sábado, 25 de novembro de 2017

Suspendido o C.B. Ames Vs. C.B. Amigos de Teo

Onte venres, ás 18.07, recibimos o seguinte mail remitido pola Delegación Santiaguesa da Federación Galega de Baloncesto:
 
"Buenas tardes:

Por medio del presente os comunicamos que no es posible cubrir vuestro partido senior (AMES - CBAT)  previsto para el domingo a las 19 horas en Bertamiráns, ya que no contamos con equipo arbitral para la disputa de ese encuentro

Ruego nos disculpéis por este hecho y por el trastorno que pueda ocasionaros..

A lo largo de la semana que viene intentaremos mirar una fecha que os venga bien a los dos equipos para la disputa de este aplazamiento.

Un saludo y disculpad las molestias".
 
 
 
No C.B. Ames comprendemos perfectamente a problemática existente na FEGABA á hora de incorporar e/ou manter un número de árbitros e oficiais de mesa o suficientemente amplo como para dar cobertura ás diferentes categorías. De feito, dous dos tres encontros disputados como locais ata a data contaron coa presenza dun único colexiado.
 
Pero o que resulta máis difícil de comprender é tanto a imprevisión como a improvisación da Federación  á hora de actuar neste tipo de problemáticas.
 
Dicimos imprevisión xa que, ao noso xuízo, a Federación e o seu Comité de Árbitros deberían de coñecer o número de colexiados e o número de equipos distribuídos nas diferentes competicións, antes de que estas comecen, e analizar os datos obrantes para organizar as competicións por categoría que poidan cubrir en función do número e competencia dos devanditos árbitros e oficiais de mesa, e non organizar un maior número de partidos por xornada que os que o estamento arbitral  poida cubrir cun mínimo de garantías. Pero, no que respecta á nosa categoría, é coñecido desde setembro que esta tempada aumentou o número de equipos rexistrados e baixou o de colexiados, co que situacións como a que nos ocupa resultan sinxelas de prever. Tanto no baloncesto como na vida, non podes ofrecer un servizo que non podes cubrir cunhas condicións mínimas de garantía. Un feito análogo a este xa nos sucedeu a tempada pasada, en novembro de 2016, contra Arzúa, resultando curiosa a identidade na forma de proceder deste ano coa do ano pasado, o que nos leva a pensar que, a pesar das promesas e boas intencións, nada novo hai baixo o sol.
 
E, por outra banda, dicimos improvisación, xa que a pesar de que a data, hora e lugar do partido fora fixada, tras a nosa confirmación como locais, desde o pasado martes, non foi ata onte pola tarde cando se notificou esta suspensión co simple envío do correo electrónico anteriormente reproducido de forma literal, sen tempo material para a reacción e a procura dunha alternativa plausible para esta mesma fin de semana. Deste xeito, ofrécesenos como vía de solución que "ao longo da semana que vén tentaremos mirar unha data que vos vinga ben aos dous equipos para a disputa deste aprazamento". Con esta oferta, a Federación afirma descoñecer a realidade dun club como o noso. O Pavillón Municipal de Bertamiráns, como a propia palabra "municipal" implica, non é noso nin da Federación, senón que é unha instalación de titularidade municipal. Para dispoñer dela, debemos preavisar ao Concello de Ames con máis dunha semana de antelación á celebración do partido correspondente. Debido á saturación no uso deste polideportivo, unido á preponderancia dos clubs que contan con categorías de base á hora de dispoñer da mesma e a que debemos xogar todos os partidos aprazados antes do fin da primeira volta (e quedan tan só catro xornadas), provocan que a procura de "unha data que nos/nos vinga ben aos dous equipos" convértase nunha quimera, estando condenada a súa celebración á ponte da Constitución ou a Nadal, xa que xogar entre semana resulta totalmente imposible debido á saturación do pavillón por causa dos adestramentos de múltiples clubs de diversas disciplinas que copan todas as horas hábiles, a máis diso a celebración das actividades propias das Escolas Deportivas Municipais. Aínda é máis, para este Nadal está prevista a remodelación do Pavillón Municipal, o que dificulta aínda máis a procura dunha data.
 
No caso de que a comunicación de suspensión/aprazamento fose realizada con maior antelación, poderiamos propoñer algún tipo de solución tal como celebrar o partido como visitantes, esto é, na cancha do C.B. Amigos de Teo, o día e a hora que nos propuxesen, pero, á vista do nivel de improvisación á hora de tomar a decisión de aprazar o partido, entendemos que esta opción non foi explorada, ou polo menos, o C.B. Ames non ten coñecemento algún de proposta en tal sentido nin en ningún outro. Xa se arranxará...
 
E tamén, como non, están as formas. Un correo electrónico a esas horas non é solución de nada, senón parte do problema. Unha chamada telefónica aos presidentes de ambos os clubs sería moito máis eficaz en aras da procura dunha solución a este problema, tendo en conta da boa sintonía entre os membros do C.B. Ames e o CBAT, uns clásicos dentro da categoría. Pero está claro, estamos na última categoría do baloncesto senior e probablemente non merezamos a mesma atención que outros clubs con máis categoría e/ou recursos. Tan só, e como é costume, só nos queda o dereito á pateadura como parte da nosa liberdade de expresión.
 
Por todo iso, o C.B. Ames non se responsabiliza nin pode responsabilizarse por algo que escapa á súa responsabilidade, como o feito de que non poidamos atopar unha data e hora alternativos antes do termo da primeira volta polas razóns aducidas ao longo da presente exposición, responsabilidade que trasladamos en exclusiva á Federación Galega de Baloncesto e ao seu Comité de Árbitros.
 
En calquera caso, e sempre desde o ánimo construtivo e o profundo respecto que nos inspira o labor arbitral, tentaremos acordar unha solución co CB Amigos de Teo, para o que esperaremos a proposta da Federación Galega de Baloncesto e estudaremos a súa viabilidade, a cual supeditamos á dispoñibilidade e correspondente autorización do Concello de Ames con respecto ao uso do Municipal de Bertamiráns.
 
E para terminar, desde o C.B. Ames esperamos (que non confiamos) que este tipo de situacións non se volvan a repetir, cominando á Federación Galega de Baloncesto e aos seus responsables para modificar os seus protocolos de actuación en casos análogos aos que motivaron esta controversia.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario