27/10/25

Sen sobresaltos


Primeiro encontro do curso como locais. Tras a batalla da pasada xornada en Boiro, confirmáronse as baixas de Sebas e Raúl que deixaron paso ao debut de Yeray esta tempada e a estrea oficial de Joaquín coa camisola amiense. Bo ambiente nunhas bancadas expectantes ante o que o C.B. Ames ten que ofrecer ante as expectativas creadas. Como rival, todo un clásico: un Escola Deportiva Ribadulla que viña de plantar cara a todo un C.A.B Conxo na xornada inicial e que non tiña previsto vir ao pavillón do Milladoiro a facer turismo.

Bo ambiente e expectación nas bancadas

Pero antes de comezar tiñamos unha sorpresa reservada a un dos xogadores máis icónicos do Club Baloncesto Ames nestes 20 anos de historia. Eloy. A traizón, e coa complicidade da súa familia, todos os presentes recoñeceron a dilatadísima traxectoria do nobre pívot amiense nunha sentida homenaxe a un rapaz que é historia viva deste club: lenda.



Eloy, querido por todos

Aínda coas emocións a flor de pel, balón ao aire. Yeray saía da gaiola decidido a mandar dende os primeiros instantes e, ben apoiado por Reino e Juan, propón un ritmo frenético de xogo coa intención de asoballar ao rival nos primeiros minutos de encontro (16 a 6, min. 5).




No ecuador do cuarto Dani, coa intención de manter a esixencia física inicial, decide cambiar totalmente o quinteto. A tónica seguía ser a mesma: ritmo elevado e claridade cara ao aro dun rival que a duras penas se mantiña no encontro. Gran impresión a causada polo debutante Joaquín, que nestes 5 minutos anotou 7 puntos e dominou ambos taboleiros, nunha actuación que rendía o mellor dos tributos a Eloy, orgulloso de que o seu xa mítico nº 13 estivera nas mans dun rapaz que dá o 120% en cada acción.

Joaquín está chamado a darnos moitas tardes de gloria

A inclasificable canastra de Jaime sobre a bucina situaba o electrónico nun 30 a 17 favorable que falaba ben ás claras da superioridade local.

Pero no segundo cuarto mudaría o conto. O que antes era velocidade e precisión, transformouse en parsimonia e vaguidades, cambio en parte motivado polo bo facer dun Ribadulla que, como equipo coraxudo que é, non tiña previsto dar o seu brazo a torcer tan facilmente como podía parecer. A seca anotadora dos locais é aproveitada polos visitantes para meterse de novo no partido. Parcial para os pupilos de Pipo por 9 a 13 e 39 a 30 ao descanso. Aquí ninguén regala nada.



O encontro esixía unha volta ao visto no primeiro cuarto e abofé que así sucedeu. Nun claco do primeiro parcial, canastra de Juan e tripla de Yeray incluídas, nove puntos consecutivos dunha desatada escuadra local dinamitaban a contenda. O Ribadulla quedábase sen resposta perante ao aluvión ofensivo nun terceiro cuarto devastador e cun parcial de 24 a 10 que esnaquizaba calquera esperanza para os de Vedra.

Pedro culmina unha contra coa súa acostumada suavidade

Coa sensación do deber cumprido e vinte e tres puntos arriba (63 a 40), no derradeiro parcial ambos contendentes firmaban o pacto de non agresión. Aínda así, o gran capitán Alberto decidiu entreter a parroquia cun par de highlights de mérito mentres os visitantes intercambiaban canastras pensando xa nos vindeiros compromisos. Ao final, 79 a 60 e segunda vitoria que nos permite escalar ata a segunda posición, só detrás do A.D. Manuel Peleteiro que esta xornada deu a gran badalada ao impoñerse ao CAB Conxo por 13 puntos de vantaxe (63 a 50).

Gran inicio do capitán  

A continuación, as estatísticas completas do C.B. Ames:

Powered by Yeray

O mellor: a sentida e merecidísima homenaxe a Eloy. Sempre con nós!

O peor: o inexorable paso dos anos. Lei de vida.

Víctor, Linas e Jota acompañando a Eloy. É máis divertido ver basket que inspeccionar obras...


