros minutos o C.B. Ames impuxo a súa franca superioridade con rápidos contraataques e axilidade na circulación de balón ante o deficiente balance e pasividade da zona 2-3 proposta polos locais. Liderados por Diego e Linas no apartado anotador, pronto nos cobramos as primeiras diferenzas no electrónico para finalizar este primeiro cuarto cun claro 21 a 8 ao noso favor.

Os nosos interiores negando o xogo entre pívots visitante

Unha vez roto o partido, propuxémonos non volvernos tolos ante as facilidades da defensa rival e xogar ordenadamente os sistemas ideados por Dani para ir interiorizando conceptos nun escenario real de competición. Tanto Rober como Jota acataron e entenderon perfectamente as ordes desde o banco e impuxeron aos seus compañeiros unha idea de xogo baseada na consumación dos sistemas, aínda a conta de sacrificar algunha clara posibilidade de canastra fácil en transición ofensiva que nos permitise unha vitoria aínda máis avultada. Ao descanso, o marcador reflectía un claro 40 a 16 e a sensación de partido finiquitado.
 
De aí ao final pouco máis que engadir, xa que a tónica foi a mesma. Como mostra, valla o parcial de 20 a 1 no último cuarto para asinar a nosa terceira vitoria cun histórico capicúa: 82 a 28.
 
Destacar a actuación ofensiva de Diego no seu segundo partido oficial coa elástica amiense: 21 puntos. Secundado polos Beiro Brothers, por Linas e polo mozo Raúl quen, partido a partido, vai collendo galóns e mellorando os seus rexistros en todos os aspectos do xogo.
 
Antes de as estatísticas e valoracións, déixovos un par de vídeos onde se pon de manifesto a superioridade local vista ao longo dos corenta minutos de xogo:



Por parte do C.B. Ames actuaron: Jacobo (2), Linas (11), Diego (21), Rober (5) y Raúl (10) - quinteto inicial - Víctor (2), Manu (13), Quique (9), Alberto (6) e Jota (3).
 
O mellor: a orde e concerto do equipo ao longo de todo o encontro. Ten certo mérito non volverse tolos ante a pasividade do rival e encarar o aro á primeira, o que non serviría de moito. Consideramos que é bastante máis produtivo ir implementando os novos sistemas e saber a que xogamos, feito que Dani soubo transmitir e os xogadores plasmar sobre a cancha. Somos un equipo forte en casa.
 
O peor: a debilidade do rival.

Ningún comentario:

Publicar un comentario