(By David Kingdom)
Despois da contundente vitoria fronte ao Peleteiro, o C.B. Ames buscaba seguir acumulando sensacións de cara á etapa máis relevante da tempada. En fronte un C.A.B Conxo que, a pesar de acusar importantes baixas con respecto á campaña anterior, non ía poñerlle as cousas sinxelas á escuadra amiense. O escenario, o pavillón colexial do Pío XII no que as dúas afeccións se deron cita para desfrutar dun dos partidos nobres da categoría coas posicións de “cabeza de serie” para as eliminatorias en xogo.
Coa sobremesa aínda atravesando a epiglote, Coach Fentes xa advertía dos perigos e a fame dun rival que non ía vender barata a súa derrota. E así foi, case como un augur romano que viu na inusual tarde seca santiaguesa un sinal divino, o partido comezou atrancado para uns visitantes acostumados a romper os partidos nos primeiros compases de xogo. A defensa zonal proposta polo adestrador local combinada co acerto exterior dun recuperado Álvaro Raviña, propoñía dous crebacabezas que se foron resolvendo a través do movemento de balón, a intensidade defensiva e as transicións a campo aberto, os tres selos de calidade do noso equipo esta tempada. O Ames salvaba os mobles cun +5 ao final do primeiro período que buscaría reforzar nos seguintes compases.
No segundo cuarto do encontro os problemas foron a menos. O equipo visitante soubo aproveitarse das súas vantaxes físicas da man dun xigante Sebas, xa claramente recuperado dos seus problemas de xeonllo, e a intensidade achegada a partes iguais por Juan e Joaquín, dous auténticos pesadelos en defensa para os referentes rivais. Esta cera na pintura foi secundada polo talento exterior de Yeray, xa de volta tras un pequeno parón; Aldán, insultantemente maduro no xogo para os seus 18 anos; e Tomás Souto, cun acerto sobresaliente a pesar de que en ocasións o corpo técnico teña que insistirlle como si de cuñados nun bar se tratasen: pero tira a canastra home! Pois o base tourés tirou, tres triplas nun pavillón que lle traia recordos da súa etapa de formación e un 21-35 na volta ás casetas que daba a sensación de certa tranquilidade.
P ero, como cando escalas por un ilustre porto do Midi Francés, cada curva que viras paréceche a última para coroar. O Conxo aínda tiña argumentos para refutar o xogo do C.B. Ames. O seu principal orador, un incombustible David Pazo que comezaba a dinamitar dende o 6,75 o aro visitante, unha auténtica exhibición anotadora dun veterano que aínda ten moito que dicir entre a “chavalada”. Chamada á orde de Dani en forma de efusivo tempo morto digno de Željko Obradović que fai cuestionar as raíces ourensás do adestrador e lavado de cara para uns xogadores que tiñan que sacar o encontro como fose. O luminoso seguía ao favor dos visitantes que comezaron a atacar con maior pausa e a buscar a liña de tiro libre para facerse fortes e selar a vitoria. O Nilo foi lentamente morrendo no seu Mediterráneo para deixar un resultado de 70-76 que denota a calidade vivida no encontro presenciado ante un rival que sempre parece ter 7 vidas, como os gatos.
Unha vez coroado o Tourmalet da tempada regular, o descenso cara playoff debe facerse seguro pero trazando agresivamente as curvas. O equipo non debe relaxarse antes os próximos rivais que ocupan os últimos postos da clasificación e manter o ritmo de cara a un final de temporada chave para os obxectivos deportivos do clube.
Por parte do Club Baloncesto Ames interviñeron: Tomás Souto (9, AAA), Aldán (9, AAA), Reino (3, A), Juan (10, AAA) e Joaquín (14, AAA) – cinco inicial – Sebas (19, AAA), Yeray (9, AA), Diego (A), Jaime (A), Jorge (3, A), Sergio (AA) e Alberto (A).
O mellor: a capacidade do equipo para aguantar as acometidas dun rival que sempre “fai a goma” e conseguir resolver o partido a pesar da presión dos últimos compases.
O peor: a falta de intensidade por momentos e conceder tiros a rivais que é ben sabido que teñen pólvora e a pequena escordadura de David Reino que terá que descansar un par de semanas de cara ás eliminatorias.
Baloncesto a un lado, os dous equipos, o conxunto arbitral e as afeccións sumáronse á campaña da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) portando os “Brazaletes de Esperanza” nesta bonita campaña que tingue de verde o deporte profesional pero tamén os humildes feudos polos que se move o noso clube.