22/10/25

UNIT 365 súmase ao Club Baloncesto Ames como colaborador

 

O Club Baloncesto Ames dá un paso máis na súa aposta pola saúde, o rendemento e o vínculo co tecido local. Para a tempada 2025/2026, contamos coa colaboración de UNIT 365, o centro deportivo e profesional de referencia no Novo Milladoiro.



UNIT 365 é moito máis que un ximnasio: é un espazo multidisciplinar onde o adestramento físico, o benestar mental e o traballo profesional conviven nun ambiente moderno e motivador. Con máis de 4.000 m² de instalacións, ofrece desde CrossFit SCQ, pilates, ioga e multideporte, ata espazos de coworking, oficinas e salas de formación, converténdose nun punto de encontro para deportistas, emprendedores e familias.


A colaboración con UNIT 365 reforza a nosa visión de club: formar persoas activas, comprometidas e conectadas coa súa contorna. A súa implicación co deporte base é unha mostra de como o emprendemento local pode impulsar proxectos sociais e deportivos con impacto real.




Dende o Club Baloncesto Ames agradecemos sinceramente o apoio de UNIT 365, que se incorpora como colaborador para esta campaña. Xuntos, compartimos valores de esforzo, superación e comunidade.



Seguimos sumando. Seguimos medrando.

Nova colaboración local: Carpintería Hermanos Gato

 

O Club Baloncesto Ames continúa fortalecendo os seus vínculos coa contorna local, e para a tempada 2025/2026 contamos cun novo apoio que nos enche de orgullo: Carpintería Hermanos Gato, empresa especializada en traballos de madeira con sede en Cacheiras, Teo.



Con máis de 14 anos de experiencia no sector —dende 2011—, Hermanos Gato destaca polo seu traballo artesanal e personalizado en mobiliario a medida, lacados, escaleiras, portas, porches, cubre-radiadores, cocinas, baños e todo tipo de solucións en madeira. A súa sede atópase en Lugar O Sisto, 28 – Cacheiras – 15886 – Teo (A Coruña), e é xa un referente na carpintería e ebanistería da comarca.

Esta colaboración materialízase, entre outras accións, na presenza da súa imaxe na valla de publicidade estática que acompañará os partidos como locais no Pavillón Municipal do Milladoiro, onde os nosos equipos competirán cada domingo. Onte mesmo, os rapaces do club posaron xunto á valla nunha foto que simboliza este novo vínculo entre deporte e empresa local.



Desde o club, agradecemos sinceramente o apoio de Carpintería Hermanos Gato, que contribúe a dar visibilidade a este equipo e a reforzar a nosa comunicación visual. Esta alianza é unha mostra máis de como o tecido empresarial local aposta polo deporte como motor de cohesión social.



Grazas por confiar no proxecto. Seguimos sumando. Seguimos medrando.

20/10/25

Unha factura demasiado elevada

 

Partido tenso e intenso o celebrado onte no CEIP Santa Baia de Boiro. Enfronte, un dos galos da categoría ansioso por demostrar ante os seus xiareiros que a clasificación para semis da pasada campaña non foi froito da casualidade. O C.B. Ames compareceu no pavillón boirense coas sensibles baixas de Yerai e Joaquín, quen terá que agardar a vindeira xornada para debutar oficialmente coa elástica amiense.   

Balón ao aire e fin das especulacións. O C.B. Ames, moito máis ordenado, sae en tromba e, liderado por un Sebas dono e señor dos taboleiros, consegue maniatar aos locais e endosarlle un parcial de saída de 0 a 11 nos primeiros cinco minutos de xogo.

Sebas, dominante

Pero, de súpeto e tras o preceptivo tempo morto local, o que antes eran luces tornábanse sombras. Os cinco últimos minutos de parcial en branco son aproveitados polos locais para reaccionar e achegarse no electrónico. Tras dous minutos do segundo cuarto o C.B. Ames notaba o alento do C.B. Santa Baia no seu cogote (12 a 13) nun encontro onde as defensas primaban sobre os ataques. O gran capitán Alberto encargábase de aplacar as acometidas locais con dúas accións de gran calidade, pero estes mantiñan o rebufo e incluso chegaban a igualar o partido por primeira e última vez mediado o segundo parcial (upss, spoiler...).

Dani e Rober, o dúo dinámico

Dani e Rober buscan solucións e as atopan con nome propio: Pedro Crego. Ao pívot debutante bastáronlle dous minutos para amosar se quera unhas pequenas pingas da súa calidade: fade away a media distancia e unha tripla estratosférica fixo que o conxunto local se tambaleara por primeira vez a piques de chegar ao descanso.


