venres, 15 de marzo de 2024

¡NO TE CALLES, GRITA AMES!

 

Segundo asalto dos cuartos de final contra o todopoderoso C.A.B Conxo, esta vez actuando coma visitantes no pavillón do colexio Manuel Peleteiro. Semellaba impensable pensar que o ambiente vivido a semana pasada no Milladoiro podería repetirse pero, de novo, a realidade amosounos a grandeza dos incansables xiareiros do C.B. Ames que non dubidaron en acudir en masa a apoiar ao seu equipo na procura dunha milagre en forma de remontada que permitira mitigar a desvantaxe de 6 puntos colleitada no partido de ida. O pavillón colexial lucía coma nas grandes ocasións. That´s Entertaiment.


Co factor sorpresa esgotado no partido de ida, os pupilos de Fran Varela iniciaron o encontro dispostos a finiquitar a eliminatoria pola vía rápida. En dous minutos o electrónico amosaba un rotundo 10 a 2 a prol dos santiagueses que motivaba o primeiro tempo morto de Dani para frear as acometidas do rival e tentar equilibrar a balanza. Saque de fondo no que Jaime rompe ao seu par para depositar suavemente o balón na cesta e lanzamento a curta distancia cheo de calidade dun Sebas disposto a reivindicarse tras a súa actuación nun primeiro choque no que se agardaba máis do pívot venezolano.



Pero Conxo viña coa lección aprendida e novamente tenta poñer terra polo medio ante un C.B. Ames que atacaba con máis corazón que cabeza. Triplazo de Jorge ao ritmo de “C.B. Ames nunca se rinde” da bancada para poñer o 16 a 10 e facer sentir ao rival que, de novo, botar ao equipo amiense da eliminatoria non sería unha tarefa doada.


Pero nos derradeiros tres minutos a repentina seca anotadora foi aproveitada polos locais para castigar desde a liña de tiro libre e, punto a punto, despegarse no marcador ata o 23 a 11 ao termo dos 10 primeiros minutos.

Os nosos xiareiros, en lugar de virse abaixo, subían os decibelios das súas gorxas e incrementaban a intensidade dos seus tambores e bucinas nun intento de contaxiar a un equipo visitante que sentía que recibira un castigo excesivo no cuarto inicial.

O segundo parcial comezaba cun intercambio de canastras no que o C.A.B. Conxo parecía sentirse cómodo xa que seguía a moverse en diferenzas superiores aos 10 puntos. A falta de tres minutos para o tempo de lecer, Dani solicita novo tempo morto para elevar as apostas e poñer en liza todo o seu arsenal ofensivo de cara a recurtar distancias. Taponazo de Sebas sacando a pasear o matamoscas que esperta a furia venezolana interior en forma de 5 puntos consecutivos (entrada con reverso incluído e tripla taladrando a rede rival) que fan decantar este parcial ao noso favor por 10 a 12. 33 a 23 ao descanso con todo por decidir. Seguimos sendo a resistencia.


Comeza o terceiro cuarto coa intensidade in crescendo e ambas escuadras empregándose a fondo. Aos tres minutos, David Pazo comete unha falta antideportiva aproveitada por Sebas para anotar dous tiros libres e manter as diferenzas no taboleiro de marcas. Sorpresivamente, o experimentado escolta local comete unha nova imprudencia ao curtar un contraataque que os colexiados castigan cunha segunda falta antideportiva que obriga á súa prematura retirada da pista. Sergio anota os dous tiros libres para situarnos por debaixo dos dez puntos de desvantaxe (36 a 27). Cos santiagueses desconcertados, Juan entra en escena para anotar catro puntos consecutivos e poñer cara abaixo a bancada. Que final de tempada a do power forward amiense!

Aínda que os locais replican en primeira instancia, apenas poden co empuxe defensivo e coas acometidas en ataque dun C.B. Ames empeñado dar a campanada. Liderados por un Sebas imperial en ambos lados do terreo de xogo, o triplazo de Jorge minimiza as diferenzas a tan só 5 puntos. O pavillón e case que todo o colexio Peleteiro vense abaixo. Eran os nosos mellores momentos. Como diría a taladrada rapariga protagonista de Poltergeist, “xa estabamos aquííií...”.


Superado o trauma pola perda dunha das súas pezas máis determinantes, os locais non daban o seu brazo a torcer e, con moito aplomo e pese ao ambiente hostil, conseguen frear o avance amiense para chegar cunha vantaxe de 8 puntos a falta de dez minutos para o remate da eliminatoria (48 a 40).

O público en pé. Había que botar o resto. Enésimo arreón dos amienses con todo o equipo dando o 110 % en defensa e Sebas e Juan asediando a cesta contraria. Espoleados por un público que durante toda a tarde foi o verdadeiro sexto home, e incluso con Deus do noso lado, conseguimos situarnos de novo a cinco puntos a falta de dous minutos para o remate (53 a 48). Pero o tempo esgotábase e a empresa de remontar a desvantaxe de 11 puntos (6 do partido de ida e 5 do actual) pasaba de improbable a imposible polo que Dani, cun criterio que o honra e consciente da dureza dun rival que apenas deu signos de debilidade nos 78 minutos precedentes, firmaba a claudicación e colocaba sobre a pista aos xogadores menos habituais nun detalle fermoso con aqueles que contribúen como os que máis a que este club sexa o que é: a envexa de moitos. Loxicamente, un conxunto como o santiagués sen apenas debilidades apuntalou a súa vitoria e o seu merecido pase a semifinais ante unha escuadra amiense que o deu todo. O resultado final de 63 a 48, ademais de antollarse excesivo, resulta anecdótico. A festa estaba nunha bancada que aceptaba deportivamente a derrota ao tempo que recoñecía o titánico esforzo de todo o plantel amiense, encabezado polo mariscal Dani. Unha fermosa eliminatoria que, a bo seguro, quedará gardada nas nosas retinas.

Eternamente agradecidos

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Sergio (2, A), Rocha (2, AA), Juan (8, AA), Jorge (7, AA) e Sebas (19, AAA) – quinteto inicial – Tomás (2, A), Jaime (4, AA), Raúl (2, A), Hugo (1, A), Alberto (1, AA), Eloy (-, A) e Nico (-, A).

O mellor: sen lugar a dúbidas, o ambiente. Aínda estamos abraiados pola resposta da nosa afección. Non hai cualificativos, só palabras de agradecemento. Na parte puramente deportiva, pouco ou nada que reprochar. Competimos 78 minutos perante o que, segundo a nosa opinión, é o mellor equipo da categoría. Parabéns a Dani e aos seus músicos polo concerto de rock duro. Agora toca pelexar pola quinta posición. Próxima estación: Praíña.

O peor: á vista das nosas prestacións ao longo da eliminatoria, era este o mesmo equipo que se arrastrou durante a segunda volta da fase regular cunha única vitoria? Seguramente de ter feito mellor as cousas enfrontariámonos a un rival máis “asequible” e as nosas posibilidades terían sido moito máis elevadas. Tomemos nota e aprendamos. Mentres tanto, NO TE CALLES, GRITA AMES!

E, como fin de festa, deixámosvos o partido completo:


Lembra que podes desfrutar (ou padecer) dos partidos do teu club favorito na nosa canle de YouTube.


Ningún comentario:

Publicar un comentario