mércores, 13 de marzo de 2019

De tolos

Sobre o papel, a partido estrela da 15.ª xornada da fase regular era o que nos enfrontaba ao líder da clasificación: o Arzúa CAB. E así foi. Coincidindo coa súa famosa Festa do Queixo, o Municipal de O Cruceiro presentaba un magnífico ambiente cunha afición que pretendía levar aos seus polo aire cara á vitoria. Do noso lado, os irredutibles Manolo e Lourdes, ataviados con sendas bufandas e os pulmóns cheos de aire, non estaban dispostos a deixarse intimidar pola buliciosa inchada local. 

O partido daba comezo unha hora máis tarde do planeado debido ao anunciado atraso dos colexiados. Tras un maratoniano quecemento, comeza o encontro cos dous contendentes dispostos a ofrecer o mellor de si mesmos sobre a cancha. O C.B. Ames golpea primeiro, apoiados nun gran traballo dun Linas Baltusis que vai a máis conforme avanza a tempada e, apontoado polos triplos de Quique, Jota e Manu, alcanzamos as primeiras diferenzas no marcador debido, en gran parte, á nosa boa porcentaxe no tiro exterior. 




Pero os locais non o ían a poñer tan fácil e permitir unha escapada como a do partido de ida. Cunha soberbia defensa sobre Jorge, facíase difícil manter o acerto dos primeiros minutos e, aos poucos, a nosa vantaxe diluíuse cuan sobre de azucre. Pero Raúl, botándose o equipo ás costas, fixo valer a súa depurada técnica individual para castigar en dúas ocasións consecutivas o aro rival e certificar unha vitoria parcial por tres puntos de diferenza (15 a 18).


O segundo cuarto comezaba cun novo tirón dun C.B. Ames que, grazas ao acerto de Raúl, Rober e Linas e un gran traballo colectivo en defensa, estableceu un parcial de 0 a 7 adquirindo unha renda favorable de 10 puntos no marcador (15 a 25). O vento parecía soprar de fronte, pero nada máis lonxe da realidade. Nese momento fúndensenos os chumbos e o que ata o de agora era superioridade pronto se tornou en inferioridade. O aro rival parecía encollerse mentres que a nosa canastra ía adoptando unha forma cada vez máis parecida á dun colador, o que favoreceu a inmediata remontada dun conxunto arzuán que, apoiados no seu público, superounos coma se de Marc Márzquez adiantando un Vespino se tratara. Tan só o único triple no partido de Jorge e un par de tiros libres rescatáronnos do letargo, para chegar ao ecuador do partido cun 35 a 31 no electrónico e que, á vista do sucedido neste cuarto, podía ser peor.

O terceiro cuarto foi unha auténtica montaña rusa. Cun pavillón que lembraba ao mítico A Man de Elías, os locais, cheirando sangue, saíron enfurecidos e dispostos a romper o partido. Co seu pivote de case 2,10 (posiblemente, o xogador máis determinante da liga) impoñendo a súa lei en ambos os taboleiros, e ben secundado polos seus xogadores exteriores, o Arzúa CAB deixaba sen argumentos a un C.B. Ames desconcertado e con serios problemas no balance defensivo. Cunha vantaxe que roldaba os 15 puntos favorable aos locais, o encontro semellaba avocado á súa liquidación. Pero a falta de dous minutos para o termo do terceiro parcial o adestrador local decide dar descanso ao seu Avatar e, coma se se abriran as portas dun terreo ata ese momento vedado, o C.B. Ames desata un vendaval ofensivo liderado por Raúl, Linas e un Rober que, en estado de graza, consegue unha inverosímil canastra sobre a bucina para establecer un parcial de 0 a 12 e pechar este cuarto cun esperanzador 59 a 54. Seguía habendo partido. 






Comeza o último e decisivo cuarto e Rober e Raúl non afrouxan. Tripla do primeiro e canastra á media volta do segundo para meter o medo no corpo á inchada local. 



Momento quente do partido. E cando a cousa está que arde hai un xogador que prevalece sobre o resto: Manu. Autor de 12 dos seus 17 puntos neste último cuarto, asumiu a responsabilidade ofensiva do C.B. Ames no momento no que máis se necesitaba.


Pero os locais non estaban dispostos a ceder e aceptaban un intercambio de canastras que non lles favorecía en absoluto. Con 65 a 64 e a falta de cinco minutos produciuse o primeiro dos feitos determinantes do partido: a nosa incapacidade de situarnos por diante no electrónico tras dispoñer de ata cinco oportunidades para facelo. Con máxima igualdade tanto no marcador como no xogo, o colexiado pareceu querer sumarse a unha festa á que ninguén lle convidou e, tras a sinalización dunha máis que dubidosa falta antideportiva na nosa contra, e cun oído máis propio dunha couza, decidiu requirir a presenza do delegado local para proceder á expulsión dun dos nosos dous irredutibles aficionados, ante a incredulidade dos alí presentes (por eso non vos podemos ofrecer as imaxes dos tres minutos finais).

Chegamos aos instantes finais de partido con tres puntos de desvantaxe. Con 23 segundos por disputar e posesión local, unha falta persoal normal é considerada polo señor colexiado como antideportiva, dando ao traste con boa parte das nosas esperanzas. Nese momento, o noso adestrador Gaby achégase a pedir explicacións a un árbitro máis tenso que un manco nunha barca de remos, conversación que se salda con dúas técnicas e os osos de Coach G camiño dos vestiarios no medio dun ambiente de tolemia colectiva que dilapidou os nosos intereses. Ao final 76 a 72 e a sensación de vivir un gran encontro pese ao borrón que supuxo a actuación arbitral, especialmente durante os instantes decisivos do choque. Así o recoñeceu o público que abarrotou as bancadas do coliseo arzuán, despedindo cunha atronadora ovación a dous equipos que o deixaron todo dentro da cancha.

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Jota (3), Quique (7), Jorge (3), Linas (14) e Dani (4) - quinteto inicial - Manu (17), Diego (1), Rober (10), Raúl (13), Víctor e Eloy.

O mellor: a garra e as ganas por gañar un partido que, en diversas fases do encontro, estivo moi en contra. Plantexamos batalla ata o final e perdemos ante un equipo que dispón dun xogador demasiado determinante para estas latitudes baloncestísticas. Mención especial para o público que se congregou a ver o partido. Con este ambiente dá gusto xogar.

O peor: o labor arbitral, que sobre todo nos momentos decisivos empregou unha diferente rapadoira para ambos os equipos, saíndo claramente prexudicados. A iso podemos sumar, como elemento claramente decisivo, as baixas dos nosos interiores Juan, Alberto e Jacobo, imprescindibles para minorar as prestacións do seu pivote de 2,10, aínda que vaia por diante que o labor de Linas, Dani e Eloy neste apartado foi encomiable.

A falta de tres partidos, e a pesar da derrota, atopámonos nunha posición privilexiada para clasificarnos para os playoff polo título. Esta xornada recibimos a Fontiñas, probablemente o equipo máis en forma desta liga. Teremos que pararlles os pés se queremos certificar a nosa presenza na fase final. IMOS AMES!

Ningún comentario:

Publicar un comentario