O incremento das prestacións en defensa o peche do rebote permitiron ao C.B. Ames chegar ao descanso con 9 puntos de vantaxe (18 a 27) mercede a unha entrada de Juan sobre a bucina protestada airadamente pola bancada local por entender que a acción estaba fóra de tempo.

Tras o paso polos vestiarios o encontro reanudouse coa mesma tónica que no seu inicio: dominio absoluto do C.B. Ames en ambos lados do taboleiro, dos que tanto Sebas como Pedro eran donos absolutos. Parcial de 3 a 10 nos cinco primeiros minutos e turno para unha segunda unidade que se reividicou na segunda metade deste parcial con sendas triplas dos “veteráns” Raúl e Diego. Destacar un fermosísimo “coast to coast” tipo Flash do escolta amiense que incicaba que a súa lesión xa está esquecida. É unha pasada verte correr, Mr. Beast.



31-44 a fata de 10 minutos e co vento moi a favor.

Comezabamos cunha das peores noticias: nova lesión de Raúl no seu matreito xeonllo ao tentar taponar un lanzamento triple. Os locais aproveitan a conmoción inicial para achegarse, pero rapidamente Juan, Diego e o francotirador Jorge devolven o partido ao seu estado anterior.

Os locais, conscientes de que intercambiando canastras e calidade non van a ningures, deciden elevar a dureza física e comprobar o listón arbitral. Empurrón polas costas a dúas mans sobre Jaime que o bravo escolta amiense logra absorver e anotar un 2+1 para situar o marcador en 42 a 54 a falta de seis minutos.

Jaime aguántao todo

Unha afortunada tripla local a taboleiro é rapidamente contestada por David Reino cun 3+1 que ben lle puido causar unha desgraza en forma de lesión. Por sorte, o espigado aleiro Amiense é de goma e puido seguir liderando as accións defensivas ata o final do partido.

Buff...


Por aquel entonces os colexiados xa decidiran borrarse do partido e permitir o xogo duro e bronco dos locais, que o fiaron todo a esa estratexia. A falta de dous minutos para o final cobrabánse a súa segunda vítima: Sebas, que non é un retaco precisamente, cae fluminado tras un forte encontronazo rival que deu co seu corpachón no chan. O venezolano tívo que abandonar o partido entre bágoas aqueixado dunha lesión de xeonllo cuxo progóstico veremos nas vindeiras datas.


Co C.B. Ames conmocionado por este novo episodio e coa aquiescencia da desaparecida parella arbitral, os locais crecéronse e, liderados por Sebastián Sarmiento, conseguiron situarse a só un punto a falta dun minuto para o remate. Pero finalmente a ausencia de faltas asubiadas a prol do conxunto local foi unha arma que xogou inesperadamente ao noso favor. A falta de 20 segundos e aínda que parecera incríble, os locais tan só levaban 2 faltas de equipo, polo que o C.B. Ames, coa posesión de baloón, limtouse a deixar correr o tempor mentres os locais realizaban a últimas das tres faltas para entrar en bonus a falta de medio segundo para o remate. Fran enchufa o primeiro tiro e erra o segundo para non dar opcións ao rival e certificar a nosa primeira victoria, eso así, pagando un prezo moi alto. Todos para casa e un par deles para o hospital...


Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás Souto (5, AA), Fran (3, A), Reino (8, AA), Pedro (7, AA) e Sebas (10, AA) – cinco inicial – Sergio (-, A), Diego (7, AA), Jaime (3, A) Raúl (4, AA), Jorge (4, A) e Juan (4, A)

O mellor: A estrea cunha vitoria de raza e carácter. É compricado xogar ee sobrepoñerse emocionalmente ás lesións de dous compañeiros. E aínda é máis complicado cando os colexiados permiten o uso das mans e todos os contactos. Orgulloso de todos. Aínda así, o noso sentir é que, se estivera na nosa más, cambiariamos a vitora por ver recuperados a Sebas e a Raúl. Agardemos que todo quede nun susto e que máis cedo que tarde estedes de volta. Ánimo rapaces!

O peor. Evidentemente, as lesións de Sebas e de Raúl. Para rematar, reproducimos as verbas do noso capitán Alberto que reflicten o noso sentir xeral tras o partido:

Estamos a xogar en zonal, en campos, instalacións é arbitraxes que están ao nivel da competición. Presupoño que este rapaces que veñen a arbitrar fanno coa mellor das súas intencións ou, polo menos, sen mala intención. Veñen para sacarse uns cartos e iso xa me parece suficiente como para apoialos, facilitarlle as cousas e tratar de axudarlles a mellorar. Tampouco nós somos unhas estrelas da ACB.

Ver a Raúl e a Sebas sufrindo na cancha inconscientemente móvenos a buscar responsables e o gremio arbitral paga o pato, pero seguro que eles tampouco o desexaban. Estou convencido de que esta dúas bestas de seguido estarán na cancha gañando partidos.

Creo que xamais lle protestei a un árbitro, non me sae, eu estou para entreterme con isto e non para facerme malo sangue.

Desde que acabou o partido só falamos dos árbitros e con todo eu teño moitas máis imaxes reconfortantes na retina coas que quedarme:

O esforzo titánico de Moure que lle ía a vida niso, a defensa férrea de Reino secando á estrela rival, o partidazo que se estaba marcando Sebas dominando en ambos os aros, a calma coa que Jaime se fixo un xogadón con 40 pulsacións, o triplazo esperado do noso súper clase Jorge cando máis o necesitaba, a garra de Juan defendendo a camiseta laranxa en cada balón pelexado, o clinic que nos estaba ofrecendo Raúl, a xogada de tiralíneas de Dani acabando en canastón dun Pedro que fai de todo e todo ben, sen inmutarse, o control do partido dos nosos “jugones” Sergio e Tomás con moitas pernas e acerto, a velocidade, agora con control, de Diego, e moitas máis cousas.

E quédome sobre todo cos que non viñan xogar;  Yerai, sempre atento e mellorando todo o que facemos; Joaquín, que me custaba retelo para que non saltase á pista para xogar; o de Ángel é encomiable, todo o que achega sen ter ficha, o luxo de ter a Rober ao noso lado con ese talante tranquilizador, a presenza do noso líder o presi para todo, e non faltaron, como nunca o fan, o delegado e a delegada consorte. 

Era un partido de domingo ao 19.00 h en Boiro e non faltou nin o Tato. É un luxo de equipo, de familias e de afección.  Encántame ver aos pequenos na bancada e cando baixan á pista”.

 

Amén, capitán.

16/10/25

Este ano si!


Arranca unha nova tempada. E non unha tempada calquera. Esta campaña o Club Baloncesto Ames cumpre 20 anos e, tras moitos anos de sorrisos e bágoas, ledicias e tristezas, temos todas as esperanzas postas en facer algo realmente grande.

Cun plantel aínda más remozado, a despedida de ilustres como Eloy, Linas ou Tomás abre paso a xogadores da entidade de Pedro, Joaquín ou Fran que, ademais do consabido rexuvenecemento na nosa media de idade, a bo seguro achegarán o pulo definitivo que nos permitirá acadar os nosos obxectivos. Con estas vimbias, e baixo a batuta dun binomio Dani/Rober máis implicado que nunca neste proxecto baloncestístico, non podemos menos que apuntar ao máis alto.

Pero sempre coa humildade e deportividade que nos caracteriza, non vaia ser que nos saia o tiro pola culata. O noso corpo técnico, experimentado e profundo coñecedor das reviravoltas desta competición, é consciente de que ser un dos equipos favoritos conleva un extra de motivación nos nosos rivais, o que implica que debemos estar concentrados en todo momento e dar o 100% en cada adestramento e en cada partido, sen relaxacións, ao tempo que desfrutamos da nosa verdadeira paixón. Como diría o mismísimo Mandaloriano, “este é o camiño”.

E a primeira proba non vai ser doada nin moito menos. O vindeiro domingo 19 ás 19:00 visitamos á cancha do C.B. Santa Baia de Boiro, un conxunto que xa a campaña pasada fixo unha gran competición e que semella terse reforzado moito e ben, polo que haberá que estar moi atentos e tentar aplicar os movementos e automatismos definidos nos adestramentos de pretemporada.

Pero os ensaios remataron. Comeza a película. Agardemos que sexa unha de aventuras con final feliz e non unha de terror (polo menos, para nós...).